venres, agosto 10, 2012

Que se vaian! , ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
10.08.2012


Galicia é un país de emigrantes. Os nosos avós e os nosos pais, no seu tempo, fuxiron da miseria das aldeas e buscaron un futuro mellor nas Américas, en Europa e noutras xeografías do Estado. Os que marchan ao estranxeiro adoitan ser os máis novos, os máis fortes, os máis decididos, os máis emprendedores (agora tamén emigran os máis preparados).

Deberiamos lembrar que o principal estímulo para abandonar a propia terra é a necesidade. Deberíamos saber que os inmigrantes que chegaron aquí nas últimas décadas viñeron na busca de traballo e pan. Viñeron para facer os labores duros do campo, para subir ás estadas, para atender os nosos maiores e axudar na crianza dos nosos fillos e netos. Se algúns non teñen contrato non é pola súa culpa: é o contratador quen prefire a ilegalidade.

Neste tempo de recesión económica o territorio peninsular deixou de ser o paraíso soñado dos inmigrantes. Moitos retornaron aos seus lugares de orixe. O ano 2011 a cifra de estranxeiros residentes en España descendeu por primeira vez: 40.000 menos (representa un descenso do 0.7 %). Pero outros permanecen, gañándose a vida como poden. O retorno só significa fame, miseria e ausencia de futuro para eles e os seus; non teñen máis opción que resistir.

O goberno español, no seu empeño incesante para desmontar o estado de benestar, utiliza unha estratexia mediática moi tramposa pero eficaz. Sinala a un colectivo como responsable da situación e a continuación adopta medidas na súa contra. Dese xeito apunta aos traballadores do sector público como incompetentes e improductivos e deseguido decide rebaixarlles o salario e facilitar o despedimento. Sinala aos pensionistas como atracadores de farmacias e acaparadores de medicinas nas súas casas e obrígalles a pagar os medicamentos. Dirixe o seu índice contra dos inmigrantes, aos que acusa de abusar da sanidade pública e de practicar o “turismo sanitario” e déixaos sen cobertura sanitaria, de xeito que só terán acceso ás urxencias e á atención no parto. Máis de 150.000 persoas quedarán a partir de setembro sen tarxeta sanitaria (arredor de 20.000 en Galicia). Ademáis dun atentado contra dos dereitos humanos, esta medida representa un grave problema para a saúde pública. As persoas con cancro, diabete ou insuficiencia renal quedarán sen atención, así como os afectados por VIH, tuberculose e outras doenzas infecciosas.

O certo é que os inmigrantes acuden aos servizos sanitarios moito menos que os autóctonos –hai estudos que así o demostran-, e que a cotización dos que teñen traballo compensa de sobra o custe da asistencia. O denominado “turismo sanitario” é un fenómeno residual e cunha repercusión ínfima no sistema sanitario. Pero esta clase de argumentos, que fomentan a xenofobia e a exclusión, é aceptada por un sector da poboación, que chega a ver o inmigrante como un competidor. “Que se vaian!”, estalles a decir o goberno coas súas medidas. “Que se vaian!”, berran algúns alporizados, que non lembran o seu pasado recente.

Agora o Ministerio de Sanidade pretende que os inmigrantes suscriban unha póliza coa sanidade pública, cun custe superior a 700 euros anuais, para ter dereito á asistencia. Esta proposta só ten o apoio do Partido Popular. Andalucía, País Vasco e Catalunya rexeitan estas medidas. Tamén hai colectivos profesionais que manifestan o seu desacordo. Os médicos de familia están a realizar unha campaña para promover a obxección de conciencia na aplicación desta norma. “A lealdade cos pacientes fai que non sexa posible faltar ao meu deber ético profesional e incurrir no abandono. É a miña vontade seguir atendendo ás persoas que son os meus pacientes e que non teñen permiso de residencia”, declaran os asinantes dun documento a favor da obxección.

Esta proposta non ten xustificación posible. Representa un atropello á ética e á política. É un atentado contra dos enfermos e dos pobres. Detrás dos números hai persoas, como decía El Roto nunha das súas viñetas. Nin sequera ten unha xustificación económica: a recaudación previsible é insignificante no total dos orzamentos sanitarios. “Aguantade, aguantade, que este é o camiño para mellorar!”, din os gobernantes mentres seguen a eliminar dereitos. Mais ningún benestar futuro pode xustificar tanto sufrimento no presente. Os efectos destes recortes están a ser devastadores.

Estas medidas susténtanse nunha concepción ideolóxica que entende a saúde como un negocio e non como un dereito. Esta política de suposta austeridade que deixa desamparados aos enfermos e que marxina aos diferentes está baseada unha concepción supremacista da sociedade. Temos que demostrar que estas ideas son rexeitadas pola grande maioría da poboación. Haberá que lembrar aquel famoso poema, atribuido a Bertolt Brecht, ainda que o seu autor foi Martin Niemöller, un pastor luterano alemán perseguido polos nazis que, en 1945, escribeu:

Cando viñeron levar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista,

Cando encarceraron os socialdemócratas,
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata,

Cando viñeron buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista,

Cando viñeron levar os xudeus,
non protestei,
porque eu non era xudeu,

Cando viñeron buscarme,
non había ninguén máis que puidese protestar.








Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.
_________________

1 comentarios so far

Fundamentalmente d'acordo Sr. Vaamonde.
Máis me gustaría puntualizar que Non deixando de ser A NECESIDADE o primeiro estímulo para abandoar a terra que te criou e lanzarte cara ó máis inóspito, é A CORRUPCIÓN do sistema, no gubernamental e político, O XERADOR primordial desa "necesidade".
A necesidade, non é algo natural coma os tremores da terra, que xurden das entrañas. É sin embargo, algo mui ben artellado polas máns dos xestores politiqueiros de medio pelo, que son os que deciden que facer e como facer cós recursos (que os hai). Primeiramente como roubar o que é de todos, e sair "de rositas". Pero no fondo, o máis terrible; liquidando por completo o futuro dos nosos fillos e por suposto o noso presente. Para maior groria do inferno terrenal (con sede no Vaticano).
Por tanto, non sendo a NECESIDADE máis que unha apariencia baixo a que se agocha o verdadeiro motor, que é A CORRUPCIÓN POLÍTICA. É mellor non distraernos, e ir ao fundamental nestes necesarios análisis. Acabemos coa corrupción e a necesidade comenzará a esmorecer paseniñamente.
Sigamos agardándo o espertar dos pobres dormidos.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon