venres, abril 12, 2013

Achégase a data de lanzamento de "Galiza Ano Cero" mais... Que é "Galiza Ano Cero"?

Galiza Ano Cero é un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet. Contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA). Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.

Galiza Ano Cero é unha comunidade aberta. Unha rede de grupos de traballo que poñen en común ideas, afectos e man de obra para construír unha ferramenta, non unha mercadoría. Calquera pode entrar e saír de Galiza Ano Cero. Calquera pode facerse oír e traballar. Será o que todas queiramos que sexa.

Galiza Ano Cero é un banco de tempo administrado colectivamente pola comunidade. Unha ferramenta que permite afrontar todas as tarefas derivadas da produción de contidos de maneira democrática e sustentábel, optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera.

Galiza Ano Cero é unha asociación cultural que dá soporte á comunidade e ao canal de televisión. Unha asociación autofinanciada mediante as cotas das socias e as doazóns de calquera que se constitúe ao mesmo tempo que nacen o canal e a comunidade e que será, tamén, o que todas queiramos que sexa.

Galiza Ano Cero é un portal web, www.galizaanocero.tv, e unha constelación de redes sociais. Un obradoiro coas paredes de cristal no que a comunidade e o canal se expresan, traballan e escoitan, á vista de calquera. Nada que ocultar.

Galiza Ano Cero está a piques de comezar a emitir dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas. Contidos plurais, pero non equidistantes.

E isto é só o principio. O resto decidímolo entre todas.


WEB:
http://www.galizaanocero.tv,

Facebook:
https://gl-es.facebook.com/galizaanocero


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon