domingo, marzo 16, 2014

O mar e ferro de San Valentin - Expresión e creación cultural en defensa do naval da Ría ferrolán, no 30 aniversario de Radio Fene

Onte, Sábado 15 de Marzo de 2014, a barriada de san Valentín en Fene, convertía-se, nun espazo para a cultura e a reivindicación, en defensa do naval. 'O mar e ferro' de San Valentin, foi a expresión e creación cultural en defensa do naval da Ría ferrolán, no 30 aniversario de Radio Fene. A continuación postamos o que os medios locais publicaron sobre o evento.

Mar e ferro en defensa do Sector Naval

RADIO FENE | Sábado 15 de Marzo de 2014

"Arte para defender os estaleiros" ou "O berro do naval faise creación en San Valentín" con 'Mar e ferro' son algúns dos titulares da prensa en referencia á xornada de intervención artística que onte se celebrou neste barrio de Fene. Máis de trinta artistas plasmaron nas paredes do barrio as súas visións do mundo da construción naval, dos barcos e do mar. Ao mesmo tempo celebráronse os trinta anos da emisora municipal Radio Fene.

A poesía de Arsenio Iglesias, Amelia de Querol e Mario Regueira tamén resoou nas rúas de prazas das vivendas impulsadas polos traballadores de Astano en cooperativa. O dúo Alabama puxo o ramo á xornada cun concerto acústico no interior do Centro de Promoción Social de San Valentín.

Mural de Carme Romero e Francisco Pérez Porto no CPS de San Valentín.

Mar e Ferro enche San Valentín de murais en defensa do sector naval

FERROL360 | Sábado 15 marzo 2014 | 20:26

Trinta artistas de toda Galicia participaron este sábado na xornada Mar e Ferro, promovida por Radio Fene no paseo marítimo de San Valentín coincidindo co seu trixésimo aniversario. Os edificios da popular barriada locen murais reivindicativos en alusión á situación que atravesa o sector naval en ríaa de Ferrol, reflectindo escenas típicas dos estaleiros e con referencias ao seu brillante pasado.

A contorna do pabillón polideportivo da Xunqueira e as vivendas construídas no seu día para os traballadores da antiga Astano enchéronse do colorido destas creacións e do ambiente xerado polos numerosos curiosos. Artistas da zona como Suso Basterrechea ou Dulce Anca participaron no evento.

Unha comida popular nesa mesma zona e as actuacións de diferentes grupos musicais pecharon a xornada, na que tamén tomaron parte estudantes con inquietudes artísticas.

Un dos murais en defensa do naval - Foto: Inés Roca en Ferrol 360


O berro do naval faise creación en San Valentín coa iniciativa “Mar e ferro”
NICOLÁS VIDAL FERROL | Actualizado 16 Marzo 2014 - 01:40 h. | Diario de Ferrol

Un veciño do barrio mira para un mural non que se está a pintar o petroleiro “Santa María” (1975) e comenta: “Moitas horas pasei eu soldando nese barco!”. Onte o eco da historia ligada á construción naval volveu soar no barrio fenés de San Valentín. Fíxoo dentro da xornada “Mar e ferro”, unha iniciativa artística e reivindicativa ideada polo Centro de Promoción Social (CPS) do barrio, Radio Fene, que está a celebrar o seu 30º aniversario, e o prestixioso debuxante Xaquín Marín, autor de boa parte dos murais feitos en Fene nas últimas décadas.

Máis de trinta pintores da comarca, Coruña a Costa da Morte ou incluso Polonia deixaron a súa pegada nos muros de varios dos baixos dos bloques de vivendas. Diferentes estilos para unha mensaxe común, a vinculación do barrio e da comarca coa construción naval, con especial mirada para a antiga factoría de Astano, tan ligada ao barrio fenés.

O presidente do CPS, Juan Miraz, valoraba a última hora a iniciativa como “un éxito”, e relataba: “Había xente que pensaba que tratábamos de facer uns simples debuxos decorativos ou reivindicativos e cando vía o nivel do que se estaba a facer nos ofrecían os seus baixos. A unanimidade da veciñanza foi case total e aquí veuse que a cultura pode usarse dun xeito lúdico sen perder a súa carga de compromiso. A diferencia dunha manifestación, que despois de facela xa non queda nada, estes son murais que van quedar no barrio”.

Sobre o fondo de “Mar e ferro” Miraz sostén: “Quizais a iniciativa teña continuidade, pero o certo é que o barrio e a comarca ten un paro insostible, desde obreiros a enxeñeiros navais están no paro e quen non, teñen que marchar a Holanda ou a Kuwait. Nós mamamos a cultura da construción naval e algo tiñamos que facer para reivindicala”. Pola súa banda, para Henrique Sanfiz, director de Radio Fene, “a experiencia foi moi positiva e a opinión que nos traladaron tanto os veciños como os artistas participantes foi excelente”. 

outras propostas
A xornada tamén tivo outros aspectos, como a entrega de premios do concurso escolar de debuxo “Mar e ferro” por parte do alcalde fenés, Gumersindo Galego, e o presidente do comité de empresa de Navantia-Fene, Jorge Prieto. Durante todo o día os traballos presentados puideron verse nunha mostra no CPS. A música non faltou ao mediodía coa banda A culpa foi de Lolo e pola noite co dúo Alabama. Entre medias, levouse a cabo unha proxección do documental “Carga de dignidade” gravado nos muros de Navantia, e un recital de poesía coa intervención de varios escritores como Karlotti, Amelia de Querol, Arsenio Iglesias e Mario Regueira.

Os artistas Ito Mosquera e Suso Basterrechea, en pleno traballo - Foto:  Jorge Meis

Decenas de artistas dan vida ás fachadas de San Valentín | O barrio fenés acolleu actuacións musicais e un recital literario.
Carla Elías | Fene | La Voz de Galicia | 16 de marzo de 2014 05:00

San Valentín loce desde onte outra cara. Decenas de murais recobren agora as fachadas do barrio fenés e recordan aos veciños e visitantes da zona as súas raíces ligadas principalmente ao sector marítimo e naval. A xornada de arte urbana Mar e ferro organizada por veciños e o Centro de Promoción Social congregou onte por centos de persoas que participaron nunha actividade que busca a través da cultura reivindicar a historia do barrio e denunciar a crise que atravesa o astillero.

Unha trintena de artistas, pintores e grafiteiros participaron na actividade decorando coas súas creacións inspiradas nas raíces da zona as paredes de inmobles do barrio. De forma paralela, o Centro de Promoción Social converteuse no epicentro da xornada coa exposición dos traballos do certame de debuxo no que participaron os alumnos do CPI A Xunqueira e a escola de Sillobre, e a proxección do documental Carga de dignidade. Os estudantes Aitor Carbón Meizoso e Sara Díaz Otero resultaron ganadores do concurso e puideron ver as súas obras plasmadas nun gran mural que pintaron acompañados de estudantes e veciños.

A cita tamén contou coa animación musical do grupo A culpa foi de Lolo, Humberto e o dúo Alabama. Pola tarde, os escritores Arsenio Igrexas, Mario Regueira, Karlotti e Amelia Querol protagonizaron un recital literario. E durante a xornada conmemorouse o trinta aniversario da radio local.

O obxectivo dos organizadores da actividade é darlle continuidade a esta xornada e que os murais que locen desde agora no barrio convértanse nun emblema.

Xornada cultural e reivindicativa «mar e ferro»

As raíces marítimas e navais do barrio inspiran os murais pintados por trinta artistas. Foto: Anxo manso
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon