martes, xuño 14, 2016

Quince entidades da Comarca presentaron alegacións á nova Solicitude de Autorización Administrativa e Proxecto de Execución de Reganosa, despois de que o Goberno Español eximira á regasificadora de Mugardos de someter-se ao trámite de avaliación de impacto ambiental no novo procedemento

Tags


Quince entidades sociais, veciñais, políticas e ecoloxistas da Comarca, presentaron alegacións á nova Solicitude de Autorización Administrativa e Proxecto de Execución da perigosa e ilegal Reganosa, despois de que o Goberno Español en funcións eximira á regasificadora de Mugardos de someter-se ao trámite de avaliación de impacto ambiental no novo procedemento.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), A. C. Fuco Buxán, A.VV Cuco Ruiz Cortazar de Caranza, A.C. Muiño do Vento de Canido, Confraría de Pescadores de Ferrol, Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos, EU Ferrol, EU Mugardos, Fundación Artábria, Grupo Municipal do BNG Ferrol, Iniciativa Cidadán de Mugardos, Memoria Histórica Democrática, Plataforma veciñal “O Cruceiro de Mehá”, PSdeG-PSOE Ferrol e Verdegaia, ante a publicación no BOE, o 30 de maio pasado, a apertura de información pública da Solicitude de Autorización Administrativa Previa e do Proxecto de Execución da Planta de Gas de Reganosa.

As entidades, antes mencionadas, rexistraron, no día de onte, o Escrito de Alegacións, ante o Ministerio de Industria [1], sinalando como cuestión previa:

"A nulidade radical do procedemento de autorización por: fraude de lei, desviación de poder, vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva ao tentar eludir o cumprimento dunha Sentenza e vulneración do principio de confianza lexítima, pola tramitación deste expediente pola vía de urxencia e sen cumprir coa preceptiva avaliación ambiental".

"Todo iso sen prexuízo de que a tramitación deste procedemento, sen proceder á paralización inmediata da instalación, pode ser constitutiva de senllos delitos de prevaricación, de desobediencia do mandato do Tribunal Supremo, de risco contra o medio ambiente e de risco para a seguridade colectiva nos que podería estar a incorrer esta Subidrección Xeral".

"Solicitando, como conclusión, a nulidade da tramitación por razóns de forma; en tanto que nin obran no expediente, nin se nos deu traslado da documentación e informes necesarios que se mencionaron no corpo deste escrito e de fondo; posto que Reganosa nin cumpre, nin poderá cumprir xamais os requisitos do Art. 67 da LH, todo iso sen prexuízo de que ademais este expediente parte dun Acordo nulo como é o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016".

"E que se ordene a paralización inmediata da instalación en cumprimento das sentenzas do Tribunal Supremo e que non se rehabilite a actividade en tanto non se obteñan as preceptivas autorizacións, tras acreditar o cumprimento dos requisitos do Art. 67 LH, cuestión esta que como dixemos é imposible no caso de Reganosa".

Fonte: Web Comité Cidadán.

Documentación:
Escrito de Alegacións á solicitude de autorización administrativa previa e do proxecto de execución da planta de recepción almacenamento e regasificación de gas natural licuado da mercantil Reganosa, situada en Punta Promontoiro, Mugardos (A Coruña). | Acceder/Baixar.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
[1] Dirección xeral de Política Enerxética do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Información baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
13 de junho de 2016 12:28

_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon