quarta-feira, dezembro 19, 2012

20 de Decembro Mobilización Xeral da Alianza Social Galega - Concentración en Ferrol


A Alianza Social Galega, convoca unha mobilización xeral na Galiza en 12 cidades e vilas do noso territorio. O pasado 13 de Decembro celebraba unha Rolda de Prensa para facer publica a mobilización e os obxectivos que persegue, a través dun Manifesto Unitario, onde se reivindican saídas alternativas á crise que non pasen polas retalladas drásticas que se lle están a dar a dereitos e servizos públicos básicos para a cidadanía.

CONCENTRACIÓN EN FERROL


Día: Xoves 20 de Decembro de 2012.
Hora: 19:30hrs.
Lugar: Praza Amada Garcia - Diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia

Desde Ártabra 21 aledamo-nos destas iniciativas e que por fin dirixentes políticos e sindicais, vexan na unidade de acción contra o dereitista Partido Popular e as súas políticas emanadas da troika (FMI, BCE e CE), como moi necesaria, para combater ao Capitalismo Financeiro e ás grandes transnacionais que nos saquean, matan e empobrecen, coa súas políticas neoliberais.

Este é o manifesto que suscriben máis de máis de sesenta entidades que integran e pretendemos integrar a Alianza Social Galega:



MANIFESTO UNITARIO

As organizacións e entidades que conformamos a ALIANZA SOCIAL GALEGA para dar unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que, seguindo os ditados da Unión Europea, do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo e da patronal máis neoliberal, están desenvolvendo os Gobernos de Galicia e o Estado, denunciamos hoxe os novos recortes impostos polo Partido Popular que van traer máis paro, o empobrecemento da poboación e o aumento da exclusión social.

O Goberno de Mariano Rajoy celebra o seu primeiro ano de goberno impoñendo novos recortes nas pensións e na educación, privatizando a xustiza e condenando á pobreza extrema as familias e persoas desafiuzadas; en definitiva, ditando normas que nos fan retroceder varias décadas en liberdades e dereitos sociais e laborais.

UN NOVO RECORTE ÁS PENSIÓNS

Non satisfeito co recorte aplicado ás pensións nada máis chegar ao Goberno, Mariano Rajoy non só se desmente a si mesmo e mais os membros do seu Goberno que días atrás anunciaban a revalorización das pensións, senón que incumpre a Lei xeral da seguridade social no relativo á garantía de revalorización das pensión ao aprobar a non revalorización de pensións na desviación do ipc en 2012 e modificar a Lei do fondo de reserva.

A decisión do Goberno de non actualizar as pensións segundo o diferencial entre a suba de prezos ata o 30 de novembro, un 2,9%, e o incremento dun 1% aboado a principios de 2012 implica que unha pensión media en Galicia de 700 euros se reduciu en 260 euros o ano pasado, aos que hai que sumar os 260 que perderá este ano. É, polo tanto, unha medida inxusta cun dos colectivos máis vulnerables, o de pensionistas, e tamén ineficaz, enmarcada na continuada política de axustes que está a intensificar os negativos efectos da crise, deprimindo a demanda interna e repercutindo intensamente na actividade económica e o emprego.

RECORTES E RETROCESO NOS SERVIZOS PÚBLICOS DE ENSINO E SANIDADE

O Goberno prosegue a súa política de destrución do sistema educativo público cos recortes e coa nova reforma educativa (lomce) que combate os principios de comprensión, equidade e calidade, para consolidar un ensino dual mediante a estratexia de abandonar á súa sorte a educación pública e potenciar a privada concertada, ao tempo que converte o sistema educativo nunha carreira de obstáculos, insuperables para quen ten máis dificultades de aprendizaxe e menos recursos económicos.

O anteproxecto presentado, imbuído de afán privatizador e mesmo subvencionador de centros que segregan alumnado por razón de sexo, serve de máscara para afondar nunha reforma ideolóxica do sistema educativo segregadora, elitista e selectiva. Supón un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de eso e bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado.

Rexeita aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada; e incrementa as ratios e as horas lectivas do profesorado, que repercutirán no empeoramento da calidade do ensino e no abandono e fracaso escolar.

Reforza a confesionalidade, é contrario ao ensino laico e mantén o ensino de relixión no currículo escolar.

A privatización da sanidade levada a cabo polo Goberno do PP, coa única intención de poñela nas mans das empresas privadas para o seu lucro (Capio, Ribera de Saúde…), conduce á destrución do sistema sanitario como un servizo público en que se garanta o dereito universal á prestación sanitaria de toda a poboación, sen ter en conta a súa renda económica. O pagamento dos medicamentos polos pensionistas así como o transporte en ambulancias, as próteses e as cadeiras de rodas para as persoas con discapacidade; a supresión do dereito á asistencia de quen non cotice, como os mozos e mozas de máis de 26 anos, certos colectivos de mulleres, inmigrantes ou persoas en exclusión social; e o anuncio de copagamento polos servizos que se exclúan da carteira de servizos son as primeiras consecuencias destas medidas.

Séguese a privatizar hospitais, abandónanse os novos centros de saúde e desmantélanse as áreas sanitarias en función dun modelo privatizador enfocado ao beneficio económico empresarial que deteriora a calidade da atención, dá cabo do dereito á asistencia universal e equitativa e conduce a unha sanidade de ricos e pobres.

NON Á XUSTIZA CLASISTA

A Lei de taxas xudiciais recorta o acceso ao servizo público da xustiza e supón un claro retroceso do Estado de dereito ao limitar gravemente para amplos colectivos sociais, e en moitos casos deixalos fóra, as posibilidades reais de accederen á xustiza.

A Lei de taxas expulsa as persoas sen recursos da Administración de Xustiza porque se impoñen unhas taxas que só poderá pagar unha minoría ao establecer, por exemplo, que unha persoa con ingresos de 1.200 euros pague as mesmas taxas que outra que gañe 100.000 euros; ou que unha familia de dúas persoas con traballo e cobrando o salario mínimo deba pagar taxas; por non falar de que un recurso contra un despedimento vaille custar o mesmo ao traballador ca se quen recorre é a propia empresa.

A Lei de taxas é o inicio do desmantelamento do servizo público da xustiza e ataca o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva.

REFORMA DA LEI HIPOTECARIA

Son máis de nove mil as familias desafiuzadas en Galicia desde que comezou a crise. Persoas que pertencen aos colectivos sociais máis afectados pola situación, que perden a súa vivenda e que, na maior parte dos casos, ven embargadas as nóminas, ingresos ou propiedades ao seu nome. Familias e persoas condenadas á exclusión social polos abusos das entidades financeiras e por un Goberno cómplice.

Esta situación só pode cambiar cunha modificación da Lei hipotecaria e da Lei de axuizamento civil para regular a dación en pagamento retroactiva, paralizar os desafiuzamentos e promover o alugamento social. Fronte a esta necesidade, o Goberno aproba un decreto insuficiente que non contén solucións estruturais e exonera as entidades financeiras das súas responsabilidades na inadecuada xestión dos préstamos.

Urxen medidas transitorias integrais, mentres non se modifique a lexislación en materia de execución hipotecaria, como a suspensión temporal dos procesos de execución en marcha.

SOLUCIÓN PARA AS VÍTIMAS DAS ESTAFAS BANCARIAS

En setenta mil se estima en Galicia a cifra de persoas afectadas pola estafa das preferentes e subordinadas. Moitas familias saqueadas pola cobiza do capital financeiro esperan do poder político unha solución que sexa a devolución íntegra dos seus aforros, en moitos casos, de toda unha vida de traballo. Resulta inadmisible que nun Estado que se declara social de dereito rescaten a banca e deixen ao pairo as persoas, os mesmos que urdiron a trama e perpetraron o maior desfalco da historia do noso país en beneficio dos especuladores e incompetentes. Polo tanto, esiximos tamén a protección do aforro popular a través da creación dunha banca pública galega orientada ao desenvolvemento do tecido económico de maneira racional e sostible, que cumpra cos obxectivos sociais que nunca deberon abandonar as caixas de aforro de Galicia.

NON AO RECORTE DAS PENSIÓNS!

NON Á PRIVATIZACIÓN DA EDUCACIÓN E DA SANIDADE!

NON Á XUSTIZA CLASISTA E DISCRIMINATORIA!

NON AOS DESAFIUZAMENTOS!

INTEGRANTES: A Mesa pola Normalización Lingüística; ACSUR Galicia; Asemblea de Cooperación pola Paz; Asociación Fuco Buxán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación Galega de Mariscadoras/es; Asociación Monte Pindo Parque Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA); Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega; Confederación Intersindical Galega (CIG); COGAVE; Colectivo Encontro Benestar Social; Colexio de Educadores/as Sociais de Galicia; Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités Abertos de Facultade; CONFAPA Galicia; Confraría Pescadores Poboa do Caramiñal; Coordinadora Galega de ONG; Escola Viva; Fed. ANPAS Compostela; Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega do Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares; Federación Provincial APAS Lugo; Federación Rural Galega; Fundación 10 de Marzo; Fundación Castelao; Fundación Defensa dos Consumidores; Fundación Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical na Galiza; Fundación Galicia Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD; Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Mesa Galega de Educación no Rural; Movemento polos Dereitos Civís; Nova Escola Galega; Plataforma en Defensa do Ensino Público; Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega Defensa do Ensino Público; Plataforma polo Emprego; Plataforma Queremos Galego; S. N. de CCOO de Galicia; Seminario Galego de Educación para a Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas; Sindicato Labrego Galego; Sindicato Traballadores Ensino Galicia; SOS Sanidade Pública; UGT-Galicia; Unión de Autónomos de Transporte por Carretera y Mar; Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos; Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade

MANIFESTO FUNDACIONAL

Na segunda reunión celebrada 18 de Outubro, elaborou-se o Manifesto Fundacional que conten as principais propostas da Alianza.
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon