luns, decembro 24, 2012

De fochanca en fochanca, de burato en burato, por Ferrol, contra o Malgasto do diñeiro público


Un "flashmob" sobre as fochancas da cidade.

O Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, apoiado pola Plataforma contra ou Malgasto do Diñeiro Público, da Asociación Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas e da Asociación Veciñal de Esteiro, organizou unha especie de "flashmob" que contou coa presencia de Bob Esponxa e o Señor Cangrexo. A cada fochanca visitada, das centos que hai repartidas por todos os barrios e parroquias da cidade, se lle deu un uso especial, desde unhas pinturas de Sorolla, pasando por un personaxe dunha das traxedias de Shakespeare,  un mergullador, mariscadoras, espeleólogo, pescador@s, lavar a roupa, lectura de libros, ..., nunha das fochancas até deu para pescar uns lirios, noutra plantar unha árbore do natal e noutra as tartarugas e hipopótamos atoparon un bon lugar para ben vivir. No transcurso do percorrido puidemos observar a cantidade de barreiras arquitectónicas que dificultan o tránsito pola cidade de persoas con diversidade funcional, mesmo un grande burato na beira rúa, en Esteiro, foi unha das escenas elixidas. As fochancas cobraron vida perante case tres horas de percorrido, rematando en Caranza, na que se denominou "O burato de Rey Varela", onde celebramos o seu primeiro aniversario, con tres meses de atraso. Unha queimada puxo punto final ao percorrido reivindicativo.

O obxectivo desta acción foi o de poñer en evidencia o Malgasto do Goberno Municipal do Partido Popular, con José Manuel Rey Varela á cabeza, que van de "Austeridade" e se dedican ao malgasto desmesurado do diñeiro público en proxectos sobre proxectos, nos que xa había proxectos. O máis vergoñento de todos, o da "Praza de España", é unha coladeira de millóns de euros, aos que queren somar outro millón máis en volver a remodelar  e levantar a Praza para facer un caprichoso "Pulmón Park", cando os barrios e mesmo o centro da cidade necesitan con urxencia ese diñeiro.

Cando chegou Rey Varela e o Sr. Evia ao poder municipal, mandaron paralizar o remate da Praza e encargaron un novo proxecto, para o que destinaron 58.000 euros máis -todo suma. Coa agravante de que xa pasaron máis de 18 meses e a Praza segue sen rematar. Foron varias as persoas que sufriron un accidente por este motivo. E os irresponsábeis seguen tan panchos, anunciando que o proxecto inicial que dicían que ía custar 700.000 euros, máis os 58.000 xa citados do novo proxecto, agora hai que sumar-lles outros 216.000 euros de axustes. E o que queda por sumar, non o dubidedes.

En Maio deste ano, os irresponsábeis municipais, anunciaban que unha empresa privada accedería a un novo contrato para o mantemento de rúas e estradas de Ferrol, por catro anos e que estaría dotado con 2,8 millóns de euros. A empresa  adxudicataria dispoñería xa que logo cada ano de 700.000 euros para levar a cabo as reparacións dos viales municipais. Sobre uns 2.000 euros diarios para acabar coas fochancas e buratos, que a día de hoxe é un dos principais problemas das rúas e estradas de Ferrol, xunto ás barreiras arquitectónicas que aínda perduran. Onde vai a execución deste pomposo plano de actuación, onde está o equipo municipal de Rey Varela ?

Os colectivos contra o malgasto do diñeiro público, alertan da necesidade que hai de atender situacións de emerxencia social cada vez máis importantes. Rehabilitar o parque municipal de vivendas ten que ser unha prioridade. Elaborar e executar planos de creación de emprego. E sobre todo non malgastar o diñeiro que fai falta para atender as necesidades máis urxentes, das persoas, barrios e parroquias.

Fotos do Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon