quinta-feira, dezembro 06, 2012

Rèsistance! Resetear a Democracia, ... Por Millán Fernández

Por Millán Fernández [*]
06.12.2012


Somos aqueles que resisten. Os que erguen a bandeira cando cae. Resistencia! Non cedades xamáis!”. Jean-Luch Mèlenchon, Front de Gauche.

Sería inxenuo acreditar na tese dos que cren que non concedemos dabondo. Coido que foi máis do asumible e do imaxinado cando estalara fai un lustro o malfadado proceso de aceleración histórica e a arroiada contra-sistémica dos que descubriron que non é imprescindible e ata vai saíndo a conta! incumprir a promesa democrática, concibida en orixe coma o poder do, dende e para o pobo. Cometen prevaricación, estenden miseria, destrúen dereitos básicos escachando pactos tácitos que custaron guerras sanguentas e fannos crer, por riba, que o merecemos valéndose dun estado de estulticia inducida. Aproveitando a desesperanza procuran aplicar a carraxe do seu Programa Máximo.

    A xestación da dinámica afonda na ofensiva ideolóxica dos 70´s, a cal prefiguraba a fin da historia para un mundo feliz e unipolar de pax americana

A xestación da dinámica afonda na ofensiva ideolóxica dos 70´s, a cal prefiguraba a fin da historia para un mundo feliz e unipolar de pax americana. Mais o Crash de 2008 -o credit crunch e no que derivou até hoxe nas economías de casino- é un fito e o fío condutor que determina o paradigma emerxente, onde xa non abondaría contemplar esta aberración: chegaron á conclusión de que é un atranco obxectivo do que haberá que desprenderse por necesidade imperiosa -e imperial- trocando a democracia aparente na súa ausencia; como capítulo último e aldraxante dunha obra inacabada na que os actores divídense entre oligarcas que supervisan, controlan e dirixen e unha cidadanía libre para escoller libremente nunha concepción da liberdade limitada e confrontada salvaxemente coa liberalidade e os principios liberais primixenios que alumearon algúns dos máis senlleiros procesos de cambio e progreso social. Como vieiro inapelable das perversas novas regras do xogo da modernidade líquida, e onde a vaidade sen freo adoita escoller lucro no canto da dignidade da vida humana, cobizando a súa desorientación coma seres suxeito de dereitos individuais e colectivos.

    Tanto o poder económico -facendo o agosto como nunca antes- coma o desnortado panorama que nos presenta a maioría da decrépita política institucionalizada furtan e desvirtúan a democracia nunha regresión tolerada polas masas

Ata somos libres para escoller representantes versallescos que unicamente ollan aos problemas de fronte -baixo presión popular- cando se consuman suicidios hipotecarios nunha paisaxe-Dickens á que asistimos atónitos. Tamén libres para levar nas costas os paus da represión e a tortura policial. Torturadores que serán indultados sen obxección e coa complicidade das estruturas máis altas do aparello estatal e a comprensión, cando non aplauso, dos herdeiros directos dos que tradicionalmente louvaron ás cadeas. O que debera empregarse excepcionalmente coma unha graza convértese nunha práctica habitual pola que o poder executivo interfire no xudicial ata que Montesquieu chore bágoas de sangue.

Onde para calquera circunstancia reducen a resposta a privatizalo todo sabendo, por comparación, que finalmente sairá mais caro á comunidade. Na liña da concentración do poder limitan o acceso aos recursos e aos servizos. Isto, en moitas circunstancias, non só remata sendo ineficiente economicamente: socávase o cerne da democracia. E nesas están, obrigándonos a pelexar polo evidente denunciando a frialdade e a falla de sensibilidade mínima esixible coa que actúan. Uns e outros. Tanto o poder económico -facendo o agosto como nunca antes- coma o desnortado panorama que nos presenta a maioría da decrépita política institucionalizada, incapaz de rexenerarse e de ventilar evidenciándose atada de pés e mans. Furtan e desvirtúan a democracia nunha regresión tolerada polas masas.

O economista francés Laurent Cordonnier, pode que na posición teórica dun cego e insolidario euro-centrismo, clarexa, aseverando: “A poboación do Vello Continente é firmemente convidada ao sacrificio polas faltas que non cometeu”.

Entón, volta aquela vella e controvertida cuestión: Liberdade, para que? Para render tributo á submisión do século XXI? Como podemos nomear, se non, ao ciclo combinado de re-fascistización e desmantelamento social que proxecta a fórmula da debedocracia enaxenada? Para os seus fins -a acumulación demente de Capital a nivel mundial baixo o post-fordismo e a precariedade crecente- son obstáculos un sistema de relacións laborais estable fundamentado nas convencións herdadas dos acordos da OIT en 1919 ou tamén unha Xustiza, unha Sanidade e unha Educación -pobo de ovellas, goberno de lobos- públicas para as maiorías. Esta última nin pública, nin respectuosa e adaptada ás realidades nacionais. Ou a aposta pola Ciencia, a Tecnoloxía e a Cultura. E mesmo un Xornalismo comprometido ao servizo da información certa e non do poder plutocrático, ora terreal -pseudopolítico-, ora celestial -das corporacións que tutelan o capitalismo mundial-.

    No estado español, con 6 millóns de desempregados e 12 millóns en risco inminente de ingresar na franxa que malvive no limiar da pobreza, amputan a posibilidade de subsistencia e o sostén da cohesión

No estado español, con 6 millóns de desempregados e 12 millóns en risco inminente de ingresar na franxa que malvive no limiar da pobreza, amputan a posibilidade de subsistencia e o sostén da cohesión. This is not Greece!!, repite o mantra das cacatúas. Ou dálles por lexislar contra as enerxías verdes e alternativas preservando os intereses e a impunidade ecolóxica e fiscal do lobby petroleiro namentres convidan ao exilio económico á xeración mellor formada e capacitada para innovar, ampliar horizontes e enxergar unha eventual saída sustentábel e xusta, emendando a Thomas Paine cando declaraba, en 1791, que “o ser humano non ten dereito ningún de propiedade sobre o resto de persoas, e ningunha xeración é dona das seguintes”. Por aquel entón Maximilien de Robespierre recollía: “A primeira lei social é a que garante a todos os membros da sociedade os medios de existencia. As demais están subordinadas a esta” (...) “toda especulación mercantil que se faga a expensas da vida dos nosos semellantes non é comercio, senón un atraco fraticida”.

O hipertrofiado capital financieiro neocolonial, na súa fase mais avanzada e violenta, fixou a mirada nos países emerxentes e na Asia toda. E o Welfare state mailos seus estándares constitúen un paréntese a superar nas economías intervidas desta beira da civilización incivilizada; débese expulsar do mercado laboral a sectores amplos de man de obra, deprimindo un volume inxente da poboación ao rebaixar dereitos e salarios. Recoméndase facelo axiña, imprimindo un ritmo tal á transgresión -shock- de maneira que non quede marxe á súa dixestión. Un escenario de tormenta perfecta para que no ermo, servido en bandexa de prata, opere valente o capital transnacional des-localizado e aceptemos o inaceptable por unha codela de pan mesmo traizoando aos que deron a vida polas liberdades civís e políticas ao longo dos tempos. Cando se facía -e se fai- en Marrocos mirabamos, soberbios, cara outro lado. Igual é xustiza poética.

    O obxectivo é destruír as resistencias colectivas para un mundo -máis- darwiniano, como denunciara Pierre Bourdieu nos albores do milenio
A New Age nos convulsos anos dez constitúese como unha sorte de neo-feudalismo edulcorado onde á Europa mediterránea atribúeselle o rol de laboratorio no que calibrar éxitos e riscos das autoritarias decisións tecnocratísimas -se Jacques Derrida espertara do cadaleito ao ver que os temores dos 90´s e da Belle Époque colleron forma volvía espantado- que espolia en favor dunha elite obsesionada por acaparar extenuando a miríade de redes e plataformas cívicas de solidariedade do pobo auto-organizado estendidas, e entendidas, para encaixar o Gran Golpe. O obxectivo é destruír as resistencias colectivas para un mundo -máis- darwiniano, como denunciara Pierre Bourdieu nos albores do milenio.

De leste a oeste castigan o Sur continental ao abeiro dun triunvirato -Troika- instalado no papel de Poseidón resucitado que, segundo a mitoloxía, obsequiaba mares calmos no seu aspecto benigno e cando o contrariaban fendía o seu tridente no chan provocando os mais bestiais terremotos e naufraxios deixando un inxente regueiro de vítimas. Hoxe os cidadáns padecen estoicamente a ira do tridente pos-moderno ao servizo do retorno imperial dunha Xermania travestida a piques de forzar o fracaso daquel soño europeo que debuxara Jeremy Rifkin no devezoso 2004. Mais algúns queremos crer que algo comezou a moverse de xeito case imperceptible, sendo difícil ler o presente en perspectiva histórica -moito en tempos de aporía- e sendo longos e complexos os procesos polos cales os pobos recuperan o fanado desde a resiliencia organizada.

    Mais algúns queremos crer que algo comezou a moverse de xeito case imperceptible, sendo difícil ler o presente en perspectiva histórica -moito en tempos de aporía- e sendo longos e complexos os procesos polos cales os pobos recuperan o fanado desde a resiliencia organizada

Hai síntomas dun lixeiro espertar, pois a totalitaria cruzada anarco-capitalista tira polo rexurdir das tensións imperecedoiras que fixeron xirar a roda da Historia desde posicións ideolóxicas antagónicas: cinismo contra romanticismo, ciencia contra superstición, dereitos contra beneficencia, etc... Nunca regalaron nada. Hai reaccións, porque hai impotencia, incerteza vital e inxustiza institucionalizada. Hai desobediencia contra o sadismo e unha das maiores imposturas que se lembra. E hai rebeldía expresada nas rúas e nos barrios das cidades: nas accións espontáneas ou non de protesta, na reconstrución paciente dun tecido popular ata fai pouco atomizado e desorganizado, ou nas respostas que advirten mudanzas nos patróns de comportamento electoral. Desde STOP Desafiuzamentos aos yayoflautas. Desde a Sanidade en loita aos gandeiros galegos. Desde os mineiros aos xuíces, ou ás Universidades. Segmentos enteiros da clase traballadora son conscientes da agresión e da agresividade coa que a executan.

Nunha parte, non menor, medra a actitude da decisión de non servir mais que recollía o precursor Étienne de La Boétie no Discurso da servidume voluntaria. Por aquel entón fora o absolutismo monárquico. Hoxe é o absolutismo renarte da sin-razón nun sistema que empobrece masivamente aos máis envilecendo aos menos que fan e desfán ao seu antollo -por mandato da xente sen rostro- mesmo atrevéndose a prognosticar novos Rexurdimentos coma fixo recentemente un Feijóo convertido no arquetipo dos políticos anti-políticos do noroeste. Tanto ten, pois redúcense a Liquidadores de gravata e bos modais que renegan da capacidade da Política para resolver problemas comúns e cotiáns. Buscan desarticular a natureza social do home e pretenden, en última instancia, que desapareza a noción de comunidade, colectividade ou cooperación. Todo o soluciona a Man Invisible.


Esgótase o ciclo de lexitimidade do Austericidio

    Feijóo sintonizaba coa doutrina Merkel: contención no gasto, disciplina orzamentaria, rápida resolución do desemprego, etc...e a súa estratexia de comunicación -reducida a eficaz propaganda- ía polo manual da no alternative

O marco interpretativo dominante deu un xiro nos últimos tempos. A consigna da Austeridade Imprescindible derivou no que advertiamos: a Austeridade Asasina afunde a Europa nunha II Gran Depresión que asolaga as expectativas dunha vida digna para millóns. Austeridade comeza a ter connotacións negativas cando semellaba o remedio dos males todos do universo coñecido.

A Banca xermana tapa o seu buraco a conta das rendas dos neoescravos do Sur, pero aquí achégase paseniño -e por necesidade- o feche dun ciclo aberto coa primeira vitoria de Feijóo alá por 2009. Chegara a cabalo dos primeiros síntomas da crise cando se soubo sistémica e non cíclica. Por aquel entón Zapatero axeonllábase perante os mercados dilapidando a súa aura republicana e social, e inmolándose diante do conxunto da opinión pública e do seu electorado natural e potencial deixando ao PSOE nos lindes dun desfonde electoral sen precedentes e dun declive e perda de credibilidade ao que non se lle adiviña recuperación.

Feijóo sintonizaba coa doutrina Merkel: contención no gasto, disciplina orzamentaria, rápida resolución do desemprego, etc... e a súa estratexia de comunicación -reducida a eficaz propaganda- ía polo manual da no alternative mentres podía fialo todo ao mal que o facía o goberno central ou á herdanza recibida. Despois venceu Rajoy por descarte e, entrementres, Grecia e Portugal derrúbanse nunha xogada que recorda aos castelos de naipes e onde os seguintes somos nós xa neste intre. Nese tempo as falcatruadas da corruptela constante, dos investimentos faraónicos, dos excesos da Coroa e a constatación de que os gobernos non teñen suficiente marxe de manobra emerxen na súa dimensión enteira. E a cidadanía responde mobilizándose: tanto co detonante do 15-M e o 25-S, que focaliza os problemas e baixa os debates ás rúas re-politizando o espazo público, como nas accións conxuntas e de converxencia das loitas facendo uso das ferramentas clásicas do movemento obreiro.

O internacionalismo e a xornada do 14-N a nivel europeo despistounos, porque non poden circunscribir a problemática ás lindes estatais. Desborda as competencias e os marcos situándoa no seu verdadeiro nivel: só desde a sinerxia e a aposta disruptiva é posible formalizar mudanzas estruturais reais que devolvan soberanía, xustiza social, liberdade, igualdade e independencia aos seus lexítimos titulares. Só desde a aposta colectiva pódese desafiar á opacidade das enfiañadas redes que deturpan o krátos do démos que, por definición, é un sistema de relacións horizontal e de reparto equitativo de cargas, deberes, liberdades e dereitos inalienables.

Vimos de comprobar como ao feche do ciclo electoral aberto nas tres nacións sen estado -vasca, galega e catalá- producíronse respostas que invitan a reflexionar sobre a fragmentación da adhesión ao réxime monárquico de 1978, o cal se mostra esgotado no seu modelo e incapaz de afrontar o desafío ao que nos encamiñamos. Coas súas evidentes diferenzas vemos como no caso vasco e catalá, en distinto grao, as forzas soberanistas dis-conformes co status político vixente saen reforzadas abrindo unha nova fronte á inevitábel crise constitucional. No caso vasco, ademais, rexorde con forza a ata de agora ilegalizada esquerda abertzale, coa súa tradición de loita popular detrás e que nunca aceptou o marco constitucional parido da Transición.

No caso catalán, a maiores doutro tipo de análises, aparece no escenario unha forza homologable -CUP- que nace do municipalismo desde o independentismo e o internacionalismo, apostando claramente polo anti-capitalismo e o acompañamento dos movementos sociais recollendo apoios das loitas indignadas obxecto da feroz represión, fundamentalmente na área metropolitana de Barcelona. Incorporan, tamén, elementos da tradición libertaria e entenden o proceso político de xeito dinámico e mais coma movemento, en chave de revolución permanente, ca de xeito institucionalizado. A súa vocación principal é a de ser un propulsor máis da ruptura democrática.

    O lóstrego de Alternativa Galega de Esquerda conecta ben con esta dinámica compartida

Pola súa xénese no que atinxe á acumulación de forzas neste propósito, e outras diferenzas a maiores, o caso galego é substancialmente diferente mais houbo concordancias. O lóstrego de Alternativa Galega de Esquerda conecta ben con esta dinámica compartida alén de que Beiras trocara a alianza entre upegallos e pexegos -resumidamente- por unha nova relación -cos peixes e outras forzas como a FPG, Fronte Obreira, Espazo Ecosocialista e Equo- que outorga carta de natureza de xiro estratéxico histórico -hipoteticamente reversible ou complementario, en todo ou en parte, ad futurum-, e mais alá da sintonía no esencial co BNG. O radicalismo na diagnose e as propostas para o momento de agresión influíu no éxito dun resultado electoral tan avultado.

Todos os fenómenos, a maiores das respostas amplas e plurais que van madurecendo e se dan nas rúas mediante ondas de protesta masivas, permiten albiscar movementos tectónicos pola base que poderán ir a maiores ou non dependendo de moitos factores nos vindeiros meses-anos: o desfonde ou recuperación da socialdemocracia nominal en beneficio doutras forzas de esquerda a teor da evolución da crise e os seus efectos colaterais e, nese caso, se é quen de presentarse como alternativa posible ben de goberno, ben coma catalizador e/ou detonante dun proceso constituínte que conteste o trunfo da tecnocracia e a ditadura sen ditador do poder financieiro e da débeda ilexítima que nos empurra ao terceiro mundo sen solución de continuidade. E doutras a maiores.

    A involución é patente. Poderán quitárnolo todo, pero a bo seguro que o queremos de volta en canto perdamos o medo

O austericidio e o seu despotismo prantexan a submisión da razón á vontade, cando a razón indica que este camiño non leva a bo porto. En xogo están practicamente todos os avances e cotas de benestar acadadas nas últimas décadas. E máis ca iso. A involución é patente. Poderán quitárnolo todo, pero a bo seguro que o queremos de volta en canto perdamos o medo.

Publicado en Praza pública |06.12.2012|

https://twitter.com/millanfernandez

[*] Millán Fernández López, Castroverde, 1984. Analista político, colaborou en medios coma Xornal de Galicia, Galicia Hoxe, MundoGaliza, A Mariña ou Tempos Novos. É blogger dende 2007.
@millanfernandez. Grao en Ciencias Políticas, estuda Máster en Márketing, Comunicación e Consultoría Política. Colabora no dende a Esquerda. http://millansocial.blogspot.com |

C
oa licenza Creative Commons by-sa.

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
6 de dezembro de 2012 11:55

http://lupeces.blogspot.com/

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon