mércores, maio 29, 2013

Galicia únese contra a Troika en cinco manifestacións - Pobos Unidos contra a Troika - Manifestación Internacional 1 de Xuño de 2013

Tags


Galicia será un dos pobos unidos contra a Troika. Varias cidades do país uníronse á convocatoria inicial de Vigo para formar parte do cento de mareas cidadás que este vindeiro sábado 1 de xuño percorrerán varias cidades europeas contras as políticas de austeridade dos gobernos estatais e da UE. Logo de que a cidade olívica fose das primeiras en recoller a chamada global xurdida en Portugal, A Coruña, Compostela, Lugo e Ourense anunciaron tamén as súas marchas nunha xornada que pretende ser un berro contra "a ditadura dos mercados".
    A Coruña, Lugo, Ourense e Compostela únense a Vigo na convocatoria europea contra a Troika
Cerca de 80 manifestacións en diversas urbes europeas están xa confirmadas, aínda que a convocatoria podería xuntar máis de cen marchas, tal e como confirma Guillermo Crego, voceiro da Coordinadora 1X de Vigo, un colectivo cidadá aberto e apartidario creado especificamente para a organización da convocatoria desta cidade, cuxo xermolo sitúase na plataforma Ecoar e que apoian diferentes organizacións políticas e sindicais. Esa é unha das claves de Pobos Unidos contra a Troika, unha iniciativa recollida en diversos puntos de Europa por colectivos que van desde o 15M  até as Mareas Cidadás no Estado, pasando por diversos e variados grupos, tanto en Galicia como no resto do continente.

Así, na Coruña recolleu a luva a Fronte Cívica Somos Maioría, que organiza unha manifestación para o sábado a partir das 19 horas na Praza de Pontevedra "en contra da Troika, dos recortes, da corrupción e pola democracia". A marcha na cidade está apoiada, polo momento, por BNG, CIG, a Plataforma Galega Pola Defensa do Ensino Público, Comités, Comité Antisida da Coruña Casco, Confapa Galicia, Sindicato de Estudantes, Stop Desahucios Coruña, Marea Verde e diversas organizacións do 15M.
    Lugo e Vigo celebran as marchas ao mediodía; A Coruña, Ourense e Compostela, entre as 18 e as 19 horas
En Compostela, foi a Asemblea Aberta quen convocou a mobilización internacional na capital galega para "volver remover o descontento contra as medidas de austeridade patrocinadas pola Troika e aplicadas polos gobernos que padecemos". A marcha sairá ás 18 horas da Praza Roxa. Unha hora máis tarde, desde o Parque de San Lázaro de Ourense, sairá outra manifestación, nesta ocasión convocada pola Marea Cidadá da cidade das Burgas.

Pola súa banda, en Lugo é a Asemblea de Desempregad@s a que tomou a iniciativa e chamou distintos colectivos de carácter social a facer unha convocatoria dentro desta Xornada Europea de Mobilizacións contra a Troika. Foron Stop Desafiuzamentos, Renda Básica, Comités, Liga Estudantil Galega, Asamblea Anarquista, Asamblea Anticapitalista, Madia Leva, Galiza Nova, Ceivar, Cultura do País, Na Encrucillada, a Plataforma de Afectados polas Preferentes de Lugo e Isca as que se sumaron a unha marcha que engadirá o lema Galiza contra a Troika e as políticas do Goberno ao berro global.
    "Saímos á rúa para facer fronte a un réxime inxusto e desigual e contra a imposición das políticas de austeridade", di a Coordinadora 1X de Vigo
A marcha sairá do Parque Frigsa ás 12 do mediodía, a mesma hora na que dará comezo a manifestación de Vigo, que partirá da Praza de España para camiñar ata a Porta do Sol. "O motivo desta convocatoria é facer fronte a un réxime inxusto e desigual, á imposición destas políticas de austeridade pura e dura, onde imporan máis os cartos que as persoas", resume Guillermo Crego, voceiro da Coordinadora 1X e que considera que é o momento de que a cidadanía saia á rúa para reclamar "a soberanía popular fronte a soberanía dos mercados, que son os que realmenten madnan ante  un pobo que non ten capacidade de decisión ningunha sobre o seu futuro".

Será a mesma reclamación dunha marcha global que xurdiu o pasado 26 de abril cando nunha masiva manifestación en Lisboa o colectivo Que se Lixe a Troika fixo un chamamento para convocar unha gran protesta internacional contra a Troika que conforman o FMI, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea. A petición foi un éxito e varias urbes de Portugal, España, Grecia, Italia, Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Francia, Austria, Eslovenia e Holanda contestaron positivamente para conformar "a rede internacional de resistencia contra a austeridade e a Troika, un berro común para reclamar e deter estas políticas e o retroceso imposto pola troika, apoiada polos gobernos estatais", tal e como destaca nun comunicado a organización deste movemento internacional que xermolou no país veciño.

Así, en Fráncfort, Blockupy protestará diante da sede central do BCE, ao tempo que en Lisboa Que se Lixe a Troika farao ante a sede do FMI en Portugal e en Madrid as mareas cidadás se concentrarán ante o edificio da Comisión Europea en España. De aí, as marchas espállanse por Galicia e por todo o continente.
    "Levantémonos contra a hexemonía dese Mercado, un complexo mafiso composto por banqueiros, especuladores e unha casta política"
Desde Galicia, a Coordinadora 1X chama a levantarse "contra a hexemonía dese Mercado, que queren facernos crer que é impersoal, cando en realidade é un complexo mafioso composto por banqueiros, especuladores financeiros e inmobiliarios e por unha casta política allea á realidade das persoas".

"Saímos á rúa para rebelarnos contra a perda de soberanía popular; rebelámonos contra o o desemprego e a precariedade, a explotación laboral, o espolio dos bens naturais e públicos, o deterioro e o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, cultura e a seguridade social...); rebelármonos, porque sabemos que o deterioro das nosas condicións de vida non é máis ca un bo negocio para eles", insisten. "Queremos dicir coas nosas propias voces, que si, que nós podemos construír un futuro mellor para a nosa e as seguintes xeracións, e que para que isto funcione so é preciso que sexan eles os que paguen a crise. Que arrimen o ombreiro de verdade ou que lisquen todos", rematan.

Publicado en Praza Pública, por Miguel Pardo | @depunteirolo


· COMPOSTELA: 18h. Praza Roxa.
https://www.facebook.com/events/609905479021375
· CORUNHA: 19h. Praza de Pontevedra.
https://www.facebook.com/events/129691450567427
· LUGO: 12h. Parque Frigsa.
https://www.facebook.com/events/193133807506427
· OURENSE: 19h. Parque de S. Lázaro.
https://www.facebook.com/events/192329620920601
· VIGO: 12h. Praza dos Cabalos.
https://www.facebook.com/

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon