sábado, agosto 30, 2014

A Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello presenta alegacións ao Plan Especial do barrio


A COMISIÓN CIDADÁ POLA RECUPERACIÓN DE FERROL VELLO PRESENTA ALEGACIÓNS AO PLAN ESPECIAL DO BARRIO

A falta de compromiso das administracións públicas á municipal, e de ferramentas de xestión máis eficaces para a recuperación do barrio, xunto á inxustificable proposta de unión de parcelas, son as eivas máis graves que a Comisión atopa nun documento que, en xeral, recoñece e protexe os valores culturais e históricos que levaron ao barrio ser declarado BIC no ano 2011.

A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello ven de presentar alegacións ao documento do Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello, co fin de mellorar a ordenación contida no documento aprobado inicialmente o pasado día 16 de Maio.

Entre as alegacións presentadas están as relativas a aspectos como a necesidade re-ordenar a parcela da Fábrica de Lápis, definir mellor o destino das dotacións urbanísticas, recuperar os soportais da fachada portuaria, priorizar o aparcadoiro de residentes antes de suprimir prazas de estacionamento nas rúas do barrio, definir de forma menos ríxida a re-urbanización dos espazos públicos, afondar na mellora das infraestruturas e servizos, limitar os usos terciarios en plantas superiores e os garaxes en planta baixa, ter en conta modos de mobilidade como o transporte público e a bicicleta e mellorar a protección dos elementos de edificios non catalogados.

Porén, a maior énfase ponse en tres aspectos que consideramos fundamentais: a falta de compromisos económicas por parte das administracións públicas, a falta de concreción de mecanismos de xestión máis eficaces que os existentes e a proposta de unificación de parcelas contida no artigo 87 da súa normativa, que permite de modo case xeneralizado a unificación de parcelas, ata 3 e ata unha lonxitude de fachada de 12 m. Esta medida contravén claramente o fundamental dos valores históricos do barrio, que é o alto grao de conservación do seu parcelario orixinal, ao tempo que contradí claramente a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que establece que os Plans Espaciais só poderán contemplar a alteración do parcelario en casos excepcionais e xustificados na conservación dos valores do Conxunto Histórico.

A falta de compromisos de investimento por parte de organismos e institucións como son a Autoridade Portuaria, o Ministerio de Facenda ou o IGVS, propietarios de predios como son o edificio da Xunta de Obras do Porto, o edificio de Aduanas e algúns edificios e solares en Argüelles, é clamoroso. O financiamento do desenvolvemento do plan descansa integramente no Concello de Ferrol, nas axudas tipo do Plan de Vivenda e na iniciativa privada de propietarios e promotores. Falta sequera dun euro adicado á re-urbanización das rúas que puidera provir do Plan Urban ou de administración públicas como o Ministerio de Fomento ou a Xunta de Galicia. Faltan tamén previsións concretas de fondos para a rehabilitación dos edificios como o Centro Cívico ou a Casa de Carvalho Calero ou a adquisición de outros con fins dotacionais. No mesmo eido non se prevén mecanismos de xestión máis eficaces que os existentes, ferramentas que garantan multiplicar por catro, como o plan prevé, o ritmo de rehabilitación de edificios no barrio durante os próximos 12 anos.

Para a Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello o plan polo que levamos loitando dende o ano 2005 non debería servir só para a que o Concello recuperase as competencias sobre o barrio á hora de outorgar licenzas ou para que os promotores e propietarios puideran facer obra nova. É tamén unha oportunidade única para artellar a recuperación do barrio dende o convenio inversor das diferentes administracións públicas e uns medios de xestión e financiamento máis eficaces que permitan acadar os obxectivos do plan no prazo previsto, sempre respectando os valores que motivaron a súa declaración como Conxunto Histórico.

Alegacións presentadas pola Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello en formato pdf. (Acceder/Baixar).

Foto Mobilización polo barrio na Praza Vella, do xornal Praza Pública.
______________

venres, agosto 29, 2014

Saneamento, si, mais non así - O Pleno do Concello de Ferrol aprobou unha nova Ordenanza fiscal cunha nova Taxa de Saneamento para 2014 - Intervención no pleno da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol


Pola mañá deste xoves, 28 de Agosto de 2014, celebraba-se o pleno municipal do Concello de Ferrol, que ten lugar todos os finais de mes.

Un dos puntos da orde do día era "Aprobar provisionalmente a imposición e ordenación dunha taxa polo servizo de depuración de augas residuais". A proposta inicial de ordenanza fora aprobada no Pleno Municipal de finais de Maio deste ano 2014 e logo pasou a exposición pública para que se lle fixeran as reclamación que houbera lugar.

Concluído período de exposición pública, presentaron-se diferentes alegacións (Concello de Narón, Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, Grupo Municipal de Esquerda Unida, o BNG acompañado de máis de 600 sinaturas, EMAFESA que as retirou, e a Iniciativa Cidadá), en relación coas mesmas o Xefe de sección de facenda e patrimonio emitiu 'Informe Análise individualizado das distintas alegacións', para este Pleno do 28 de Agosto. As reclamacións non foron tidas en conta, a proposta de Ordenanza queda como estaba, coa única modificación da tarifa no apartado 'Autoridade Portuaria e outros Concellos' que quedaría so referida como 'Autoridade Portuaria', eliminando o de "outros Concellos".

Ao final esta foi a que chegou ao Pleno: PROPOSTA DE ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA DE DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS PARA O ANO 2014.
Proposta que foi aprobada cos votos do Partido Popular e Independentes por Ferrol, coa oposición do restos dos grupos BNG, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, despois de máis dunha hora de intenso debate.

Coa nova taxa aprobada, a veciñanza de Ferrol terá que pagar antes de que finalice o ano sobre 38 euros de media por vivenda, que aumentarán a uns 76 euros de media no 2015. Este será un novo recibo a maiores do que hai, que se pasará a cobro semestralmente. E supón un importe moi superior aos cálculos que fai o Concello de Narón que tamén interpuxo reclamación contra Taxa.

A Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol, fixo, o martes 26 de agosto de 2014, por Rexistro no Concello a solicitude de intervención no citado Pleno deste xoves 28.  Intervención que foi concedida e que recaeu sobre o membro da Comisión de Traballo Alexandre Carrodeguas e que a continuacións, polo seu interese transcribimos:

Intervención pleno


Señor alcalde:

Veño en representación de máis de dous mil veciños e veciñas que se consideran estafados polo seu goberno. Dous mil veciños e veciñas que queren unha Ría saneada, maltratada durante décadas por falta de vontade política en procurar unha solución sostible medio ambientalmente. Dous mil veciños e veciñas que agora observan indignados como o sistema de saneamento que se nos trae aquí ven cuberto de opacidade, falta de participación e información, un saneamento cuestionable dende o punto de vista da eficiencia, do custo enerxético e coa súa xestión entregada a unha empresa privada que vai obter un importante lucro coa  taxa que hoxe pretenden aprobar, e que abafará tamen aínda máis aos milleiros de ferroláns e ferrolás que están a vivir unha situación de emerxencia social.

Señor alcalde: en maio de 2013 a instalación dun tanque de tormentas no parque Pablo Iglesias deu lugar a unha mobilización cidadá, que pretendía exercer algo tan simple como o dereito á información das obras públicas. Esta mobilización foi desprezada e ignorada polo seu goberno. Non hai nada máis ditatorial que un goberno que dá as costas ao pobo, que o teme, que xestiona os cartos públicos como os balances dunha empresa privada, e que sanea a súa economía coa imposición fiscal.

Esta mobilización que foi desprezada e ignorada polo seu goberno, deu pe a que xurdira unha Comisión para o saneamento integral da Ría. Esta comisión, que leva máis dun ano de traballo, con constantes reunións, recopilación de información, organización de xornadas, asesoramento de técnicos capacitados e elaboración de documentos, ten un único obxectivo: pular por un saneamento integral da Ría xestionado plenamente dende o público.  Ese é o seu principal fin.

Señor alcalde: non veño en representación de ningún partido político, asociación ou grupo de presión. Veño en representación da cidadanía indignada que demanda:
Ir cara a un sistema de saneamento urbano baseado en redes separativas

Ir a un  modelo de tanques de tormentas que sigan o sistema francés, isto é , que sirvan tanto para redes unitarias como para separativas

Participación veciñal na Comisión de Seguimento que contempla o Convenio de Xullo de 2012 asinado, entre outros, polo Concello de Ferrol,  e que sería a  encargada de revisar as tarifas que se repercutirán á cidadanía unha vez finalizada a obra.

A procura de sistemas de drenaxe alternativos e máis sustentables que acaden  un aforro enerxético que este sistema está moi lonxe de obter.

Demandamos transparencia total nun investimento millonario que non se deu até o de agora, coa toma de decisións unilaterais e que só deixa a veciciñanza coma única potestade a de pagar unha  taxa de saneamento que nin está explicada nin xustificada na súa contía.

O sistema de saneamento decidido para Ferrol e Narón non se axusta ás normativas europeas e españolas vixentes. Deixar de lado o deseño con colectores separativos (pluviais e residuais) requirido polo PXOM e cuns tanques de tormentas de reducido tamaño en lugares non idóneos, conducirán a perpetuar o estado actual da Ría de Ferrol nun futuro próximo.

Entendemos que os tanques de regulación previstos no sistema de saneamento en execución non van cumprir co seu cometido técnico. Non entendemos como é que algún destes tanques non foi situado nas proximidades dos aliviadoiros de emerxencia como é normal neste tipo de instalacións, optandose, no seu lugar, pola opción máis barata pero máis contaminante, e dicir, en espazos de recreo e lecer da cidadanía, como o Parque Pablo Iglesias, ou como antes foi no Xardín da Ranita, e que afortunadamente xa non é.

Queremos tamén denunciar publicamente a avaliación dos custos utilizada para definir a taxa de saneamento, que nos parece moi pouco fiable e seria, xa que temos constancia doutras valoracións técnicas que conclúen un custe do servizo moito máis baixo. Polo tanto, o informe oficial que se toma é demasiado amplo e pouco rigoroso para fixar o prezo da taxa. Non se fai referencia nin se demostrou a forma de definir o caudal nominal de produción da EDAR, nin tampouco se desglosa o que corresponde ao tempo seco do que corresponde ao tempo chuvioso. Os custes teñense calculado para tratar 25 millóns de metros cúbicos, mentres que EMAFESA nos 55.000 contadores contabiliza sete millóns metros cúbicos / ano.

En canto ao malgasto enerxético, non vemos un protocolo de actuación que limite o custo da electricidade, operando o sistema de bombeo nas horas de custo reducido. Por último,  parecenos inaceptable que se repercutan na cidadanía valores como a amortización das inversións, os gastos financeiros, o convenio con ACUANORTE, a provisión para o resto de custos fixos e insolvencias e, sobre todo, que sexan os veciños e veciñas os que paguen a retribución do socio privado, é dicir que contribuamos entre todos e todas ao beneficio dunha multinacional como ACS que ten como beneficiario último o señor Florentino Pérez.

Sr alcalde: nós si queremos un saneamento, pero un saneamento integral, non intensivo, e non toleramos que se fixe unha taxa de saneamento baseada en informes achegados pola propia empresa concesionaria, Emafesa, como así se reflicte na contestación as alegacións presentadas pola  cidadanía, e polo  resto das forzas da oposición, que foron todas rexitadas.

Sr. Alcalde: non só estamos ante un saneamento propagandístico que se ben vai mellorar a calidade das augas da ría, non vai ser a solución definitiva, xa que é obsoleto, custoso e ineficiente. Como moi ben dí o experto en saneamento Joaquín Suarez da UDC “El saneamiento unitario no es sostenible, genera impacto ambiental y supone un elevado coste”. Non só estamos ante unha manobra política que vai entregar a xestión á iniciativa privada durante décadas, endebedando os petos da veciñanza, escravizándonos ante unha empresa privada que obterá beneficios a costa da cidadanía de Ferrol, unha cidade onde a taxa de paro, o empobrecemento, a emigración e a crise demográfica alcanzan cotas insostibles que poñen en perigo a supervivencia da sua comarca, senon  tamen que agora se vai ver gravada cunha taxa anual por fogar revisable dun promedio de 70 euros.

Así tamén estamos ante unha construción xurídica de dubidosa legalidade, fundamentalmente por tres razóns:
O informe da intervención baséase nun estudo económico-financieiro elaborado por Audigal, a mesma empresa auditora que fiscaliza as contas -sempre postas en dúbida- de Emafesa. Todo queda na casa. Por se isto fora pouco, os servizos xurídicos do concello non entran na valoración ou verificación deste estudo, o que podería supoñer -coma vostedes deberían saber- a nulidade de pleno dereito da nova ordenanza reguladora da taxa.

Por outra banda, a encomenda de xestión do Concello a Emafesa podería non ser legal, xa que Emafesa non é un ente público. Non o decidimos nós, así o considerou o Consello de Contas de Galicia  en base a unha sentenza do Tribunal Supremo. Pero ademáis, a encomenda de xestión formalizada por medio dun Convenio entre Augas de Galicia e o concello podería ser nula de pleno dereito. A xurisprudencia do Tribunal Europeo non permite encomendas de xestión neste caso, porque a entidade encomendada (concello) non é un medio propio da entidade encomendante (Augas de Galicia).

Por último, Emafesa, a pesares de ser unha empresa mixta na que o Concello posúe o 51% do accionariado está monopolizada pola parte privada, Urbaser, que campa ás súas anchas. Esta empresa non só ten liberdade de contratación a empresas do mesmo grupo empresarial (ACS, Florentino Pérez), senón que incluso permítese cobrarlle ao concello o know how —aspecto, iste cuestionado polo propio Consello de Contas coma vostedes saben—. Por se isto fora pouco, incumpre sistemáticamente a súa obriga de enviar ao Concello de Ferrol,  o Programa anual de actuacións, investimentos e financiamento.

Vostedes verán.

Sr Alcalde: en representación dos, até o día de hoxe, 2000 veciños e veciñas de Ferrol, pedímoslle que por unha vez teña a dignidade de escoitar á cidadanía e retire do punto da orde do día a aprobación da taxa de saneamento.

Por iso estamos a impulsar unha Iniciativa cidadá para a remunicipalización integral do ciclo da auga. Non estamos sos. Seguimos a liña de localidades  europeas como París e Berlín, españolas como diversos como municipios de Sevilla e galegas como Punxín e Arteixo.

Non queremos que as taxas e impostos que tanto nos custa pagar inclúan conceptos como “beneficio do socio privado

Imos reunir as sinaturas suficientes para que vostede se vexa obrigado a dar explicacións ante a veciñanza e que eleve unha consulta popular ao pobo de Ferrol, para que sexamos nós, os homes e mulleres da nosa cidade, os que decidamos libremente  se queremos que a auga sexa tratada como un dereito ou como unha mercadoría.

Sr. Alcalde: sería necesario que se decatase de que a vella política está a morrer. Queremos coñecer e ser parte dos asuntos públicos, queremos transparencia e participación. Quizais é unha linguaxe difícil de comprender para quen está ancorado na política profesional.

Sr. Alcalde: Solicitámoslle que retire a taxa da orde do día, e que se dirixa aos veciños e veciñas a explicar polo miúdo, desglosado e baseando en datos certos porque teñen que pagar esa cantidade abusiva para un saneamento cun modelo intensivo enerxeticamente, non separativo,  totalmente obsoleto, e contrario ao que se está a facer noutras cidades.

O concello non debería de enganar a veciñanza Ferrolá sobre as virtudes dun proxecto obsoleto e desfasado que vai chegar tarde mal e arrastro. Senón que se debería aplicar en mellorar o proxecto para que contemple o necesario saneamento "integral" da ría e a súa rexeneración. Dese xeito non se gravaría excesivamente a cidadanía cos novos recibos da auga. E tempo xa doutra política non propagandista que atenda as necesidades reais da nosa cidade.

Sr alcalde: retire a taxa, escoite ao pobo de Ferrol, que é a quen esta a representar, e centre o seu traballo en menos cartaces propagandísticos  e máis saneamento real. Reivindicamos a remunicipalización porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo.  E polo tanto acadar o mellor para a nosa xente. Saneamento, si, pero non así.

A noticia nos medios:

  • A aprobación da nova taxa de depuración centra o debate do pleno ordinario de Ferrol | Marta Corral - Ferrol 360 | Ferrol | Xoves 28 agosto 2014 | 19:35 | Ir á Web.

  • Aprobada a nova taxa pola depuración das augas de Ferrol | O PP só logrou o respaldo de IF para sacar adiante un tributo cualificado pola esquerda de «abusivo» | Rocío Pita Parada - La Voz de Galicia | 28 de agosto de 2014  17:12 | Ir á Web.
Foto tirada de Ferrol 360 | Pleno do 28 de Agosto de 2014.

Blogue da Iniciativa Cidadá:
http://www.augaesaneamentodeferrol.blogspot.com.es/
_________________

mércores, agosto 27, 2014

Avance de actividades no Ateneo Ferrolán para o mes de Setembro de 2014 - Programación Cultural e Social

Ateneo Ferrolán

Somos Cultura
http://salvemosoateneo.blogspot.com/p/blog-page.html

- Do 2 ao 30 de setembro Exposición Fotografías de Pablo Prados. http://pablopradoss.com

MARTES DE CINE: Ciclo Novos medos. Todos os martes ás 19,30h.
  • 2 setembro: FUNNY GAMES
  • 9 setembro: EL INCIDENTE
  • 16 setembro: LA CARRETERA
  • 23 setembro: ELLOS
  • 30 setembro: 28 DÍAS DESPUÉS
- 4 de setembro: Convocada a X Asemblea Aberta das Marchas da Dignidade Ferrolterra - ás 19:30 h

- 11 setembro: FORO FERROL ás 19,30 h.

- 18 setembro: Representación Teatral “Falando claro” de Pepe Sendón ás 20,30 h.

- 19 setembro: Charla “CHERNOBYL” por César Toimil.

- 26 setembro: “Mércores violeta” da Área da Muller de EU Ferrol.

--
Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970 |
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | FERROL (A Coruña)

BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/

Tamén no Facebook: http://www.facebook.com/pages/Ateneo-Ferrolan/134569549934117

Séguenos en Twitter: @ateneoferrolan

Campaña de APOIO e DEFENSA do Ateneo.
Patrimonio da cidade
APOIA e DIFUNDE!

https://www.facebook.com/pages/Salvemos-o-Ateneo/1430118530577463?ref=hl

http://salvemosoateneo.blogspot.com.es/p/o-ateneo.html

Faite soci@! Colabora con nos!
Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar-Cajarural Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
27 de agosto de 2014 16:26

___________________

De fondo as Eleccións Municipais de Maio de 2015: Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra"


Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol (con aspiracións de que sexa referencia para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal), circulando polos correos coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra", co que se pretende recabar apoios para "alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os Concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo".

Nunha parte do manifesto din: "Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba." ... "Somos quen de organizarnos contra o poder corrupto, ...". Desde Ártabra 21 consideramos de interese facer público esta iniciativa que aínda está recabando apoios de persoas que consideren necesario poñer por diante ás persoas e acabar cos privilexios dos de arriba, ... organizarse, "avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver a Ferrol as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, un Ferrol participativo e con políticas orientadas por e para a xente do común".

MANIFESTO

O vindeiro mes de maio están convocadas as eleccións municipais e en Ferrolterra preséntasenos unha ocasión única para construír, dende abaixo, alternativas de goberno municipal que estean á altura das circunstancias. As mobilizacións que se veñen producindo nos últimos anos como reacción ao desmantelamento progresivo de dereitos e liberdades custosamente conquistados son o síntoma dunha sociedade que non atura máis desigualdade. A sociedade é consciente de que a alianza perfecta de intereses entre o poder económico e o bipartidismo harmónico son a causa de todos os males que estamos a padecer.

Si, o problema está na acción política de quen nos goberna pero a solución tamén esta aí, na política, nos gobernos. Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social. Ferrolterra é unha bisbarra de tradición de loita obreira e de forte calado sociocultural. Somos quen de organizarnos contra o poder corrupto, así o demostramos na historia, en marzo do 72 e en todas as loitas por recuperar dereitos que nos pertencen, batallas nas que moitos e moitas sufriron cadea, tortura, represión ou incluso morte. Reivindiquemos o noso pasado de vitoria do pobo fronte ao poder, traiamos a dignidade ao noso presente, e comecemos a tecer un futuro novo, construído entre todos e todas, onde cada voz teña o mesmo valor ca outra.

Os gobernos que nos rexen dan as costas ao sufrimento e á desesperación dos nosos veciños e veciñas, que non soportan máis desindustrialización, máis malgasto, máis agresións medio ambientais, máis política social baseada na caridade, máis precarización do emprego e da vida mesma. Fronte a esta política que quere converter a nosa comarca nun camposanto industrial, nunha paisaxe futurista desértica, a cidadanía de Ferrolterra debe ter a capacidade de organizarse, de avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver a Ferrol as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, un Ferrol participativo e con políticas orientadas por e para a xente do común.

É a hora de abrir as xanelas e deixar paso á Marea Ártabra, unha marea de aire novo, a marea do pobo de Ferrol, da inmensa maioría que sufre os recortes de dereitos, unha marea das xentes que queren varrer do mapa e para sempre a política dos que gobernan para uns poucos e xestionar e rexer nós mesmos/as os nosos destinos.

Porque somos maioría as persoas que queremos alcaldías que veñan a servir á cidade e non a servirse da cidade, que pensamos que os cargos públicos deben estar ao servizo dos e das cidadáns e non dos seus partidos, que queremos un Concello que defenda os intereses estratéxicos da cidade, que temos a certeza de que unha alternativa común, unha candidatura cidadá e plural a partir do protagonismo directo dos veciños e das veciñas pode devolver o Concello á cidadanía.

Por iso, nós, compoñentes desta marea ártabra, queremos alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os Concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo.
_______________

En Praza Pública: Rajoy promételle máis recortes a Merkel con Santiago como plató - Reportaxe de David Lombao


"Seguiremos pola senda reformista". Mariano Rajoy culminou a súa reunión informal coa chanceler alemá en Santiago sacando peito polas "reformas estruturais", os recortes aplicados polo seu Goberno desde 2011. "Non nos deixaremos levar pola autocompracencia" agora que "empezamos a ver os froitos das reformas que acometemos", garantiu o xefe do Goberno de España ante Angela Merkel. Entre eses froitos, parece, está un posto para Luis de Guindos na presidencia do Eurogrupo, ratificado nun encontro no que Compostela e Galicia tiveron o papel de mero pletó.

Tras un paseo por un tramo do Camiño de Santiago e unha cea nunha cara marisquería da capital galega Merkel e Rajoy compareceron xuntos ante a prensa para, esencialmente, asegurar que a receita de pasar a tesoira non só funciona, senón que é, en palabras do presidente español, a "única forma de preservar os niveis de protección social que a sociedade española merece". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, seguiu dende a primeira fila dos asentos da prensa como o seu xefe de filas explicou que non é o momento de "acabar coas políticas de austeridade", senón de seguir por un camiño que xa deriva nunha "mellora substancial da economía".
A chanceler parabeniza a Rajoy polas dúas "duras reformas"
A chanceler, que minutos antes se fundira nunha aperta coa imaxe do Apóstolo Santiago na catedral compostelá -a visita foi adiantada media hora para evitar a coincidencia coas protestas cidadás-, comparte "a opinión de Mariano Rajoy". É un "malentendido" que "para o crecemento se precisen máis cartos". "Non é certo", afirma entre felicitacións a Rajoy polas "duras reformas" aprobadas e o "gran ímpeto" á hora de aplicalas. O Executivo do PP, di a líder alemá, "creou os alicerces" para que o Estado marche ben cun crecemento económico que é "o primeiro indicio" de que se poderá diminuír o paro.

Apoio a De Guindos, sen veto para Cañete


Entre os resultados tanxibles que Rajoy saca dos actos nos que Galicia e o seu goberno exerceron como meros espectadores -Feijóo tivo un papel secundario en todo momento e na rolda de prensa abordouse a actualidade estatal e a catalá, pero non a galega- figura o apoio para dirixir a zona euro a quen hoxe é ministro de Economía e, antes, dirixente de Lehman Brothers ata que o xigante financeiro crebou. Luís de Guindos "foi un ministro de Economía excelente en tempos difíciles", sinala Merkel, por iso "cando remate o prazo do actual apoiaremos a súa candidatura".
De Guindos, ex directivo de Lehman Brothers, terá apoio de Merkel para dirixir o Eurogrupo
Merkel é menos entusiasta en relación coa entrada de Miguel Arias Cañete na nova Comisión Europea, a outra petición de Rajoy para a novo organigrama comunitario. Das palabras da chanceler despréndese que o cabeza de lista dos populares españois non sufrirá o veto alemán, pero que sexa ou non comisario dependerá do presidente, Jean Claude Juncker, que xa ten sobre a súa mesa unha carta de Rajoy "propóndoo como candidato", lembrou ante Merkel.
A Policía cargou con dureza contra a protesta anti troika
Protestas e cargas policiais

O intercambio de eloxios, os paseos, o ritual apostólico e as promesas de cargos e recortes producíronse nunha Compostela tomada pola Policía, que se empregou a fondo para que as protestas non estragasen a foto. Nin sequera Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei (Lugo) asasinado polos franquistas en 1936, púidose achegar a Merkel para entregarlle unha carta na que pedía que Alemaña se desculpase pola colaboración co golpe de Franco.

A carta de Rivas tivo que quedar na recepción do Hostal dos Reis Católicos, onde se celebraba a rolda de prensa. Máis lonxe, nas rúas adxacentes, tivo que quedar a manifestación anti troika apoiada pola CIG e apoiada por organizacións da oposición galega como AGE e o BNG. A protesta, que tentou sen éxito achegase á Praza do Obradoiro, terminou reprimida por unha carga policial na que, entre outros, resultou lesionado o portavoz municipal do Bloque, Rubén Cela.

Por David Lombao | @davidlombao , publicado no xornal Praza Pública 27 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Recomendamos ver a noticia en Praza Pública, con comentarios, anexos, novas relacionadas, reportaxe e crónica do día en que Merkel e Rajoy "visitaron" Compostela.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________

martes, agosto 26, 2014

En Ferrol, como noutras cidades da Galiza tivo lugar unha concentración de repulsa polo asasinato, por violencia machista, de Mónica Lorenzo López


Ás oito da tarde, na Praza do Concello de Ferrol, comezaba como noutras cidades da Galiza, unha concentración de repulsa polo asasinato machista de Mónica Lorenzo López. As activistas da Marcha Mundial das Mulleres, despregaban unha faixa co lema "Para cambiar o mundo, acabar coa violencia machista", ao redor da cal concentraron-se as persoas que quixeron amosar neste acto a dor, a rabia, a solidariedade, ... que as cousas teñen que cambiar e para que cambien as cousas, hai que combater as causas que orixinan a violencia contra as mulleres. Hai que rematar co Patriarcado.

Mónica Lorenzo fai a sexta muller asasinada na Galiza no que vai de ano e a 37 a nivel de Estado e unha máis de miles en todo o Planeta. Mónica foi asasinada este luns 25 de agosto. Unha muller máis no que vai de ano, vítima da violencia machista que paga coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecen todas as mulleres. Desde a Marcha Mundial das Mulleres chaman "á indignación de toda a sociedade" e que esta "... saia á rúa para rexeitar o cruel asasinato de Mónica e denunciar a violencia machista padecida polas mulleres e exercida contra elas polo feito de selo". A continuación presentamos un vídeo cun detalle do acto de hoxe.


http://youtu.be/rG50ZtGdLzQ


Marcha Mundial das Mulleres

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Web internacional:
http://www.marchamundialdelasmujeres.org/

________________

Rolda de prensa da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol - Video


A Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol, solicitou hoxe pola mañá (martes 26 de agosto de 2014) por Rexistro no Concello a solicitude de intervención no pleno do vindeiro xoves 28. Na orde do día deste pleno, figura a aprobación da modificación da ordenanza que contempla a nova taxa da auga. Unha vez rexistrada a petición de intervención, realizou-se unha rolda de prensa ás 11.30 h. no propio holl das dependencias do rexistro municipal do do Concello de Ferrol á que  asistiron representantes de partidos políticos, colectivos veciñais e medios de comunicación, da cal presentamos, a continuación un detalle da mesma, na que interveñen, os membros da Comisión de Traballo da citada Iniciativa Cidadá: Alexandre Carrodeguas e Nes Rodrígues.


http://youtu.be/KV4d4XAIPRE

Para máis información o sitio na rede da Iniciativa Cidadá:
http://www.augaesaneamentodeferrol.blogspot.com.es/
______________

O novo futuro de Palestina, ... Por Txente Rekondo


Por Txente Rekondo [*]
26.08.2014


Baixo a estratexia de ocupación, permanente violencia e ciclos de treguas e novas agresións, Israel pretende acabar con calquera intento de unidade palestina, á vez que persegue continuar expandindo as colonias e o status quo actual

Hoxe en día, a concatenación de acontecementos e a súa centralidade mediática, en ocasións son utilizados para ocultar ou desviar a atención da opinión pública. Este verán asistimos á derruba dun avión en Ucrania, á nova matanza de Israel en Palestina e posteriormente ao auxe do Estado Islámico e as súas posteriores consecuencias. Unha tras outra esas noticias superpuxéronse, e o protagonista de hoxe cae no esquecemento mediático de mañá.

A nova agresión do estado de Israel contra o pobo palestino protagonizou algunhas semanas nos medios de comunicación. Moitos deles volveron a repetir tópicos e lecturas preconcibidas sobre aquela realidade, pero máis aló da crueldade e o impacto visual da matanza, algúns sinais comezan a despuntar nese complexo escenario, e todo indica que as cousas xa non serán iguais no futuro.

Israel e os seus aliados occidentais e árabes quixéronnos afacer a unha realidade que comeza a esnaquizarse. A última matanza ben podería inscribirse no guión dos últimos anos, onde cada certo tempo os plans de Tel Aviv se materializan a través do sufrimento e a morte da poboación civil palestina.

Os antecedentes da actual situación axudan a situar mellor os pasos dados por Israel. En primeiro lugar, o fracaso das conversacións impulsadas por EEUU e o enfado dalgúns sectores da administración norteamericana coa intransixencia do goberno israelí (o propio Kerry avisou a Israel do avance preocupante da campaña BDS e da imaxe de Israel ligada ao Apartheid).

En segundo lugar o acordo nacional entre Hamas e Fatah, acompañado dun importante recoñecemento internacional e dos pasos palestinos para o seu recoñecemento en Nacións Unidas. E todo iso acompañado dalgunhas críticas desde a UE á política de asentamentos.

A escusa ou o suposto detonante utilizado por Israel, será nesta ocasión a morte de tres rapaces colonos en Hebrón, Cisxordania. Desde o primeiro momento tanto o goberno israelí como os militares coñecían o fatal desenlace do que nun primeiro momento se quixo presentar como un secuestro. Malia iso puxeron en marcha unha campaña mediática masiva acompañada de detencións masivas de militantes de Hamas en Cisxordania.

Ante esas medidas de Tel Aviv, desde Gaza lánzanse algúns foguetes contra Israel (nunca mísiles, como algúns medios sinalaron), e á vez que a montaxe do secuestro está deixando en evidencia as mentiras israelís, o goberno lanza a súa operación contra Gaza, nesta ocasión a escusa será acabar co lanzamento de foguetes da resistencia palestina.

Pouco tempo despois ante a incapacidade de deter, malia a destrución e morte sementada en Gaza, eses lanzamentos, Israel lanza a operación terrestre, nesta ocasión cunha terceira escusa, destruír os túneles da resistencia.

O último ataque contra Gaza foi un novo ciclo de violencia, deixando claro que non hai solución militar. Ademais, sorprendeu aos dirixentes sionistas a capacidade de resistencia palestina, que pode continuar lanzando foguetes e que o seu sistema de túneles non foi destruído. Ademais, nestes días as vítimas israelís foron na súa case totalidade militares, o que preocupa e moito aos estrategas sionistas, bastante descontentos ademais co incremento da presión internacional.

Cada vez queda máis claro que non estamos ante un conflito entre dúas realidades parellas. Os falsos argumentos de Israel en torno ao dilema da súa seguridade e o dereito de autodefensa, non se soportan. Como sinalaba recentemente Chomsky, a ocupación é ilegal, e non estamos ante “un conflito senón ante as consecuencias dunha colonización ilegal”.

Israel está perdendo todas as caretas que mantivo até o de agora. Un estado xurdido como froito da mala conciencia das potencias coloniais occidentais, controlado por unha pequena elite de políticos, militares, relixiosos e industrias de tecnoloxía e armamento, estase mostrando como unha entidade de colonización, ocupación e fanatismo.

O auxe e influencia dos sectores máis reaccionarios ligados ao sector nacional/relixioso (a día de hoxe no goberno, no parlamento, no exército e nos medios de comunicación) está traendo a reafirmación dun estado por e para xudeus, que exclúe ao mesmo tempo a outros cidadáns ou que impide o retorno da poboación palestina expulsada.

A demonización do palestino, o racismo, o maior peso de políticos e dirixentes relixiosos extremistas, o impulso de novos asentamentos está logrando que a intolerancia da sociedade israelí sexa cada vez máis común.

Os arrestos masivos, os asaltos armados, a morte de centenares de palestinos (moitos deles menores), pechar e sitiar cidades e pobos, a destrución de vivendas, os ataques aéreos, a tortura... son unha mostra da política de Israel cara a Palestina, e todo iso, até o de agora con total impunidade.

É a cultura da vinganza, é a utilización do castigo colectivo, algo que está terminantemente prohibido pola lexislación internacional (as responsabilidades individuais por unha acción non poden ser entendidas como colectivas), e que Israel fai caso omiso.

A situación en Palestina mostrou outra realidade estas semanas. A capacidade da resistencia, e sobre todo a unidade de todas as organizacións palestinas nas negociacións de Exipto, anticipan un novo futuro para o devir do pobo palestino. Estes días mandaron unha mensaxe clara, “a ocupación é inaceptábel e ilegal, e o seu mantemento terá un custo económico e político para o ocupante”. A nova estratexia pasa por poñer fin á cooperación de determinados sectores palestinos con Israel e coordinar os novos movementos en tres frontes.

En Gaza hai que romper os muros do maior cárcere ao descuberto do mundo, derrubar os muros de guetto que permitirá que a poboación palestina viva con certa dignidade; en Cisxordania incidirase en poñer fin á colaboración coa ocupación (un mozo palestino afirmaba que “si teño dez balas, unha será para o meu inimigo e as nove restantes para os traidores”); e en Xerusalén as protestas e manifestacións terán que reverter a ocupación e expulsión que Israel leva adiante contra a poboación palestina.

Estas semanas, ademais da resistencia armada en Gaza, asistimos a innumerábeis protestas en Haifa, Nazaret ou Xerusalén, cunha resposta israelí baseada na represión e que leva cara a unha maior radicalización dos territorios ocupados. Sobre o escenario paira o que algúns definiron a antesala da terceira Intifada.

A equiparación co apartheid é cada día máis evidente. Antes de que dese comezo a última agresión militar contra Palestina o secretario de estado de Estados Unidos, John Kerry, afirmara que "Israel corre o perigo de converterse nun estado de apartheid”, e aínda que as posteriores presións fixeron que rectificase, é moi significativo que esas palabras proveñan dun aliado de Israel.

Os que evitan equiparar a situación do pasado de Sudáfrica e a de Israel, non o fan tanto en función de que son dúas realidades diferentes, ou polo menos non son idénticas na súa totalidade. Fano medorentos de que se aplique un guión similar para superar a situación de discriminación da meirande parte da poboación.

O argumento demográfico anteponse ao democrático. Se en Sudáfrica valesen os argumentos do status quo de Israel, o sistema de apartheid non finalizase, xa que a minoría branca estaría indefensa. E ao fío desa comparación, se en Sudáfrica a solución pasaba por un novo estado, pero non dous, por que non habería de valer o mesmo para Palestina e Israel?

O paradigma dos dous estados non se sostén, e mesmo como sinalan moitas analistas “morreu”. Trátase de elixir entre democracia (cos seus defectos) ou discriminación. Israel tamén é consciente diso pero prefire gañar tempo apostando polo actual status quo, e desa forma evitar que as súas violacións dos dereitos humanos e crimes de guerra acaben ante un tribunal internacional.

A ocupación de Cisxordania non é para protexer a Israel, senón para manter e ampliar a infraestructura das colonias. Ao mesmo tempo, o sitio e agresión constante a Gaza non é para evitar os ataques con foguetes senón para castigar colectivamente a poboación. Hai quen sinalou que a salvaxe agresión a Gaza podería ser unha cruel cortina de fume que Israel utilizaría para continuar coa súa colonización ilegal de Cisxordania, á vez que apontoa os alicerces dun futuro Gran Israel.

Este status quo supón a solución menos mala para os actuais intereses de Israel. Esa fotografía móstranos a guettización de Gaza e a ocupación e colonización de Cisxordania, e como sinala un historiador palestino, “os guettos inevitabelmente tenden a loitar contra os que os someten a esa situació ?”. Por iso, os defensores da reacción de Israel como “autodefensa” agochan unha premisa, que o pobo palestino está ocupado, e que Israel está defendendo esa ocupación.

Baixo a estratexia de ocupación, permanente violencia e ciclos de treguas e novas agresións, Israel pretende acabar con calquera intento de unidade palestina, á vez que persegue continuar expandindo as colonias e o status quo actual.

As consecuencias desta última escalada de Israel estanse mostrando cada vez con maior clareza. Aos apoloxistas do status quo defendido por Israel fáiselles cada día máis difícil seguir defendéndoo ante a opinión pública dos seus respectivos países. A histórica impunidade do estado sionista pode ter os días contados (as acusacións de usos de armas ilegais e de crimes de guerra gañan peso por momentos).

A retórica da vitimización do sionismo pode estar tamén tocando ao seu final e cada día faise máis difícil para os dirixentes de Israel manter a ese estado dentro dos estándares internacionais.

Malia discursos-trampa, como eses que pretenden equiparar calquera crítica ou oposición ás salvaxadas de Israel como anti-semitismo (o pobo palestino tamén é semita), cada día son máis as persoas, institucións e estados que están comezando a distinguir entre israelí, sionista ou xudeu. Porque como sinalan moitos xudeus, eles non están representados por Israel, e sobre todo sionismo e xudaísmo son dous termos moi diferentes.

Finalmente, os acontecementos destes días tamén están servindo para derrubar outro mito. Non estamos ante un conflito entre árabes e xudeus, senón ante a ocupación de Palestina por parte do estado de Israel. A actuación de Arabia Saudita, Exipto ou Xordania, verdadeiros aliados do estado sionista, móstrannos os verdadeiros obxectivos e intereses que historicamente moveu a dirixentes dalgúns estados árabes en torno a Palestina. A utilización interesada das demandas palestinas é abandonada cando se enfrontan á xeoestratexia dos citados dirixentes.

As presións sauditas, a proposta envelenada de Exipto, a cooperación de Xordania ou as propostas non publicadas de EEUU (apoio militar e tecnolóxico, para controlar sen ser visto?) mostran claramente a parcialidade deses actores.

Como apuntaba receentemente un xornalista británico, a actual fotografía móstranos “un pobo ocupado, que ante a destrución sistemática do seu país e a negación dos seus dereitos, decidiu utilizar a violencia”.

A clave para entender o conflito reside na ocupación de Israel e a súa opresión cara ao pobo palestino. Non se trata, xa que logo, de foguetes, nin de “escudos humanos” ou túneles. Estamos falando do permanente control que Israel exerce sobre a terra e o pobo palestinos.

Publicado e traducido por Avantar | 26.08.2014


[Artigo tirado do sitio web 'Rebelión', do 23 de agosto de 2018]

[*] Txente Rekondo, Membro do Gabinete Vasco de Análise Internacional (GAIN).

Máis artigos de Txente Rekondo en Avantar.

luns, agosto 25, 2014

Esquerda Unida de Ferrol contra os gobernos de seis meses de campaña e tres anos de inactividade - O recente Plan de obras anunciado polo goberno municipal é un exercicio de cinismo electoralista

Esquerda Unida de Ferrol contra os gobernos de seis meses de campaña e tres anos de inactividade. | O recente Plan de obras anunciado polo goberno municipal é un exercicio de cinismo electoralista.

O recente anuncio dun Plan de mellora de vías polo goberno municipal, cun investimento de 1,2 millóns de euros, ven a poñer de manifesto que as rúas e vías da cidade de Ferrol, tan só serán transitables para a veciñanza cando o Partido Popular de Ferrol decide arrancar a súa campaña electoral.

O mantemento ordinario da cidade de Ferrol nos últimos anos, baseada nun Plan de barrios consistente na reparación de fochas en pequenas partes da cidade, cuberta dun marchamo de populismo, con reunións ficticias coas veciñanzas sen opción de participación real, e convocatorias á prensa para simular actividade que non existe, cando queda sen executar unha quinta parte do orzamento que ben podería ser utilizado a debido tempo no mantemento ordinario de rúas e beirarrúas para mellorar a calidade de vida e, ademais, na creación de emprego, nada menos que 10 millóns de euros, que ben poderían paliar a situación de emerxencia social que estamos a vivir.

Por outra banda, Esquerda Unida censura a adxudicación destas obras á Tragsa, empresa semipública, no canto de crear emprego directo a través das bolsas de emprego municipais, totalmente menosprezadas e inutilizadas, e de impulsar unha Cuadrilla de obras municipais, que sempre figurou no programa de EU Ferrol e crearía emprego de calidade e directo, sen custos intermedios nin convenios para empregos precarios, ademais de posibilitar unha mellor fiscalización dende o goberno municipal.

Javier Galán, voceiro do grupo municipal, quere recordar que as decisións sobre as actuacións en materia de obras e mantemento son manifestamente unilaterais, xa que as propostas feitas dende hai meses na Comisión de Urbanismo, como o arranxo da rúa Manuel Belando, teñen o silencio como resposta, o que pon en evidencia que o goberno municipal está máis preocupado pola cita electoral que pola adecuación da cidade ao benestar urbano.

Ferrol, 25 de agosto de 2014.-

--
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
5 de agosto de 2014 14:27
25 de agosto de 2014 12:59

Bo día. Enviamos nota de prensa pola que o portavoz do grupo municipal de Esquerda Unida denuncia o oportunismo e a demagoxia do PP ao anunciar un suposto plan de obras e mellora de vías cando non se trata de outra cousa que de mantemento ordinario. Grazas pola atención e un saúdo, Jorge Suárez Secretario de Comunicación

___________________

Mobilización obreira no casco histórico de Santiago de Compostela para evidenciar o rexeitamento ás políticas sociais e económicas representadas por Angela Merkel e Mariano Rajoy - Vídeo


Centos de persoas mobilizáronse en Compostela con motivo da visita de Merkel e Rajoy | Un desmesurado dispositivo policial impediu o acceso de manifestantes con faixas, bandeiras e cartaces á Praza da Quintana


Centos de persoas trasladáronse até o casco histórico de Santiago de Compostela para evidenciar o rexeitamento ás políticas sociais e económicas representadas por Angela Merkel e Mariano Rajoy, que este luns estiveron de visita oficial na Galiza. Unha mobilización cidadá marcada por un desmesurado dispositivo policial e a prohibición de acceder ás inmediacións da catedral con bandeiras, pancartas ou calquera outro elemento que se puidese identificar como parte dunha protesta.

Pouco antes das 11:00 da mañá (hora da convocatoria), ducias de persoas do colectivo de pensionistas e emigrantes retornados/sa permanecían retidos/sa polas forzas de seguranza nunha das entradas da Quintana de Vivos, ao prohibirlles o acceso á Praza por levaren consigo faixas e cartaces. Tampouco puideron entrar na Quintana as compañeiras e compañeiros da CIG que levaban bandeiras da central nacionalista e da patria; e, de feito, os axentes mesmo impedían os/as manifestantes acceder á Praza da Quintana dende Praterías.

Malia o desmesurado dispositivo policial, ás once horas, un bo número de persoas concentrábanse no emblemático lugar ao berro de “Fóra Troika da Galiza”, mentres se montaba un pequeno teatro cunha dominadora Angela Merkel e un submiso Mariano Rajoy, disposto a executar cada unha das ordes da chanceler alemá.

Uns trinta minutos despois, a protesta saía da Quintana e dirixíase pola rúa da Conga, coa intención de chegar até o Obraidoro. A altura do edificio do antigo Banco de España produciuse un primeiro encontro coa policía, que pretendía parar o avance da manifestación. Poucos metros despois, a marcha quedaba retida nada máis encetar a Rúa de Fonseca. Alí, entre berros reclamando democracia e liberdade de expresión, producíronse momentos de tensión entre a cabeza da mobilización e os axentes que impedían o paso, que mesmo chegaron a golpear a varias das e dos manifestantes.

“Mercenarios do capital financeiro”

Finalmente, a protesta dirixiuse á Praza de Fonseca onde rematou coa intervención dos representantes dalgúns dos colectivos presentes, entre eles, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que cualificou a mobilización de “exercicio de dignidade”. Neste senso, explicou, coa convocatoria preténdese amosar o rexeitamento á presenza na Galiza da chanceler alemá e do presidente do goberno español “mercenarios ao servizo do capital financeiro”.

Seixo denunciou o modelo de social e económico que ambos representan: “unha Unión Europea profundamente antidemocrática  -non hai máis que ver o tratamento que se nos deu por parte da policía, intentando que non puideramos manifestarnos-; e unha UE na que se fomentan políticas regresivas, de recorte de dereitos, que vai no camiño de tentar desmantelar o chamado estado de benestar en beneficio do capital financeiro”.

Unha Unión Europea, criticou o Secretario Xeral da CIG, que permite especular coa débeda pública, mentres se leva aos estados da periferia a unha situación de quebra, obrigándoos a asumir políticas laborais e sociais profundamente regresivas.  “Esta é unha Unión Europea ao servizo dos mercaderes, do capital especulativo; non unha UE ao servizo da clase traballadora, na que se respecten os dereitos das nacións que formamos parte da mesma”.

Por iso, Seixo incidiu en que “non se pode permitir que os máximos responsábeis desas políticas tan antisociais que proveñen da UE paseen pola nosa cidade sen que se haxa unha manifestación clara de rexeitamento ao que son e ao que representan”.


https://www.youtube.com/v/4T3SJcPqgSI%26amp;rel=0%26amp;fs=1

Fonte: Avantar.

_____________

Como noutras cidades da Galiza, en Ferrol está convocada unha concentración de repulsa polo asasinato, por violencia machista, de Mónica Lorenzo López - Praza do Concello, ás 8 da Tarde, deste martes 26 de Agosto


CONCENTRACIÓN DA MMM POR ASESINATO MACHISTA

A COORDENADORA COMARCAL DE FERROLTERRA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES CONVOCA: CONCENTRACIÓN EN FERROL, ESTE MARTES 26 DE AGOSTO, DE REPULSA POLO ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE MÓNICA LORENZO LÓPEZ NO LUGAR DA PORTELA, NO CONCELLO DE BARRO.

Mónica foi asasinada hoxe luns 25 de agosto. Con ela sumamos outra muller máis na Galiza no que vai de ano, vítima da violencia machista que paga coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas.

Que a indignación de toda a sociedade saia á rúa para rexeitar o cruel asasinato de Mónica e denunciar a violencia machista padecida polas mulleres e exercida contra elas polo feito de selo.
O MARTES 26 DE AGOSTO, ÁS 20H. NA PRAZA DO CONCELLO DE FERROL, DIANTE DO PAZO MUNICIPAL"As mulleres decidimos"




Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres
www.feminismo.info
nacional@feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Web internacional:
http://www.marchamundialdelasmujeres.org/

Información baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
25 de agosto de 2014 13:31

_______________

A Marea de Vigo en marcha - Unha marea para que Vigo "volva ser motor de grandes cambios progresistas"


As persoas asinantes do manifesto da Marea de Vigo, de obteren os apoios suficientes, pularán pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer aos partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo.
Marcos Pérez Pena escribiu a seguinte reportaxe o pasado 11 de Agosto en Praza Pública que agora reproducimos en Ártabra 21.

Unha marea para que Vigo "volva ser motor de grandes cambios progresistas"

 "Fronte aos nefastos recortes dos servizos públicos, fronte ás políticas que provocan o desemprego, a miseria e a emigración, debemos unirnos para dar unha resposta democrática e solidaria en prol da xustiza social (...) En Vigo, coma na Coruña e noutros moitos concellos de Galicia, cada vez máis homes e mulleres xuntamos as nosas forzas nunha gran Marea cidadá para mudar esta situación de caos e sufrimento, ata o punto de que podemos sentir que regresou a dignidade". Vén de iniciarse a difusión do manifesto da Marea de Vigo, un chamamento que busca a conformación para as eleccións municipais de 2015 dunha candidatura cidadá e unitaria da esquerda rupturista, como tamén se está a organizar en Barcelona, A Coruña e outras cidades e vilas.

O texto alerta de que "Vigo está devalando nun proceso de frustrante decadencia" e denuncia que "o actual goberno municipal perpetúa a privatización da auga, dos transportes urbanos e de ría, dos servizos recaudatorios, dos aparcadoiros; de xeito que unha colosal masa de diñeiro que todos achegamos ás arcas municipais vai encher as andorgas de empresas privadas alleas a Vigo e a Galicia". Por ese motivo chama á organización da cidadanía e dos movementos sociais para "unhas eleccións municipais que deben servir para lograr un cambio radical".
"Pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria"
O manifesto preséntase con 72 asinantes iniciais, de xeito simbólico, aínda que a pasada semana xa superara esa cifra de apoios. A partir de agora buscará a recollida de sinaturas a través da súa web, sinalando que "de se obteren os apoios suficientes, pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer os partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo".

Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas". E salienta que "tentaremos impedir, en confluencia coas opcións de esquerdas doutros concellos, que as deputacións provinciais sigan sendo niños de corrupción e nepotismo, ao tempo que propugnamos a súa desaparición".
Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas"
O documento conta entre os seus primeiros apoios con Antonio Durán Morris, Carlos Barros, Xosé Antón Laxe Martiñán, Julián Hernández, Beatriz Suárez Briones, Waldino Varela, Antón Reixa, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Pérez González, Gonzalo Navaza, Anxo Angueira, Iolanda Zúñiga ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Fai un chamamento a que Vigo "sexa o centro dunha área metropolitana que converta a nosa comarca nun dos principais eixos do desenvolvemento social do país". "Queremos, antes que humanizar as rúas, humanizar as condicións de vida das persoas que se atopan na probreza máis extrema. Queremos rematar de vez coa especulación urbanística e os desafiuzamentos. Queremos que se promova e respecte a nosa lingua e a nosa cultura, agora mesmo maltratadas pola Xunta de Feijoo", destaca igualmente.
"Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir"
"Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir" -subliña- "Propoñemos ir rueiro por rueiro, barrio por barrio, parroquia por parroquia, para construír entre todas e todos unha política inédita que nos libere das vellas prácticas dos partidos do réxime". "Así, coa nosa forza colectiva e asemblearia, conseguiremos que a marea dos que non temos nada que perder e si todo que gañar asolague dunha vez estas beiras do Atlántico", conclúe.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 11 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________

Web do Manifesto da marea de Vigo:
http://www.mareadevigo.org/

___________

venres, agosto 22, 2014

Impidamos a entrada de Bastida no cárcere - O Comité Cidadán de Emerxencia fai un chamamento á solidariedade - Tod@s paramos o Galicia Spirit ! - Bastida somos tod@s !!


IMPIDAMOS A ENTRADA DE BASTIDA NO CÁRCERE!

Tod@s paramos o Galicia Spirit!
Bastida somos tod@s !
!

En Maio de 2007 a imaxe dun gaseiro bloqueado na entrada da Ría de Ferrol foi portada de todos os medios de comunicación. A acción convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia, na que participamos centos de cidadáns e cidadás, incluídos os mariscadores, impediu a entrada ilegal do primeiro gaseiro cargado con GNL na Ría de Ferrol. Rachábanse os muros de silencio sobre a barbaridade dunha planta de gas reubicada dentro da Ria.

A resultas daquela acción, Bernardo Bastida, entón patrón maior da Confraría de Ferrol foi condenado a 13 meses de prisión polos delitos de desobediencia grave e coaccións, ou ao pago de 2.700 € para eludir a cadea.

A condena de Bastida reflicte a situación dun país onde os corruptos pasean con total impunidade e aqueles que defenden a legalidade, a vida e a Ría son condenados.

A planta de gas de Reganosa é un exemplo de corrupción político- financieira, e todas as persoas de ben, estivemos con Bastida fechando a Ria aquel mes de maio do 2007.

O CCE chama a toda a cidadanía a colaborar contribuíndo cunha axuda económica para impedir que Bernardo Bastida entre na cadea.

Conta Corrente no Banco Santander,
titular: Luz Marina Torrente e outros
IBAN: ES71 0049 3315 77 2894017995
Concepto: Axuda Bernardo Bastida


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:

Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
22 de agosto de 2014 00:54
_______________

Enlaces relacionados:

Ría de Ferrol: Reportaxen fotográfica do Bloqueo do Galicia Spirit, de Alberto Saavedra da A.V. Ferrol-Vello [07.05.2007].

Fotos da Colectivo Ártabra 21 -artabra21@gmail.com- | Colectivo Ártabra 21
Autor: CA21 | Enlace coa noticia relacionada coa Galería Fotográfica.

Ártabra 21: Recebimento de Bernardo Bastida na lonxa do porto ferrolán [15.06.2007].
__________________












________________________

xoves, agosto 21, 2014

A ría de Ferrol e a propaganda, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
21.08.2014

O concello de Ferrol esta a levar a cabo unha campaña totalmente falsaria en relación co saneamento da ría de Ferrol. A falacia consiste en "vender" un saneamento integral da ría que non vai ser tal. O proxecto basease nunha depuración intensiva e unitaria que vai mesturar augas residuais e pluviais que en caso de choiva forte van provocar verquidos contaminantes a ría de Ferrol. Polo tanto dicirlles os veciños e veciñas de Ferrol que a partires de agora van ter unha ría totalmente saneada e faltar a verdade. E facelo con cartos públicos nestes tempos de carestía e crise e algo que contribúe a degradar mais do que xa está o prestixio das administracións públicas. O concello non debería facer campañas publicitarias demagóxicas pensando unicamente nas próximas eleccións municipais. O concello non debería de enganar a veciñanza Ferrolá sobre as virtudes dun proxecto obsoleto e desfasado que vai chegar tarde mal e arrastro. Senón que debería aplicarse en mellorar un proxecto que contemple o necesario saneamento "integral" da ría e a sua rexeneración. E asi mesmo non debería gravar excesivamente a cidadanía cos novos recibos da auga. E tempo xa doutra política non propagandista que atenda as necesidades reais da cidade.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
21 de agosto de 2014 15:00

_________________________________________

Presentación do libro “La ficción democrática” no Ateneo Ferrolán, na que contarán coa presenza do prologuista Rafael Cid, este venres 22 de Agosto


O venres 22 de Agosto ás 20:30 no Ateneo Ferrolán faremos a presentación do libro “La ficción democrática” na que contaremos coa presenza do prologuista Rafael Cid.


Rafael Cid: Xornalista e escritor de longa traxectoria. Activista libertario desde a súa mocidade, foi adxunto ao Comité Nacional de CNT ao comezo da "Transición" e un dos responsábeis de Comunicación de CNT neses anos.

Director de "Castilla Libre", logo de Eduardo de Guzmán; fundador e director de "Historia Libertaria" a finais da década de 1970, en cuxa publicación rescataron a moitas figuras do movemento libertario; tamén foi director da colección 'Anatema' da editorial Aguilar.

Actualmente colabora activamente como xornalista de opinión en Radio Klara, Kaos na Rede e outros medios alternativos, e é tamén asiduo colaborador da Linterna Xorda.

Para ampliar información podedes ir a
http://www.lalinternasorda.com/
--
Unión Libertaria - unionlibertaria.org
Av Esteiro 10 baixo
Ferrol

Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
21 de agosto de 2014 10:57
___________

A 'marea' cidadá tamén chega a Ourense - Mentres, n'A Coruña, a Marea Atlántica segue acadando apoios co obxectivo de conseguir os 2.500 asinantes que se fixou como aval necesario para continuar o proceso en outono


A 'marea' cidadá tamén chega a Ourense   


Seguindo o ronsel da Marea Atlántica da Coruña ou de Guanyem Barcelona, membros de diferentes movementos sociais e da esquerda na cidade de Ourense traballan tamén nunha "proposta de posible candidatura municipal e cidadá" de cara aos comicios locais de 2015. Os impulsores do que pretende ser un proceso semellante ao que se impulsou na capital herculina ou o que está a nacer en Vigo levan tempo xa traballando nun manifesto e mantendo contactos para facer o vindeiro 1 de setembro ese texto fundacional e os seus primeiros asinantes.
Ourense en Común fará público o seu manifesto e os primeiros asinantes o vindeiro 1 de setembro
"Estamos seguindo a vía que se abriu na Coruña ou en Vigo e tamén a liña de Guanyem ou Municipalia", aseguran fontes do grupo promotor, que recoñecen que a Marea Atlántica "é un referente" á hora de promover esta plataforma, denominada Ourense en Común, que xa conta con páxina web que está apañando diferentes apoios, algún espérase que coñecido, para comezar un camiño que prevén "longo".

Os obxectivos son semellantes ao resto das mareas: confluencia, recuperar o poder para a maioría, transparencia, participación cidadá e horizontal, rexeneración democrática... Todo ao servizo do ben común e coa vista posta nas eleccións municipais e na clara intención de que movementos sociais e formacións da esquerda alternativa se dilúan de cara aos comicios neste obxectivo común. Os destinatarios da mensaxe, no ámbito partidista, parecen claros: BNG, Anova, EU ou Podemos, así como outras formacións minoritarias.
"Temos claro que isto non debe ser unha suma de siglas, senón un espazo de confluencia e integración"
"Temos claro que isto non debe ser unha suma de siglas, senón un espazo de confluencia e integración, a través da adscrición individual para que todos nos diluamos neste espazo común", explican as mesmas fontes, que aclaran que o propósito é que todas esas formacións alleas ao bipartidismo, da esquerda alternativa e que compartan o ideario común "decidan non presentar candidatura" ás eleccións municipais para lograr artellar un verdadeiro proxecto popular e cidadán. "Sabemos que é un proceso longo e complicado, pero pódese lograr e iso é o que imos intentar", insisten.

Ourense en Común únese así ás cada vez máis numerosas iniciativas que están a xurdir nas vilas e cidades, tanto de Galicia como no conxunto do Estado. As intencións do Goberno do PP de levar a cabo unha polémica reforma electoral, coa que quedarían vetadas as coalicións e se outorgaría o poder absoluto nos concellos a aqueles partidos que superen o 40% dos votos, parece darlle un pulo aínda maior a estas plataformas cidadás.

En canto ás formacións políticas, a chamada recorrente á confluencia de Anova, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista uníronse nas últimas semanas algúns alcaldes do BNG que, en contra da tese actual da cúpula da fronte, reclamaron liberdade para poder pactar listas abertas nas que se inclúan organizacións estatais como EU ou mesmo Podemos e poder conformar así unha especie de fronte popular co que competir nas vilas e cidades contra o bipartidismo e a fortaleza da dereita do PP. Entre os asinantes do manifesto Somos Maioría, que pula por esta unión, xúntanse dirixentes de Anova, Esquerda Unida ou CxG, pero tamén rexedores do Bloque.
A Marea Atlántica celebra a súa primeira asemblea aberta de barrio e a #mareacultura
E mentres, a Marea Atlántica segue acadando apoios co obxectivo de conseguir os 2.500 asinantes que se fixou como aval necesario para continuar o proceso en outono. Supera as 1.500 desde que comezou a andaina e comeza a celebrar as asembleas abertas "nas que empezar a construír dende abaixo un proxecto alternativo de cidade, sen exclusións, para o 99%". A primeira delas, barrial, celebrouse na Agra do Orzán este mércores e para o xoves está prevista a denominada #mareacultura, que se levará a cabo a partir das 20 horas diante do Teatro Rosalía. En Vigo, pola súa banda, a Marea acadou xa as 500 sinaturas de apoio ao seu manifesto inicial.

Por Miguel Pardo | @depunteirolo | Imaxe da web de Ourense en Común | © ourenseencomun.info | Publicado no xornal Praza Pública 21 de Agosto de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
____________