mércores, decembro 09, 2015

Escalada, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
09.12.2015


No é igual que aquelas de Bahamontes, pero a escalada do noso anterior alcalde non deixa de ser notable. Estano promocionando de tal xeito, que aparece a cotío nos medios informativos, visitando entidades, anunciando medidas e prometendo montes e moreas. Parece evidente que é un elemento valioso para o PP, despois de acadar en Ferrol unha maioría absoluta que nunca houbera, o que lle serviu para que lle fixeran un monumento e que os xefes do partido reparasen nel. O estraño é que lle encomendasen a representación dos asuntos sociais, tema no que, en Ferrol, acadou un suspenso total. A non ser que sexa para ver se na Xunta consegue rematar con todas as organizacións sociais. Mais nunha cousa saíu gañando Ferrol: Agora poderá “arañar” cartos para amañar algunhas das Casas Baratas e entregarllas a familias necesitadas. Se é que non segue coa teima de derrubalas, claro, intención na que demostrou unha grande tenacidade, malia que din que naceu aí. E sería por iso?

Publicado no Diario de Ferrol | 08.12.2015

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon