xoves, xuño 08, 2017

Homenaxe a Xaquín Campo Freire - O cura obreiro que leva Galiza no seu corazón - Este sábado 10 de xuño en Narón


Desde Ártabra 21 queremos sumar-nos á homenaxe sinxela, comunitaria e cívil que un grupo de amizades organiza, baixo o nome de "Ganduxando Vidas", a Xaquín Campo Freire. [*] "O cura obreiro que leva Galiza no seu corazón", no seu 80 aniversario. O acto vai ter lugar este sábado 10 de xuño, de 2017, en Narón, co seguinte programa:

17:00hs - Monolito Piñeiros (a carón do Asilo San José).
Comezará ás cinco da tarde, na parroquia de Piñeiro, do concello de Narón, da que foi o primeiro cura (ao ladiño do Asilo-Residencia San José), erixirase en terreos municipais, na súa memoria e para honra de toda a comunidade e de todos os amigos e amigas, un monólito con inscrición gravada incluída: “Xaquín Campo Freire. Compañeiro de camiño. Ganduxador de novos amenceres. Galiza no corazón”. Piñeiros, parroquia que el mesmo creou alá polo ano 1968, foi o escenario escollido para a localización do monolito na súa memoria que se descubrirá ao son da música da Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón.

18:00hs -  Acto central no Auditorio de Narón (Praza de Galicia).
Ás seis, no Auditorio Municipal, Praza de Galicia (ao lado do Concello de Narón, Alto do Castaño), haberá un programa moi completo de actos con participación activa e a presenza de xente vida de toda Galiza. O acto estará acompañado da música de Mini, Paulo López Campo, Manuel Doval, Xoán Rubia, Xico de Cariño e a Rondalla de Mandiá. A entrada é pública.

Para rematar coa presentación do libro "Ganduxando Vidas", no que se recollen testemuñas de amigos e mesmo unha entrevista ao homenaxeado.

O acto ten o carácter dun encontro de recoñecemento comunitario ao traballo e á persoa de Xaquín da Roca.

Neste encontro de recoñecemento colaboran: Concello de Narón, Galicia Dixital, Asociación Xermolos, Irmandade Manuel María, Irimia e Encrucillada e todos os amigos e amigas das diversas parroquias nas que traballou.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  San Xiao de Roca, Guitiriz, 1937, é un relixioso galeguista. Formou parte dos curas obreiros de Ferrol, na loita pola democracia, contra a Ditadura franquista; e colaborou nos inicios da implantación do nacionalismo galego na Comarca, apoiando á AN-PG. Nas parroquias nas que estivo desenvolveu un importante traballo social Toda unha vida na defensa da lingua e cultura galegas. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. Desenvolveu a súa actividade profesional no Sergas. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo. Aos seus oitenta anos é un activistas no apoio á xente encarcerada, desenvolve unha actividade como voluntario en Cáritas como capelán do cárcere de Teixeiro. Ten escrito sobre a situación das prisión e as persoas que as padecen. Escritos en Ártabra 21.
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon