venres, xaneiro 05, 2018

ADEGA galardoada coa insignia de ouro do concello de Ferrol - O acto de entrega do galardón terá lugar este día 7 de xaneiro a partires das 12 do medidía no Teatro Jofre - O Concello de Ferrol recoñece así os máis de 40 anos de andaina da entidade ecoloxista, cunha importante presenza e actividade en Ferrolterra


ADEGA galardoada coa insignia de ouro do concello de Ferrol

O concello de Ferrol, a proposta do grupo municipal do BNG, vén de conceder (Xunto a outras entidades e persoas)  a insignia de ouro da cidade a ADEGA polo seu traballo na concienciación social para a conservación do medio natural.

O concello de Ferrol recoñece así os máis de 40 anos de andaina da nosa entidade, cunha importante presenza e actividade na comarca de Ferrolterra.

Os compañeiros e compañeiras de ADEGA da delegación de Ferrolterra-Trasancos protagonizaron tamén ao longo do pasado ano,  numerosos actos en defensa do noso patrimonio natural:  limpezas de praias (Doniños, Caranza...), limpezas de rios, campañas de sensibilización sobre a xestión de residuos, mesas informativas sobre a eficiencia enerxética ou a importancia de usar medios de transporte alternativos ao coche particular.

No apartado das denuncias, chamaron a atención sobre o abandono do transporte público, a escaseza de ciclovías e o carrís-bus; o deficiente saneamento da ría ou as denuncias de numerosas plantacións ilegais de Eucalyptus nesta comarca. A delegación de ADEGA en Ferrolterra colaborou tamén con outros colectivos e plataformas, nomeadamemnte o Comité Cidadán de Emerxencia na súa loita contra REGANOSA, participando en diversos actos en defensa do noso idioma, da cultura galega ou contra a violencia machista.

Dende ADEGA agradecemos ao concello de Ferrol a concesión da insignia de ouro da cidade, algo que nos enche de ledicia e que nos anima a continuar a loita, por un mundo máis xusto social e ambientalmente sustentábel.

O acto de entrega do galardón terá lugar este día 7 de xaneiro a partires das 12h no Teatro Jofre.

Fonte: adega.gal


ADEGA-Delegación de Ferrolterra

Antiguo Hospicio (Praza De Amboaxe)
Rúa Méndez Núñez, 11, 15401 Ferrol
Apartado de Correos 481, C.P.: 15480
adegatrasancos@adega.gal
www.adega.gal/
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon