Amosando publicacións coa etiqueta Alberto San Juan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alberto San Juan. Amosar todas as publicacións

martes, decembro 10, 2013

Alberto San Juan: 'Algúns empezan a darse conta de que fóra do sistema ... está a vida'

O actor e activista Alberto San Juan [*], xunto a un grupo de intrépidos, lanzou unha proposta escénica de marcado talante subversivo onde se concitan calidade artística e calidez ideolóxica, "porque a nosa revolución prodúcese a través da convergencia placentera de sentimentos e razóns".

Estase pasando fame no noso país, as concertinas testemuñan o talante gobernamental, apróbanse leis mordaza mentres o desemprego permanece desbocado e desarticúlase o noso exiguo estado de benestar: por que acudir ao teatro?

O teatro é unha arte de natureza política. O teatro é unha forma de ver o mundo de xeito colectivo para poder comprendelo mellor, para intentar vivir mellor. O teatro é a experiencia de reflexionar colectivamente sobre o que nos pasa persoal e grupalmente. Ademais, este espazo, o Teatro do Barrio, pretende ser máis que un teatro. Quere ser un lugar onde moitas persoas se xunten para imaxinar outra forma máis xusta e placentera de habitar o mundo ...

Un mundo dominado por un sistema?

O sistema creara unha extensa rede de dependencias para que sentises que ou estabas dentro do sistema ou estabas morto. É dicir, que ou eras capaz de comprarche un piso, ter un traballo fixo, etc. ou a túa vida corría perigo. Neses últimos anos foi este mesmo sistema o que deixou sen traballo e sen casa a miles e miles de persoas, expulsándoas. Tralo impacto brutal do baleiro, moitas desas persoas comezaron a darse conta de que fóra do sistema ... está a vida, aínda que moitos xa perderon a súa vida por esta brutal exclusión.

Cal pode ser a solución a unha situación de colapso como a que estamos vivindo?

Nunca a solución á situación actual poderá ser volver ao que tiñamos, volver ao sistema, volver a un falso benestar, a unha falsa democracia. Unha democracia de aparencias patrocinada polos préstamos bancarios. O realmente apaixonante e revolucionario é atoparnos neste momento coa necesidade ineludible de comezar a construír algo novo. O novo que inventemos deberá nutrirse de todas as experiencias de emancipación anteriores. E, sen dúbida, terá moitos elementos do anarquismo, do comunismo e do socialismo, pero será algo novo, recoñecendo quizá a nosa débeda cunha das sensibilidades máis perseguidas, ignorada e desprezada, como é precisamente, o anarquismo. O que moitos demandamos nestes momentos é que nos deixen gestionar nosa propia vida en común. Recuperar nosa propia capacidade para facelo ben, para facernos ben, por nós mesmos.

Cal debe ser o papel da cultura nun contexto de alienación crecente e onde se nos anima a fuxir do medo a través de paraísos virtuais?

A cultura significa unha mirada crítica sobre o mundo. A cultura é fundamental para romper o muro da ignorancia. E cando rompemos ese muro da ignorancia, o medo deixa de ser un valor inexpugnable.

Por que un teatro de barrio na era da globalización?

Para nós o concepto de barrio é un concepto universal. O barrio son os barrios, calquera barrio, porque o barrio son as rúas e as casas, pero sobre todo somos as persoas.

Por que esta proposta é diferente?

Porque a nosa proposta é claramente de loita, reivindicación e pracer desde a propia autoxestión. Axuntamos para iso calidade artística e coherencia. Somos unha cooperativa onde tomamos as decisións de xeito horizontal.

É o Teatro do Barrio o teatro de Alberto San Juan?

Para nada. Eu levaba toda a vida desexando ter un lugar para facer teatro. Un teatro político, un teatro con humor. Finalmente, tiven a sorte de atoparme cun grupo de amigos cos que creamos o equipo impulsor, onde están persoas como Cote Romero, Mario Sánchez-Herrero, Iñaki Alonso ... que xa acumulaban importantes experiencias creando comunidade, nova economía ...

Que proxectos emergerán neste teatro?

Haberá teatro, haberá música, poesía, debate político directo, vaise a poñer en marcha unha universidade do barrio cuxo academicismo será a antíteses do aburrimento. Aquí o pensar xuntos, emprender accións xuntos terá un sentido lúdico. Podemos pasárnolo ben cambiando o mundo, aínda que ... por suposto, hai moitos elementos tráxicos na situación actual.

Por J. V. Barcia Magaz, publicado no xornal 'La Marea', 9 de Decembro de 2013

[*] Alberto San Juan Guijarro - Cañamares, 1968, é actor.


MásPúblico sociedade cooperativa - Licenza CC BY-SA 3.0.

__________________