Amosando publicacións coa etiqueta Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA. Amosar todas as publicacións

sábado, xaneiro 15, 2022

Deseucaliptización no 'Monte do Estado' na Graña (Ferrol) - Convocatoria ao voluntariado ambiental, para participar o 22 de xaneiro


Deseucaliptización no Monte do Estado na Graña 22 de xaneiro

O día 22 de xaneiro as Asociacións de veciños de San Felipe - San Cristobal, Brión e A Graña convócannos a erradicar eucaliptos no "Monte do Estado" na Graña.

O "Monte do Estado" alberga, rodeada de eucaliptos, unha das mellores fragas autóctonas do Concello de Ferrol, sendo frecuentada nos seus paseos pola veciñanza da contorna. Ante o perigo que supón para a súa continuidade e a rexeneración natural da fraga a cantidade de rebrotes de eucalipto e novos eucaliptos de semente, as asociacións convocadoras solicitaron permiso de actuación ós titulares do monte (A base naval da Graña), que mesmo ofreceron a colaboración do seu persoal na xornada.

Punto de partida

O punto de encontro será diante da AAVV Castelao de Brión ás 9:00 h da mañá (Ir ao mapa).

Inscripción


Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista no seguinte enlace http://verdegaia.org/brigadas/formulario-de-inscricion-como-brigadista (por cuestión do seguro de accidentes, sen custe nin obriga algunha) mandar confirmación (wasapp ou chamada) ao 650 07 46 88 (Carlos) antes do 20 de xaneiro para coordinar á cantidade de xente participante.

Aviso

As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e guantes de traballo, a ferramenta a usar será o machado, agradécese a quen poida que traia o propio aínda que a organización disporá dalgúns para quen non teña.

A area de traballo ten bastante pendente polo que formaremos dous grupos, de modo que as persoas con menor capacidade física ou menos costume de traballo no monte poidan traballar na área menos pendente.

Despois da actuación sobre ás 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo, (Caldo, empanada, tortilla) para iso e por motivos covid cada persoa terá que traer o seu propio vaso, prato e cubertos, quen teña algún tipo de restrición alimentaria que avise no momento de apuntarse.
 
VÉMONOS NO MONTE!!!!

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu
 
Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
12 de janeiro de 2022 10:49

_______

xoves, setembro 23, 2021

No contexto da XVI Limpeza simultánea de ríos, este domingo 26 de setembro, a asociación Betula un ano máis, colaborara na limpeza do no noso malparado río Baa


Un ano máis colaboramos ca limpeza simultánea de ríos, insistindo no noso malparado río Baa.

ESTE DOMINGO 26 DE SETEMBRO DENDE AS 10,30 ATA AS 13.30.

O punto de encontro será fronte a nave de Salvamento marítimo, no polígono industrial Vilar do Colo.

Podedes anotarvos vía correo: custodia.betula@gmail.com

Indicando nome e apelidos e mais DNI das persoas participantes maiores de idade.

Os menores deben de ir acompañados dun adulto.

Recomendable levar botas de auga ou calzado impermeable e luvas resistentes

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR,

un pouco do voso tempo para unha boa acción medioambiental. Agardámosvos.

Proxecto Ríos

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
22 de setembro de 2021 18:13

_______

mércores, setembro 01, 2021

Concentración no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume), o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30hs, punto de encontro dos roteiros reivindicativos contra os proxectos de parques macroeólicos e na defensa do rural - Betula participará no roteiro que parte desde a Alameda do Eume parroquia de Ombre (Pontedeume)

Concentración no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume), o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30hs, punto de encontro dos roteiros reivindicativos contra os proxectos de parques macroeólicos e na defensa do rural.

Betula participará no roteiro que parte desde a Alameda do Eume parroquia de Ombre (Pontedeume), no Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h.

Dende hai varios meses vense producindo unha considerable alarma social motivada polos proxectos de instalación indiscriminada de macroeólicos en diferentes espazos naturais de Galicia. A envergadura destas estruturas de 250 m de altura, provoca impactos irreversibles na paisaxe, na flora, na fauna e no patrimonio arqueolóxico e etnográfico. Tamén na vida, economía e saúde das comunidades do rural, xa mermadas por outras circunstancias.

A Asociación Betula de custodia do territorio non pode permanecer indiferente ante esta agresión especulativa ao medio natural amparada nunha falsa transición enerxética. Necesitamos enerxías limpas, pero non así.

Á parte das alegacións masivas que se están a presentar, varias asociacións e plataformas convocan unha concentración en Caaveiro, nas Fragas do Eume, o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30 h, para facer visible este rexeitamento aos proxectos en marcha.

Betula, con moito esforzo, conseguiu adquirir en propiedade máis de 14 ha. nas Fragas do Eume, que trata de conservar e mellorar. Por iso se suma á convocatoria, pola conservación do patrimonio natural, nesa xornada e contribuír a evitar unha nova degradación deste extraordinario espazo.

As persoas participantes deberán achegar nome (custodia.betula@gmail.com), apelidos, DNI e Tel. para organizar a xornada e cumprir co protocolo Covid. Os menores irán acompañados de adulto. Data límite para apuntarse 3/09/21, ás 14:00 h.

O lugar de encontro será o Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h. Feito o reconto, dende alí accederemos en vehículos á zona de Fornelos (onde Betula ten propiedades) e logo faremos o último tramo (uns 3 km.) camiñando ata o Mosteiro para encontrármonos cos restantes participantes.

Limodre, 26 de agosto de 2021


BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Foto: Mosteiro de Caaveiro - Xulio Barreiro.

"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
26 de agosto de 2021 20:54

_______

mércores, xuño 30, 2021

Roteiro polo lugar do Saguiñedo (Monfero) onde aínda se atopan fragas primitivas sen apenas alteracións - Domingo 4 de xullo


O vindeiro domingo 4 de xullo a Asociación Betula organizará unha andaina nun recanto pouco coñecido das Fragas do Eume. Trátase do lugar de Sanguiñedo (Monfero) onde aínda se atopan fragas primitivas sen apenas alteracións.

É necesario anotarse previamente enviando nome completo e DNI a custodia.betula@gmail.com antes do sábado 3 de xulio.

Mais información clicando no cartaz para ampliar.

Vémonos no monte !

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
29 de junho de 2021 09:10

_______

mércores, xuño 23, 2021

Roteiro polo Marraxón este sábado 26 de xuño, organizado por Betula - Asociación Custodia Bosque Atlántico

ROTEIRO POLO MARRAXÓN ESTE SÁBADO 26 DE XUÑO

Subiremos ao monte Marraxón e desfrutaremos das fermosas vistas do lugar e achegarémonos a parcela na que se plantaron uns bidueiros para ver como evolucionan.

Animádevos a participar !

Mais información clicando no cartaz para ampliar.

Vémonos no monte !

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
23 de junho de 2021 16:31

_______

domingo, maio 02, 2021

Asociación Betula, xunto con outras organizacións, posiciónase no rexeitamento a instalación dun macroparque eólico en montes da costa de Ferrol, por entender que suporía un gran deterioro medioambiental

Ante a solicitude por parte da empresa LAN2030 S.L. para a instalación dun macroparque eólico no concello de Ferrol (montes do Chá, Mougá e monte da Lagoa), en lugares de costa de gran valor natural, patrimonial, social e paisaxístico; a Asociación Betula, xunto con outras organizacións, posiciónase no rexeitamento a este proxecto por entender que suporía un gran deterioro medioambiental para a comarca de Ferrol. O escaso lucro económico e a nula enerxía que deixaría na comarca, non compensarían os danos irrevocaveis (54 mámos afectadas, destrución de acuíferos, fontes, traídas veciñais; ruído constante da pas, efectos sobre a avifauna, etc.) producidos pola súa instalación (accesos, desmontes, movementos de terras, muíños de 200m de altura, liñas de alta tensión, etc.).

Entendemos que é moi importante a divulgación entre a cidadanía de toda a información referida a este proxecto de cara a conseguir un amplo coñecemento das consecuencias derivadas da instalación deste macroparque eólico.

Adxunto enviamos diferentes documentos que explican gráfica e textualmente a realidade desta tipo de actuacións, que sendo locais, encádranse dentro dunha auténtica avalancha de parques eólicos en Galicia. Consultar Rede Galega Stop Eólicos; tamén, con tempo, podedes ver un interesante vídeo en Youtube: Roxin Roxal. Que pasa no monte do Gato?

 ✅ Texto ao Pleno do Concello de Ferrol, solicitando do mesmo, o rexeitamento ós proxectos de parques eólicos no termo municipal de Ferrol, polo seu inasumíbel impacto no patrimonio arqueolóxico, natural e na paisaxe da costa ferrolá, sen xerar beneficios ningúns para o conxunto da cidadanía e a veciñanza | 23 de abril de, 2021 | Acceder/Baixar.










Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
28 de abril de 2021 22:50

_______

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

_______

luns, xaneiro 04, 2021

Un ano difícil, mais Betula (Asociación Custodia Bosque Atlántico) desenvolveu unha intensa e importante actividade, na defensa do territorio

A piques de rematar este 2020 de tantas incertezas e dificultades, e a pesar das mesmas, a Directiva de Betula seguiu a traballar no seu obxectivo principal: a custodia e posta en valor do noso patrimonio. Un patrimonio que durante o transcurso dos séculos, e especialmente nestas últimas décadas, se veu desprezado, minusvalorado e denostado; tanto por aqueles que se servían del, como dos que nen sequera o coñecían, chegando a un deterioro que nalgúns casos fai difícil a sua recuperación.

Somos un pobo cun gran patrimonio cultural, natural, paisaxístico e etnográfico, pero que para a maior parte da poboación é un completo descoñecido.Temos una historia que se remonta ao principio dos tempos e que se ve reflectido nos restos arqueolóxicos, na nosa lingua ou nas lendas e contos que son o vestixio do noso pasado e as pegadas que as antigas civilizacións foron deixando ao seu paso polas nosas terras. É por iso que temos castros, mámoas, murallas, castelos ou pazos; temos lendas, contos, mitos, ritos ou seres mitolóxicos; temos una flora e fauna cunha diversidade, variedade e variabilidade biolóxica envexable por outros pobos.

Malia as circunstancias excepcionais que vivimos este ano, que nos obrigaron a alterar o calendario e organización do noso programa anual de actividades, logramos manter as súas liñas xerais e conseguimos levar a cabo a meirande parte delas:

  • Compra de terreos nas Fragas do Eume (adquisición de fincas cunha superficie total de 50.473m).
  • Compra de dúas estacións meteorolóxicas para avaliar os efectos do cambio climático na flora e fauna das Fragas.
  • Compra de maquinaria e ferramentas necesarias para desenvolver as actividades programadas.
  • Charla e roteiro das bolboretas do Eume.
  • Charla e roteiro dos morcegos. Redes.
  • Limpeza simultánea de praias. Seselle.
  • Roteiro-convivencia polo Marraxón. Fene.
  • Xornada de deseucaliptización en Montefaro.
  • Restauración forestal e paisaxística no monte Marraxón. Comunidade de montes de Sillobre. Fene.
  • Participación nas Xornadas de Parques Naturais do CEIDA. Sta, Cruz. Sada.
  • Participación no curso sobre fieitos do CFEA. Guísamo.
  • Xornada de propostas cara á declaración dun ENIL na zona de Montefaro.
  • Sinatura de dous convenios de custodia con particulares.
  • Xestión con concellos e sociedades cara a dotármonos dun local social e oferta de convenios de custodia e formación medioambiental.
  • Visitas e asesoramento a fincas de particulares sobre restauración forestal.
  • Visita a finca experimental e de compostaxe de ASPANAES. Fene.
  • Reforzó da directiva con novas incorporacións.
  • Xestión da web e redes sociais.

Cómpre ademais facer fincapé noutras tarefas levadas a cabo, que, malia non teren visibilidade de cara ao público, requiren de moito esforzo e abondosas xestións por parte de Betula, e que resultan imprescindibles para a consecución dos fins da entidade. Dentro destas outras xestións poderiamos destacar as entrevistas cos/as titulares das fincas a adquirir ou das terras onde se fan as actividades, os desprazamentos aos terreos, a documentación, …, ou tarefas de carácter administrativo relacionadas co plan de actividades, investimentos e actuacións en Parques Naturais.

Así mesmo, queremos agradecer a labor de tódolos/as voluntarios/as que colaboraron na consecución dos obxectivos ao longo de todo este ano, así como dos/as participantes nas actividades desenvolvidas.

¡¡Grazas, porque sen vós non sería posible!!

Seguiremos loitando para que o noso patrimonio consiga o recoñecemento que se merece acorde coa súa riqueza e para que as galegas e os galegos aprendamos a valorar o que é noso.

FELIZ ANO 2021!!!

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
30 de dezembro de 2020 12:30

_______

xoves, febreiro 13, 2020

Asemblea Xeral Anual, de Betula (Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico) a celebrar o domingo 23 de febreiro, ás 10 da mañá, no local da Tenencia, en Redes (Ares)


Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, Betula

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

Consonte co establecido nos Estatutos da Asociación e na lexislación vixente sobre asociacións, a Xunta Directiva, na reunión do 7 de febreiro de 2020, acordou convocar a Asemblea Xeral Anual a celebrar o vindeiro domingo 23 de febreiro de 2020, ás 10:00 h. en primeira convocatoria e ás 10:30 h. en segunda convocatoria, no local da Tenencia, en Redes, coa seguinte ORDE DO DÍA:

🔽 1. Presentación da memoria de actividades e da memoria económica correspondentes ao exercicio 2019.

🔽 2. Proxecto de actividades 2020.

🔽 3. Propostas relacionadas co Plan de actividades 2020.

🔽 4. Propostas relacionadas coa xestión da Asociación e a dinámica da Xunta Directiva.

🔽 5. Pedimentos e preguntas.

NOTA: A Xunta Directiva agradece a asistencia e participación na Asemblea de todos e todas. É a mellor ocasión para achegar suxestións e afortalar este proxecto que nos ilusiona a tod@s. A memoria de actividades acompañarase dunha pequena proxección como resumo anual das principais actuacións.

Ao remate ofreceranse uns petiscos de benvida aos novos socios, socias e persoas asistentes.

E-mail: custodia.betula@gmail.com

Redes, 9 de febreiro de 2020

O secretario.

Asdo.: César Martínez Yáñez

Asociación Custodia Bosque Atlántico 'Betula'custodia.betula@gmail.com
http://betula-atlantico.eu/

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
10 de fevereiro de 2020 10:41

_______________

luns, maio 27, 2019

Xornada voluntariado deseucaliptización, convocada pola Asociación Custodia Bosque Atlántico Betula, o 1 de xuño na parcela de Betula nas Fragas do Eume - Hai que anotar-se con antelación


Xornada voluntariado deseucaliptización


Dende que Betula accedeu por doazón á titularidade de dúas parcelas nas Fragas do Eume hai máis  de dous anos, estableceu como prioridade a eliminación dos 350 pés de eucalipto que invadían este fermoso espazo de bosque atlántico. Conseguiuse a tala, non sen dificultades, tratando de non danar a vexetación orixinal. A segunda tarefa era eliminar os rebrotes sen sermos agresivos nun terreo con  forte pendente e un alto grao de humidade. Tamén se conseguiu coas orientacións técnicas do socio Jorge que recomendou a cubrición dos cepos con plástico negro para evitar a luz e favorecer os fungos saprófitos. Feita a correspondente comprobación, xa é hora da retirada definitiva dos plásticos, que cumpriron a función agardada.

É polo que Betula convoca para o día 1/06/2019 a derradeira xornada de deseucaliptización nestas parcelas, sumándose así á convocada para o 8/06/19 a nivel xeral e agardando unha boa participación de voluntariado.

Concentrarémonos ás 10:00 h. no Centro de Acollida de Visitantes de Ombre (Pontedeume) e remateremos a actividade ás 13:30 h. Para participar é necesario inscribirse, achegando os datos persoais (nome completo e DNI) a Lan, tel. 605355650 antes do 31/05/19. Precísase calzado axeitado e luvas.

Asociación Custodia Bosque Atlántico 'Betula'custodia.betula@gmail.com
http://betula-atlantico.eu/

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
26 de maio de 2019 13:08
________________

domingo, maio 19, 2019

Andaina II: Roteiro pola Costa de Ares, con Betula, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, este sábado 25 de maio


Andaina II: Roteiro pola Costa de Ares, con Betula,  Asociación Custodia Bosque Atlántico


Seguimos avanzando no programa anual de actividades, nesta ocasión, coa programación dunha andaina pola costa de Ares, dende Cervás ata a vila de Ares o sábado 25 de maio. Trátase doutro tramo de costa da península de Bezoucos de grande interese natural, paisaxístico e arqueolóxico. O percorrido será duns sete quilómetros e dificultade media baixa.

Partirá do aparcadoiro do cemiterio de Cervás e rematará na vila de Ares seguindo o carreiro costeiro.

Saída ás 10:30 h. e remate sobre as 14:00 h. en Ares.

Ao longo da mesma diferentes especialistas irán explicando as singularidades que presenta no que se refire a flora e fauna, arqueoloxía, etc. Tamén sobre ameazas e valores a preservar.

A inscrición gratuíta farase achegando os datos persoais: Nome, apelidos e DNI a Lan, Tel. 605355650, antes das 22:00 h. do 23/05/19, a efectos de formalizar o correspondente seguro.

Os menores irán acompañados dun adulto responsable.

Limodre, 18 de maio de 2019

---
BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

A Custodia do Territorio consiste nunha serie de ferramentas e accións para concienciar aos propietarios e usuarios do territorio no seu coidado e posta en valor.

Na asociación xuntámonos xentes preocupadas pola perda dos valores naturais do territorio galego e que consideramos insuficiente o desempeño que as diferentes administracións públicas fan das políticas medioambientais, forestais, territoriais e urbanísticas, e tentamos melloralo coa nosa actividade:

⏩ Conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico utilizando como instrumento principal a Custodia do Territorio.

⏩ Realización de estudos científicos e culturais, congresos, cursos, xornadas, publicacións, etc.

⏩ Acceso á xestión do territorio mediante a adquisición de terreos ou dos seus dereitos de xestión, alugueres e/ou formalización de acordos de custodia.

⏩ Seguimento e avaliación das especies e espazos prioritarios.

⏩ Colaboración e/ou participación con entidades públicas ou privadas na Realización e fomento de actividades de custodia.

http://betula-atlantico.eu/

Facebook | Twitter

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
18 de maio de 2019 17:35

____________

martes, abril 23, 2019

Pequenos e maiores daranse cita na Festa da Horta, impulsada pola Agrupación Instrutiva - Pequenos e maiores teñen unha cita o vindeiro sábado 27 de abril na Horta de Quinín (Caamouco - Redes - Ares)


Pequenos e maiores daranse cita na Festa da Horta, impulsada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco


Pequenos e maiores teñen unha cita o vindeiro sábado 27 de abril na Horta de Quinín. A Agrupación Instrutiva de Caamouco organiza alí a Festa da Horta, un evento educativo e de lecer co que se pretende dar vida á parcela e fomentar a implicación da veciñanza no seu desenvolvemento. A xornada ten un carácter festivo e divulgativo. Todas as actividades son de balde e non se precisa inscrición previa. O programa previsto contempla diversas actividades e xogos para toda a familia, para que os nenos e nenas interactúen coa contorna coa axuda dos seus pais ou nais.

A xornada vai arancar ás 11 horas cun obradoiro de 'Hoteis para insectos'. Cada un dos nenos e nenas que participen poderán construír o seu propio aloxamento para bechos, tomando conciencia da súa importancia no medio natural. Ao remate poderán levar o seu hotel para a casa.

Acto seguido terá lugar o 'Xogo-labirinto da natureza', unha divertida proba na que os nenos e nenas, axudados dos maiores, deberán dar resposta a unha serie de incógnitas agochadas na horta ou nos seus arredores.

Unha vez rematado este xogo e para repoñer forzas, será a quenda do 'Que é que da nosa horta?', un xogo no que os pequenos, de novo axudados polos adultos, deberán poñerlle nome aos diferentes apeiros e utensilios que se empegan nunha horta tradicional. 

Para poñer o broche final a esta xornada terá lugar a plantación dunha maciñeira. Este acto simbólico pretende evidenciar a importancia das árbores e a necesidade de coidar e respectar o noso medio natural.

A Festa rematará cuns pinchos para todas as persoas que asistan e xogo libre para toda a rapazada.

Agrupación Instrutiva de Caamouco

http://www.caamouco.net/

Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA

http://betula-atlantico.eu/

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
23 de abril de 2019 15:4

__________

venres, abril 12, 2019

Betula de Custodia Bosque Atlántico organiza este sábado 13 de abril, o roteiro 'Camiños Senlleiros', pola banda sur da Ría de Ferrol

ROTEIRO “CAMIÑOS SENLLEIROS”


A andaina percorrerá a zona costeira do interior da ría de Ferrol. Partirá da enseada da Barca, no Seixo (Mugardos) ás 10:00 h. e rematará sobre as 14:00 h. na zona do Carril (Barallobre).

Ao longo da mesma diferentes especialistas irán explicando as singularidades que presenta no que se refire á flora e fauna, arqueoloxía, riqueza marisqueira, tipoloxía urbana do Seixo, ameazas e valores a preservar.

Pedro Cruzado: aves de invernada e vexetación de ribeira.

Jerónimo Bouza: Xacementos arqueolóxicos e tipoloxía urbana.

Cesio: A riqueza marisqueira da ría e os impactos que a condicionan.

Serán uns catro quilómetros de dificultade media Baixa. Polo que poden asistir nenos, Iso si, acompañados dun adulto responsable.


Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA, unha entidade que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

custodia.betula@gmail.com

http://betula-atlantico.eu/

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
10 de abril de 2019 09:56

____________

mércores, setembro 26, 2018

Móllate polos ríos, este domingo 30 de setembro que terá lugar a Xornada de Limpeza Simultánea de Rios que desta vez será no Rio Castro - O punto de encontró será na Asociación Veciñal de Limodre (antiga escola) ás 10:30hs - Participa - Enlaces de interese


O próximo domingo 30 de setembro, como todo-los anos por estas datas,terá lugar a Xornada de Limpeza de Rios. Actividade que esta vez realizaremos no Rio Castro.

O punto de encontro será na Asociación Veciñal de Limodre (antiga escola) ás 10:30hs.

Aínda que non é imprescindíbel a inscrición,era ben comunicásedes a vosa asistencia para facermos previsión do material necesario. Tlf.651884692 // 6053555650.

Proxecto Ríos

http://proxectorios.org/

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

Xa 108.995 m2 en custodia, coa túa participación e colaboración teremos máis, apúntate agardamos por ti. | Ir á Web.

contacto@betula-atlantico.eu

http://betula-atlantico.eu/

facebook | twitter

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
25 de setembro de 2018 11:27

_________________

mércores, xuño 20, 2018

Roteiro: 'As Fragas do Eume, refuxio guerrilleiro' - Xornada de 'mergullo nas Fragas', un roteiro pola fraga até o refuxio de Suapena, o domingo 1 de Xullo de 2018 - Hai que anotar-se antes do martes 26 de xuño


Roteiro “As Fragas do Eume, refuxio guerrilleiro”.

Xornada de “mergullo nas Fragas”, un roteiro pola fraga até o refuxio de Suapena.

Domingo 1 de Xullo de 2018

Punto de encontro: Aparcadoiro do estanco da Lavandeira (Cabanas)

A dificultade é media: Os menores deben ir acompañados por un adulto.

Desplazarémonos en vehículos ata Xabaris, e den alí, farase o resto do roteiro camiñando uns 3km. á zona do Xardín, n'As Fragas.

Xosé Manuel Sardiña achegará comenta sobre o terreo.

Recoméndase levar auga e algo sólido para recuperar forzas.

Prevese o regreso a Lavandeira sobre às 14:00.

Lembrar que hai que anotar-se antes do 26 de xuño no tlf. 605355650 (Lan).

BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Terra.

Betula, forma parte da Rede Galega de Custodia do Territorio.
http://betula-atlantico.eu/

Estamos no facebook e no twitter.

Escribe a:
custodia.betula@gmail.com

O se prefires chamarnos:
Inténtao no (+34) 651 884 692 ou (+34) 605 355 650

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
19 de junho de 2018 10:51

domingo, febreiro 19, 2017

Asemblea Xeral da asociación Betula para a custodia do bosque atlántico - Domingo 19 de febreiro de 2017, ás 10:30hs, no local da Tenencia, en Redes


A asociación Betula para a custodia do bosque atlántico, dentro da estratéxica xeral da de defensa do territorio prende contribuír á mellorar o medio ambiente.
"Vemos acotío agresións medioambientais que ao alteraren os equilibrios van minguando a biodiversidade e levan, porén, a unha nova extinción planetaria ante a que non queremos nin debemos permanecer impasibles. Como colectivo organizado non podemos caer no pesimismo  e concluír que é imposible reverter a situación. Pola contra, as propostas que sexamos quen de levar adiante en conxunto son chanzos que frearán e mellorarán unha degradación que prevemos reversible. De aí que sexa imprescindible a túa participación activa na asociación, así como o activismo na difusión dos nosos obxectivos e en acadar cada día un maior número de socios e socias  comprometidos con esta tarefa".
Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, Betula, acordou convocar a Asemblea Xeral a celebrar hoxe domingo, 19 de febreiro de 2017, ás 10:30hs, no local da Tenencia, en Redes (Ares), onde se tratarán os seguintes puntos:
  1. Presentación das memorias de actividades e económica correspondentes ao exercicio 2016.
  2. Proxecto de actividades 2017.
  3. Informe sobre a xestión das contas bancarias.
  4. Actualización de socios segundo o establecido nos estatutos: altas e baixas.
  5. Funcionamento e competencias da Xunta Directiva.
  6. Novas propostas de colaboración con entidades, particulares e empresas acordes co articulado dos estatutos.
  7. Pedimentos e preguntas.
Correo-e: custodia.betula@gmail.com

Páxina no Facebook:
https://www.facebook.com/betulacustodia/

Conta Twitter:
https://twitter.com/BetulaCustodia

#Betula

Enderezo Betula:
O Campanario, 13
15627 Limodre – Fene
A Coruña
____________

sábado, setembro 10, 2016

Betanzos acolle a V Semana de Custodia do Territorio Fragas do Mandeo, o GDR Mariñas-Betanzos e varias asociacións da bisbarra programan a súa celebración para a segunda quincena de Setembro - Nas nosas comarcas está constituída unha entidade similar ás que organizan esta quinta semana, trata-se da asociación para a custodia do bosque atlántico 'Betula'


A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas, expóñense experiencias e realízanse actuacións co obxecto de difundir entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e para promover a súa preservación a través da custodia do territorio. Desde Ártabra 21 chamamos a participar, neste tipo de iniciativas, tan necesarias, non só para salvar a nosa biodiversidade, ou zonas sensíbeis, humidais, cabeceiras de rios, fontes, especies da flora autóctona, ou a fauna en perigo; senón que tamén unha loita contra o acaparamento de terras por parte das multinacionais, recuperar o valor do rural e do monte, a loita contra desmesurada plantación de eucaliptos e piñeiros... e como unha actividade saudábel e en defensa da natureza e o ben común. Nas nosas comarcas do noroeste (Ferrolterra, Eume e Ortegal), está constituída unha entidade similar ás que organizan esta quinta semana, trata-se da asociación para a custodia do bosque atlántico 'Betula' que leva poucos anos en acción, mais que xa ten baixo a súa custodia algunhas hectáreas de zonas a protexer e coidar. Quen queira contribuír, doando ou deixando terras, participando ou axudando, pode face-lo, poñendo-se en contacto coa entidade:

correo-e: custodia.betula@gmail.com                         
twitter: @betulacustodia
Facebook: facebook.com/betulacustodia

Betanzos acolle este mes a V Semana de Custodia do Territorio Fragas do Mandeo, o GDR Mariñas-Betanzos e varias asociacións da bisbarra programan a súa celebración para a segunda quincena
.

Entre o 17 e 25 de setembro de 2016

A Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos programan a celebración da V Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre o 17 e 25 de setembro. O programa inclúe conferencias, actividades de voluntariado ambiental e unha eco-regata para a mellora dos espazos naturais da reserva da biosfera.

A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas, expóñense experiencias e realízanse actuacións co obxecto de difundir entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e para promover a súa preservación a través da custodia do territorio. Esta fórmula de protección do patrimonio natural permite á cidadanía comprometerse directamente na conservación da natureza local mediante accións de voluntariado e de patrocinio, así como a propietarios de fincas e montes que formalizan acordos de custodia.

A edición deste ano leva o título Recuperando espazos naturais mediante a custodia do territorio. A primeira das actividades será o sábado día 17 de setembro pola tarde, para cando está programada a eco-regata na ría de Betanzos, data escollida para que coincida ben a marea. Esta actividade deportiva e lúdica consiste en competir pola recollida de lixo no xuncal. Será a súa terceira edición; na do 2015 os refugallos recollidos encheron dous contedores industriais (un volume total de 16 m3 ). Comezará ás 16:00 horas no porto de Betanzos, onde se recibirá ós voluntarios, lanchas e piraguas que se teñan inscrito. A saída das embarcacións cos seus equipos de voluntarios será inmediatamente en canto rematen as inscricións; a chegada está prevista para as 20:00. Haberá premios para os tres primeiros gañadores. Paralelamente, no porto haberá actividades infantís, música, comida e bebida.

Fernando Bandín:
O estado dos espazos naturais da bisbarra é manifestamente mellorable. Hai refugallos no xuncal que levan décadas no mesmo sitio. Ninguén os retira e xunto a eles van amoreándose os que día a día traen as mareas ou baixan polo río. Se non hai campañas oficiais para retiralos, os veciños debemos organizarnos para afrontar este problema na medida das nosas posibilidades”.
O domingo día 18 pola mañá haberá unha actuación de voluntariado ambiental para eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño). Por quinto ano, os participantes poderán axudar a conservar o mellor hábitat dunar presente no espazo natural protexido Betanzos-Mandeo.

A xornada de conferencias será o sábado 24 pola mañá no Liceo de Betanzos, estando invitados á súa apertura o alcalde da vila, D. Ramón García, e o presidente do GDR Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso. Ó longo da mañá, cinco especialistas abordarán aspectos importantes para a recuperación do bosque autóctono e das zonas húmidas. A intervención dos doutores da Universidade de Santiago D. José Guitián, D. Javier Amigo e D. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, permitirá coñecer en detalle a composición florística das fragas do Mandeo e a interdependencia entre a fauna e as árbores autóctonas. Na segunda parte, o Dr. Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN, expoñerá exemplos de recuperación de hábitats húmidos e D. Juan Neira, secretario do padroado de Fragas do Mandeo, os avances na creación da reserva de anfibios do Catorce (Coirós).

Fernando Bandín:
Os anfibios son o grupo animal máis ameazado do planeta. Sofren a destrución e contaminación dos seus hábitats, a introdución de especies exóticas invasoras e a aparición de enfermidades que acaban con eles, todo elo agravado co cambio climático. Por ese motivo temos a responsabilidade de velar pola conservación das poboacións locais. A mellor maneira de facelo é garantíndolles hábitats húmidos en bo estado de conservación para que desenvolvan con éxito o seu ciclo vital”.
O domingo día 25 será cando celebre Fragas do Mandeo a limpeza simultánea de ríos en toda Galicia promovida polo Proxecto Ríos (aínda que a xornada foi adiada unha semana por causa das eleccións, Fragas do Mandeo mantena para o día 25 por motivos organizativos). Dependendo do número de voluntarios que participen, repartiranse os equipos por distintas zonas do río Mendo para recoller canto refugallo atopen ó longo da mañá. O ano pasado participaron 54 entidades, e os 691 voluntarios recolleron 13,5 toneladas de lixo.

Fernando Bandín:
Durante todo o ano gozamos do río Mandeo e da ría de Betanzos. Son espazos de lecer onde paseamos, observamos a natureza, facemos deporte ou celebramos festas. Xa que logo, temos unha débeda pendente, e nada mellor que pagala dedicándolles un día ó ano no que fagamos algo práctico para mellorar o seu estado de conservación”.
Fragas do Mandeo anima a todo o mundo a participar e inscribirse nas actividades chamando ó teléfono 981 669 541 ou dirixindo un correo electrónico cos seus datos persoais a info@marinasbetanzos.org. O programa completo pode descargarse en www.fragasdomandeo.org

A V Semana de Custodia está organizada por Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que a financia na súa totalidade. Na organización da eco-regata tamén participan diversas asociacións locais. En distintas actividades colaboran os concellos de Betanzos, de Coirós e de Miño.

Fragas do Mandeo: É unha entidade de custodia do territorio non gobernamental e non lucrativa. Ten creado o fondo de conservación da natureza da comarca de As Mariñas, que lle permite adquirir fincas de interese ambiental para a protección a perpetuidade dos hábitats naturais. Máis información en www.fragasdomandeo.org

Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: Este GDR foi constituído no ano 2008 coa finalidade de agrupar ás entidades comprometidas co desenvolvemento rural. Xestiona o Programa L EADER 2014-2020 e acadou no ano 2013 a declaración de reserva da biosfera para a bisbarra. Máis información en www.marinasbetanzos.com

Proxecto Ríos: É unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos galegos. Nela participan 299 grupos de voluntarios (asociacións, centros de ensino, particulares...) e organiza este ano a IX edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia. Máis información en www.proxectorios.org

Betanzos, 16 de setembro de 2016.

Fundación Fragas do Mandeo

correo@fragasdomandeo.org

www.fragasdomandeo.org

www.facebook.com/voluntariadomandeo

Fotografías:

Poden solicitarse imaxes a correo@fragasdomandeo.org ou descargarse da cuarta edición para a súa publicación en:

http://www.fragasdomandeo.org/galeria/iv-semana-de-custodia-nas-marinas-corunesas-e-terras-do-mandeo/

Lista de entidades participantes na organización da eco-regata:

Fragas do Mandeo.
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.
Asociación de Amigos dos Ríos de Betanzos.
Asociación Ría do Pedrido.
Sociedade Gastronómica, Cultural, Deportiva e Xuvenil Lar de Unta.
Asociación Cultural Casa Castillo Betanzos.
Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.

PROGRAMA DAS V XORNADAS 2016. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Fragas do Mandeo
-correo@fragasdomandeo.org-
9 de setembro de 2016 22:22
______

venres, decembro 26, 2014

A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico 'Betula' organiza un Roteiro pola Fraga de Mariaqueira


ROTEIRO DECEMBRO, POLA FRAGA DE MARÍAQUEIRA
(Fraga de María Queira)

Sábado 27 de Decembro.

O lugar de encontro será diante do diante da Casa do Concello da Capela (As Neves), ás 10:15 hs. Dirixirémonos en coche até o punto de partida e iniciaremos o roteiro ás 11:00, partindo da Veiga dos Foles e facendo unha rota circular duns 5 Km, pola Fraga de Maríaqueira, unha paisaxe de bosques de caducifolias autóctonas nun estado óptimo de conservación.

Máis información en:
  • custodia.betula[arroba]gmail.com

Organiza: 'Betula' Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico.

Bétula no facebook.

O evento: aquí.

Colaboran:
Verdegaia, ADEGA e SGHN.

Enviado por:
Miguel Ángel Fernández
-miguelafp@gmail.com-
26 de dezembro de 2014 14:2

________