Amosando publicacións coa etiqueta Asturias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Asturias. Amosar todas as publicacións

luns, marzo 26, 2012

Escenario despois da batalla do 25-M: conclusións preliminares, ... Por Filipe Diez - A mantenta da eleccións autonómicas en Andalucia e Asturias

[Resultados para o Parlamento Andaluz]

Por Filipe Diez [*]

26.03.2012

Escenario despois da batalla do 25-M: conclusións preliminares

1. A principal lectura que deixan as eleccións rexionais en Andalucía e Asturias é que Rajoy está a dilapidar o seu crédito cunha rapidez insólita. O presidente do goberno español cumprirá cen días de goberno este xoves –coincidindo nada menos que cunha folga xeral na súa contra– e xa conseguiu nese breve período de tempo derramar as expectativas electorais do seu partido en Andalucía e en Asturias, onde o descenso do partido casquista non vai acompañado dun ascenso do PP. Se algo fica demostrado é que acabou o tempo en que o PP gañaba as eleccións con só sentar a esperar que caesen de maduras.

Rajoy está a dilapidar o seu crédito cunha rapidez insólita

2. Québrase o mito de que a baixa participación produce indefectiblemente maiorías de dereitas. Como ben lembramos en Galiza co gallo do ocorrido en 2009, tampouco unha alta participación garante maiorías de esquerdas. O electorado cada vez é máis maduro e menos predicible, especialmente en contextos de volatilidade económica que necesariamente acaban tendo un reflexo no comportamento electoral.

3. A partir de agora, quen queira gañar eleccións vai ter un arduo traballo por diante. Primeiramente, para convencer a participar a unha cidadanía que cada vez se afasta de maneira máis evidente da política institucional. Así, mentres os votos brancos e nulos diminuíron tanto en porcentaxe como en números absolutos, a abstención disparouse (un 10,5% a máis en Andalucía e un 11% en Asturias), o que indica un deslizamento importante: a protesta deixa de exercerse a través do voto e pasa a exteriorizarse mediante a abstención.

A protesta deixa de exercerse a través do voto e pasa a exteriorizarse mediante a abstención

4. O PP chegou ao seu teito electoral e dá claros sintomas de estancamento. En Andalucía, aumentou a súa porcentaxe en 2,2 p.p. como consecuencia da sangría de votos do PSOE, mais mesmo así perde 170.000 votos (-10%) a respecto das anteriores eleccións autonómicas. En Asturias, gaña 1,6 p.p. perdendo 12.000 papeletas (-10%) e sen lograr capitalizar o descenso do FAC.

5. O crecemento do PP cara ao centro semella ter chegado ao seu fin. Ese sector do electorado, decisivo para compor maiorías, deulle as costas ao PP en Andalucía, o que explica que a caída do PSOE non sexa moito maior; e probablemente tamén en Asturias, aínda que nese caso haxa que esperar enquisas poselectorais para confirmalo.

A viraxe á esquerda xa comezou

6. A viraxe á esquerda xa comezou no Estado español, do mesmo xeito que está a suceder na parte de Europa onde a dereita política aplicou o seu programa de goberno á xestión da actual crise, convertendo primeiro en recesión continental e máis tarde en depresión dos Estados máis vulnerables. A súa consolidación pasará por conseguir atraer boa parte do electorado abstencionista, mais resulta innegable que a esquerda sae do 25-M cunha inxección de moral que hai tempo non tiña e co convencemento de que se lle poden gañar eleccións á dereita. É necesario –e desexable para recuperar apoios perdidos e construír unha hexemonía progresistas duradeira e con capacidade transformadora– que esa vitoria non se cimente só no rexeitamento á profundización nas medidas antisociais adoptadas polo PP senón na adhesión a un programa alternativo de actuación desde o poder. Especialmente paradigmático do novo momento político que hoxe se inaugura é o caso andaluz, xa que IU duplica os seus escanos, recollendo 6 das 9 actas que perde o PSOE e sendo a única forza –das tres que entran no Parlamento andaluz– que sobe en porcentaxe (+4,3 p.p.) e en votos (+37% e 120.000 votos a máis). Tamén en Asturias IU aumenta votos (7.000, un 11% a máis) e porcentaxe (3,5 p.p.), aínda que neste caso só gaña un escano e pasa de 4 a 5. Hai que ter en conta, con todo, que en Asturias o PSOE case non tivo castigo, polo que o incremento de IU mesmo non dando os mesmos froitos que en Andalucía –onde teñen a chave da gobernabilidade– igualmente ten mérito.

7. O cainismo na esquerda non vende nin rende. De feito, a mensaxe clara e rotunda de IU-CA de que en ningún caso permitirían o goberno do PP, renunciando a pinza á moda estremeña, foi esencial para impulsar o trasvase cara a IU dunha parte significativa de (ex)votantes do PSOE.

8. Os movementos rexionalistas/protonacionalistas andaluz e –moi especialmente– asturiano permanecen na irrelevancia electoral. O PA fica por debaixo dos 100.000 votos pola primeira na historia autonómica, mentres que as forzas asturianistas consideradas conxuntamente fican lonxe de chegar nin sequera ao 1% dos sufraxios. En época de crise económica, de recentralización política e de decidir entre un rumbo de esquerdas ou outro de dereitas, os movementos cunha caracterización política débil ou carente de asentamento social suficiente saltan polos aires.

9. UPyD só é unha forza política a ter en conta, ao menos por agora, en macrocircunscricións. O único escano que conseguen é no distrito central de Asturias, que escollía 34 dos 45 que compoñen a cámara autonómica, mais en Andalucía (onde a maior circunscrición é Sevilla, con 18 deputados) fican fóra do Parlamento.

Feijoo ten moitos e serios motivos para preocuparse

10. Feijoo ten moitos e serios motivos para preocuparse. Se adianta as eleccións á primavera, o clima da folga xeral pode levalo por diante. Se as deixa para o outono, terá que gobernar cun orzamento capitidiminuído; e se as deixa para 2013, ponse nas mans de Rajoy e da evolución económica a nivel estatal. Suméselle a todo iso a inxección de moral que as eleccións de hoxe supoñen para o PSOE; o punto de inflexión que pode marcar o 29-M na reconexión entre a esquerda social e a esquerda institucional; e o aumento da oferta electoral galega, que pode provocar a participación de sectores que en 2009 se refuxiaron na abstención. Con todos eses ingredientes, o resultado das Eleccións Galegas está máis aberto que nunca e a certeza –até hai pouco unánime– dunha folgada maioría feijooniana pode esvaírse moi axiña. E xa se sabe que non hai acicate mellor para o voto de esquerdas que a certeza de que se pode gañar.

E pódese, claro que se pode. Se alguén tiña dúbidas, hoxe deberon ficar despexadas.

Artigo publicado en 'Praza Pública' - 26.03.2012

[*] Filipe Diez, é un dos promotores do xornal dixital 'Praza Pública'. Profesor de Lingua e Literatura Galegas, blogger, e editor de Praza Pública.
Blog persoal


Publicada no xornal dixital "Praza Pública - O xornal da Galicia que ven"

Licenza Creative Commons by-sa.

http://praza.com/

___________________