Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BNG. Amosar todas as publicacións

sábado, xullo 16, 2022

O BNG organiza un acto comarcal en Ferrol, para conmemorar o 'Dia da Patria' de 2022, este sábado 16 de xullo, a partir das 12:30 hs no parque 'Carmelo Teixeiro' de Caranza


O BNG organiza un acto comarcal en Ferrol, para conmemorar o Dia da Patria de 2022, este sábado 16 de xullo, a partir das 12:30 hs no parque 'Carmelo Teixeiro' nas inmediacións da Ermida de Santa María de Caranza.

Todos os 25 de Xullo, o BNG conmemora o "Día da Patria" con actos previos en todas as comarcas da Galiza e en moitas cidades na emigración onde hai comunidade galegas, todos este actos culminarán coa gran manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela, baixo o lema "Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha"...

No acto político que se desenvolverá en Caranza participaran:

Mon Fernández, deputado no Parlamento galego.
Noa Presas, deputada no Parlamento Galego.
Iván Rivas, portavoz Municipal.

O acto culminará coa actuación musical de Xoán Padín.

Nova relacionada:

Ana Pontón insta a mobilizarse este 25X a todas as persoas que reivindican Galiza e unha saída da crise “xusta e social” | Destaca que “a principal preocupación do BNG son as condicións de vida dos galegos e das galegas ante a maior crise de prezos en corenta anos” | Presenta a campaña que o Bloque desenvolverá por todo o País con motivo do Día da Patria, co lema Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha. | Ir á Web.

Bloque Nacionalista Galego


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Galiza | Web.

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
13 de julho de 2022 13:37

_______

martes, xuño 21, 2022

Conversas abertas con Ana Pontón en Ferrol, hoxe 21 de xuño, ás 8 da tarde, no Centro Cívico de Canido, tamén coa participación de Iván Rivas


A situación económica que estamos a vivir provoca que as súas consecuencias incidan de xeito directo sobre as costas das maiorías sociais polo que cómpre, máis que nunca, pensar e erguer alternativas.

Son destas propostas e das alternativas do nacionalismo para superar está crise das que queremos falar este martes 21 ás 20 horas no Centro Cívico de Canido xunto a Ana Pontón e Iván Rivas.

Ferrol, a 16 de xuño, de 2022

Bloque Nacionalista Galego


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
16 de junho de 2022 12:56

_______

xoves, marzo 10, 2022

BNG propón a declaración do 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega no 50 aniversario das históricas mobilizacións - Mon Fernández acusa a PP e PSOE de terxiversar a historia e usar a unidade dunha esquerda 'sen fundamento' para rexeitar o recoñecemento


BNG propuxo no Parlamento galego a declaración oficial do día 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega, no 50 aniversario das históricas mobilizacións do sector naval de Ferrol que, ademais das reivindicacións laborais, tiveron por obxectivo en 1972 erosionar o réxime franquista e conquistar liberdades e xustiza social, como ben demostraron as mobilizacións solidarias inmediatamente posteriores en Vigo -nos estaleiros primeiro e logo en Citroen- e do movemento estudantil en Compostela, así como o feito de que tres anos despois, o movemento perduraba nos centros industriais de toda Galiza.

Así o subliñou o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, quen recordou que a represión da policía armada en Ferrol tivo como resultado dous mortos -os traballadores de Bazán, Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García-, e salientou que “ese exemplo de loita que se espallaba pola comarca provocou un salto cualitativo sen precedentes; era claro que os obxectivos políticos transcendía as reivindicacións laborais: a loita pola liberdade e a xustiza social eran a bandeira; a unidade obreira e a solidariedade, a ferramenta”.

Tras recalcar que 50 anos despois o movemento sindical de Galiza segue a conmemorar ano tras ano aqueles feitos e logo de escoitar a PP e PSOE, que avanzaron durante o debate o sentido do seu voto rexeitando a iniciativa do BNG que se vota mañá na Cámara, Fernández recriminou a ámbalas dúas forzas políticas estatais a terxiversación histórica que supón “colocar aquel movemento popular detrás da actual Constitución e detrás do actual Estatuto de Autonomía”.

“Parécelles honestamente que a loita obreira contra a ditadura e polas liberdades pode transformarse nunha defensa acrítica desta Constitución e deste Estatuto de Autonomía? É iso honestidade histórica?”, cuestionou con severidade, para a continuación deixar clara a posición do Bloque: “nós cremos que non”.

Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou á democracia e liberdades, ás condicións de vida e de traballo dignas e á participación efectiva das e dos traballadores como os tres elos da cadea que fai avanzar a sociedade e que sen a organización e a mobilización da clase traballadora, esta para. “E mesmo pode retroceder, que é o que está a acontecer actualmente e que facilita, por exemplo, que o Goberno de PSOE e Unidas Podemos veñan de aprobar unha reforma laboral despois dun ano de diálogo social coa patronal, CCOO e UGT, que comeza por asumir o marco deseñado pola anterior reforma do PP”, censurou.

Logo de advertir que o que faltou durante este ano de diálogo social foi precisamente debate real e mobilización social, Fernández tamén apuntou que esta mesma ausencia de organización e mobilización é a que facilita de igual xeito que, “mentres a luz está en máximos históricos e mentres as grandes enerxéticas rouban a mans cheas, na mesa de diálogo social estea a falarse de contención salarial”. “Nada que ver co espírito do 72”, incidiu.

Ao seu xuízo, todo isto prodúcese sempre coa unidade da esquerda como reclamo, “como argumento para silenciar as discrepancias e diluír os obxectivos en favor da propia unidade, como se fose un ben en si mesma, facendo da unidade da esquerda unha sopa de siglas, unha sopa de letras, sen fundamento”. Nesta liña recalcou que, unha vez máis, “nada que ver co espírito do 72, cando foron os obxectivos e non as siglas dos convocantes, os que conseguiron a unidade obreira” e concluíu deixando claro que o nacionalismo galego nunca reclamou ter un papel protagonista naqueles feitos: “o protagonista foi e é a clase obreira galega”.

#diadaclaseobreiragalega

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de março de 2022 23:27

_______

venres, marzo 04, 2022

Roteiro histórico para conmemorar o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega e lembrar os sucesos e a loita obreira de marzo do 72 na nosa cidade, organizado polo BNG


O BNG PROPÓN UN ROTEIRO HISTÓRICO PARA LEMBRAR O 50 ANIVERSARIO DO DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol invita a participar o vindeiro domingo, 6 de marzo, nun roteiro histórico para conmemorar o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega e lembrar os sucesos e a loita obreira de marzo do 72 na nosa cidade.

Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

O BNG deseñou un roteiro histórico que, partirá ás 11:30 horas da porta de “Bazán” e repasará diversos aspectos relacionados cos sucesos de marzo do 72: a loita obreira, a represión policial, a solidariedade até o significado desta data e os seus logros. Esta actividade estará guiada polo historiador Joam Lopes e contará, ademais, coa participación de persoas que foron protagonistas destes feitos como: Alfonso tellado, Francisco Rodríguez ou Anxo Ferreiro.

Iván Rivas, portavoz nacionalista no concello de Ferrol, indicou que con esta actividade o BNG quere contribuír a que as conmemoracións do 10 de marzo do 72 non se convertan nun muro das lamentacións e sexan uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.

O BNG lembra que a tráxica data do 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
1 de março de 2022 12:44

_______

venres, xaneiro 28, 2022

O BNG impulsa a resolución do Parlamento galego para desbloquear a tramitación no Congreso dun fondo de compensación para as vítimas do amianto en 3 meses - Mon Fernández recorda a urxencia deste instrumento para as persoas afectadas, das que que só en Ferrol hai en seguimento unhas 1.200


BNG acadou o acordo no Parlamento para aprobar por unanimidade unha resolución que inste ao Congreso dos Deputados e Deputadas a desbloquear a tramitación da proposición de lei de creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto nun prazo de tres meses.

Nunha iniciativa defendida na comisión 6ª da Cámara galega, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, recordou que o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, presentou hai xa un par de meses unha solicitude á Mesa da cámara baixa estatal para que peche dunha vez o prazo para a presentación de emendas, prorrogado 20 veces dende que a proposición non de lei fora tomada en consideración o 13 de abril de 2021.

Fernández tamén lembrou que se ben a iniciativa chegou ao Congreso da man do Parlamento vasco, “trátase dunha reivindicación compartida por todas as asociacións do Estado español, e moi especialmente por AGAVIDA, Asociación Galega de Vítimas do Amianto que, xunto coa vasca é a máis importante a nivel estatal por número de persoas afectadas e que leva moitos anos facendo un traballo denodado e intenso de socialización, sensibilización, asesoramento e tamén de denuncia”.

Neste sentido, apuntou que en Galiza aínda poden aparecer moitos casos, segundo os expertos, e indicou que só en Ferrol, “onde os efectos do amianto foron e son devastadores e ten a súa sede a consulta especial do SERGAS para a asbestos, están a facer seguimento a día de hoxe a unhas 1.200 persoas afectadas".

Logo de sinalar o consenso político no Congreso, con excepción de VOX, que invita ao optimismo sobre a creación do fondo, o deputado nacionalista apuntou á necesidade de acelerar a súa tramitación porque as persoas afectadas “literalmente non teñen tempo que perder porque a enfermidade non concede prórrogas”. Así, advertiu que os afectados e afectadas son vítimas de “incumprimentos moi graves en materia de seguridade e saúde laboral e de condutas culposas, tal e como recollen innumerábeis sentenzas e resolucións”.

Fernández indicou que, "dado que o proceso do recoñecemento do dano e reparación económica é longo e complexo, cómpre un instrumento áxil e especializado como existen xa noutros estados da UE ou en Gran Bretaña, polo que considerou fundamental non paralizar a tramitación da creación do fondo. De igual xeito advertiu que, logo das emendas, aínda quedaría pendente o desenvolvemento regulamentario, o que significa que, sendo áxiles, queda moito para que as vítimas vexan satisfeitas as súas demandas”. “Non parece de recibo que os trámites ordinarios se prolonguen más alá do necesario”, subliñou, para concluír manifestando que sería recomendable que no consello reitor do fondo estiveran representadas as asociacións de vítimas, a comunidade científica e os sistemas de saúde das zonas afectadas, no caso galego, do Sergas.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.


BNG


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de janeiro de 2022 20:00

_______

luns, xaneiro 10, 2022

A CIG e o BNG coinciden na necesidade de que o trámite parlamentario sirva para derrogar a reforma laboral - Delegacións das dúas organizacións, cos seus máximos responsábeis á cabeza, mantiveron unha reunión para abordar a nova normativa - Vídeo


O que se aprobou non é unha reforma laboral, senón un cambio lexislativo co que se pretende consolidar a peor versión da reforma do PP

Carril denuncia que estes cambios laborais foron pactados de xeito antidemocrático e excluínte


A CIG e o BNG coincidiron hoxe na necesidade de que o trámite no Congreso dos Deputados/as sirva para lograr unha verdadeira derrogación das anteriores reformas laborais ao RD/Lei aprobado no Consello de Ministras/os o pasado 28 de decembro. Delegacións das dúas organizacións, encabezadas polos seus máximos responsábeis, Paulo Carril e Ana Pontón, mantiveron unha xuntanza para poñer en común os cambios introducidos na lexislación laboral polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos.

Ao remate do encontro -no que tamén participaron a secretaria de Organización e o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Susana Méndez e Paco Sío, así como o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego- tivo lugar unha comparecencia diante dos medios de comunicación na que o secretario xeral da CIG explicou que o reunión serviu para constatar que “estamos ante unha non derrogación da brutal reforma laboral” aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE. Dúas reformas laborais que levaron mesmo convocar unha folga xeral polo que significaba de “golpe de estado” aos dereitos da clase traballadora.

Carril denunciou que pese a “todo o envoltorio e a propaganda” coa que a presentan non é non reforma laboral, senón unha modificación lexislativa “coa que se pretende consolidar a peor versión posíbel da reforma laboral de 2012”, tendo en conta que pivota sobre dous aspectos que a central considera moi negativos.

O primeiro, a pretensión de configurar un mercado laboral no que o despido camiña cara a ser case libre pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante e porque resulta absolutamente barato, “cuestión que esta non reforma non toca”. E en segundo lugar, o feito de que se avance cara a un marco no que se pretende crear unha realidade de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral a través de diferentes cambios introducidos na tipoloxía de contratos, “o que agora se chama flexiseguridade, pero que non deixa de ser precariedade”.

Ademais, mantense o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despidos individuais e colectivos, modificacións substanciais das condicións de traballo e descolgues salariais. Así como a estrutura da negociación colectiva, na que a prevalencia dos convenios estatais significa impedir os marcos propios de relacións laborais a través dos convenios autonómicos ou provinciais, “que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais”.

Deste xeito o protagonismo directo dos traballadores/as vese completamente anulado nunha reforma que pretende facer prevalecer “de forma moi agresiva” os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos que contén para regular as condicións de traballo, como son os ERTE.

Ao mesmo, tempo continúan a prevalecer os convenios colectivos de empresa sobre os de sector. “Por iso a suba de salarios non é garantía de nada, xa que nos podemos atopar -como xa dicíamos cando a reforma de 2012- con dúas empresas do mesmo sector que aplican o convenio colectivo provincial pero que optan por descolgarse mediante un convenio propio, polo que pagarán o mesmo pero terán condicións laborais distintas. De xeito que nunha, por exemplo, o cadro de persoal traballará 50 horas máis que na outra”.

Por todo isto, Carril incidiu que esta reforma non se traduce en absoluto nunha restitución de dereitos nin tampouco no recoñecemento de novos dereitos ante unha situación tan grave como a que atravesa o mundo do traballo, especialmente en Galiza como consecuencia da crise industrial que padecemos polos procesos de dixitalización e robotización produtiva “ou pola mal chamada transición enerxética, que é máis un proceso de demolición”.

Fomento da precariedade

No que ten que ver cos aspectos referidos á contratación, o máximo responsábel da CIG censurou que a temporalidade “seguirá campando ás súas anchas” e fixo fincapé na fraude que significa o cambio na tipoloxía dos contratos sen pretender facer unha modificación lexislativa que permita erradicar a temporalidade e a precariedade.

Lamentou que apenas se incorpora á normativa o que xa se estaba a gañar mediante sentenzas xudiciais, así como que se pretenda tamén a universalización do fixo descontinuo e a ampliación das posibilidades das ETT, “que están no mundo do traballo dende 1994 e constitúan unha auténtico mercadeo de man de obra barata”. Neste senso, lembrou que durante a pandemia milleiros de traballadores/as de ETT foron vítimas do paro porque as medidas do “escudo social” non chegaron a eles/as.

Outra cuestión que criticou foi o fomento sa precariedade a través dos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será “carne de canón” da explotación laboral, co complemento perfecto deste “cóctel molotov” que é a aprobación da lei orgánica de Formación Profesional. Xa que a través desa falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios.

Tampouco vemos que o convenio colectivo de actividade sexa un freo para a subcontratación, senón unha porta para que as empresas poidan seguir a cometer fraude e continúe a discriminación salarial e de condicións de traballo”. Porque as empresas subcontratas ou multiservizos que teñan convenio propio poderán manter esta situación discriminatoria.

En definitiva, para Carril os cambios introducidos son “insuficientes, inxustos ou inexistentes” e fan que se a anterior reforma “era mala” esta sexa “aínda peor”. Unhas modificacións feitas mediante actuacións “profundamente antidemocráticas e excluíntes”, tendo en conta que se pactaron no marco do chamado diálogo social e á marxe dos ámbitos institucionais aos que as organizacións sindicais máis representativas teñen dereito, entre elas a CIG.

Por iso cargou contra o feito de que se pretenda aprobar no Congreso dos Deputados/as sen posibilidade algunha de debate, “tendo en conta que xa naceu viciada porque se reduciu a unha negociación falta de transparencia e de participación democrática”. Por iso a semana pasada a CIG interpelou as forzas políticas soberanistas e de esquerdas a frear “este intento de golpe de estado ás relacións laborais”.

Finalmente, agradeceulle ao BNG que comparta a visión da central sindical a respecto da reforma e que apoie a reclamación de camiñar cara a unha “verdadeira e auténtica derrogación” das reformas anteriores “para recuperar os dereitos roubados e para conseguir novos dereitos”.

Fronte común no Congreso

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apelou á necesidade de derrogar a reforma do PP para recuperar dereitos, enfrontar as graves eivas que padece o mundo do traballo e camiñar cara a unhas relacións laborais “que deixen atrás problemas estruturais como o paro, a precariedade, a falta de dereitos ou a fenda salarial” e denunciou que o RD/Lei aprobado polo Goberno non cumpre a promesa de derrogala.

Por iso cualificou de “decepcionante” este cambio lexislativo e considerou que a derrogación da reforma depende do traballo que se faga nas vindeiras semanas no Congreso dos Deputados/as durante a tramitación do RD/Lei. “É moi grave que se manteña o despido barato e outros dos aspectos máis lesivos dunha reforma que supuxo máis precariedade, perda de dereitos e menos oportunidades”, sinalou.

En consecuencia, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apelou á necesidade de que as modificacións normativas se tramiten como proxecto de lei e non como real decreto para permitir un “cambio en positivo” que se traduza na completa derrogación da reforma, denunciou que supoñen un incumprimento tanto de promesas electorais das forzas que integran o Executivo español como de compromisos asinados por escrito e amosou a súa confianza en que a presión social obrigue o Goberno a derrogar a reforma do PP.

Finalmente, anunciou que a súa organización xa iniciou contactos con outras forzas soberanistas con representación no Congreso, como ERC ou Bildu, para facer unha fronte común contra un cambio normativo “lesivo para os intereses da maioría social”, tal e como a CIG reclamou publicamente a semana pasada.



Fontes: Avantar. - 03.01.2022 | Canle BNG. - 03.01.2022

Documentación

✔ Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.  | Ir ao BOE.

Relacionado

Reforma laboral: consolida o modelo neoliberal. | Por Manuel Mera - 03 Xan 2022 | Ir á Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
5 de janeiro de 2022 14:53

_______

venres, novembro 05, 2021

O BNG censura o pacto de silencio de FeC, PP e PSOE sobre o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 72


O BNG CENSURA O PACTO DE SILENCIO DE FeC, PP e PSOE SOBRE O 50 ANIVERSARIO DOS SUCESOS DO 10 DE MARZO DO 72

Iván Rivas portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, lamenta o voto en contra de Ferrol en Común, do Partido Popular e do Partido Socialista á proposta nacionalista para que o concello de Ferrol conmemorase o 50 aniversario da loita obreira de marzo do 72 en Ferrol e a negativa a declarar o vindeiro ano com “Ano do Día da Clase Obreira Galega”.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, salientou que resulta curiosa a coincidencia ideolóxica das tres organizacións políticas que se situaron en contra desta proposta. É unha pena que co seu voto impidan que o concello de Ferrol lembre os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

Para o BNG, FeC, PP e PSOE pretenden dulcificar o acontecido e consideran que o concello non debe asumir un papel significativo co obxecto de lembrar aquela loita igual que se negan a censurar o papel que o Estado decidiu atribuírlle á nosa cidade. Unha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Rivas censurou o pacto de silencio entre as tres forzas estatais que teñen presenza no pleno municipal e a súa oposición a proposta do BNG sen presentar unha so alternativa por parte de ningún deles a piques de comezar o ano 2022.

É significativo que diante dunha proposta inclusiva como a do BNG o resto de grupos non optasen pola abstención e se situasen en conxunto en contra desta proposta sen propoñer nada.

Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. E non dubidou en afirmar que o que aconteceu onte no pleno coa proposta do BNG é moi triste.

O BNG considera que terán que ser estas tres organizacións políticas quen expliquen o seu voto en contra a unha iniciativa que ademais de buscar o recoñecemento oficial do concello a esta efeméride durante o vindeiro ano procuraba espallala entre a cidadanía propondo a elaboración e desenvolvemento dun calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022. Estabelecer un galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos, ou a elaboración dunha unidade didáctica sobre o 10 de marzo de 1972 e o “Día da Clase Obreira Galega” para a súa distribución nos centros de ensino da cidade e da comarca.

A tráxica data, o 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde o mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol, foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin. A conmemoración deste feito, non debe converterse nun muro das lamentacións e debera ser máis ben uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.

Ferrol, a 5 de novembro, de 2021.
Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
5 de novembro de 2021 15:54

_______

Relacionada:

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. | Ir Ártabra 21.
_______