Amosando publicacións coa etiqueta CIG-Saúde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CIG-Saúde. Amosar todas as publicacións

martes, marzo 04, 2014

Precisamos unha sanidade pública e de calidade - En cuanto o acaecido durante a visita da conselleira


En cuanto o acaecido durante a visita da conselleira
. | Precisamos unha sanidade pública e de calidade.

O goberno do PP estase a adicar a vender o que noso, unha sanidade de calidade non ten que ser unha sanidade que produza ganancias. Tíñamos un servizo de Subministros eficaz e ademais eficiente e o que é máis importante, noso. Pero o externalizamos para que Severiano Gestión se puidera enriquecer aínda máis. Temos un servizo de esterilización que se preocupa por manter unha calidade no material que utilizamos para tratar aos doentes, pero tamén decidimos vendelo para enriquecer a algún outro amigo, e se a calidade diminúe? Iso non é o que lle importa aos que nos gobernan, o importante son os ingresos. Deciden impornos unha taxa de reposición do 10%, pero tampouco importa se con isto baixa a calidade do servizo, o importante é que as traballadoras cheguen a un nivel de extenuación no que xa non poidan pensar, a ver se así non protestar e se polo camiño perden a capacidade de pensar nos doentes? Iso so é un dano colateral. Ademais, os que nos gobernan nos quitan a paga extra e os nosos días libres, tampouco vaiamos a descansar!!!! e se enfermamos? se tes aforros colle una baixa senón vas a traballar. Se contaxias a un doente iso é so outro dano colateral. Pois ben todo isto o fan vía decreto, por lei. E a nos que nos queda?. Facemos concentracións, peches, manifestacións, folgas. Pero vía decreto continúan a recortar e a privatizar. E por fin, cando pensan que estamos durmidas nos din, ale que ven a conselleira a escoitar as vosas inquedanzas!. As nosas inquedanzas xa llas fixemos chegar por activa e por pasiva, así que tentemos facernos oír. Dicirlle que non queremos que nos visite, que non queremos que nos insulte, que mellor volva a súa poltrona e que dende alí e vía decreto desfagan toda a merda que nos puxeron enriba. Xuntemos usuarias e traballadoras para dicir basta!!!!!!!.

Con todo isto dende CIG dicir que, tamén lamentamos as molestias que puideramos ocasionar aos doentes durante a visita da conselleira. Pero os que nos gobernan parecen duros de oído e a nosa intención era boa, quereramos evitar que os leven a un hospital privado no que en vez de importar a súa saúde, o que importa é canto custa curalo. Evitar o repago sanitario, tanto da farmacia hospitalaria como extrahospitalaria

Tamén lamentamos as políticas represoras do PP, a “lei da mordaza”, que fixeron traer a máis policías que sindicalistas para votarnos fora do que aínda é noso e polo que continuaremos a loitar cada día. Porque nos poden votar a rúa o que non saben é que COA CIG NA RÚA A LOITA CONTINUA!!!

http://www.cig-saude.info/ferrol/

Enviado por:
cig-saude.ferrol@sergas.es
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
3 de março de 2014 14:10

____________________

Foto de Kiko Delgado.
___________________________

sábado, setembro 28, 2013

A CIG-Saúde denuncia que a Xunta de Galicia, no seu afán de desmantelar a sanidade pública, resolve que sexa unha empresa privada a que decida sobre as prestacións en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia

Unha empresa privada decidirá sobre as prestacións en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia

Desde CIG-Saúde esiximos a marcha atrás neste novo proceso de privatización!

Desde CIG-Saúde denunciamos que a empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan.

A consellaría de Sanidade vai deixar en mans dunha empresa privada a decisión das prestacións sanitarias en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. A empresa privada vai poder decidir se estas se prestan na sanidade pública ou se privatizan e das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.

O pasado mércores 18 de setembro publicouse no BOE un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” no que se recollía a convocatoria para a contratación de colaboración entre o sector público é o sector privado para dispor dunha solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía), intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. Este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá qué maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no SERGAS para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado.

Isto vai supor unha descapitalización do sistema sanitario público e unha perda de postos de traballo nun tema de máxima importancia no que o persoal Facultativo do SERGAS, é dicir, os médicos e medicas do sistema público, non vai poder dar a súa opinión cualificada e profesional sobre a tecnoloxía máis adecuada e que dea unha mellor resposta ás necesidades d@s pacientes.

Con este contrato a empresa tamén pode decidir deixar sen o aparataxe actual aos centros comarcais, centralizando a actividade nos grandes complexos hospitalarios ou en centros privados, afastando cada día máis as prestacións sanitarias da poboación e rompendo o principio de igualdade no acceso ao sistema público.

CIG-SAÚDE
www.cig-saude.org
Telf. 981 552 826
secretarianacional@cig-saude.org
executiva@cig-saude.org

Privatización

A CIG-Saúde denuncia que a empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan e alerta da descapitalización da sanidade pública galega

A CIG-Saúde denuncia que a consellaría de Sanidade vai deixar en mans dunha empresa privada a decisión das prestacións sanitarias en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. Alerta de que a empresa privada vai poder decidir se estas se prestan na sanidade pública ou se privatizan e das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.

O pasado mércores 18 de setembro  publicouse no BOE un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” no que se recollía a convocatoria para a contratación de colaboración entre o sector público é o sector  privado para dispor dunha solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía),  intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia.

A CIG-Saúde explica que este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá que  maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no SERGAS para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos  medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS  prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Descapitalización

A CIG-Saúde denuncia que isto vai supor unha descapitalización do sistema sanitario público e unha perda de postos de traballo nun tema de máxima importancia no que o persoal Facultativo do SERGAS, é dicir, os médicos e medicas do sistema público non vai poder dar a súa opinión cualificada e profesional sobre a tecnoloxía máis adecuada e que dea unha mellor resposta ás necesidades d@s pacientes.

Alerta ademais de que con este contrato a empresa  tamén pode decidir  deixar sen o aparataxe actual aos centros comarcais, centralizando a actividade nos grandes complexos hospitalarios ou en centros privados, afastando cada día máis as prestacións sanitarias da poboación e rompendo o principio de igualdade no acceso ao sistema público.

A CIG-Saúde lembra que até o de agora o traballo que vai a facer a empresa privada facíase desde o sistema público e que os informes técnicos de compra de alta tecnoloxía facíanos  as/os traballadoras/es de GALARIA. “Informes de calidade baseados na ética profesional”, matiza Abuín, quen se pregunta “por que pagar a unha empresa privada por un traballo que se pode facer directamente pola Administración”.

Este modelo está copiado do implantado no servizo de saúde das Illas Baleares. Un sistema sanitario que desde que chegou o PP perdeu prestación e calidade a pasos axigantados, segundo a CIG-Saúde, e no que ademais, como a empresa adxudicataria só sabía de maquinas, tivo que subcontratar a outra empresa para a xestión integrada dos recursos.

Estaremos asistindo a unha situación similar como a que esta a acontecer en Madrid, na que o Conselleiro de Sanidade manifestou publicamente que privatizaban a sanidade por ser incapaces de xestionala. Cando unha persoa amosase incapaz de realizar o  seu traballo só lle queda un camiño  DIMISIÓN”, afirma a secretaria nacional.

Ante isto, a CIG-SAÚDE fai un chamamento  a condenar publicamente este novo atentado contra a sanidade pública e contra o recortes na asistencia sanitaria.

Enviado por:
CIG-Saúde Ferrol
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
27 de setembro de 2013 14:49
http://www.cig-saude.org/ferrol/
__________________

martes, marzo 26, 2013

Mobilizacións contra un despedimento dunha traballadora do servizo de limpeza do Complexo Hopitalario do SERGAS na Área Sanitaria de Ferrol


Desde hai semanas veñen-se producindo concentracións contra o despedimento dunha traballadora de FERROSER, contrata que ten adxudicado o servizo de limpeza do Complexo Hopitalario Universitario de Ferrol -CHUF (nova denominación do CH Arquitecto Marcide - Nova Santos - H. Naval). Este mércores 27 de marzo, ás 12:30hs, está convocada unha nova concentración, co respaldo de forma unitaria do Comité de Empresa, a Xunta de Persoal e as centrais sindicais (CIG, COG, UGT e USTG).  Todas as convocatorias teñen lugar na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide, cunha moi importante participación de traballadoras e traballadores que se opoñen a un despido arbitrario e amosan a súa solidariedade coa compañeira despedida.

Enviado por:
CIG Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-
26 de março de 2013 13:52

http://www.cig-saude.org/ferrol/

__________

xoves, xullo 05, 2012

O preocupante futuro do persoal non-sanitario do Sergas: Asemblea convocada pola CIG-Saúde - Martes 10 de Xullo


Información moi importante para o persoal non-sanitario do Sergas (fixo, interino, eventual e o que está nas listas de contratación).

Ante a grave situación que está atravesando o PERSOAL NON SANITARIO DO SERGAS, a CIG-SAÚDE, convoca unha ASEMBLEA, o Martes, 10 de Xullo de 2012, da que se celebrarán varias sesións:

Sesións da Asemblea Martes 10 de Xullo.

Sesións de Mañá:
11:00 h. no Hospital Arquitecto Marcide.

Sesións de Mañá:
14:00 h. no Hospital Naval.

Sesión de Tarde:
18:00 h. no Hospital Arquitecto Marcide.

Orde do día:
Situación do Persoal non Sanitario: privatización, mobilidade forzosa, Central de chamadas en Atención Primaria, OPE e Traslados, etc…

Nota.-
Esta é unha Asemblea moi importante, para o persoal non-sanitario do Sergas, porque se van a tratar temas que afectan ó persoal non sanitario, como son; a mobilidade forzosa, a privatización de persoal non-sanitario, a desaparición de OPEs (Ofertas Públicas de Emprego), ...

CIG-Saúde
Ana Arto 647938026
Sandra Martínez 630594691
Merche Díaz 670264501
Local sindical 981334566
scigasf@sergas.es
www.cig-saude.org/ferrol

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
5 de julho de 2012 13:36
__________________

luns, febreiro 27, 2012

Hoxe, 27 de febreiro, Asemblea Permanente no Complexo Hopitalario Arquitecto Marcide - Prof. Nova Santos - Naval

Asemblea Permanente no CHAMNS

A Asemblea convocada hoxe Luns, 27 de Febreiro de 2012, ás 12 do mediodía no Salón de Actos do Arquitecto Marcide.

decidiu darlle o carácter de permanente á propia asemblea.

Para as 5 da tarde está programado un novo pleno da mesma.

POLA RETIRADA DO PROXECTO DE LEI DE MEDIAS NO EMPREGO PÚBLICO. [Agora di que son temporais]

MARTES, 28 DE FEBREIRO DE 2012, 10:00 H

CONCENTRACIÓN DIANTE DO PARLAMENTO DE GALICIA POLA RETIRADA DO PROXECTO DE LEI DE MEDIAS NO EMPREGO PÚBLICO

Por necesidades do servizo non podes acudir?

Colga no teu posto de traballo este cartaz.


Enviado por:
CIG Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-
27 de fevereiro de 2012 13:51 http://www.cig-saude.org/ferrol/
___________________

xoves, febreiro 23, 2012

Recollida de sinaturas no Marcide a prol da Iniciativa Lexislativa Popula en defensa e promoción da Sanidade Pública

Xoves, 23 Febreiro 2012 - A CIG Saúde Ferrol como membros da Xunta de Persoal estivo recollendo sinaturas en prol da ILP en defensa da Sanidade Pública que leva adiante a Plataforma S.O.S. Sanidade Pública. Moitos foron xa os pacientes e compañeiros e compañeiras que se achegaron pola mesa que está situada no Hall de entrada ao Hospital Arquitecto Marcide.

Aínda estás a tempo! Pasa e asina en prol da Sanidade Pública!

APOIA COA TÚA SINATURA A PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA POPULAR, PARA A DEFENSA E A PROMOCIÓN DA SANIDADE E PÚBLICA EN GALIZA.

As razóns que aconsellan a tramitación e aprobación polo Parlamento de Galiza da presente PROPOSICIÓN DE LEI, céntranse na necesidade de dar voz aos amplos sectores da nosa sociedade que demandan unha resposta lexislativa que sirva de freo ás actuais políticas de privatización, ou apertura ao mercado, do sector público sanitario, que producen un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos en saúde. Alén desta opción expresa pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, a PROPOSICIÓN DE LEI aspira a incrementar a calidade e a eficacia do servizo público sanitario, mediante o incremento da capacidade resolutiva en atención primaria e a racionalización do mapa sanitario. Estas medidas teñen a finalidade común de achegar o servizo público á cidadanía e preservar o seu carácter público, universal e gratuíto, pois xa foi pagado por todos e todas nós a través das nosas cotas á seguridade social, taxas e impostos.

A entidade promotora desta Iniciativa Lexislativa Popular, a Plataforma Galega SOS Sanidade Pública, constituída por outras moitas plataformas comarcais e organizacións, entre a que está a nosa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Área Sanitaria de Ferrol, constituída por 47 organizacións e colectivos de todo tipo (sindicais, veciñais, sociais, asistenciais, culturais...), imos comezar unha recollida de sinaturas pola comarca, para que toda persoa que queira promover e defender a sanidade pública poida deixar a súa firma nesta iniciativa e poder defendela ante o Parlamento de Galiza.

Recolleranse sinaturas durante os meses de Febreiro, Marzo e Abril de 2012.

Para contactar coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Área Sanitaria de Ferrol:

plataformadspferrol@gmail.com
http://plataformadspferrol.blogspot.com/

No local social da Asociación Veciñal de Esteiro
Rúa Fernando VI, Bloque I baixo.
Ferrol 15403 - Telef. 981933223.

Fonte: cig-saude.org/ferrol

Enviado por:
CIG Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-
23 de fevereiro de 2012 11:53
________________

venres, febreiro 17, 2012

Non máis mentiras desmobilizadoras - Lei de Medidas Emprego Público: a quén queren enganar?

Onte, despois do Consello da Xunta no que se aprobou o proxecto de Lei de Medidas para o Emprego Público no que se perpetran graves recortes para @s empregad@s públic@s, o Presidente Feijoo deu a clásica roda de prensa na que anunciou a aprobación desta medida, indicando que as reducións de xornada que se recollen dentro deste proxecto da Lei serán voluntarias para o persoal fixo, só se aplicarán en caso de "necesidade" ao persoal interino e nunca a persoal da sanidade ou o ensino.

A quén pretende enganar o señor Feijoo? O anuncio de que o recorte de xornada no vai afectar ao persoal interino da sanidade é unha falacia, quizais non vaia afectar a aquel persoal que ten agora mesmo un contrato en vigor, é dicir, aquel persoal que neste momento forma parte do sistema, pero a redución de xornada xa está sendo aplicada desde hai tempo ao persoal que se contrata. A práctica na contratación que está a utilizar o SERGAS caracterízase por:
  • Contratos de xornada inferior á establecida: contratos de 9 a 14 hs, por exemplo.
  • Contratos de luns a venres: en lugar de cubrir as ausencias longas cun único contrato de substitución, fanse varios de luns a venres.
  • Contratos por 3 horas de xornada complementando o resto con contratos por gardas.
  • Redución do nº de contratacións, obrigando ao persoal a facer intersubstitución, é dicir, obrigatoriamente teñen que atender aos/ás doentes doutros cupos. Esta ausencia de contratación conleva peche de axendas ou sobrecarga no resto das consultas, sobre todo no nivel de Atención Primaria, levando ao colapso do sistema sanitario coa conseguinte perda de calidade da asistencia. Xa calquera usuario/a pode ver como o seu médico/a de cabeceira tén lista de espera de ata unha semana!

Ademais, esta "non aplicación" que o señor Feijoo di que se vai facer para a sanidade e a educación non figura en ningún apartado do proxecto de Lei, nin no texto que entregaron o pasado mércores na Comisión de Persoal, nin no texto que a Consellaría de Facenda tén colgado no seu web. En base a qué non van aplicar esta medida ao persoal da sanidade e da educación? En base á palabra do señor Feijoo? Desde logo, a CIG-Saúde non se fía NADA da palabra do señor Feijoo, o mesmo que na campaña electoral previa ás eleccións nas que saiu elixido Presidente dixo que ía acabar coa crise en 45 días... onde eles van!!!

Deixense de enganos:

CIG-Saúde segue a rexeitar o proxecto de Lei de Medidas para o Emprego Público por ser lesivo para o sistema sanitario.

REXEITAMOS esta Lei dos Recortes, imposta pola Xunta do PP para facer pagar unha vez máis aos traballadores e traballadoras a crise que xerou a especulación financieira.

NON AOS RECORTES!!!! MOBILÍZATE!!!

Saúdos.

Ana Arto 647938026
Sandra Martínez 630594691
Merche Díaz 670264501
Local Marcide 981334566
www.cig-saude.org
scigasf@sergas.es

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
17 de fevereiro de 2012 13:19
____________________

sábado, decembro 03, 2011

A CIG-Saúde denuncia as mentiras sobre a atención sanitaria ás persoas sen recursos e desempregadas

CIG-SAÚDE DENUNCIA: "AS MENTIRAS SOBRE A ATENCIÓN SANITARIA AS PERSOAS SEN RECURSOS E DESEMPREGADAS/OS"

A continuación reproducimos o escrito dirixido á Xerencia da Área Sanitaria de Xestión Integrada de Ferrol, en relación a unha das maiores agresións da Consellería de Sanidade, ás persoas máis débiles: os recortes de prestacións sanitarias a inmigrantes, paradas/os de longa duración e persoas sen recursos.

A/A. XERENCIA DE XESTIÓN INTEGRADA DE FERROL.

A Orde da Consellería de sanidade de 5 de Setembro de 2011 (DOG 173, 29 de Setembro do 2011) “Pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento o dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego”, na súa aplicación práctica supón, que as persoas que tiñan solicitado a tarxeta sanitaria como persoas sen recursos antes do 29 de setembro, teñen médico asignado, poden ser citados e teñen a prestación farmacéutica.

Despois do 29 de Setembro, as persoas sen recursos que se encontren en tramitación da tarxeta sanitaria teñen garantida tan só a asistencia de urxencia/emerxencia.

As/os solicitantes dunha atención sanitaria, tanto urxente como non urxente vénse na obriga de asinar un compromiso de pago. Por entrar máis en detalle, son clasificados como usuarios “PRIVADOS” e quedan rexistrados como “persoas sen recursos económicos suficientes en tramitación. Só asistencia urxencia/emerxencia”.

A todo isto aclarar que a Orde da Consellería engade unha serie de requisitos para poder acadar unha asistencia sanitaria completa:
- No caso de persoas sen recursos económicos: se require unha antigüidade como residente no estado Español mínima de 183 días. Polo tanto, unha persoa que non cumpra este requisito estará sen ningún tipo de prestación ata que teña a antigüidade antes citada e poida solicitar PSR, tendo nese momento dereito tan só a unha prestación de urxencia/emerxencia.

- No caso dos desempregados: ter estado como traballador activo ou agotada a prestación ou o subsidio de desemprego no período comprendido nos 12 meses anteriores a solicitude. Polo que unha persoa que non cumpra este requisito se atopa que ten dereito tan só a unha prestación de urxencia/emerxencia.

Esta orde da Consellería de Sanidade deixa as persoas sen recursos económicos suficientes, esperando por unha tarxeta sanitaria que tarda meses en ser concedida, tendo dereito tan só a unha atención sanitaria urxente co correspondente compromiso de pago e o que é moito máis grave deixa sen asistencia sanitaria de ningún tipo ás persoas maiores de 18 anos sen recursos, que leven menos de 183 días en España.

Resulta indignante que a Consellería de Sanidade diga que é a única Comunidade Autónoma que “garante de oficio a asistencia sanitaria a desempregados de longa duración e persoas sen recursos”. Un verdadeiro insulto para toda a poboación, sobre todo para as persoas con maiores dificultades.

De todos é sabido que antes desta Orde da Consellería de Sanidade unha persoa sen recursos que estaba en tramitación da súa tarxeta sanitaria, tiña dereito a asistencia sanitaria en iguais condicións que o resto dos usuarios do SERGAS (podía pedir cita no seu médico, tiña dereito a medicamentos, tiña dereito a consulta cun especialista, etc.).

Podemos afirmar que a Consellería está a mentir, a proba desta afirmación está na orde da Consellería publicada en DOG, nas informacións sobre os protocolos remitidos aos profesionais responsables da tramitación da tarxeta sanitaria e aos centos de persoas que a día de hoxe non teñen dereito a acudir a unha consulta médica nin a ter medicamentos.

Por todo o anteriormente exposto solicitamos da Xerencia de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Ferrol unha resposta ás seguintes preguntas:

1ª.- Unha persoa que este empadroada na Área Sanitaria de Ferrol e non teña 183 días de residencia no estado Español:

Ten dereito a consulta médica, non urxente? Ten dereito a medicamentos? Ten dereito á asistencia sanitaria igual que unha/un traballadora/or en activo? Ten dereito á atención de urxencia/emerxencia? No caso de solicitar ou facer uso dalgunha de estas prestacións, ten obriga o persoal da Área sanitaria de Ferrol de facturar o servizo?

2ª.- Unha persoa que este empadroada na Área Sanitaria de Ferrol, que cumpra os requisitos para a tramitación do PSR e que teña a súa solicitude en trámite:

Ten dereito a consulta médica, non urxente? Ten dereito a medicamentos? No caso de solicitar ou facer uso dalgunha de estas prestacións, ten obriga o persoal da Área sanitaria de Ferrol de facturar o servizo e de que a persoa asine un documento de compromiso de pago?

3ª.- Unha persoa que nos 12 meses anteriores á solicitude de tarxeta sanitaria, non tivera estado cómo traballadora/or en activo, ou percibise o subsidio de desemprego:

Estaría na situación reflexada no punto 2?

4ª.- Se a resposta é si, nos remitimos ás preguntas realizadas no punto 2.

Cantas persoas se atopan, no momento actual, na Área Sanitaria de Ferrol, nalgunha das situacións anteriormente reflectidas?

Ante a gravidade da situación, quedamos á espera dunha resposta.

Ferrol a 21 de novembro de 2011.

Asdo:
Ana Mª Arto Blanco.
Secretaria Comarcal CIG-Saúde Ferrol.

Ana Arto 647938026
Sandra Martínez 630594691
Merche Díaz 670264501
Local Marcide 981334566
www.cig-saude.org
scigasf@sergas.es


Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
2 de dezembro de 2011 20:08
_____________

mércores, novembro 02, 2011

Manifestación Comarcal en Defensa do Emprego e do Sector Naval - Domingo 6 de Novembro


Unha gran manifestación comarcal percorrerá Ferrol o 6 de novembro en defensa do emprego e do naval

A marcha sairá ás 12 do mediodía dende o Inferniño e concluirá na Praza do Concello.

O domingo 6 de novembro a cidadanía de Ferrolterra está chamada a participar nunha gran manifestación comarcal convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG en defensa do emprego e do sector naval. A marcha partirá dende o Inferniño baixo o lema “Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa”.

MANIFESTACIÓN COMARCAL
DOMINGO 6 DE NOVEMBRO ÁS 12 DO MEDIODÍA
DESDE O INFERNIÑO -FERROL

A manifestación comarcal desenvolverase baixo o lema”Na defensa do emprego e do naval” e nela agárdase unha importante participación cidadá. Neste senso, os voceiros da CIG de Ferrol, Manel Grandal e Xesús A. López Pintos, lanzaron unha chamada a toda a cidadanía para que participe na mobilización, xa que o naval é un sector primordial para a comarca.

Sen esquecer a importancia dos restantes sectores produtivos, que tamén terán cabida nesta manifestación, cómpre subliñar que da actividade de Navantia dependen arredor de 17.000 empregos, cifra que acada unha especial relevancia dados os elevados niveis de paro que rexistra a comarca e a ausencia de alternativas económicas. Os voceiros da CIG de Ferrol volveron reiterar que se hai un sector que amortece a caída do emprego este é sen dúbida o naval.

Alén da manifestación convocada polos catro sindicatos, os traballadores e traballadoras de Navantia e da industria auxiliar aprobaron en asemblea un novo calendario de mobilizacións en demanda de carga de traballo para o sector e para esixir a construción do dique flotante. O vindeiro mércores 28 de setembro, o persoal dos dous estaleiros realizará, por volta das 11 da mañá, unha marcha dende Navantia até o Concello de Ferrol, onde os representantes do persoal teñen previsto manter un encontro co alcalde para trasladar as súas reivindicacións.

Deste xeito, os traballadores/as retoman as masivas mobilizacións realizadas nos pasado mes de maio na demanda da consecución de nova carga de traballo que permita o mantemento dos empregos. Nesta ocasión, as reivindicacións estarán moi centradas na petición de construción do dique flotante, unha infraestrutura “vital” que permitiría paliar o problema inmediato da falta de actividade e incrementaría a capacidade das instalacións da ría de Ferrol, permitíndolle facer fronte aos cambios que se están operando no sector de reparacións e carenas.

Neste senso, dende a CIG de Ferrol lembran que esta unha das áreas con maior proxección de Navantia, polo que as súa ampliación resulta imprescindíbel para estar no mercado de reparación de buques ao máximo nivel de competitividade. Sobre esta cuestión, Grandal criticou a falta de actuacións concretas por parte das administracións para pór en marcha esta plataforma, a pesar de que no propio Parlamento galego se aprobou, co apoio de todas as forzas políticas, unha proposta para demandar da Xunta e do Goberno español accións conxuntas de cara a conseguir este obxectivo.

A COMARCA ESTÁ EN XOGO !!!
PARTICIPA NA MANIFESTACIÓN !!!

CIG-Saúde
Ana Arto 647938026
Sandra Martínez 630594691
Merche Díaz 670264501
Local sindical 981334566

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
2 de novembro de 2011 17:47
_______________

Pode-se ver, nos seguintes enlaces, o que din as centrais sindicais de clase ao respecto desta manifestación e da convocada en Vigo para o mesmo día 6N. Unhas centrais convocan, outras non convocan e outras foron excluídas da convocatoria.

Centrais Sindicais con presencia na Galiza:
____________________

venres, agosto 26, 2011

A CIG-Saúde denuncia recortes en materia de transporte sanitario


CIG-SAÚDE INFORMA: RECORTES EN MATERIA DE TRANSPORTE SANITARIO QUE A TODAS/OS NOS AFECTAN.

A Consellería de Sanidade pretende introducir no transporte de enfermos en ambulancia coa xustificación da crise económica, os seguintes recortes:
  • Eliminación do técnico-axudante nas ambulancias medicalizadas.
  • Supresión do uso universalizado das ambulancias sanitarias.
  • Eliminación da obrigatoriedade de pago por parte do Sergas destes servizos, o que supón o copago dos mesmos
  • Supresión das ambulancias asistenciais do 061 en Baiona, Ponteareas, Marín e A Mariña luguesa, e dunha das ambulancias medicalizadas en Vigo.
Este conxunto de decisións supoñen un paso máis na estratexia da Xunta de Galicia de desmantelamento dos servizos sanitarios, terán graves consecuencias para a rapidez e seguridade da atención das urxencias, a calidade da mesma e o dereito á asistencia universal e gratuíta dos cidadáns e cidadás de Galicia.

Tan só temos o camiño da mobilización:

- Día 29 de agosto ás 13h, concentración diante da Fundación Urxencias Sanitarias 061 en Santiago de Compostela.

-Asemblea traballadoras/es do transporte o 31 de Agosto do 2011, ás 21h, salón de actos CIG Ferrol:

(Folga xeral 8 de setembro).


¡POLOS POSTOS DE TRABALLO E UNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE!

http://www.cig-saude.org/ferrol/

Enviado por:
cig-saude.asf
-cig-saude.asf@sergas.es-
26 de agosto de 2011 12:02
___________________

martes, xaneiro 11, 2011

Este Domingo 16 de Xaneiro realizara-se un roteiro pola Costa Ártabra -LIC, polo treito costa acantilada de Ares

Roteiro: L.I.C. Costa Ártabra; treito: costa acantilada de Ares.
  • Data: Domingo, 16 de Xaneiro de 2011.
  • Partida: Ás 10:30 hs da Praza de Galiza (Ferrol) en autobús regular, calculando chegar a Ares arredor das 11:00 hs.
  • Remate: Ás 18: 30 hs no Mosteiro de Sta. Catalina (Montefaro); recolleranos un autobús para regresar a Ferrol.
  • Percorrido do roteiro: 15 Km, con dificultade media-baixa.
Iniciarase o roteiro na Vila de Ares rematando na outra extrema da costa, no Mosteiro de Santa Catalina (Montefaro). Visitaremos os últimos vestixios do Castelo de Ares, engulidos pola vexetación, nas proximidades do porto. Bordeando a costa acantilada observaremos fermosas panorámicas da Ría de Ares, coas Illas Miranda en primeiro plano. Continuaremos o percorrido até a Punta Insuela, para coñecermos o castro marítimo e as Bocas do Sangue; denominación que recibe unha cova de aproximadamente 130 m de lonxitude. Desde aquí continuaremos o percorrido cara Punta Avarenta, para coñecer o impacto da E.D.A.R. - Sul nesta paraxe natural. Logo continuaremos bordeando a costa até chegar a Chanteiro, para coñecer a Capela de Nosa Señora da Mercede (S. XIV). Camiñaremos de novo cara Punta do Segaño para visitar as fortificacións e baterías de defensa costeira onde, ademáis, poderase contemplar o impacto ambiental do Porto Exterior sobre a ría de Ferrol. Desde aquí, subiremos pola aba ocidental de Montefaro para coñecer as baterías defensivas da Pena do Lagarto e da Bailadora, disfrutando ao mesmo tempo de fermosas panorámicas. Xa no alto
da Bailadora, a 266 m sobre o nivel do mar, descenderemos cara o Mosteiro de Santa Catalina, onde remataremos o roteiro.

Por suposto, no transcurso do roteiro faremos un alto no camiño para xantar e repousar nun lugar a convir.

Ademáis do xantar, recoméndase levar roupa e calzado axeitados.

Prezo Soci@s: 5 Euros.

Prezo Non Soci@s: 7 Euros.

Prazo de Inscrición: Até o Venres 14 de Xaneiro.

Contactos: 616039268 (Antón); 661636946 (Miguel);
ferrol@verdegaia.org

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
11 de janeiro de 2011 08:11
http://www.cig-saude.org/ferrol/
____________________