Amosando publicacións coa etiqueta Camelle. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Camelle. Amosar todas as publicacións

luns, decembro 31, 2007

Malpica e Camelle manifestanse contra o Plano Acuicola da Xunta de Galicia, na defensa do noso litoral


O pasado domingo 30 de decembro de 2007, tiveron lugar duas mobilizacións contra o Plano Acuicola da Xunta de Galicia e na defensa do litoral. Pola importancia da noticia transcribimos o publicado no xornal Galicia Hoxe.


Camelle e mais Malpica din non ao Plan de acuicultura da Xunta
As vilas costeiras acolleron onte senllas protestas en contra da instalación de dúas macrogranxas ·· Os veciños queren "outro desenvolvemento e un mar limpo" ·· Esíxenlle á Consellería que reflexione

JESÚS TRILLO . CAMELLE Luns 31.12.2007

Os veciños téñeno moi claro: "Non, non e non!". Os pobos de Camelle e Malpica deixaron de novo onte constancia, con senllas manifestacións, do seu total rexeitamento e oposición ó plan acuícola que pretende levar a cabo a Xunta de Galicia.

Sobre as doce da mañá, unhas oitocentas persoas partiron do Museo do Alemán de Camelle, non sen antes levar a cabo unha ofrenda floral a Man. Durante o percorrido, que se prolongou ata a zona de Sabadelle, os asistentes corearon cánticos dos que se desprendían duras críticas para o presidente da Xunta, a conselleira de Pesca, o alcalde de Camariñas e a parlamentaria Marisol Soneira. A panxoliña máis repetida rezaba: "Anda, anda, anda / a Xunta é unha ladra / anda, anda, anda / déixanos sen nada".

Concluída a marcha, leuse un manifesto, no que os veciños deixaron patente que "nós somos os que temos o poder, e teñen que atendernos". Sosteñen os aldeáns que "debemos estar en pé de guerra contra estes energúmenos políticos". Este pobo, engadiron, "é coñecido en moitos sitios polo labor de Man, pero ignorado polos nosos gobernates". Consideran os afectados que o plan contempla para Camelle e Arou dúas instalacións nunha costa virxe, "de altísimos valores naturais e culturais". Entre os seus aspectos negativos estarían o "desastre paisaxístico e a vertedura de máis dun millón de metros cúbicos de augas contaminadas".

A presidente de Adega, Adela Curra, defendeu que a mellor piscifactoría é "o mar de ribeira, pois, a longo prazo, as granxas mariñas destrúen máis empregos dos que crean".

Á protesta de Camelle sumáronse tamén plataformas de afectados de Arou, Merexo, Quilmas e Corrubedo. Entre os que quixeron apoiar a iniciativa estaban tamén Xosé Manuel Beiras e Lidia Senra.

Por outra banda, sobre unhas duascentas persoas déronse cita tamén onte en Malpica, para protestar contra a planta que se prevé construír en Seiruga. Lamarcha foi desde o concello ata a lonxa. Ó seu termo, o portavoz dos veciños, Afonso Vidal, tras verter duras críticas contra a conselleira de Pesca, recordou que hai cinco anos a costa sufriu o chapapote do Prestige, e agora "volve outro barco, chamado Xunta de Galicia, que ten a Touriño como armador e a Carmen Gallego como patroa, sendo a súa carga as piscifactorías". Do mesmo xeito que o petroleiro, este buque "anda errático pola costa galega, pois en ningún porto queren tampouco a súa carga".

Enlace coa noticia orixinal no xornal Galicia Hoxe
______________

Na web de ADEGA:

Marea verde en Camelle: a herdanza de Man segue viva!

mareavc.jpgMilleiros de persoas démonos cita en Camelle en defensa da nosa costa e do noso mar. O Plano Acuícola da Xunta pretende asolagar este recanto da Costa da Morte baixo 318.000 m2 de formigón e lonas negras. A mensaxe foi clara: Camelle NON SE VENDE nen por 5 nen por 50 € o metro. Vai a Xunta expropiar pola forza 3 millóns de metros cadrados fronte á oposición da veciñanza? Vai Pesca a aprobar un Plano Acuícola insustentábel dende o punto de vista ambiental, social e económico só para contentar ao lobby do rodaballo? Como pode a conselleira afirmar que cumprirá todos os requisitos ambientais se hoxe nen sequera depuran os vertidos e guindan ao mar toneladas de químicos e antobióticos?. Se Man levantara a cabeza... [+ info]
___________________