Amosando publicacións coa etiqueta David Lombao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Lombao. Amosar todas as publicacións

mércores, abril 08, 2015

As cifras derruban a falacia da abundancia de "denuncias falsas" por violencia machista, ... Por David Lombao - Documentos - Contactos


Por David Lombao [*]
07.04.2015


As cifras derruban a falacia da abundancia de "denuncias falsas" por violencia machista
  

Acontece periodicamente. Cada vez que un caso de presunta -e mesmo probada- violencia machista salta á luz pública determinadas voces lánzanse a cuestionar a idoneidade das leis que a combaten aludindo a unha suposta abundancia de "denuncias falsas" que servirían como pretexto para atacar os homes. Alén de que a realidade social en xeral e o movemento feminista en particular vén demostrando sistematicamente a necesidade de loitar contra as agresións de xénero, tamén dende a lexislación os datos concretos a respecto destas denuncias que faltan á verdade, converten estas proclamas en toda unha falacia, un mito baseado en falsidades. As denuncias falsas non chegan, nin de lonxe, ao 1% do total das presentadas por violencia machista.

A imputación do eurodeputado Juan Fernando López Aguilar por un presunto caso de violencia de xénero serviu este martes como escusa para reavivar unha falacia que a propia Fiscalía Xeral do Estado desmontou na súa memoria máis recente, a de 2014. Tras cinco anos de análise, de 2009 a 2013, o Ministerio público resalta que a porcentaxe de causas por denuncia falsa é "escasísima" en relación co número total de denuncias por violencia sobre a muller interpostas no conxunto do Estado. Esta cifra é, concretamente, do 0,018% do total e baixa aínda maís ao ollar o número no que ficou acreditado que a denuncia era, efectivamente falsa: un 0,005%.
    As causas por denuncia falsa son 0,018% do total de demandas por violencia de xénero
Mesmo sumando as causas aínda en tramitación, no caso de que estas "resultasen pronunciamentos condenatorios" a "porcentaxe final máxima será do 0,010%". Polo tanto, conclúe a Fiscalía, os números son "suficientemente elocuentes para rebater as voces que se alzan en torno á prevalencia das denuncias falsas en materia de violencia sobre a muller. Este argumentario é, sinxelamente, mentira".


Como amosa o cadro que acompaña esta información os procedementos iniciados por supostas denuncias falsas foron 120 na media década analizada e, deles, unicamente 33 derivaron en casos condenatorios. No hipotético escenario de que as causas que aínda se estaban tramitando cando foi redactado o informe acabasen demostrando a falsidade das denuncias as condenas ás mulleres denunciantes serían 71. Mentres, o total das denuncias por maltrato de xénero superaron as 657.000 no mesmo período.
    No caso de que as causas en tramitación rematasen en condena as denuncias falsas serían 71 sobre un total de 657.000
Así as cousas, as denuncias falsas son un fenómeno absolutamente residual e a súa abundancia, un mito, igual que tamén o é que as mulleres recorran frecuentemente á denuncia por violencia machista para, por exemplo, obteren a custodia das fillas e fillos ou bens materiais nun proceso de divorcio. Como xa analizou o ex delegado do Goberno central para a violencia de xénero, Miguel Lorente, nun artigo publicado en eldiario.es, os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial acreditan que "a porcentaxe de decisións sobre custodias" nas que interveñen os xulgados de violencia sobre a muller apenas son o 3% do total. Asemade, as demandas por violencia machista só influíron no 3,4% de decisións xudiciais sobre atribución da vivenda familiar e en pouco máis do 4% sobre a asignación de pensións alimenticias.
    O pasado ano 6 mulleres foron vítimas de asasinatos machistas en Galicia
Estes datos prodúcense nun contexto no que, tan só no pasado 2014, en Galicia foron presentadas 5.209 denuncias por violencia machista, segundo datos do CGPJ, nun ano no que, ademais, foron solicitadas 1.327 ordes de protección das que 829 foron aceptadas. Nese mesmo ano as agresións de xénero estiveron por tras de 6 asasinatos en territorio galego e de 54 en todo o Estado. No que vai de ano foron asasinadas 9 mulleres no conxunto das comunidades autónomas, ningunha delas en Galicia.

[*] David Lombao | @davidlombao

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.


Documentos:
Memoria da Fiscalía 2014, en PDF 770 páxinas. | Acceder/Baixar.

Memoria da Fiscalía 2014, navegable en html. | Ir a Web.
___________

MULLERES EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!!!

"As mulleres decidimos"
Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres
www.feminismo.info
nacional@feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Web internacional:
http://www.marchamundialdelasmujeres.org/
______________________