Amosando publicacións coa etiqueta En Marea. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta En Marea. Amosar todas as publicacións

sábado, maio 11, 2019

Lídia Senra en Barcelona no primeiro día de campaña: 'Seguiremos loitando para que se garantan pensións públicas e dignas' - Programa de Compromiso por Europa



Lídia Senra: “Seguiremos loitando para que se garantan unhas pensións dignas a través dos orzamentos públicos”
. | A eurodeputada e candidata ás eleccións do 26 de maio viaxou hoxe a Barcelona para intervir na clausura da VI Asamblea da Marea Pensionista de Catalunya. | Marca como prioridade para o próximo mandato da UE botar abaixo o mercado europeo de pensións privadas e asegurar que ningunha persoa ao rematar a súa vida laboral entre na pobreza.

Viñémolo repetindo unha e outra vez neste mandato durante o debate no Parlamento Europeo do Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP), ao que nos opuxemos totalmente co noso voto en contra. Non podemos admitir que as nosas pensións dependan da capacidade de aforro que teña cada persoa. Os sistemas de pensións públicos e as pensións dignas deben ser garantidas a través dos orzamentos públicos. Seguiremos traballando para botar abaixo o mercado europeo de pensións privadas e para que desde as institucións europeas se poñan instrumentos para que se garanta que ningunha persoa ao rematar a súa vida laboral entre na pobreza”. Así o asegurou esta tarde en Barcelona a eurodeputada Lídia Senra, candidata de En Marea: Compromiso por Europa ás eleccións europeas do próximo 26 de maio.

Despois de que a pasada noite fixera a primeira pegada de carteis en Lugo, Senra acudiu hoxe, no primeiro día da campaña electoral, a Barcelona, para participar na clausura na VI Asamblea da Marea Pensionista de Catalunya. Ante un auditorio totalmente cheo de público, a candidata galega ás eleccións europeas marcou como prioridade do próximo mandato europeo facer toda a presión para que a UE adopte políticas que combatan as causas polas que as pensións públicas son insuficientes a día de hoxe, empezando por botar abaixo as reformas laborais e de pensións impostas polas santo-sacras institucións neoliberais e capitalistas. “Necesitamos políticas públicas que garantan as pensións do futuro a todas as persoas, non solucións privadas para uns poucos”, defendeu.

Santiago, 10 de mayo de 2019.

Grazas pola difusión. Adxuntamos fotografías do acto

Oficina de Lídia Senra na Galiza
Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268
Tlf.: +34.881.817.443

www.lidiasenra.gal

Enviado por:
Lidia Senra
-age.europa.galiza@gmail.com-
10 de maio de 2019 18:03

__________

⏩ Ao Parlamento Europeo con tres eixes básicos:

➤ Protexemos ás persoas.
➤ Protexemos a ecoloxía.
➤ Protexemos o territorio.

O Programa consúltao aquí:

http://bit.ly/Programa_CPE

En Marea
https://enmarea.gal/

Compromiso por Europa
@CompromisoEU

@compromis | @en_marea | @chunta | @mespermallorca | @PartCastellano | @izqandalucista | @Nueva_Canarias | @caballasceuta| @equo_iniciativa | @cpmelilla


En Marea traballará para impulsar unha Europa máis xusta, feminista, ecoloxista e centrada nas persoas. | Ir á Web.
____________

domingo, abril 14, 2019

Este domingo 14 de abril, ás 12:30hh. no Hotel Almirante, Mitin de En Marea


Este domingo 14 de abril, ás 12:30hh. no Hotel Almirante, MITIN de En Marea. Coas intervencións de: María Chao, Mariló Candedo, Ana Seijas, Luis Villares e presentado polo candidato da Marea de Ferrol, Bernardo Lorenzo Cuétara. Agardámosvos!!

https://enmarea.gal/


Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
https://twitter.com/FerrolMarea
https://facebook.com/mareadeferrol

Info baseada na enviada por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
13 de abril de 2019 09:36
____________

A Marea de Ferrol continúa coa súa rolda de contactos coas entidades sociais ferrolás de base territorial e sectorial - Trátase de recoller as preocupacións e iniciativas do tecido asociativo, ao tempo que contrastamos as nosas propias propostas programáticas


MAREA DE FERROL CONTINÚA COS SEUS CONTACTOS PARA ELABORAR UN PROGRAMA PARTICIPADO


A Marea de Ferrol continúa coa súa rolda de contactos coas entidades sociais ferrolás de base territorial e sectorial.

Trátase de recoller as preocupacións e iniciativas do tecido asociativo, ao tempo que contrastamos as nosas propias propostas programáticas.

O pasado martes 9 de abril xuntabámonos coa Asociación de Veciñas do Ensanche no Centro Carvalho Calero, e o 11 de abril participabamos nun encontro veciñal coa Asociación de Veciñas do Barrio de San Xoán de Filgueira, no seu local social.

En todos os encontros nos que estamos participando constatamos a evidencia do abandono xeralizado dos equipamentos municipais e o deterioro da relación entre a institución e o tecido social, así como preocupacións máis específicas de cada lugar ou sector.

O transporte público, a seguridade nos barrios, o tráfico, a falla de atención ás persoas maiores, a epopea da ausencia de desbroces, o servizo de auga e saneamento, a ausencia de equipamentos deportivos, sanitarios, sociais e culturais… son algunhas das cuestións comentadas nestes encontros veciñais.

Desde a Marea de Ferrol, ademais de recoller as demandas veciñais, explicamos as liñas estratéxicas do noso programa e insistimos na necesidade de articular procesos participativos de base en cada barrio, para acadar acordos amplos que orienten o traballo municipal a desenvolver no medio e longo prazo.

Foto:  Encontro veciñal realizado o 11 de abril no Local social de San Xoán.)

Mitin, en Ferrol, de En Marea


Así mesmo, aproveitamos a ocasión para animar á participación da cidadanía no Mitin de En Marea que se celebrará o vindeiro domingo 14 de abril, ás 12:00 hh. No Hotel Almirante.



Comunicación de Marea de Ferrol

Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
https://twitter.com/FerrolMarea
https://facebook.com/mareadeferrol

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
13 de abril de 2019 09:36
____________

mércores, marzo 27, 2019

Acto de sinatura do Protocolo de Colaboración entre Marea de Ferrol e En Marea, para concorrer ás eleccións municipais do próximo mes de maio - Terá lugar no Centro Cívico de Canido, o vindeiro sábado 30 de marzo, ás 12:30 horas


ACTO DE SINATURA DO PROTOCOLO DE COLABORACIÓN MAREA DE FERROL - EN MAREA


O vindeiro sábado 30 de marzo, ás 12.30 horas, no Centro Cívico de Canido (Rúa Poeta Pérez Parallé) convidámosvos a asistir ao acto de sinatura do Protocolo de Colaboración entre Marea de Ferrol e En Marea, para concorrer ás eleccións municipais do próximo mes de maio.

No acto contaremos coa presenza de Bernardo Lorenzo (Coordinador da Marea de Ferrol), Ana Seijas (Vicevoceira de EM e Responsable de Municipalismo) e Luís Villares (Voceiro nacional de EM).

Contacto:
mareadeferrol@gmail.com

Facebook:
https://www.facebook.com/mareadeferrol/

Enviao por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
27 de março de 2019 14:52

__________

venres, marzo 01, 2019

Carta da deputada de En Marea no Parlamento Español, Alexandra Fernández Gómez, sobre o seu paso pola actividade parlamentaria en Madrid


Compañeiras e compañeiros,

Hoxe remata unha lexislatura tremendamente intensa na que, ao longo de tres anos, remamos contra vento e maré por colocar os problemas das traballadoras do noso país na axenda estatal.

Nun primeiro momento, as dificultades viñeron dadas polo feito de a organización estar por construír. Tocoume, daquela, asumir a portavocía do grupo. Con todos os erros da inexperiencia, pero tamén con toda a forza da vontade, comprometinme en visibilizar as nosas demandas na cámara e loitei, contra propios e alleos, por facer valer o aval que centos de miles de galegas e galegos nos deron.

Como portavoz na comisión de Fomento traballei para tentar humildemente perfilar unha estratexia que puxese en valor o potencial da Galiza Atlántica; dunha Galiza que non quere depender dunha política do Estado que co seu modelo radial nos pretende asimilar á España baleira, senón que quere falar dende as súas necesidades e fortalezas. Foi para min estratéxico colocar temas como a AP9, os corredores europeos de mercadorías, o sistema ferroviario, os portos, as estradas... porque as infraestruturas son, á fin e ao cabo, as que xeran as condicións de posibilidade para que teñamos un ou outro modelo socioeconómico e condiciona profundamente as nosas vidas.

Adquirín, tamén, un compromiso persoal para que a comisión de investigación de Angrois saíse adiante, e tiven a sorte de acompañar durante todo este tempo as víctimas e familiares do Alvia, con quen aprendín a importancia do empeño e do tesón. Tralo paso de case medio centenar de comparecentes conseguimos desenmascarar mentiras e medias verdades, e provocamos que funcionarios do Ministerio de Fomento desen un paso adiante para atenuar a opacidade de “verdade” oficial. Quédame a espiña de que o final anticipado da lexislatura deixase no aire a elaboración do informe de conclusións, que espero e desexo que se recollan para a seguinte.

Tiven a sorte de atopar e traballar cunha chea de xente anónima que durante estes anos nos acompañou na nosa labor ao longo do país. E levo tamén o galano de que moita desta xente se convertese en compañeiros e compañeiras. A todas elas, a todas vós, grazas, e grazas tamén a todas as persoas que me queren e ás que lle tiven que sacar horas de dedicación, e a aquelas ás que lle roubei horas de apoio, debates e reflexións.

Despois dunha profunda reflexión, poño fin, pois, a unha etapa dura e intensa. Tiven moi claro desde o primeiro momento que o meu tempo na política institucional había ser limitado. Nestes tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volto agora a ela, mantendo o meu compromiso militante desde a base.

Estamos nuns tempos convulsos que requiren respostas audaces e de mirada longa. Penso que é momento para pararse, para reflexionar, para máis traballo ao carón das compañeiras, para esa militancia en que os rumbos compartidos xeran afectos e proxectos de longo alento. Porque a Galiza combativa do Nunca Máis, do 15M ou do 8M segue palpitando urxencia. Continuamos!

Fonte: https://www.facebook.com/alexandra.galiza

[*] Alexandra Fernández Gómez, nada en Vigo o 21 de outubro de 1988.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
28 de fevereiro de 2019 20:33
_______________

luns, decembro 24, 2018

'Coidando a Casa' a candidatura encabezada por Luís Villares, atinxiu máis do 59,2% dos votos, 1.596 sufraxios, gañando as eleccións internas de En Marea


Villares gaña as primarias de En Marea

Luis Villares gañou as primarias de En Marea. O actual portavoz da organización e parlamentar obtivo máis apoio das persoas inscritas para poder votar que o rival nas urnas, David Bruzos. 'Coidando a Casa' atinxiu máis de 59,2% dos votos, 1.596 sufraxios. Son datos provisionais que están a ser auditados. Máis de 4.000 persoas estaban inscritas para participar neste proceso. A pregunta agora, unha vez coñecido o resultado, é se as costuras de En Marea resistirán ao vivido nestas semanas e o acumulado ao longo de todos estes meses: dous sectores enfrontados e que semellan irreconciliábeis, os 'villaristas' (partidarios da actual dirección e do seu portavoz) e 'críticos' (Podemos, Esquerda Unida, gran parte de Anova e as marés de cidades como Compostela ou A Coruña).

Desde partes do sector crítico, e segundo avanza a Cadena Ser, poñen estes resultados baixo sospeita e consideran que puido haber un pucheirazo. A decisión de manter a candidatura dos críticos para as primarias desta fin de semana xerou un intenso debate no seo deste sector. De feito, unha das súas ponlas, Esquerda Unida, decidiu non participar nas votacións, por entender que non se daban as garantías "democráticas" mínimas. Unha opinión que tamén era partillada por parte de Podemos. Criticaban o cesamento de tres membros do comité electoral e expresaban dúbidas sobre o cambio dom sistema para auditar as votacións. 

Comisión de garantías

Nestas primarias tamén se votaba para elixir membros da comisión de garantías: Os cinco membros máis votados son da candidatura 'Coidando a casa'. Segundo consta na web de En Marea, a comisión de garantías é un órgano colexiado composto por cinco persoas elixidas democraticamente seguindo o criterio de paridade de xénero. En ningún caso actuarán de oficio, senón a instancia de parte. É o garante e o intérprete da normativa interna e dos acordos plenarios.

Este sábado constitúese o Consello das Mareas, 35 integrantes, e o comité de garantías. Será unha boa oportunidade para testar a disposición de ambas as dúas partes a acordos e a continuar no mesmo proxecto.

Fonte: Sermos Galiza | 24.12.2018 | Baixo licenza Creative Commons by-nc-nd.

Participa, Apoia Subscribe a un diario galego e na lingua propia da Galiza:
SERMOS O DIARIO GALEGO

___

Web oficial de En Marea:

https://enmarea.gal/


A nova noutros medios
:

Faro de Vigo.
Primarias de En Marea: Luís Villares gana las votaciones y acentúa el ...https://www.farodevigo.es › Galicia. Luís Villares ha ganado las primarias de En Marea con un 59, En Marea cierra, a las 9,00 horas de este lunes, día de Nochebuena, el proceso interno para ...

Praza Pública.
A candidatura de Villares gaña as eleccións de En Marea co 59% dos ...
praza.gal/.../a-candidatura-de-villares-gana-as-eleccions-de-en-marea-co-59-dos-votos
. A candidatura Coidando a casa foi a máis votada nas eleccións internas de En Marea. Segundo os resultados provisionais divulgados este 24 de decembro, ...
CRTVG.
Luís Villares gaña as primarias de En Marea e imponse a Bruzos co ...
www.crtvg.es/informativos/luis-villares-gana-as-primarias-de-en-marea
. Luís Villares, actual voceiro de En Marea, revalida o seu liderado no partido coa vitoria nas primarias celebradas esta fin de semana. Imponse á candidatura de

La Voz de Galicia.
Los resultados provisionales de las primarias de En Marea dan la victoria a Villares. Su candidatura podría haber obtenido el 60 % de los votos. El sector crítico habla ya de «pucherazo»
____________

sábado, novembro 18, 2017

En Marea denuncia que non é necesaria unha ampliación da capacidade de almacenamento de gas en Reganosa - A deputada e voceira de En Marea no Congreso,Yolanda Díaz, solicitou información ao Goberno sobre unha posible autorización ao non estar contemplada a obra na planificación do sistema gasista


En Marea denuncia que non é necesaria unha ampliación da capacidade de almacenamento de gas en Reganosa


A deputada e voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, solicitou información ao Goberno sobre unha posible autorización ao non estar contemplada a obra na planificación do sistema gasista.

En Marea vén de rexistrar unha nova batería de iniciativas no Congreso dos Deputados relativas á ampliación da capacidade de almacenamento de Reganosa, para coñecer se o Goberno ten coñecemento da intención da empresa gasista de construír un terceiro tanque nas súas instalacións de Punta Promontorio, en Mugardos.

Así, Yolanda Díaz solicita información sobre os trámites administrativos de solicitude de autorización previos á mencionada obra, e sobre a súa viabilidade, a pesar da escasa produción de Reganosa.

O grupo parlamentario de En Marea tamén presentou unha Proposición non de Lei para solicitar ao Goberno que informe da situación da Planificación do Sistema Gasista para o período 2017-2020 e en particular se está previsto modificar o borrador de Planificación 2012-2020 para incluír un terceiro tanque e ampliar a capacidade de almacenamento na planta de Reganosa en Mugardos e a xustificación técnica e económica para esta modificación.

Nesta iniciativa, En Marea volve solicitar, unha vez máis, a eliminación de Reganosa do sistema de retribucións estatal, e o peche definitivo da planta de Mugardos, xa que a súa localización foi anulada ata en catro ocasións polo Tribunal Supremo, por carecer da correspondente Declaración de Impacto Ambiental, polo risco que supón para as poboacións que están preto.

Yolanda Díaz afirmou que o que é máis grave é que "a pesar destas sentencias, foi o propio Goberno quen eximiu á empresa da obriga de cumprir coa Lei mediante Resolución do Consello de Ministros do 27 de maio de 2016" (10 anos despois de que comezara a operar a planta regasificadora e un mes despois da cuarta sentencia do Tribunal Supremo).

Finalmente, En Marea esixe o garante de que non se desenvolva o proxecto de Bunkering de GNL a buques na Ría de Ferrol polo aumento do risco para a poboación, xa que se incrementaría a circulación de barcos pola canle de acceso á ría interior aumentando deste xeito o risco de encallamento, accidentes que xa se rexistraron noutras ocasións.

Cabe lembrar, tal e como sinala a voceira de En Marea no Congreso, que este canal é longo, estreito e pouco profundo, con condicionantes de vento, calado e visibilidade, e no caso dunha emerxencia nas operacións de descarga, o buque gaseiro non podería saír do interior da ría, non cumprindo coa normativa de navegación que require a inmediata evacuación do barco fora da ría, o que constituiría unha ameaza para a poboación de Ferrolterra se se fondeara, tal como se ten previsto, a 400 metros dos arsenais e da cidade de Ferrol.

Yolanda Díaz insiste, nas iniciativas presentadas, que non é necesario un terceiro tanque en Reganosa, e así o avalan os datos: a produción dos ciclos combinados en Galicia en 2010 foi de 2.142 GWh que fronte aos 44.447 GWh/ano de capacidade nominal da planta, so supón un exiguo 4,8 % da capacidade nominal, fronte ao 80 % comprometido pola empresa gasista.

Ademais, a súa produción física nominal apenas alcanzou o 20% en setembro de 2017. Os niveis de tanques nos anos 2016 e 2017 estiveron en valores por debaixo de 200.000 m3 (salvo en xaneiro de 2016), que se corresponde cos 2/3 da súa capacidade nominal. Ademais, nos rexistros da propia compañía detéctase que, salvo excepcións puntuais, o máis habitual é unha soa descarga ao mes.

Por outra parte, a deputada lembra que nin na planificación vixente do Sistema Gasista, que é a correspondente ao periodo 2008-2016, nin no borrador, de xullo de 2011, de planificación do Sistema Gasista para o periodo 2012-2020 aparece recollida a construción dun terceiro tanque na planta de regasificación de Mugardos, contrariamente ao que afirmou recentemente en varios medios de comunicación o director xeral de Reganosa.

Polo tanto, Yolanda Díaz denuncia, de novo, que o terceiro tanque de Reganosa, ademáis de non ser necesario ao estar xa infrautilizados os dous tanques existentes, non aparece en ningún dos escenario considerados na Planificación do Sistema Gasista. Autorizar un terceiro tanque na planta de regasificación de Mugardos, aumentaría, como consecuencia da retribución polo investimento realizado, o compoñente regulado da tarifa do gas e polo tanto o importe do recibo do gas, ademais de supor un novo freo á implantación das enerxías renovables.

Madrid, 16 de novembro de 2017.

Iniciativas:

Pregunta Escrita relativa á ampliación da capacidade de almacenamento de Reganosa, rexistrada o 14 de novembro de 2017. | 6 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Proposición Non de Lei para o seu debate na Comisión de Enerxía, ... relativa á ampliación da capacidade de almacenamento de Reganosa, rexistrada o 15 de novembro de 2017. |  6 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Info baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
18 de novembro de 2017 09:278

_______________

sábado, febreiro 11, 2017

As sen partido de 'En Marea', chaman a aguparse na 'Marea Aberta' que ten como obxectivos a participación real e a cooperación entre as mareas municipalistas


Militantes sociais e activistas de 15 mareas municipalistas promoven o chamamento Construír unha
Marea Aberta.

Unha trintena de militantes sociais e activistas de mareas municipalistas  de  A Coruña, Ames,  Ferrol, Compostela, Fene, Ares, Oleiros, Lugo, Ribadeo, Monforte, Xinzo de Limia, Cangas, A Estrada, Pontevedra, Marín e  Vigo promoven o chamamento da iniciativa Construír una Marea Aberta cos obxectivos de demandar a participación real en En Marea e promover a cooperación entre as mareas municipalistas.

Para este grupo de activistas, entre os que se encontran destacados militantes sociais e cargos municipais “na constitución de En Marea como partido instrumental temos observado como as posicións corporativas teñen gañado peso fronte ás posicións cooperativas,  relegado a capacidade de información e influencia das activistas das Mareas”.

Tras o resultado da elección ao Consello das Mareas atopámonos nun momento novo no que xa non caben “desculpas nin miramentos”. Para os promotores desta iniciativa “agora toca traballar pola democratización da organización, por ser ese elemento canalizador e vertebrador dun proxecto que xere ilusión, e onde as persoas se sintan representadas”.

Segundo o chamamento que a partir de hoxe estará publicado no sitio de Marea Aberta para que se poidan ir sumando novas persoas “a construción dun proxecto plural para a maioría so é posible desde o recoñecemento  da pluralidade como unha riqueza e non como unha anomalía, onde os códigos éticos  non son proclamas benintencionadas senón manuais de aplicación práctica, onde o proxecto nacional non sexa a suma dun suposto polo nacionalista e outro federalista senón a construción  democrática dun pobo desde a súa aceptación cívica colectiva, onde a radicalidade democrática non sexa unha consigna de moda senón unha practica indisoluble da nova  política”.

O chamamento ten unha serie de demandas para En Marea:

  • Que a ética sexa o frontispicio da política, convertendo o Código Ético no documento central polo que se guíe a actuación de En Marea e se aplique sen ningún tipo de ambigüidade e de xeito inmediato.
  • Que o respecto ás persoas, a súa honorabilidade e o dereito á discrepancia sexa un elemento que non se poida traspasar por ninguén, colectiva ou individualmente, e que a falla de respecto ás persoas teña como consecuencia a reprobación inmediata.
  • Que a participación sexa real e en pé de igualdade asegurando a ‘xuntanza semestral do plenario’, a ‘elección en primarias de todas as representantes’ e onde as ‘decisións estratéxicas sexan sometidas a referendo por sufraxio universal’.
  • Que a transparencia sexa absoluta onde ‘toda a cidadanía poderá coñecer periodicamente todos os ingresos e gastos da organización’ e os acordos dos seus órganos políticos.
  • Que o activismo e o altruísmo sexan a norma de conduta dos seus dirixentes e representantes. A Coordinadora Nacional debe basearse no principio de ‘non remuneración’.

Pero a iniciativa vai máis alo do contorno de En Marea e pretende interpelar a activistas sociais e mareantas comprometidas coa nación e coas súas xentes que sofren as políticas de recortes sociais e precariedade democrática.

Activar un espazo de reflexión conxunta sobre a situación de En Marea e definir unha estratexia política pensada na maioría social” e “ser un grupo de acompañamento e de apoio entre activistas mareantes e militantes sociais, autentica masa crítica do cambio” son dúas das intencións dos promotores da iniciativa que xa traballan nun encontro para as próximas semanas.

Marea Aberta defende a constitución de En Marea como partido-movemento de carácter nacional, adscrición individual e sustentado nas mareas locais e nuns liderados internos claros seguindo o espírito da asemblea constituínte de En Marea.

Á vez de asegurar canles de información e coordinación entre mareas municipalistas é fundamental para que estas sexan o núcleo político central do proxecto nacional. A nosa vontade individual é fomentar encontros e foros de intercambio de información e iniciativas.

Para asinar: Ir á Web.

Web:
https://mareaberta.wordpress.com/

Correo-e:
mareaberta@gmail.com

Información baseada na enviada por:
Lucia Vizoso
-luciaxocaloma@gmail.com-
11 de fevereiro de 2017 00:31

________

mércores, agosto 03, 2016

A consulta telemática de Podemos Galicia decide a confluencia coa Marea por esmagante maioría, desdecindo o votado pola súa Asemblea Autonómica o pasado venres 29 de Xullo


As bases de Podemos apostan en ir ás eleccións galegas en alianza con En Marea


A opción tivo un 75% dos apoios na consulta telemática. Carmen Santos indica que é un aval para crear unha “fórmula electotal á catalá” en referencia a En Comù Podem.

As bases deron un si rotundo a concorrer en alianza electoral con En Marea ao 25 de setembro. Un 75,6% dos votantes na consulta telemática organizada por Podemos Galiza votou a prol desta opción, un “apoio claro”, en palabras da secretaria xeral, Carmen Santos, que xa anunciou que se ía poñer en contacto coas “forzas irmás”, en referencia a Anova, Esquerda Unida e as marés. Santos interpreta que os resultados do referendo, no que tomaron parte 6.056 inscritos (o 27,6% do censo total e 44,3% do 'censo activo') son un mandato para pular por crear o que cualificou como “fórmula electoral á catalá”, referíndose a En Comú Podem. Desta forma, Podemos non se diluiría en En Marea, que desde a asemblea do pasado sábado é partido instrumental.

A secretaria xeral destacou que "gañou a opción que eu defendía", incidindo en que tivo 4.576 votos (75,6%) fronte aos 1.471 (24,3%) dos partidarios de concorrer en solitario como Podemos, unha opción que fica descartada embora ser a maioritaria na asemblea da pasada sexta feira, e que non era vinculante.

A consulta despexa só en parte o camiño cara ás autonómicas do espazo que constitúen Podemos e as marés. Santos volveu deixar claro que a liña vermella era a de que o seu partido non se ía diluír e que os resultados da consulta eran a favor de ir en alianza, non de se integrar nun partido instrumental. De aí a súa refrencia a En Comú Podem, coligazón onde os actores integrantes manteñen a súa identidade propia. Mais isto bate co aprobado en Vigo, na asemblea xeral da maré constituínte, e na que se apostou por transformar En Marea nun partido instrumental.

Candidato

Preguntada polo candidato, Santos reiterou que só apoiarán un que saia dunhas primarias. O Faro de Vigo informaba na edición desta cuarta feira que Luis Villares, o maxistrado do TSXG que leva semanas sonando como a persoa para liderar a candidatura, descarta ser candidato de En Marea se Podemos rexeita "o partido instrumental".

Publicado en Sermos Galiza baixo Licenza Creative Commons | 03.08.2016

Faite asinante do semanario Sermos Galiza | Apoiando ao xornalismo galego e en galego. | Ir á Web.
_____________

domingo, xullo 31, 2016

En Marea adoptará a forma electoral de partido instrumental para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galiza - Xosé Manuel Beiras é unha das 11 persoas que conforman a a Coordenadora provisional deste novo instrumento político


A maré concorrerá como partido instrumental ás eleccións galegas

Crear “un suxeito político galego”, definir un calendario de primarias para elixir candidato e unha metodoloxía eran tres dos obxectivos que se marcaba a asemblea da 'maré constituínte' que este sábado decorreu en Vigo. Unhas 2.500 persoas asinaron o manifesto dos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol que serviu de alicerce para este acto, que nas primeiras horas reunía por volta de mil persoas, segundo cifras das axencias.
Beiras avisa Podemos de que as "reivindicacións partidistas rachan a unidade" e di confiar en que "non o fagan"
Na sesión da mañá aprobouse que "En Marea adoptará a forma electoral de partido instrumental para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galiza". Unha fórmula que descarta Podemos Galiza. O nome electoral será escollido a proposta da xunta xestora. Tamén se acordou que as primarias resolveranse nun tempo menor a 20 días, aínda que falta por concretar o día que se iniciará o proceso. A asemblea decidiu permitir presentar listas de consenso mais o candidato non estará ligado a elas, senón que deberá facelo de forma individual.

A votación sobre o partido instrumental decorreu após unha polémica polo documento que establece a relación entre un eventual Goberno da Xunta, o partido instrumental e o grupo parlamentario, ao respecto do que un sector, algúns deles procedentes do colectivo Cerna, pedía pospoñer para máis tarde. Xosé Manuel Beiras tomou a palabra e urxiu crear o partido instrumental, propondo tamén un compromiso de todos os presentes de que se poderían modificar algúns aspectos.

Coordenadora provisional

A media tarde elixiuse a Coordenadora provisional deste novo instrumento político. Son 11 persoas, entre as que están, entre outras, Xosé Manuel Beiras (Anova), Rubén Pérez e Eva Solla (Esquerda Unida), Manuel Antelo (alcalde de Vimianzo e no BNG até hai unhas semanas), Iago Martínez (MareaAtlántica), Ledicia Piñeiro (Ourense en Común), Rafa Dopico (Anova), Victoria Esteban ou Manuel Barreiro. Na coordenadora hai 2 inscritas de Podemos, Mariajo Bóvenda e Carmen González.

Comité electoral


Tamén se aprobou un comité electoral, que será o órgano que tutele as eleccións primarias. A este órgano presentáronse dúas listas, unha delas vinculada a Cerna. Finalmente, foi a outra lista de nomes a que conformará a xestora. Millán Fernández, Nine Paz, Pablo Nieves, Martiño Ramos, Hermida Dios, Helena Cordero, Aníbal Ledo, Ronsel Pazos, Xermán Tobío, Dani Conde e María Xosé Fernández Pardo. Estas persoas non poden candidatarse.

Xulio Ferreiro (A Coruña), Jorge Suárez (Ferrol) e Martiño Noriega (Santiago de Compostela) foron os encargados de 'inaugurar' a asemblea constituínte, destacando que a vontade era a de poñer en valor o que une e poñer "punto e final" a esta etapa de gobernos de Feijóo. "Imos constituír un suxeito político transformador, inclusivo, que sexa quen de disputar a Feijóo" a maioría, proclamou Martiño Noriega, quen asegurou que será "un punto de inicio do suxeito político que devolverá a esperanza" a este país. Jorge Suárez asegurou que a estamos perante unha "xornada histórica" e que se abre "unha ventá de esperanza" . Pola súa parte, Xulio Ferreiro, manifestou que “hoxe imos construír esa unidade e ese suxeito político que vai devolver a ilusión á xente”.

Na asemblea participan simpatizantes e militantes dunha trintena de marés municipalistas, así como de Anova e Esquerda Unida. Tamén hai bases de Podemos, embora a liña vermella deste partido en Galiza sexa que non se diluirán nun novo suxeito político. Tamén asisten á mesma membros de Cerna e persoas como Carlos Aymerich ou Ana Luisa Bouza.

Podemos

A secretaria xeral de Podemos Galiza, Carmen Santos, apareceu na asemblea pola tarde. O seu partido decidrá entre este domingo e a terza feira o paso a dar. Os inscritos, por volta de 20.000 segundo a organización, votarán telematicamente se van ás eleccións galegas en solitario ou en alianza e coligazón con outras forzas. O que desbotan é diluirse nun partido instrumental.

Publicado en Sermos Galiza baixo Licenza Creative Commons | 30.07.2016

Faite asinante do semanario Sermos Galiza | Apoiando ao xornalismo galego e en galego. | Ir á Web.

---

Web de Mareas en Común:
http://mareasencomun.gal/

Web de Marea Constituínte:
http://mareaconstituinte.gal/

Web de En Marea:
http://enmarea.gal/

Web do Foro Galego:
https://forogalego.wordpress.com/

Web de Cerna:
http://www.cerna.org/

Web de Anova:
http://www.anova.gal/

Web de Esquerda Unida:
http://esquerdaunida.org/

Web de Podemos Galicia:
https://galicia.podemos.info/

A nova noutros medios: Buscar como Marea Constituínte. | Buscar como En Marea.

_______________

sábado, xullo 23, 2016

Tempo de impasse, ... Por David Rodríguez - "...estívose máis atendo á consolidación dunhas siglas que ao avance do movemento popular..."


Por David Rodríguez [*]
23.07.2016


Atopámonos no impasse que media entre a repetición dunhas eleccións xerais e a celebración dunhas autonómicas galegas. Unha repetición de eleccións que se demostrou nefasta para os intereses globais das esquerdas. Se a orixe desta repetición está na "xogada mestra" mediante a cal, en rolda de prensa, os gurús da complutense comezaron a repartir ministerios e a poñer como condición para botar ao PP das institucións o acceso ao goberno co PSOE, estamos en disposición de concluír que, en realidade, aquela foi máis ben unha "cagada mestra". Ter negociado á portuguesa a investidura do PSOE sen entrar no goberno suporía, hoxe, que o Partido Podre de Rajoy sería historia, que o PSOE e Ciudadanos estarían xestionando os recortes de Bruxelas e que o Bloque Popular estaría facendo unha oposición dura coa vista posta na seguinte, probablemente próxima, crise do réxime. Na miña lectura estívose máis atendo á consolidación dunhas siglas que ao avance do movemento popular e, con todo, é probable que tampouco o primeiro obxectivo vaia ser posible.

En todo caso, isto é pasado. De cara ao futuro, as eleccións do 26 X deixaron, polo menos, dúas cousas claras:

1. O asalto aos ceos, que -na enésima baixada de listón- desta volta pasaba polo sorpasso ao PSOE, fracasou. Os resultados do fenómeno Podemos, se non chega a ir no Estado en coalición con IU, serían aínda máis magros. Neste sentido, o 26X marca o comezo da fin da burbulla podemos. A partir de agora o eventual avance dese partido vaise deber a un traballo máis pedestre e desagradecido que á inercia da política espectáculo.

2. A "operación envolvente" para dar unha patada no cu a Anova (entendida esta non coma as siglas continxentes desta organización -ao fin e ao cabo o menos importante- senón como a expresión do proxecto político que considera que do proceso de Unidade Popular que arrancou con AGE debía nacer un suxeito político galego de esquerdas -polo tanto non necesariamente nacionalista, ollo-), tamén fracasou.

A este respecto, algo de memoria:

O bloqueo interesado da mesa de coordinación de En Marea para que esta se democratizase e territorializase inmediatamente despois das eleccións do 20 de decembro de 2016 permitiu que tomase corpo ese sucedáneo da Marea Atlántica chamado Mareas en Común. Cando, debido a este bloqueo, En Marea concorre de novo coa fórmula de coalición -cometendo o despropósito de pretender falar outravolta de grupo parlamentario propio ao tempo que nada se fixera na fórmula xurídica de concorrencia para que este tivese algunha posibilidade máis de levarse a cabo- Marea Atlántica ponse de perfil e, ao tempo, Mareas en Común comeza a enarborar o discurso democratista e horizontalista que a propia Marea Atlántica contribuíra a bloquear en En Marea.

Antes das xerais, e de cara ás autonómicas, EU, na boca de Yolanda Díaz, expresa a súa aposta por En Marea como fórmula de concorrencia ás xerais e por Mareas en Común como fórmula para as autonómicas. Ao tempo, Garzón, o líder de IU, exprésase en twitter no mesmo sentido: En Marea para as xerais, MeC para as autonómicas. Outro tanto fai Ada Colau, sen dúbida influenciada por Marea Atlántica. A guinda do pastel pona Xulio Ferreiro cando, en lugar de pechar campaña en Compostela con En Marea, decide pechala en Madrid con Unidos Podemos. A envolvente estaba lista. A consecución do sorpasso deixaría ao que representa Anova sen espazo vital. Mareas en Común sería o espazo para as autonómicas, un espazo onde se incluirían EU, Marea Atlántica e Podemos.

O fiasco dos resultados electorais torceu os plans. Agora podíase argüír que a baixada de votos de En Marea tiña que ver co ninguneamento do factor "galego", co desprezo á figura de Beiras etc. Marea Atlántica estaba noqueada despois de que o seu alcalde apostase tan fortemente por Madrid en detrimento de Santiago. Mareas en Común, rápido habería comezar a facer xestos para ofrecerse máis como "pata" que como "espazo central" da confluencia de cara as autonómicas.

Aí chega o escrito dos alcaldes. O manifesto convoca unha asemblea constituínte para o 30 de xullo. Constituínte, suponse que quere dicir, constituínte, porén, dánse xa como elementos de partida os documentos elaborados por Mareas en Común. Confórmase unha xestora da asemblea cuxa composición, polo que se vai coñecendo, é bastante cuestionable e dáse por suposta a existencia dun chamado "candidato de consenso".

A aparición do manifesto dos alcaldes introduce unha contradición extra no espazo Podemos, onde a loita interna de faccións leva a que os deputados de En Marea, que, paradoxalmente, nas negociacións en Madrid para decidir se En Marea irá ao mixto ou quedará no Grupo Confederal se comportan como auténticos patriotas de siglas podemitas, teñan que defender o espazo de confluencia fronte a Carmen Santos, antigamente partidaria da confluencia e hoxe depositaria das esencias do patriotismo de siglas podemitas. Un cúmulo de despropósitos e cambios de parecer que fan pensar máis nunha partida de trileiros do oeste que en xente que non deixa de dar a brasa co fetixe dos "códigos éticos".

O vindeiro 30 de xullo asistiremos ao final dun tempo político partidario en Galicia. O que se ventila -ou, o que para min se debería ventilar nesa data- non ten que ver só coas eleccións autonómicas. Unhas eleccións ás que o PP chega bastante mellor do que se podía aventurar hai uns meses. O que se decidirá nesa asemblea será se o que saia do longo proceso que arrancou con AGE en Galicia dará lugar a un suxeito político galego ou a unha franquicia de Podemos. Quere isto dicir que, á hora da verdade, e ante a profusión de siglas e chiringuitos variados á que asistimos nos últimos tempos, a cousa vaise polarizar arredor desta cuestión. Só agardo que o que se vende como asemblea constituínte, sexa efectivamente unha asemblea constituínte, sen grupos de facilitación e outros "enxeños" para pastorear ovellas. Se esa asemblea é realmente constituínte e non a enésima patada á pelota para que xente con ideas incompatibles concorran xuntas ás eleccións, todo o mundo terá que retratarse. A implosión, logo, deste espazo heteroxéneo e incoherente será inevitable. Se a implosión non se produce nesta asemblea, producirase despois das eleccións, o que se poderá ler coma unha fraude ao electorado.

O resto, trangalladas para, nunca mellor dito, marear ao persoal.

Publicado o 20 de Xullo de 2016 no blogue do autor: O Funambulista Coxo. A foto do cabezallo do artigo foi postada por Ártabra 21, tirada de Tempos Galegos.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
21 de julho de 2016 01:38

_______________

venres, xullo 08, 2016

A iniciativa "Chamamento de Vidán" cobra impulso nas redes - Unha iniciativa a prol da unidade da esquerda nacional, proposta desde un sector das filas do BNG, cun programa transformador que sexa capaz de desaloxar ao Partido Popular da institución autonómica e transcenda máis alá do proceso electoral deste Outono


Lanzada unha iniciativa política, onde se encontran nomes como Carmén Adán, Ana Miranda, Tereixa Paz, Olaia Fernández Davila ou Xavier Vence, que pula pola unidade e reformulación do nacionalismo e as forzas de esquerda, e sinalan a celebración do 25 de Xullo, como unha data fraternal para referendar esa construción da que consideran única oportunidade para sacar ao PP das institucións e parar a sangría que en todos os eidos está a sofrer Galiza.

Chamamento de Vidán

O nacionalismo encóntrase nunha encrucillada como non ocorría dende hai décadas. O devalo socio-electoral do BNG chegou a límites insoportábeis para calquera organización política con vocación de transformar a sociedade. A continuidade, frecuencia e profundidade da prolongada desafección de votantes e simpatizantes é concluínte e permite emitir un diagnóstico, onde resulta inescusábel admitir o fin de ciclo da organización nacionalista.

Fronte a esta fatal realidade asistimos á emerxencia dunha alternativa política, con orixe na indignación social orixinada polo grave deterioro do benestar público, no seu significado máis amplo. Formada por nacionalistas e forzas de esquerda esta alternativa foi quen de focalizar o interese social dunha parte maioritaria do electorado nacionalista. Sen embargo, esa alianza construída para defender os intereses de Galiza, especialmente no Parlamento Español, amosa unha incapacidade crecente para cumprir ese obxectivo derivando nunha debilidade, cada vez máis evidente, do seu polo nacionalista. As contradicións, propias de calquera alianza electoral, e a menor visualización da compoñente galeguista están, ao noso xuízo, na causa máis probábel do devalo acusado por esta nova alternativa nas últimas eleccións xerais.

Esta complicada situación ameaza as expectativas de desaloxo do PP nas eleccións galegas do próximo outono. Sería imperdoábel que diferenzas menores malograsen a posibilidade dun grande acordo que trouxese ilusión aos galegos e galegas e impulsase unha vitoria contundente fronte á insostíbel situación económica que está desangrando o país, expulsando da súa terra ao mellor da mocidade galega.

Neste crítico contexto todas e todos deben contribuír a un gran acordo electoral, procurando o fortalecemento do nacionalismo e da alternativa ao PP en 2016.

Na actual situación e de cara a un futuro que transcende ao vindeiro proceso electoral correspóndenos a responsabilidade de remover as estruturas actuais do nacionalismo para sentar as bases para unha organización nacionalista de nova planta, sólida, con vocación maioritaria, transversal e que xunte a todas as persoas que teñen Galiza como nación. Por tal motivo, instamos a todas as forzas políticas galegas a actuar coa máxima xenerosidade e altura de miras para superar a actual situación de impotencia política dando os pasos precisos para levantar unha nova alternativa que aglutine a dispersión e devolva a esperanza de cambio á maioría social, sen apriorismos máis alá de que Galiza sexa o verdadeiro suxeito político.

Por último, dende este recuncho de Compostela e con toda a humildade, convocamos a galegas e galegos, a todos e todas as galeguistas e nacionalistas, a celebrar en fraternidade o próximo 25 de xullo, Día da Patria Galega.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2016.

PODE-SE APOIAR E ASINAR O CHAMAMENTO EN
:
https://chamamentodevidan.wordpress.com/

A nova nalgúns medios:
Manifesto liderado por Xavier Vence decreta fin de ciclo do BNG e pide unha alianza coa Marea. | D.ARES - SERMOS GALIZA 08 Xullo 2016 13:34 h. | Baixo o lema 'Chamamento de Vidán' reclaman "un gran acordo electoral" como "alternativa ao PP" en 2016. | Sesenta e tres sinaturas entre as que se atopa a do ex-portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda e as deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, veñen de lanzar o 'Chamamento de Vidán'. | Ir á Web.

"Chamamento de Vidán" para crear as bases dunha "organización nacionalista de nova planta". | Persoeiros do nacionalismo como Ana Miranda, Carme Adán, Xavier Vence, Tereixa Paz ou Alba Nogueira reclaman un xiro na estratexia do BNG e das mareas. Como primeiro paso propoñen unha manifestación o 25 de Xullo común con "todos os galegos, galeguistas e nacionalistas". | Lores defende a "capacidade e forza abonda" do BNG sen necesidade de confluír con outras formacións. | Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/07/2016 | Actualizada ás 23:15 | GALICIA CONFIDENCIAL | Ir á Web.

O Foro Galego debaterá o vindeiro sábado o impulso da candidatura de confluencia. | Redacción | @prazapublica | 08.07.2016 PRAZA PÚBLICA | Fóra de titular, dentro do texto da nova: "...Mentres, tamén este venres se fixo público o denominado Chamamento de Vidán, un documento asinado por un grupo de destacados e destacadas militantes do BNG (entre os que destacan Xavier Vence, Tereixa Paz, Olaia Fernández Davila, Carme Adán ou Ana Miranda)...fan un chamamento para superar as 'diferenzas menores” de forma que sexa posible acadar un “grande acordo que trouxese ilusión aos galegos e galegas'..." | Ir á Web.
A nova nalgúns medios convencionais galegos:
La Voz de Galicia: Los críticos del BNG llaman a construir otra organización. | Ir á Web.

El Correo Gallego: Militantes e cargos do BNG intentan unha nova visión para as autonómicas ante a "ameaza" de "non desaloxar" ao PP. |  Ir á Web.

Faro de Vigo: El exlíder del BNG y cargos locales urgen unirse a la Marea ante su crisis electoral. | Ir á Web.

El Progreso: Lores no perderá "nin dous minutos" con el manifiesto crítico del BNG. | Ir á Web.

CRTVG - A Galega: Máis de 50 militantes do BNG critican a dirección de inmobilista e avogan pola confluencia coas Mareas. | Ir á Web.

CRTVG - Radio: Militantes do BNG apoian a confluencia con outras forzas de esquerda. | Ir á Web.

Información baseada na enviada por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
8 de julho de 2016 15:35
http://lupeces.blogspot.com/
_________________

mércores, xullo 06, 2016

Rolda de prensa, en Ferrol, dos alcaldes "rebeldes" sobre En Marea e as Eleccións Autonómicas previstas para Outubro de 2016 - Vídeo completo


Rolda de prensa, en Ferrol, dos alcaldes "rebeldes" sobre En Marea e as Eleccións Autonómicas previstas para Outubro de 2016.

Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e o anfitrión Jorge Suárez, realizaron unha Rolda de Prensa no Ateneo Ferrolán, onte martes 5 de Xullo, ás 5 da tarde. A rolda de prensa, foi convocada sen temario previo, tanto aos medios, como a simpatizantes e achegados de Ferrol en Común. Era, o que se di, unha rolda de prensa "sorpresa", mais intuía-se, que senón..., que se ía falar sobre as Eleccións Autonómicas, algo sobre o que se veñen pronunciado ultimamente.

Antes da hora xa había unha grande expectación cun enorme despregue de medios de comunicación... fotógrafos, cámaras, xornalistas, achegados de Ferrol en Común e outras persoas.

Chegaron os protagonistas con pouca puntualidade como manda o protocolo de quen se fai esperar.

Despois de 1.000 fotos, sesión fotográfica de máis de cinco minutos, desde que apareceron pola rúa Madalena, acompañados do concelleiro de participación cidadán e tenente alcalde do concello de Ferrol, Álvaro Montes, até que comezou de feito a rolda de prensa.

Comeza a rolda de prensa, lendo un comunicado de cinco páxinas que previamente foi repartido aos medios presentes. A lectura do comunicado que durou sobre uns 15 minutos, foi feita a partes iguais entre os tres rexedores, logo houbo unha quenda de poucas preguntas, ... mais que non obtiveron as respostas concretas, só: "unidade", "consenso", "que eles non se postulan para candidato á presidencia da Xunta", "proceso" e "depende". E iso si moitas risas e complicidade coa maioría das persoas que representaban aos medios alí convocados.

Mais, para unha mellor e obxectiva información, aquí publicamos a rolda de prensa na súa integridade.


https://youtu.be/1d3D59kCAF4


Edita: Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
http://artabra21.blogspot.com.es/
______

luns, maio 02, 2016

As Mareas en Común convocan o 7 de maio a primeira fase da Marea Viva - Principios de Mareas en Común - Como se pode asinar


Será un encontro para impulsar unha confluencia das forzas do cambio en Galicia, aberto ás persoas, partidos, entidades e movementos con desexo de recuperar as institucións para a xente

Na Marea Viva decidiranse, entre todas e de xeito participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno

As Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, acordaron onte en Sada fixar o 7 de maio como data de inicio da Marea Viva. Con este nome, desígnase un espazo de traballo para a construción dunha confluencia das forzas do cambio que poida gañar as vindeiras eleccións autonómicas.

Trátase dun espazo de traballo aberto, dun censo aberto ás persoas, mareas, partidos, entidades, movementos e colectivos con desexo de recuperar as institucións galegas para a xente e levar a cabo políticas que representen o ben común e os intereses do 99%.  Terá varias fases, e servirá para  deseñar, de xeito participativo e participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Na xuntanza de Sada, a sexta que realizan as Mareas En Común, participaron unhas 200 persoas de 30 mareas municipalistas, entre as que se atopaban os alcaldes de Sada, José Benito e da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro. Tamén acudiron para amosar o seu apoio o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e varias representantes de En Marea nas Cortes Xerais.

Neste encontro tamén se acordou unha folla de ruta rápida e directa para poder cumprir os prazos ante un posible adianto dos comicios autonómicos. De darse o caso de que as eleccións sexan antes do outono, o proceso estará preparado para contribuír á derrota das políticas do PP.


Porque Mareas en Común


No mes de maio do pasado ano agromaron por todo o país procesos municipalistas de confluencia e unidade popular. Estas mareas, desde o protagonismo da cidadanía, están a tentar mudar os modos de facer política nas institucións locais, abríndoas á máis ampla participación e procurando pór en marcha políticas que defendan o común: os dereitos básicos, unha vida digna para todos e para todas, unha economía máis xusta e solidaria, o espazo público, o coñecemento e a cultura colectiva.

Porén, e dado o momento histórico que nos toca vivir, non podemos nin queremos quedar mudas ante unha realidade no noso país que supón unha ameaza para estes obxectivos que nos demos colectivamente. Por iso hai meses decidimos traballar en común para apoiar un proceso de confluencia capaz de gañar o goberno da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas e poñer esta institución ao servizo da xente.

Un proxecto baseado nuns principios básicos que nos unen:

0. Garantía efectiva dos dereitos humanos.
1. Radicalidade democrática.
2. Transparencia e loita contra a corrupción.
3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación.
4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais.
5. Defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio.
6. Protección do ambiente e o benestar animal.
7. Defensa do común.
8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial.


Fai Marea
Xa somos 754 asinantes dos Principios Básicos (02.05.2016)
Asina!

Máis info en:
http://mareasencomun.gal/
ola@mareasencomun.gal
https://twitter.com/mareasencomun
https://facebook.com/mareascomun


Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
1 de maio de 2016 23:44
__________

domingo, maio 01, 2016

Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas - O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea - E que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea


Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas


Máis de 200 persoas de círculos de toda Galicia achegáronse ao longo do día a unha asemblea na que expresaron de xeito maioritario o rexeitamento á creación dun partido instrumental. | As bases apoiaron á dirección de Podemos en que o único espazo posible para a confluencia é En Marea. | Carmen Santos aposta pola participación en encontros temáticos e sectoriais para elaborar o programa electoral e afirma que “é lexitimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia pois iso é o que votaron os inscritos”.

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, presentou hoxe en Ames, nunha asemblea aberta a todos os círculos, as liñas de traballo de Podemos Galicia de cara a elaborar o programa electoral para as eleccións Autonómicas e artellar a mellor campaña posible.

Santos incidiu na necesidade de abordar as principais problemáticas da nosa sociedade dun xeito verdadeiramente transversal (igualdade, emprego, vivenda, o rural, medio ambiente, etc.), coordinando entre diferentes secretarías os eidos de actuación e as propostas dos círculos sectoriais xa existentes e dos movementos cidadáns.

A secretaria xeral anunciou que se crearán encontros de participación temáticos nestes meses que permitan un desenvolvemento moito mais amplo das propostas e mellorar as canles de comunicación cos círculos e coa cidadanía en xeral.

Rendición de contas

Durante a asemblea presentáronse as diferentes secretarías que conforman o Consello de Coordinación galego. Ademais, os representantes electos nas cámaras estatais que veñen de disolverse, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino e José García Buitrón, aproveitaron a ocasión para facer unha rendición de contas insistindo no valor da súa actividade parlamentaria nestes meses e expuxeron as súas impresións acerca de como encarar os vindeiros compromisos electorais.

Varias das persoas que asistiron ao longo do día á asemblea manifestaron aos deputados e senador a necesidade de democratizar o espazo En Marea. O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea.

É lexítimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia, porque é o que votaron os inscritos e niso que están de acordo a maior parte dos asistentes hoxe aquí”, manifestou Santos ao remate da asemblea.

En  Ames, 30 de Abril de 2016

Olaya Sandoval
Responsable de Prensa Podemos Galicia
prensa@galicia.podemos.info

https://galiza.podemos.info/
facebook
twitter
youtube

Enviado por:
Prensa Podemos Galicia
prensa@galicia.podemos.info
30 de abril de 2016 20:44

________________

xoves, xaneiro 21, 2016

Grupo parlamentar: a renuncia da Marea, ... Por Xosé Mexuto


Por Xosé Mexuto [*]
21.01.2016


É-me difícil de entender por que En Marea non rexistou o seu grupo parlamentar como si o fixo Compromís, por que non deu a batalla, por que acabou optando por se inserir no grupo chamado confederal de Podemos, baixo a chefía de Pablo Iglesias.

A argumentación de que a solicitude de constitución do grupo parlamentar propio estaba condenada ao fracaso pola oposición da maioría da Mesa non se ten de pé: un non pode/debe renunciar ás primeiras de cambio a unha causa que xulga xusta e que, aliás, é un compromiso eleitoral. É isto o rupturismo? É esta á rebeldía? En política os símbolos son moi importantes, os de Podemos sábeno ben. Que simboliza esta manobra? Pouca firmeza perante o muro madrileño. É esta a afouteza coa que se tenciona asaltar o búnker?

Ítem máis: ao renunciar a constituír grupo, renúnciase aínda a petar nas portas do Tribunal Constitucional. Non me vale o contra-argumento de este ser un tribunal político controlado polas elites españolas. Xa o sabemos: mais do que se trata aquí é de se se quer ou non dar a batalla política até o final, de se se mantén ou non o compromiso adquirido co eleitorado.
"Un non pode/debe renunciar ás primeiras de cambio a unha causa que xulga xusta e que, aliás, é un compromiso eleitoral"
A decisión tórnase máis incomprensíbel se cabe ao contrastar coa de Compromís. A formación valenciana, que si rexistou o seu grupo proprio, axiu como axiu pola presión política exercida no seu seno polo Bloc Nacionalista Valenciá. Eles si se ativeron ao compromiso eleitoral.

Non enredo máis con esta cuestión. Os aspectos formais de apresentación da xogada -grupo confederal, non disciplina de voto ["non me imaxino ningunha votación neste Congreso en que teñamos unha posición diferente", dixo Errejón], etc- son pura maquillaxe. En Marea insírese nun grupo de ámbito estatal e iso é todo. Do ponto de vista da súa coherencia o lóxico tería sido rexistar o grupo proprio e, logo de ter sido rexeitado, ter ido ao mixto. Iso visualizaría En Marea como unha entidade propria, non enfeudada. O BNG estivo 20 anos no grupo mixto e sempre foi percibido como unha representación xenuinamente galega. En Marea vaino ser como un apéndice de Podemos: e non só, como xa a está a acontecer, pola inmensa maioría dos mass media, senón tamén pola grande maioría da populación galega.
"O que ten que explicar En Marea agora é por que se comprometeu en campaña a algo que non estaba na súa man conseguir, a algo que dependía de actores políticos non galegos"
Amigas e amigos, parafraseando Arsenio Iglesias, a política é moi difícil. Mais ás veces non o é tanto: Carolina Bescansa xa o anunciara no mes de agosto pasado: o do grupo parlamentario galego, indo Podemos dentro, non ía ser posíbel. O que ten que explicar En Marea agora é por que se comprometeu en campaña a algo que non estaba na súa man conseguir, a algo (que se tolerase a formación dun grupo participado por deputados de forzas políticas estatais) que dependía da vontade política de actores non galegos.

Nun artigo anterior lancei a pergunta de cantos deputadxs iría ter Podemos no Congreso. Desde esta terza feira 19 de xaneiro xa coñecemos a resposta.

Publicado no Sermos Galiza | 20.01.2018 | Onde recomendamos acceder para ler os comentarios.

[*] Xosé Mexuto. Barcelona 1966, xornalista e Director de Sermos Galiza. Foi xefe de imprensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003.  Traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade d'A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 deu ao prelo "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez" (Edicións A Nosa Terra). | Seguir a @xosemexuto | Ler outros artigos no Sermos.

Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
20 de janeiro de 2016 18:47

__

mércores, xaneiro 06, 2016

En Marea por un 2016 de cambio, para que nada siga igual!


Desde En Marea queremos trasladar, neste final de 2015, o compromiso colectivo por facer, entre todas e todos, de 2016 un ano de cambio e ruptura co vello. Un ano, polo tanto, onde fagamos da democracia, da soberanía popular e da xustiza social o centro de toda a vida política e institucional.

Queremos tamén aproveitar esta mensaxe para agradecer de novo aos centos de miles de galegos e galegas que o 20 de decembro deron o seu apoio a En Marea. Dixemos que o cambio non había quen o parara. E tras o 20D para En Marea o cambio non para. En primeiro lugar porque ficou constatado que o sistema bipartidista que leva imperando nas últimas décadas, grazas a un sistema electoral inxusto e a un pacto constitucional esgotado, que non representa a unha maioría social que nen sequera a puido votar, é xa historia. En segundo lugar porque ninguén pode negar xa que estamos inmersos nun novo ciclo político no que o diálogo e a asunción da diversidade sociopolítica existente no Estado serán os eixos fundamentais para dar resposta ás necesidades da maioría social.

Neste contexto, En Marea traballa desde xa para abrir os diálogos necesarios para consolidar un cambio fundamentado na democracia e nos dereitos sociais e, polo tanto, para tratar de evitar un goberno encabezado polo Partido Popular ou por sectores como Ciudadanos, que a todas luces son máis do mesmo: recortes, austeridade, desigualdade.

Para este cambio no Estado, as nosas coordenadas son claras. Cómpre agora saber se outras forzas, e de forma especial o PSOE, escolle mudar o rumbo das súas políticas ou pola contra permitir que o Partido Popular continúe a impoñer políticas ultraliberais en contra das maiorías sociais. É pois hora de escoller. E o PSOE debe escoller entre manterse como un dos dous partidos dinásticos para que todo siga igual ou sumarse as demandas dunha grande parte da cidadanía. Demandas que transformaron xa gobernos de grandes vilas e concellos no noso pais o 24M e que agora esixen un xiro radical no xeito de entender o goberno do Estado a vida institucional.

É intención de En Marea, pois entendémola coherente co compromiso programático establecido coas máis de 408 mil persoas que depositaron o seu voto por esta opción, cooperar activamente na configuración de calquera alternativa que recupere os dereitos sociais e políticos a prol da maioría social, que defenda os recursos e os bens comúns, que rescate a democracia e con ela a cidadanía e que asuma que tanto as persoas como os pobos teñen dereito a decidir o seu futuro, reflictíndose así a realidade plurinacional até hoxe irracionalmente negada do Estado español.

http://enmarea.gal/
info@enmarea.gal
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
05 de janeiro de 2016 15:56
________________