Amosando publicacións coa etiqueta Haiti. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Haiti. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 19, 2011

Haití: o retorno dun ditador

[O ex-ditador Jean Claude Duvalier, desde o balcón dun hotel
na ciudade de Puerto Príncipe - Foto Ap
]

O inesperado regreso do ex ditador haitiano Jean-Claude Duvalier, Baby Doc, quen arribou ao seu país o pasado domingo procedente de Francia -onde se refuxiou tras ser derrocado por unha revolta popular en 1986, provocou expresións de "sorpresa" e preocupación na comunidade internacional, polos posibles episodios de inestabilidade que o feito puidese suscitar na nación antillana. Pola súa banda, Human Rights Watch (HRW) e Amnistía Internacional (AI) demandaron ás autoridades haitianas a captura do ex ditador -sobre quen pesan acusacións por crimes de lesa humanidade- e a súa presentación ante a xustiza.

O retorno de Duvalier a Haití representa, en efecto, un factor adicional de tensión nun país sobrado deles, e constitúe unha afronta histórica para os habitantes da nación máis pobre do hemisferio. Durante os 15 anos que permaneceu no poder, Baby Doc encabezou un dos réximes máis represores e sanguinarios na historia dese país e do continente, seica só superado polo que dirixiu o seu pai e antecesor no cargo, François Duvalier, quen tomou o poder en 1956 mediante un golpe militar. En conxunto, a dinastía dos Duvalier foi responsable da morte e desaparición de decenas de miles de persoas, xa fose a mans das forzas armadas de Haití ou das milicias leais ao goberno, os tristemente soados tonton macoutes.

No económico, Baby Doc foi sinalado como culpable de desvíos masivos de diñeiro público -polo menos 500 millóns de dólares- ás súas contas persoais, e estímase que 45 por cento da débeda de Haití nas pasadas décadas acumulouse durante o réxime dos Duvalier. De tal forma, o ex-ditador é seica o máximo expoñente da corrupción proverbial das autoridades haitianas, a cal debe ser considerada unha das causas centrais do empobrecimiento que lacera a esa nación; a outra é a aplicación das directrices económicas e as políticas de axuste deseñadas polos organismos financeiros internacionais.

As consideracións anteriores fan que peticións de captura como as formuladas por AI e HRW sexan incuestionables, salvo por un feito fundamental: que no Haití actual, devastado polo terremoto de fai un ano e arrasado pola epidemia de cólera que se presentou meses despois, quedou de manifesto a ausencia de autoridades nacionais propiamente ditas e dun goberno minimamente funcional. Exemplos diso son a incapacidade das institucións para superar a crise provocada polos polémicos comicios de novembro pasado; as acusacións de prácticas fraudulentas do goberno de René Préval en favor do candidato oficialista, e a incapacidade do Consello Electoral Provisional para realizar unha segunda volta comicial que tería que haberse levado a cabo o pasado domingo: en lugar diso, a circunstancia de devastación, baleiro de poder, debilidade institucional e caos xeneralizado que percorre Haití constituíu o contexto para o regreso do ex-ditador a ese país.

A estas alturas, a responsabilidade polo retorno de Duvalier e a inestabilidade política que iso poida suscitar recae, máis que nas minguadas autoridades nacionais, na comunidade internacional: ao fin de contas, a súbita presenza de Baby Doc na nación antillana é síntoma dunha inoperancia institucional estreitamente relacionada coa destrución material que aínda afecta a ese país, ante a cal os gobernos de Estados Unidos, así como dos países de Europa e América Latina reaccionaron con indolencia e mezquindade.

Resulta desesperanzador, por iso, que a comunidade internacional reaccione ata agora con morneza e indefinición ante o episodio comentado: se a indiferenza dos réximes estranxeiros redundou no agravamento da circunstancia tráxica pola que atravesa Haití, provocada por fenómenos naturais e epidemias, agora podería derivar nun manto de impunidade para quen encabezou, no seu momento, un réxime tiránico. En tal circunstancia, os gobernos do mundo, con Wáshington á cabeza, terían que entender que o que menos fai falta nese país é un novo factor de tensión e inestabilidade política e, nesa lóxica, repudiar unanimemente a presenza de Duvalier e coaxudar á súa captura. Máis aló diso, o episodio obriga a recordar a necesidade de que a comunidade internacional recoñeza que lle fallou a Haití e que debe impulsar, en forma decidida e sen mezquindades, o proceso de reconstrución desa castigada nación e das súas institucións.

Fonte: Editorial La Jornada -México-
___________________