Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións

mércores, outubro 26, 2022

Barcos de Papel para Patrimonio Mundial, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
26.10.2022


BARCOS DE PAPEL PARA PATRIMONIO MUNDIAL

O concello de Ferrol acaba de facer a botadura simbóloca de 30.000 barcos de papel para promocionar a candidatura da cidade a Patrimonio Mundial da Unesco. Nada menos que treinta mil! Burro grande ande ou non ande.

E aí entra o decrecentismo como fondamente diferente das propostas da economía circular do capitalismo verde. Hai quen pensa, como a edil do ramo, que producir papel procedente de algas non máis que para facer un acto simbólico desas proporcións é unha iniciativa ecolóxica. E incluso considera a botadura como un proceso natural.

Que mensaxe de educación ambiental lle estamos enviando aos nenos desde as institucións? Que producir, amais un produto innecesario, non contamina? Que o proceso de producir é limpo e xebre e non consume, por exemplo, un ben tan fundamental como auga?.

Hai tan pouca imaxinación para pensar nunha asociación innecesaria entre Armada e Ilustración?. Tan pouco siso como para involucrar ás escolas nun proxecto Ferrol. Porto da Ilustración?

Tendo a ría máis contaminada non sería mellor proposta de candidatura sanear a ría para recuperar o ecosistema mariño implicando a mariscadores e profesionais do mar como biólogos, oceanógrafos… e facer educación ambiental co obxectivo de recuperar a ría e a economía sostivel?.

Contamos contigo, disque. Non sei convosco. Comigo, non.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
25 de outubro de 2022 14:38

_______ _______

venres, setembro 02, 2022

Auga, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
02.09.2022


AUGA

Agora que chegaron os meniños saharauhis a pasar o verao con familias galegas para sacalos da calor abafante dos acampamentos, onde os voitres xeopolíticos os teñen acornellados, agora podiamos aprender a economizar a auga. Economizar, isto é, usala racionalmente, que non mercantilizala. Para iso xa están as empresas mixtas.

Imaxino que deve pasar polo caletre destes pequenos cando abren a billa e faise a milagre. Cando ven as mangueiras a toda presión derrochando auga potavel para limpar vehículos, azoteas ou encher piscinas en cada urbanización costeira. Eles si poderíannos aprender a sobriedade porque nos educaron no derroche como amósega de éxito social. O de burro grande, ande ou non ande abranguendoo todo.

Os romeiros a Compostela visitan a cidade asolagada no encoro estiñado de Belesar cal nova Lucenza ou Valverde e nos medios parece un acontecemento trivial para divertimento de turistas. Ninguén relaciona a seca coa política pantanosa da dictadura e o desenrolismo que provocou a España vaciada coa apropiación estatal dos montes comunais, o monocultivo alóctono e a agrogandeiría intensiva. Nesta sociedade de datos combustibeis bradburiáns poucos teñen tempo ou azos para atar cabos. E por iso asistimos sen pestanexar ás imaxes do telexornal onde a xente desfruta en piscinas costeiras de luxosos aloxamentos mentres en Ribadavia o concello reparte botellas para beber, noutros concellos restrinxen o consumo ou curtan o suministro polas noites a salto de mato como se non houver responsabilidade política perante esta previsible seca e a falla de planificación ou da máis mínima política hídrica.

A mesma falla de prevención que cos incendios forestais. Lume e auga, as dúas caras da mesma moeda, a moneda da mercantilización dos recursos territoriais. Hai décadas, non lembro cantas, que saía do prelo un inquietante livro de Joaquín Araújo que era toda unha advertencia, España hacia la desertización. Mais decidimos darlle as costas a un grave problema e seguir coas abraiantes políticas de trasvases onde a agricultura do norde tiña que ceder auga á economía do boom turístico e dos campos de invernadoiros da España máis seca. Enfrontando povos acusándoos de insolidarios e esquecendo que os ecosistemas distintos necesitan distintos recursos hídricos e que a agricultura sempre ten de primar sobre o turismo. Aínda há moita xente que pensa que en Galiza chove dabondo, ignorando que o clima atlántico non é igual co mediterráneo e non precisan do mesmo rexime de chuvias.

Os concellos seguen desentendéndose da boa saúde dos ríos e da conservación das fontes. Non parece ir con niguén que os puríns rematen eutrofizando ríos ao punto de que as plantas non deixen ver a auga. Cando se abre outra pista, tantas veces innecesaria, desaparecen as fontes sen que ninguén reclame.

Na terra da auga daquel spot onde unha ra brincava detrás do camión da auga embotellada, quen ousa beber nas poucas fontes que quedan? Na fonte do santoandré de Teixido hoxe a auga da fecundidade só serve para saber se a miga aboia e a parella casa. Na fonte da Moura da miña parroquia, Santa Mariña do Vilar, o acceso norde ao porto, deixounos sen unha auga que tantos veciños iamos procurar. Montes e fontes sobrevivirán somentes na acordanza daquel fermoso livro. E na terra da auga, teremos de mercala ás corporacións que se apropiaron dos nosos mananciais como fixeron as hidroeléctricas co consentimiento dos nosos políticos.

Mais isto non é máis que o principio comparado co que as nosas empresas están a facer cos acuíferos arxentinos, coas terras dos aimara ou dos mapuches chilenos. Aquí aínda non matan Bertas Cáceres ou contaminan acuíferos a mantenta para saquear os recursos como fan na África.

No mundo pospetróleo, co derretemento dos polos e os glaciares e a suba dos océanos, a auga será o ouro dos mercados bursátiles.

Cando nenos, no tempo das fresqueiras, cando case que ninguén vira unha neveira e pasava o camión que vendía o xelo cunha pedra tamaña un iceberg, quen nos ía dicir, mentres cazavamos ras na pucharca do barrio, que aquel iceberg algún día sería un enorme lingote de ouro.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
15 de agosto de 2022 03:28

_______

Imaxe: Concello de Valdoviño - Encoro d'As Forcadas.
_______

Turistización: sinos, campas e campás, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
02.09.2022


TURISTIZACIÓN: SINOS, CAMPAS E CAMPÁS.

O grande escritor e viaxeiro Alberto Moravia, nos seus engaiolantes Paseos por África, alertava xa en recuados tempos contra o que hoxe definimos como turistización.

As grandes expedicións marítimas e o espertar das arelas exóticas acrescentadas polo romantismo á par que o petróleo barato, converteron aqueles elitistas Grand Tour da aristocracia europea nun turismo burgués que, xa nos navíos a vapor, xa polos camiños de ferro e máis tarde nos automóbiles, reduciron as distancias e o misterio. O boom turístico que sucedeu á Segunda Gran Masacre Mundial, co crescemento das grandes urbes e as grandes vías de comunicación, masificou o turismo de evasión e homoxenizou culturas e paisaxes nun xeito de colonialismo tremendamente deturpador. Os grandes tour operadores venden o lecer enlatado e os paraísos artificiais garantindo o imposibel, comodidades, aventura e seguridade. O mesmo ten que se trate do remedo dun romeiro medieval a Compostela, unha ruta por África dende 247 euros ou turismo de aventura na montaña, tan lonxe de A montaña máxica daquel Thomas Mann como poden estalo unha excursión de xubilados a Benidorm daqueles baños de barro no exquisito Bath.

A masificación turística aguilloada pola publicidade muda as cidades, vilas e aldeas en parques temáticos a demanda do turista que se cre con dereito a impor os seus costumes e vértolas, sen respectar espazos, tempos nen linguas.

Os turistas dun turismo rural séntense amolados pola bosta, os lameiros, o canto do galo que os esperta,as pitas ceivas e agora tambén polo son das campás na noite. En Herrero de Ibio, en Cantabria, -aínda ben que non foi na Campania- o párroco decide apagar os sinos polas protestas dos turistas. Seica o son metálico do bronce estrésaos máis que o bruído enxordecedor das cidades das que fuxen. Porén, a comunidade rural e os hóspedes viaxeiros reclaman o toque das campás como sinal de identidade.

Eu lembro o son bicudo da Berenguela furando a brétema polas rúas de Compostela. Ese son petava tan forte nos adentros que definía a personalidade da cidade e inclinava á introspeción nestes tempos tan dispersos. Como unha sorte de Adrián Solovio no Arredor de sí de Pedrayo, o son broncíneo daquela paisaxe sonora transportávanos á revolta contra Berenguel de Landoira e as luitas pontificias do s.XIV.

Rosalía ou Pondal versificaron todo o abano de emocións que as campás espertan, quer as de Bastavales quer as de Anllóns. E os escasos sineiros saben da habelencia de veciños que fan toques de muiñeira ou de xota anunciando festa. O antropólogo Lisón Tolosana dicía que as campás expresavan a harmonía comunitaria da parroquia chamando polos fregueses en momentos críticos. Por iso tocavan a morto, a parto ou avisavan de incendios e treboadas. Parece que o son metálico escorrentava aos nubeiros ou tronantes. Eses seres míticos altos e muros que fan as tronadas e saraivas subindo ás nubes nunha polvoriña ou remuíño de ar que fan mexando nunha morea de terra. Hai fermosas lendas e contos onde as colleitas de pan son salvadas dos trebóns polas badaladas axeitadas. Disque hai campás macho de son grave, como as que levan os volantes no antroido da Riveira Sacra e femia, cun son máis agudo. Nas noites de brétema os sinos das igrexas guiavan aos veciños para non se perderen.

Os turistas, fuxidos do estrés das súas vidas baleiras e de costas á morte, sentirán a anguria do destino en cada toque. Crenza houvo de que certo toque de campás agoirava a morte dalgún veciño. E hai unha cantiga que di que os sinos tocan polos vivos para que se lembren que son mortais. O que fai ciscar se o turista non andará a fuxir da morte mentres o viaxeiro vai ao seu encontro.

Teremos que orientar o turismo dos aloxamentos rurais cara o ecocultural e alén de ofertar cursiños de sineiro para aprender a tanxer como fan en Ouzande ou visitar obradoiros de sineiros como o de Caldas de Reis, organizar lecturas e forums encol dos sinos. Comezar polo livro Trece badaladas de Suso de Toro ou o de Xabier Do Campo, O misterio das badaladas, onde se espella como a campá partilla o tempo e orienta as horas de labor e lecer.

Anque ao boticario, don Anxo, que adoitava ler até moi tarde, as badaladas non lle permitían concentrar na lectura, e ía contando mentalmente: tann, oito. Tann, nove...Tann, TRECE…!!.


[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
12 de agosto de 2022 14:20

_______

luns, xullo 25, 2022

No día da Patria Galega, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
25.07.2022


NO DIA DA PATRIA GALEGA

Galiza é unha nazón fanada, esguía, mutilada. Un territorio circuncidado nun rito de iniciación que nos apresa nunha eterna adolescencia emocional. Un territorio ocupado como pode ser o povo irmao saharaui. Mais a ocupación galega é solermiña, doutra fasquía.

A nazón galega finou en 1073 e foi soterrada en 1090 no sochán do reino leonés co rei García. Por volta de 1140 aventáronse as nosas cinzas coa fundación de Portugal.

Dende eses recuados tempos apenas somos unha pantasma nacional. Unha pantasma que peregrina a Compostela cada ano como á Meca.

Fumos expropiados dos tres requisitos que marca o dereito internacional para sermos Estado: territorio, povoación e governo autónomo.

A povoación galega vense exiliando masivamente dende o século XIX por motivos coloniais forzados pola política imperialista española que nos condenou a un arrabaldo do que seguir chuchando a nosa riqueza económica. A nosa dependencia colonial é máis forte quizais pola nosa semellanza linguístico-cultural co seu principal nemigo peninsular, Portugal. Lembrámoslles demais ao único territorio peninsular ceivo das gadoupas castelás.

Ficamos tan poucos galegos e tan avellentados na Galiza -tendo sido no pasado unha das terras amplamente povoadas-, que se non fora polos inmigrantes, a estas alturas as cidades e vilas galegas non serían máis ca xeriátricos e mestos cemiterios.

Que dizer do noso territorio alén de non ser noso? Podemos ternos por tan propietarios como o son os africanos. Malia que aquí non verán ninguén os cascos azuis. Aos señores da terra sucedéronlle os señores do livre mercado sen solución de continuidade. Os camiños da vida oterianos. A fidalguía alleada, señores de forma e coitelo, foron subrogados ás multinacionais do mundo Global mudados nunha caste de burgueses ananos. Tan ananos como os daquel burdel aclimatado de Ferreiro. Eles son donos de vida e morte do noso territorio. O mesmo ten o tipo de propiedade, privada, estatal ou ese roubo sen volta que é a propiedade comunal. Os ananos mercadean coas vías de transporte que betumescurean o mapa enteiro en redes de autoestradas, viaductos, rotondas e pistas locais dunha vergoñenta parcelaria que rematou por retallar o territorio para facilitar a viaxe das elites, larpar as nosas riquezas e facilitar os incendios e a deturpación do atrasado territorio senlleiro. A especulación do tixolo e o formigón elevada a industria autóctona xunto co xacobeo de Santiago matamoros e pecha España.

Unha vez vaciado o rural das xentes veu o saqueo da minería e das repovoacións forestais. A plantación de patacas nos humidais. A destrución programada da agricultura localizada tradicional e da gandeiría extensiva. Nas costas, a pesca e o marisqueo tradicional, afogado pola industria contaminante e os lobbies do mar disfrazados de acuicultura.

Ficamos sen territorio porque os galegos urbanizámonos a medida que nos fumos alleando cun concepto errado de progreso. A medida que modernizamos os caciques. A medida que mudamos a lingua e o sotaque. Que deixamos talar as fragas nas lapas do progreso. A medida que o carro vale máis que a terra e asilamos aos devanceiros. Perdemos o territorio colonizados pola moda allea, vendidos ás letrinas sen outro afán nin fin que o merco-vendo. Alugamos a identidade.

Hoxe o 40% do territorio témolo a eucalito e matogueira. A metade da Galiza é un palleiro presto a arder pasto da cinzas das Pasteiras. A gandeiría intensiva presta a se afundir á sombra especulativa dos mercados europeos e do devalo enerxético. Os montes ameazados de centos de proxectos de saqueo da minería e das mal chamadas enerxías limpas. Enerxía colonial deslocalizada. Unha bomba de gas, tambén nacionalista e agora verde, ameazando voar polos aires a povoación de Ferrolterra. Gas licuado como os nosos miolos de galegos en barbecho. Falsas promesas descarbonizadoras pontesas. Promesas por unha emerxencia climática que un nacionalismo miope e curtopracista nunca defendeu.

Galiza, aquela terra minifundiaria alcumada de autárquica, é hoxe unha terra sen resiliencia. Só o 3,9% do noso territorio adicámolo á produción alimentar. Deixamos pechar cooperativas alimentarias namentras desbotamos fondos europeos en absurdas dixitalizacións e biomasas multinacionais nun mundo en devalo enerxético. Acosamos as feiras e mercados tradicionais sometidos á dictadura dos supermercados. Afiuzamos as nosas vidas aos ventos dos Mercados da gran distribución. Expostos á fame negra coa posibel creba das cadeas globais de suministración.

En tempos de colapso temos un territorio en destrución acelerada cunha poboación sen alfabetizar na supervivencia, sen ruralizar que só mira o rural para chantar eucalitos ou facer rutas guiadas.

Nin territorio, nin povoación nin governo autónomo. (Non confundir con Comunidade Autónoma). Non, non somos un Estado.

No Día da Patria, Galiza segue a ser unha nazón fanada a escoitar uns rumorosos de repovoación que nada din.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
24 de julho de 2022 22:15

_______

martes, xullo 19, 2022

Lumes e emerxencia climática, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
19.07.2022


LUMES E EMERXENCIA CLIMÁTICA

'A necesidade de que triunfe a variedade sobre as máis intelixentes unificacións'.
Ramón Otero Pedrayo, 'Marx e a balalaika'.

Seceda, Riodolas, Prado Albar, Carballeda de Valdeorras, Candeda, Aldea de Vilar, Saa, Oímbra, Verín. Serra da Culebra, Gêrés, Serra da Enciña da Lastra...arden os topónimos ricaces, as vivendas, xoias do Patrimonio etnográfico, espello da nosa cultura ancestral, a montaña e a bocarribeira, as queirugas e as devesas, as rutas sendeiristas... e arriscan a vida os bombeiros forestais. En desaloxo, fuxe a veciñanza rural, os derradeiros habitantes que resistiron ao forzado éxodo rural. Dende a gadoupa desenrolista do ICONA franquista e as súas primeiras repovoacións de piñeiros, deica a mafia do monocultivo eucalital, o noso territorio, desposuído do comunal, entregado ás multinacionais pasteiras e ao saqueo mineiro e enerxético, esmorece a mans dun governo colonial.

Os intereses creados pola industria do lume arrasan o territorio e a conciencia veciñal. A alcaldesa do PP de Folgoso do Courel amósase impotente e disque nunca imaxinou unha situación así. Devería pedirlle contas ao seu partido que é responsabel desta abraiante política forestal presta a chantar eucalitos dende a Serra da Lastra e o Suído deica as fontes do Miño aló na belida Serra de Meira. Monocultivo de eucalito para as multinacionais pasteiras que acabaron con miles de empregos do mar en Pontevedra e converteron a súa ría nunha noxenta cloaca. Monocultivo pirófilo en todo o monte galego, aveirando vilas, campos e aldeas para facer da Galiza verde unha gadañenta ratoeira infernal.

Mentres as lapas converten en cinzas as aldeas e os parques naturais Impulsa Galicia, esa sociedade creada pola propia Xunta para fomentar proxectos que capten fondos europeos de reconstrucción, fai de celestina da multinacional portuguesa para instalar unha planta de biofibras na Finca Río Seco, entre Palas de Rei e Melide para producir celulosa. Desviarán 200 millóns de euros con cargo a fondos públicos a través dos fondos rexionais FEDER 2021-2027, que como o mesmo nome indica, feden que alcatrean.

Así que cando merquemos unha camiseta de Lyocell, esa fibra sostivel, pode que nin veña de asolaren de eucalitos as selvas da Amazonía ou o fogar dos derradeiros orangutangos das selvas de Borneo senón de relocalizar a produción cun Perte da rotunda economía circular, afeita xa a circular tambén polos territorios das colonias europeas do sul.

Algúns medios de comunicación de avangarda xa ousan falar de emerxencia climática agora que o cambio climático é unha evidencia desclasificada. Incluso son quen de tertuliar encol da relación entre vagas de calor abafantes e incendios incontrolados arrasando o planeta. (Agudas mentes do progreso!).

Mentres, e segundo unha ecoloxista, a veciñanza do Courel, pídelle á Xunta equipas de protección individual para facer de cada galego de nacencia, un brigadista. E ninguén descarta que ese poida ser o vindeiro plan de prevención de incendios do governo. Esperemos que para o 2027 o FEDER xa teña un convenio con Amazon para enviar extintores a pé de porta xunto cos ventiladores e o aire acondicionado. Maravillas do livre mercado. Anque para entón Beezos xa terá recreado as aldeas e carvalleiras galegas no espazo intersideral. Iso si, coa colaboura do conselleiro do Medio Rural, ao que non lle quitará o sono que a deslocalización extraterrestre do tecido empresarial da industria incendiaria (motobombas, avionetas…), e o seu custoso transporte esqueza a urxencia da descarbonización e o conseguinte aumento do GEI, eis, os gases de efecto invernadoiro, principais causantes da Emerxencia climática. Ao fin, a escusa do gas que non chega de Ucraína converteu a ilusoria transición enerxética nun conto de fadas para nenos.

Parece que Galiza concentra a meirande cantidade de topónimos de Europa porque a querencia da paisanaxe pola paisaxe era tan fabulosa en recuados tempos, antes do capitalismo global, o vencello coa terra dos devanceiros era tan rexa, que bautismavamos cada recuncho do noso territorio. Incluso levando eses nomes sagrados cos emigrados ás novas terras. Porque o nome humaniza e o territorio galego -a dicir do douto ensaísta da paisaxe, Otero Pedrayo- está ou estava fondamente cultivado. Como escreve Craig Patterson en "O devalar da idea". Otero Pedrayo e a identidade galega, a obra de Pedrayo e maiormente Devalar (decorrer ou devir da paisaxe como un proceso) condensa a relevancia cultural da paisaxe en Galiza. A proxeción do ser sobre a paisaxe e a natureza. A continuidade do tempo e da casa na tradición da vida común nunha terra enchoupada de vestixios das xeracións pasadas.

O monocultivo do lume é un coitelo cinsento no cerne do noso povo. Unha creba insalvable na identidade. A creba do espello territorial galego, un Soutelo sen castiros, unha Carballeda de abrótegas calcinadas, un Prado Albar sen espiños, sen aciñeiras unha Serra da Enciña.

Quando os lobos uivam na Serra de Milhafres e os terrenos baldios -que eran un ben comunitario de sustento-, foran expropiados durante o salazarismo portugués e luitados polos beirões como nos conta o grande escritor Aquilino Ribeiro. O noso povo luitava tambén entón daquela os montes comunais, magoa de seren nestora tantos, eucalitizados.

Mais há espranza nun povo que pariu ao grande Fontán, guieiro do grande Pedrayo. Un povo que publica teses doutorais como a de María López Sández, Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. Un povo galego enchido de contradicións entre a épica da gadaña e a lírica paralizante da saudade. Há espranza nesta vella terra aldraxada e sumisa ás vértoláns comenencias dos ventos do capitalismo global. Unha terra que fronte ao monocultivo incendiario da nefasta política agroforestal, é quen de ir artellando brigadas de deseucalitización.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
19 de julho de 2022 22:31

_______

martes, maio 17, 2022

Letras galegas 2022: é reptiliña Galiza?, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.05.2022


LETRAS GALEGAS 2022: É REPTILIÑA GALIZA?


En Córgomo é este maio a Rag habitual. O Córgomo do kormófilo homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán, aquel exiliado republicán en México, de vontade reintegracionista como o noso Carvalho Calero ou o tan esquecido pedagogo de Vixoi. Aquel guerrilleiro da palavra dese Cancioneiro da loita galega que revoltava contra a inercia da castelanización e morría fidel ao compromiso cultural e político con Galiza. Aquel que trousaría ao escuitar no Pazo do Hórreo ao Sr. Rueda, tan reptiliño el, malversando ao tambén reintegracionista Paz Andrade e animando a un galeguismo conciliador e inconformista. Ao escuitar ao fuxido Sr. Feijóo, tan bípedo viperino, barballando sobor da cordialidade política e lingüística e avanzando xuntos pola senda do progreso tranquilo cara o autoexterminio.

É reptiliña Galiza? A Galiza das espirais e labirintos petroglíficos. A dos réptis Saefes e Oestrymnios, a das serpes de auga, a do Córgomo, ese unicum toponímico prerromano que en Cambre ou na Capela soa en Corgo. O Corrugus de Plinio o Vello, os cursos de auga nos ruina montium do saqueo mineiro doutro imperio nas Médulas e Montefurado. O Córgomo, o Corgo superlativo de Gurriarán, a réptil-serpe do río Farelos, vizosa lingua de augas vivecendo entre os montes cara o Sil, serpe esguellada que leva a auga mais non a fama por bandeira.

É reptiliña Galiza? É cordialidade lingüística arrincarlle do peito os nomes ancestrais á nosa Terra? Que diría o Florencio da lingua bífida da nosa actual toponimia, quen escreveu a Louvanza dos nomes enxebres? Que antergo e nobre alamio evocaría para o noso homenaxeado La Coruña coa que batemos cada día?.
Dicía Edward Carpenter que entre amantes non há deveres nen dereitos, mais entre os galegos colonizados, convencidos de lle aprender aos pequenos o anglotrapo ou ianquitrapo xunto ao castrapo, que traza de cordialidade lingüística pode haver? Sabido é de todos que en Reptilandia, os dereitos lingüísticos escrévense sempre en papel mollado.

Namentres a lingua esmorece en rituais e liturxias de postureo, na incomunicación coa lusofonía, o uniformismo lingüístico castelán torra a nosa lingua enxoita coma un córgomo maniño, camiño estreito e fundo convertido polas institucións coloniais nunha poeira  entre vales e cómaros de soina e estulticia.

Agora Gurriarán, (rexo fillo da Xeración Nós, como o arredista Manoel Antonio, ao dicir de Ferrín) saberá con esa sabiduría dos mortos do poeta Yeats que pol-a mala fada, inda hai feixes imbéciles e escuros que nos negan a fala, o espello da faciana colectiva, o único xeito audible dos nosos devanceiros?

Na Galiza reptiliña, cantos Doutor Nuevo Campito, parodia do desertor lingüístico, celebrarán só un día as nosas Letras? (Doutor Novo Campelo, aquel belixerante contra a nosa lingua, eis o Gabi dos tempos de Florencio Delgado). Cantos don Celidonios abaixarán a súa identidade a ese cosmopolitismo de progreso asimilador, prestos a esborrelar toda a memoria do seu clan?.

Bilingüistas harmónicos, como diría Florencio:

Cantarenas de castrapos, Galiza é soio Galiza/ inda que o non queira ser.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
15 de maio de 2022 22:37

_______

xoves, maio 12, 2022

Pannosco e os fondos Next Gerenation, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
12.05.2022


PANNOSCO E OS FONDOS NEXT GENERATION
O próximo peche de Pannosco en Ferrol, desta emblemática cooperativa de traballadores do pan no cerne dunha bisbarra historicamente panadeira, devería estar saltando todas as alarmas políticas. Cando máis tratándose do pan, un produto fundamental na alimentación e tratándose dunha empresa cunha forte implantación tanto na distribución a supermercados como a pequenas tendas de barrio. Á perda de emprego local (12 asalariados e 4 cooperativistas) engádese a perda dun réxime de traballo cooperativo, tan necesario nun mundo de competitividade atroz sen conciencia comunitaria.

Chama a atención que os Fondos europeos de Recuperación Next Generation non se empreguen para manter viva unha empresa cooperativa do sector alimentario tan importante no imaxinario colectivo da sociedade ferrolana. Mentres as grandes empresas adicadas a productos de menos resiliencia en propiedade de grandes fortunas, si son receptoras destas subvencións.

Por que non hai reunións cos traballadores asalariados de Pannosco para lles informar do dereito a solicitar os fondos Next Generation como unha vía para lle dar continuidade a esta empresa emblemática que fixa emprego local?.

Onde está o alcalde, o conselleiro de Industria e a oposición institucional que tanto falan de onde investir os fondos de industrialización cando unha empresa como Pannosco presenta un ERE de extinción?. Será un triunfo da mentalidade patriarcal que nos leva a pensar que os postos de traballo netamente masculinos, como os industriais, son máis importantes que os que proceden do mundo cooperativista, das mulleres e dos autónomos como é o caso que nos ocupa?. Porque quizais se falaramos dunha empresa do mundo dixital e non de alimentación, o Sr. Mato -adicto a todo o posmoderno- mollábase por un futuro para Pannosco. Magoa que o pan sexa tan rústico e tan pouco fashion.

O novo reparto destes fondos europeos, tan teimudos nas axudas á dixitalización, tan proclives a axudar aos que se lucran xa sen axuda, esquecéndose das cooperativas e de tantas pymes, lévanos a desacreditar neles como pasou con outros da Política Agraria Comunitaria (PAC) que só beneficiaron aos latifundios e ás grandes fortunas ligadas á agricultura a gran escala (cazaprimas ou agricultores de sofá) e á alimentación da agroindustria, un modelo obsoleto e inviabel no mundo da transición enerxética e a resiliencia.

Os fondos Next Generation foron creados, presuntamente, para promover a cohesión económica, social e territorial, fortalecer a resiliencia e a capacidade de axuste dos Estados membros, mitigar o impacto social e económico da crise da covid-19 e apoiar a dobre transición, ecolóxica e dixital.

Desde as propias institucións políticas falan deles como unha estratexia para a transformación de Galiza. Pero que clase de transformación? Empregar os fondos europeos para facermonos máis dependentes aínda e en sectores fundamentais para a supervivencia da cidadanía? Que plan de recuperación é ese que non subvenciona o mantemento dunha cooperativa alimentaria básica na nosa cidade, como é Pannosco?.

Encamiñámonos cara conflictos de subsistencias como os de 1847 ao disparase o prezo dos cereais, cando as mulleres impedían embarcar o gran dos especuladores para a exportación mentres o povo esfameava? Encamiñámonos a novas revoltas populares polo encarecemento criminoso dos alimentos como aconteceu en 1918 coa revolta das mulleres de Ferrolterra? Será a represión policial a resposta deste PSOE local desclasado que devece polo mundo dixital afondando nun progresismo excluínte contrario á vida?

O pan é un alimento de consumo básico. Hai toda unha cultura do pan arraigada que devería ser obxecto de programas políticos e educativos nas comarcas históricas panadeiras como Ferrolterra.

Como di a física Vandana Shiva, a medida que se incrementan os cultivos comerciais descende a produción de alimentos básicos, o que fai aumentar o seu prezo.

Cando Ucraína, o graneiro de Europa, arde nunha guerra xeopolítica polos últimos recursos enerxéticos e materiais do planeta, co conseguinte encarecemento dos cereais e o combustibel nun mundo pospetróleo en devalo, urxen políticas de relocalización en sectores básicos que nos dean unha seguridade alimentaria para evitar desabastecemento. O que se vén chamando desde o decrecemento, a soberanía alimentar. A solidariedade norde-sur tamén o reclama. Pois os monocultivos cerealísticos son tan nefastos para as economías do sur global como o monocultivo de eucalito que empobrece terras e xentes na nosa contorna. Máis aínda nun mundo de cambio climático, saqueo e graves "hambrunas" que cada vez empurran a máis millóns de persoas ás migracións.

Hoxendía, en España, a produción cerealística non chega ao 60% do noso consumo. Un escenario de dependencia alimentaria moi perigoso. Que mellor que aproveitar os Next Generation para evitar a dependencia das panaderías galegas a respeito do trigo ucraíno, francés e español, vía fariña de Castela, sabendo dos xa grandes custes de transporte que seguirán a medrar, nun mundo forzosamente abocado á descarbonización?. Que mellor que investir eses fondos europeos na recuperación deste sector produtivo, incluso dentro da propia cidade?. Por que non liberar terras e aumentar a superficie de trigo autóctono ecolóxico (sen fitosanitarios nin agrotóxicos) para sortir á panadería galega e ir orientando o proceso cara a produción local das variedades de cereal autóctono?.

Se os fondos Next Generation queren sentar as bases dunha Europa máis sostibel, integradora e resiliente, por que non usar os fondos de transición enerxética para cambiar este modelo produtivo inviabel pola relocalización do proceso de produción-distribución-venda dun alimento básico como o pan apoiando desde as institucións políticas as redes cooperativas de produción, distribución e venda?. Son as políticas institucionais, que nos fixeron cada vez máis dependentes dos insumos foráneos de pensos e cereais, quen teñen que compensar as políticas de resiliencia local.

Que maior urxencia económica que dotar á poboación rural dunha soberanía produtiva e enerxética de cara a unha verdadeira transición ecoxusta?.

Por outra banda, e non menor, fixar emprego local, é preservar a saúde das persoas e dos territorios. Son necesarias as políticas de apoio ao pan artesanal fronte ao industrial co que é tan difícil competir nos mercados especulativos. A potenciación da investigación e recuperación de variedades de trigo autóctono (Callobre, Caaveiro) cos ecotipos Miño, Paderne, Arzúa permitiría ser máis resilientes e abaratar custes de deslocalización así como mellorar a saúde dos consumidores.

A cidadanía ferrolana, como consumidora responsabel, devería reclamar dos governos municipal e autonómico unha política alimentar segura. E as cooperativas de alimentación son un piar indispensavel. O apoio a Pannosco sería un primeiro paso.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
12 de maio de 2022 12:59

_______

xoves, abril 28, 2022

A palavra adoquinada, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Iolanda Teixeiro Rei [*]
29.04.2022


A PALAVRA ADOQUINADA

Descarbonizando a praza do Carbón, peonalizando a praza do Callao en cuxos altos loce o monumento ao almirante vigués Méndez Núñez, (un dos heroes da batalla do Callao) o governo municipal cambia os vedraños adoquíns de granito do país polo horrendo formigón. Reclama ser Ferrol Patrimonio Mundial e, a un tempo, deixa nas cobizosas mans dos construtores de tixolo e cemento o enfeitizo dunha cidade ilustrada. Na praza do Callao, da verba celta caliavo, que provén de kal, isto é pedra ou callau, praia de cantos rodados, como os fermosos pavimentos das belidas cidades portuguesas, nos Açores, Madeira ou no Languedoc francés. Como os fermosos adoquíns que loce a cidade tan premiada de Victoria, artellados alí polos canteiros artesáns pontevedreses, como Karlotti me comentava onte, un dos artelladores da Palavra Encarnada, da Poesía salvaxe, a adoquinar de versos livres as rúas e as prazas da cidade racionalista durante tres longos lustros. Na praza do Callao a verba dos arxinas que Ferreiro cantara, a pedra de granito lavrada por canteiros, o addukkín que fai das rúas espellos de ríos grisallos por onde a auga lúe sen apozar, por onde o paseante camiña sen esvarar. O empedrado ferrolán patrimonial que devera ser mimado como os abraiantes mosaicos dos irmaos portugueses. O adoquín lambonada ou carambelo. O adoquín político, torpura dos diñeiros públicos que escorregan polas arcas do formigón armado. O adoquín-cubo de xelo con azucre para as bebidas do Callao peruano. As pedras escadradas dos antigos romanos, lindas e rexas, como radiantes versos de luz ecoados nos espellos das brancas galerías. Pedra-osamenta da terra nai. Adoquín da revolta no maio francés, baixo o teito de pedra, pavimento de areais contra as cargas policiais nas primaveras. Adoquim do Brasil, zona policiada. Pedra de escândalo, Palavra encarnada, cerco de pedra en que a verba encarna para curar ao sol. Versos nas calzadas. Silenciada arma carregada de futuro. Encarnada nas tascas e mercados, entre o viño e a cebada, no mar de dentro e no de fóra, nos Ateneos abertos, entre cuncas e linguas de cor e lume, nos ancos sombrizos da cadrícula ferrolana. Pedra de amolar, para aguzar as facas. Pedra de xelo, saraiva nos cravos de abril, festexando a revolución guiada outrora por Saraiva de Carvalho.

A Palavra Encarnada a empedrar as rúas de Ferrol. Bardos do povo, desmercantilizando a beleza, convocando a voz, compangando o pan, sementando as leiras, afiuzando na colleita e na sazón. Sen curiais nen dezmos. Poetas, pedra a pedra, erguéndose en encostas. Consagradores da pedra infernal que há corroer as nauseabundas espullas do Mercado. Pedra-adoquín, fita nas verbas, liberando a cidade dos valados.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
27 de abril de 2022 20:14

_______

xoves, abril 07, 2022

Cortando chapa para a guerra, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
07.04.2022


CORTANDO CHAPA PARA GUERRA

Ferrol amenceu hoxe entre tambores procesionais e forzas de seguridade. O presidente do governo central e unha recua de autoridades, entre as que se atopava a vicepresidenta ferrolana, Yolanda Díaz, viñeron, ao fin, a cortar a chapa da fragata. Prometen sete mil postos de traballo e falan do que levan falando desde que teño memoria, de diversificar mercados. Prometen na cidade da reconversión pantasma. Prometen na comarca das promesas. Falan da eólica mariña como a panacea universal esquecendo os ecosistemas mariños, o sector pesqueiro e marisqueiro e a escaseza de enerxía e materiais para os construír. Veñen a nos enlear coa dixitalización de todos os procesos produtivos mentres eu leo Thanatia. Los límites minerais del planeta dos enxeñeiros termodinámicos Antonio e Alicia Valero. Falan da industria auxiliar aqueles que destruíron os empregos navais de calidade e agora veñen a agasallarnos coas migallas dun precariado perpetuo. Prometen encadearmonos á industria militar de por vida mentres reciben os aplausos ou os silenzos dos que berran Non á guerra e mudan en pacifistas no reconto de ucranianos mortos do telexornal.

Contan co silenzo cómplice dos sindicatos da súa corda e coas protestas ocas dos demais. Hai moito moito tempo, que o sindicalismo acostumouse a arredar a loita política da loita sindical, situándose dentro do sistema capitalista. Como di Antoni Doménech en El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista, os sindicatos socialdemócratas entendíanse xa primordialmente como meras organizacións de defensa dos dereitos dos traballadores en canto vendedores da forza de traballo.

Cortar chapa para poder comer, cortar chapa e baixar a cabeza ou mirar ao outro lado agochándonos no falso relato de que as fragatas constrúense para axuda humanitaria e que a industria militar non é máis do que a ONG do Estado. Cortar chapa porque non hai outra que cortar, desafiando o perigo de ser albo fácil dos mísiles rusos contra a OTAN.

Carlos Taibo aponta no artigo GUERRA, ecofascismo, colapso: intuicións, a posibilidade de ecofascismos previos ao colapso cunha confrontación entre elites no medio dun panorama de creba dos circuítos económicos, financeiros e comerciais, de problemas crecentes no subministro de materias primas enerxéticas, de encarecemento abraiante nos costos de transporte e desbocadas operacións especulativas. Amais do globo sonda austríaco dun exército teimando en perfilar unha plena autonomía en materia de enerxía e auga nos cuarteis para socorrer a unha desvalida povoación civil, vítima imprevista dun apagón xeral.

Xunto a isto, di Taibo, o afortalamento da OTAN coa promesa dun horizonte inquietante de militarización, autoritarismo, intervencionismo, inxerencias e represión das disidencia. Nada difícil recén chegados da servidume voluntaria dunha pandemia.

Todo isto cando celebramos o medio século da publicación de Os límites do crecemento e a cuestión ambiental ocupa todos os cabezallos, mais desligada da crítica ao modelo económico de crecemento exponencial e infindo que provoca a crise global na loita polos derradeiros recursos do planeta, como nos lembra Jorge Paços no Galiza livre.

E mentres uns andan cortando chapa para a guerra, Ferrol prepárase para a Semana Santa pintando os bancos da cuadrícula por onde as bandas desfilan recendendo o aire con incensos relixiosos e bélicos tambores, nun arrepiante recordo doutros tempos. No alto das prazas, os grandes cartaces da concellalía de Benestar animal advirten que Un pis límpase nun plis, nunha cidade sen un mísero urinario público.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
6 de abril de 2022 23:06

_______

luns, marzo 21, 2022

Non á guerra e... a seguir crecendo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
21.03.2022


NON Á GUERRA E... A SEGUIR CRECENDO

Estes días veñen de se organizar por algunhas organizacións, concentracións contra a guerra en Ucraína. O lema é Non á guerra.

É doado apuntarse á paz e ser solidarios na distancia, sobre de todo cando a nova ameaza vírica é atopar os andeis baleiros dos supermercados. É a moina destes tempos de indefinición. Quen vai querer que se derrame o sangue do povo ucraíno ou de calquera outro povo?

Pero non sería ben máis efectivo defender políticas enerxéticas transparentes? Quen lideran estas concentracións teñen o afouto de sair do PIB como leme dunha economía desexavel? Ninguén pode xa ignorar o efecto bolboreta do capitalismo asasino da globalización.

É de recibo berrar na ágora Non á guerra desentendéndose da descarbonización, mudando as políticas de redución enerxética e de consumo polo trapelo da  paradoxal eficiencia? Pódese facer política curtopracista en defensa da instalación ou permanencia de calquera industria malia que destrúa as posibilidades de desenvolvemento territorial respectuoso co ecosistema, apostar polo produtivismo e teimar no mantra dun modelo crecentista, coñecendo o despilfarro da enerxía que iso supón e as guerras que iso causa?

Non saben eses artelladores do Non á guerra que iso implica políticas radicais de esquerda non-produtivista de Non ao saqueo territorial?. Políticas que ningún deles defende.

Acaso non é a guerra de Ucraína, entre outras cousas, unha guerra pola dominación dos escasos recursos enerxéticos nun mundo que abanea entre o despilfarro e a pobreza enerxética? Acaso non é o gas imprescindible para a nosa sustentavel transición enerxética? Lembremos que no 2014, o gas xa estava na cobiza pola hexemonía de occidente, naquela Estratexia Europea da Seguridade Enerxética onde se falava das estratexias contra a hexemonía enerxética rusa.

Como ben aponta Carlos Taibo, Rusia tería mordido o anzó que lle tenderan as potencias occidentais co fin de finiquitar a era Putin para beneficio de EEUU que, sempre na lonxanía, non vería con malos ollos dividir á Unión Europea, sabido de que o fracking é un ridículo amaño para manter o pozo sen fondo do modo de vida americano.

Por outra banda, Fernández Durán e González Reyes no manual clásico En la espiral de la energía xa apontavan no apartado Auxe de novos fascismo e do patriarcado como paradigma do colapso social, que unha das posibilidades do ascenso do fascismo sería orquestrar movilizacións populares ou insurreccións como a de Ucraína para tornar en autoritario, un governo saído das urnas, en resposta á presión popular.

Por iso, as concentracións de Non á guerra tiñan que vir acompañadas dun programa transparente de pedagoxía política do colapso. Clarexar que fai, por exemplo, o grupo Wagner, compañía militar privada rusa en África tanto como  esmiuzar as paixóns/birras entre Marrocos-Sáhara-Arxelia-España e a súa relación co gas e os fosfatos na dictadura dos supermercados e a agroindustria. Ou, amais de demonizar a Putin e censurar Russian Todays e Sputnik, recordar o acordo da Unión Europea para construir un megasoducto desde Azerbaiyán até Italia, unha vía terrestre contra a hexemonía rusa do gas, sen lles importar os máis de 50 presos políticos azeríes.

Foron moitos dos que agora orquestran o pacifismo que aplausaron a instalación de plantas de gas contra toda a legalidade, eses que saben que os cartos que deverían adicarse á resiliencia, a relocalización, á soberanía enerxética e alimentar para un mundo posfosilista, morren en investimentos de Proxectos de Interese Común en novas regasificadoras ou en ampliar perigosamente a capacidade das vellas.

Eu pergúntome a cotío onde é que vai a esquerda. Onde é que se concentran aqueles marxistas que, como o filósofo Manuel Sacristán, lonxe da esquerda crescentista de hoxe, suliñava a necesidade de contribuir á diminución do consumo no modelo social, así como á eliminación da producción nociva e superflua. Aqueles que sabían que a liña vermella do internacionalismo obreiro e a solidariedade norde-sur era algo máis que defender calquera industria só computando os postos de traballo a crear, sen computar os destruídos ou sen analisar as consecuencias territoriais nun programa que abranga as xeracións futuras.

Onde está logo esa esquerda que sobarde as mezquiñas aspiracións pequenoburguesas?

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de março de 2022 21:29

_______

Foto de José Martín. | Desabastecemento - Carnicería de Gadis en catabois (Ferrol) 21.03.2022
_______

xoves, febreiro 24, 2022

Falsos amigos, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
24.02.2022


Os lingüistas falan dos falsos amigos, aquelas palavras da mesma factura que, porén, teñen significados moi diverxentes. Fernando Venâncio,no seu interesante livro Así naceu unha lingua. Sobre as orixes do portugués, desvélanos a verba logro como exemplo de falsos amigos entre portugués e español. Logro, proveniente do latín lucro, que tamén deu lucro, en español significa éxito mentres que en portugués é fraude.

Impresiona especialmente o exemplo do latín plicare, eis dobrar. Del derivan o portugués e galego chegar e o español llegar. Parece q a explicación é que, ao se acadar o porto de destino, se dava a orde Plicare! para dobrar as velas. Só que, no romanés, o mesmo verbo deu pleca co significado de partir.

Namentres eu ilustrávame con estes falsos amigos, a televisión seguía instalada no monotema da semana, ese que é quen de apagar o galanteo leonés entre os populares e os ultras de Vox. Ámbolosdous veñen de acadar o logro/lucro nas elecións. Deixo á escolla do lector ficar coa versión española de éxito ou a portuguesa de fraude. De calquera xeito o estourido leonés chegou ao cerne da bicefalia popular central facendo que outros falsos amigos ergan as vellas liortas polo poder, unha escusada man interna remexa documentos dobrados, do latín plicare que como xa dixemos é chegar en galego e llegar en español.

O tándem Casado-Ayuso deixa de pedalear xunto e entra nunha batalla de logros coa versión portuguesa de fraude da mascarada do irmán da presi madrileña ou coa versión española de éxito do capitán Casado, aínda asegurado no leme da nao.

Ninguén ventava hai uns días que aquel presi do noroeste, sempre tan renegado da capital do reino, aquel das sonadas fotos naqueloutra nao co narco Marcial Dorado, dera a orde de plicare, de dobrar as velas, quen sabe se para chegar ou se para partir. Ao fin, todo depende dende onde se albisque o panorama político.
Xa en política, xa en lingüística, abrollan sempre os falsos amigos.


[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
23 de fevereiro de 2022 19:15

_______

mércores, febreiro 09, 2022

Ferrol dende un balcón, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
09.02.2022


FERROL DENDE UN BALCÓN DE SOL

Debruzo na varanda desta rúa triste e sombriza, esta rúa onde o sol asoma temesiño luíndo a penas, coas súas febles raiolas invernizas, as galerías outas e pares da outra veirarrúa.

Ninguén que me poida lembrar se houvo sol noutrora ou se o nome é somentes unha brincadeira, como eses alcumes que tantas veces salientan xustamente aquilo do que a persoa carece.

Mais, magoada polo trafego rodado, a longa e rectilínea serpe de Sol é cobizada como lugar de estacionamento nunha cuadrícula desbordada polos vehículos, eses usurpadores do espazo público á cidadanía, no centro dunha cidade racionalista que fora deseñada para camiñar con folgar.

De fronte a tristura o espírito unha vedraña vivenda de baixo e dous andares coroada dunha bufarda que asoma polo tellado con dous ollos valeiros como unha velliña cega que malia non ter xa pisca de luz, parece fitarte coa olladela fría e esquecida de todos os ollos que a habitaron.

A casa non ten número mais no seu día deveu ser de boa traza. Aínda conserva a pedra en bon estado e as albas galerías de madeira apodrecida lucen, porén, uns releves de motivo vexetal. Leva un mundo apuntalada de arriba abaixo como quen non quere matala nin deixala vivir. Os puntais, xa enferruxados, atravesan os restos do que foi o toldo dun negocio no baixo. Na banda dereita da derradeira galería, unha gran chapa metálica semella evitar que se veña abaixo. Nunha das portas, tapiadas con tixolo e cemento, alguén deixou escrita a pintada: El de Tanger traición. E como toda tragedia ten a súa faciana cómica, na parede do balcón luce unha chapa branca moi nova, negro sobre branco: seguros mutuos ferrol. Como guinda, érguese no tellado erváceo unha longa antena pola caluga da bufarda,  símbolo dun progreso calcado sobre as ruínas dunha cidade que fuxe da súa propia historia.

Ao seu carón, a súa vivenda veciña, de mesma traza, non resistiu as bategadas do tempo e do esquecemento. Só fica o baixo apuntalado no que alguén molestouse en pintar unha fouce e un martelo vermellos. En riba, a beleza decrépita do que foi a saída a un balcón como unha pequena porta dun irrisorio triunfo, coa mesma chapa de seguros mutuos, protexe os sangumiños do que foi un fogar, a rexa osamenta dunhas vellas trabes aínda termando das galerías parellas.
Só as pombas e as gueivotas devecen por estas xoias do pasado.

As xentes pasan polas veirarrúas coas súas angueiras sen reparar no cotiá. Na beleza e sabencia que se perde, no pasado e futuro como dous siameses inseparaveis. A perda de identidade, a miseria, a usura e a tolemia. Os maiores cos seus carros do mercado, atafegados por chegar a casa cismando na encosta que queda por salvar. A mocidade en pandas coas súas mochilas e os seus risos e berros demorándose por non chegar a casa nin a ese mañá agoreiro. Os miúdos brincando e contando ás súas nais o conto do día ao saires da escola, inocentes ao devalo dun mundo.

Desde o balcón até raiar a tardiña flúe un balbordo leve e discontinuo, comedido como as augas dun río vertolán. Un home mira cara arriba, mais a meirande parte ollan ao horizonte ou ás pantallas dos seus móbiles. É a lóxica dos tempos, a velocidade que nos fai cegos ao próximo.

Dende o balcón, boto en falla o verde do campo aberto do meu antigo barrio, o alto de Chamorro, o souto e o Val de Pazos, vagarento en se espreguizar da mesta brétema nas mañás. Aquí albisco unha palmeira esguía que me reconforta e trae á miña memoria a da horta dos meus avós na rúa do Hospital, baixo a que xoguei na neneza. Agora acena coas súas palmas a este ceo estrano sen rastro de nubeiro. A súa sombra pinta un ave fénix no muro branco.  A palmeira dos indianos traída á península por Abderramán I no século VIII, disque unha das árvores máis antigas que chegou a aquí dende o Cretácico. Símbolo da inmortalidade e da abundancia. A súa variedade Phoenix deu nome a Fenicia e á lendaria ave fénix.

Dende o balcón, debruzada na balconada, abranguendo a cidade ao lonxe, pergúntome se será quen de rexurdir tamén, como a fénix, das súas cinzas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
8 de fevereiro de 2022 18:42

_______

Foto de Victor.
_______

luns, decembro 13, 2021

Presentación do libro 'Decrecemento. Construíndo Alternativa', este venres 17 de decembro, ás 19:30 h no Ateneo Ferrolán, con Miguel Anxo Abraira, Iago Pérez e Iolanda Teixeiro


Presentación do libro e charla da Rede para o Decrecemento

DECRECEMENTO
CONSTRUÍNDO ALTERNATIVA


Salón de Plenos do Ateneo Ferrolán
Venres, 17 de Decembro, ás 19:30 h

Interveñen:

MIGUEL ANXO ABRAIRA e IAGO PÉREZ

Presenta:

IOLANDA TEIXEIRO

Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo

https://www.facebook.com/rededecrecemento/


https://redeparaodecrecemento.wordpress.com/


Enviado por:
Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo
-redeparaodecrecemento@gmail.com-
12 de dezembro de 2021 17:29

_______

martes, novembro 02, 2021

A Galiza profunda, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


A GALIZA PROFUNDA

Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
02.11.2021


Ao que parece o esperpento segue a ser o espello deformante con que adoitan nos ollar dende España. Cando xa nos estavamos a repor da aldraxe dese sonado programa televisivo de cociña onde botaron man dos eternos tópicos e do noso acento, sae unha sentenza dunha xuíza de Marbella que retira a custodia do seu fillo dun ano a unha muller por vivir na Galiza profunda, onde seica non há múltiples posibilidades para o adecuado desenvolvemento da personalidade dun neno e para que medre nun ambiente feliz. O neno fica co pai en Marbella por ser unha cidade cosmopolita con infraestruturas, un bon hospital e todo tipo de colexios, públicos e privados. Segundo a xuíza, a Galiza profunda cae nunha zona da ría de Muros e Noia lonxe de todo e sen opcións laborais.

Pode que a xuíza non ande tan descamiñada co de situar a Galiza profunda en Noia pois de todos é sabido que esa vetusta vila foi fundada por Noé, o da arca, en recuados tempos, que a súa igrexa principal fica inconclusa e que alberga unha maldición. Tamén saberá a xuíza que acó está o conxunto de lápidas máis importante de Europa, co perigo que isto supón para unha criatura, a Feira medieval máis fetén e a mellor empanada de berberechos do mundo, despois da de Ferrolterra. Curiosidades ancestrais dun mundo atrasado. E anque está tan perto de Coruña e de Santiago, todos coñecemos que era terra de zapateiros e ben sabemos que o tronante e o demo frecuentavan ese oficio. Que oportunidades educativas e laborais vai ter un pequeno de un ano no que foi un dos portos máis importantes do Atlántico? Imos privar ao pequecho de chegar a ser o rei do tixolo ou o xeque da noite marbellí para rematar sendo un pobre mariscador que malvenda o ouro da ría a calquera restaurante malagueño? E anque Noia tivo tres antigos hospitais no medievo cando Marbella aínda non fora reconquistada, agora havería que trasladar ao pequeno ao hospital de Santiago de se dar unha urxencia, dionolo queira, iso si, por unha autoestrada noviña. Por riba está esa torre inacabada coa lenda negra de que quen a rematara correría un destino fatal. E así foi cun cineasta que nos anos 70, elevou unha torre de cartón pedra para a rodaxe de A campá do inferno, precipitándose accidentalmente da torre e morrendo.

Que vai facer unha crianza entre a Cova da Moura e a Cascada de Argalo senón se criar coma un selvaxe megalítico ou se dourar ao sol, espido, no Castro de Baroña? Condearemos ao cativo a vivir coa súa nai como un simples muradán, exposto a esquecer a lingua de Cervantes, ese escritor castelán de apelidos galegos, por un galego con gheadas, poidendo ser políglota marbellí a facer negocios no Bounty Beach? Poidendo vivir co seu pai nunha cidade cosmopolita de próspera industria hoteleira e golfista no paraíso da España seca, deixaremos que a crianza viva coa nai que o pariu nunha terra de bruxas, perigosas sereas que de xeito vertolán afogan mariñeiros para levalos aos seus leitos mariños, maroutallos, serpes voadoras, urcos que agoiran morte, destripadores de antano, malos ollos, compañas, tangaraños, terroríficas lamias e lurpias, lavandeiras da noite que nos reclaman torcerlle as roupas dos defuntos, pedras abaladoiras, sortilexios e pentáculos do Ciprianillo, revoltas priscilianistas, santuarios de morte, ondas fecundadoras, rapas das bestas, krakens e congros xigantes?. É de recibo acaso privar a un neno de se desenvolver en medio de urbanizacións de turistas torrados ao sol que máis quenta en areais de grava ou de ter lecer no parque comercial de La Cañada con cen mil metros cadrados de tenda para os escasos días de chuvia non máis que para o meter nunha profunda ría onde a brétema pare pantasmas e chove que non escampara?

Que xuíza nos seus cabales, cambiaría o luxo asiático e chic de Puerto Banús onde nos seus restaurantes VIP se pode desfrutar dun centolo por un ollo da cara ou os dous pola mar brava do porto de Muros ou Noia?.

Ben pensado e deixando a chacota, magoa que unha letrada non saiba que Noia estivo sempre ben comunicada, pola pedreira e vedraña Ponte Nafonso por onde ían e viñan persoas e mercadorías cara as bisbarras de Outes e pola Ponte de Traba, na antiga calzada romana, camiño  da tan galega Braga. Pero aínda magoa máis que se lixe a palavra profunda para se referir ao mundo rural ou vilego como sinónimo de carente de cultura ou posibilidades de se desenvolver unha crianza no paraíso da Iberia vaciada.

Se a xuíza marbellí reparara no inferno que vai supor a suba da temperatura e das augas polo cambio climático libraría ao neno daquel clima abafante.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
25 de outubro de 2021 21:53

_______

Foto: Cascada de Argalo.
_______

sábado, setembro 11, 2021

Eólicos, así non, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
11.09.2021

EÓLICOS, ASÍ NON

Recentemente, e en calidade de delegada da organización política Ligando-LGD, veño de rexistrar no concello de Ferrol unha iniciativa contra dos macroproxectos eólicos no noso territorio. Iniciativa que consideramos necesario divulgar nos medios para compartila coa cidadanía. A razón de ser da Administración local non é outra que pór en marcha políticas de servizo á cidadanía, participadas por esta. Máis, cando esa cidadanía fica indefensa perante oligopolios económico-financeiros e lobbies enerxéticos.

Co cambio climático, eses territorios e espazos marítimos que van ser cedidos ao lobbie enerxético van necesitalos as comunidades locais para sobrevivir á incerteza e ás consecuencias dese cambio. Ceder eses territorios significa reducir a capacidade de resiliencia da sociedade ferrolá, contrariando a lóxica da supervivencia.

Por iso, consideramos un despropósito que a cidadanía de Ferrol se teña que informar polos medios de comunicación de que o seu alcalde fai de portavoz deses oligopolios enerxéticos que, por riba, nútrense de subvencións públicas. Apoiar desde o goberno local macroparques eólicos de gran impacto ambiental e patrimonial, arteiramente fraccionados para se poder tramitar na administración autonómica, sen comunicación previa aos afectados, está moi lonxe de calquera política democrática e relaciona perigosamente o goberno municipal cos intereses privados especulativos de grupos de poder alleos que cobizan os fondos europeos Next Generation. Fondos que deberían destinarse aos grupos sociais máis afectados pola crise da pandemia. Sobre todo, porque son empréstitos que o Estado terá que devolver e que recaerán, como sempre, na clase traballadora.

Ligando, como organización decrecentista que é, non se posiciona en contra da enerxía eólica per se anque así non por moitas razóns que paso a enumerar:

1- As enerxías renovabeis na lóxica capitalista, están moi lonxe de ser sostibeis e sociais.

Os megaproxectos -malia ser fragmentados- son sempre insostíbeis por motivos ecosociais. Nun mundo pospetróleo cara o que transitameos, estes megaproxectos especulativos e coloniais, son dependentes do petróleo. Os materiais dos eólicos fabrícanse, transpórtanse e instálanse de xeito directo ou indirecto co uso do petróleo. Parte dos seus compoñentes son moi difíciles, cando non imposibeis, de reciclar e moitos dos mesmos son extraídos e producidos en países que carecen de lexislación ambiental e laboral protectora. Supoñen un saqueo colonial alí onde se asentan, que é sempre na periferia dos grandes centros de consumo enerxético, en zonas colonialmente empobrecidas e indefensas, maiormente no rural. Por tanto, potencian o transporte da enerxía extraída -coa perda e derroche que iso implica- da periferia ao centro cando son as grandes cidades as grandes consumidoras.

2- Non estamos para malos investimentos en custosa tecnoloxía cuxo futuro a medio prazo xa é cuestionabel. Amais de destruir enormemente o territorio, xerarían unha débeda que habería que pagar con máis subas na xa inflada factura de electricidade, mentres se exporta a meirande parte da enerxía, como xa pasou coas aldeas sen luz á beira dos grandes encoros.

3- A instalación de parques eólicos debería realizarse onde se produce e consume enerxía, sobre todo, en solo industrial e urbano porque iso é o máis sustentabel e xusto. Cada vez haberá menos disponibilidade de camións, excavadoras, guindastres… menos disponibilidade de materiais por verse limitada a súa extracción e transporte. A eólica ten de ser, pois, local e comunitaria para poder recibir o calificativo de sostibel. 4-Das Renovabeis pódese tirar moita electricidade pero, no mellor dos escenarios, despois de anos dun desenvolvemento axeitado, poderíase obter delas unha cantidade igual ao 40% da enerxía total que se consume actualmente e non poderán sustituir por completo aos combustibeis fóseis. Polo que promover a idea de que as renovabeis van suplir ao petróleo e ao carbón, sen políticas de redución de consumos nin pór en marcha políticas decrecentistas é unha fraude á cidadanía e aboca ao desastre ás vindeiras xeracións.

5- Galiza é autosuficiente en enerxía eléctrica polo que é irracional e colonial calquera política enerxética de destrución do territorio para transportar (saqueo) a outros territorios que se libran así destas nefastas externalidades.

6- Non é de recibo que a administración faga inventario de Patrimonio ecolóxico e arqueolóxico para logo agasallalo ao lobbie enerxético. Desde Ligando, apoiamos totalmente aos comuneir@s afectados polo proxecto eólico P.E.BRIÓN no monte do Cha e suscribimos o seu rexeitamento, así como ao P.E.MONTEVENTOSO e P.E.FERROL.

É deber do goberno municipal velar pola conservación do territorio, máis do LIC Costa Ártabra e Rede Natura 2000, do patrimonio arqueolóxico catalogado (máis de medio cento de mámoas afectadas) e dos aproveitamentos comunais do Monte do Cha. Así como tamén protexer ás persoas das liñas de alta tensión, do ruído constante das pás xigantes, do efecto sombra, das interferencias nas comunicacións e os acuíferos, fontes e traídas dos que se abastecen os núcleos rurais. Non queremos torres de 200 m. de altura sobre os montes que abeiran a ría de Ferrol! No que ten á eólica mariña, Galiza é a segunda comunidade autónoma en produción de enerxía eólica polo que resulta abraiante e curtopracista sacrificar a biodiversidade única do litoral galego para exportar enerxía. Máis cando isto afundirá a un sector punteiro como é o pesqueiro-marisqueiro. Ao impacto económico súmase o impacto ambiental pois os proxectos San Brandán e San Cibrao son lindeiros cun dos máis importantes corredores de aves de Europa, co grave impacto ecolóxico sobre a avifauna. Polo que resulta grotesco defender a un tempo a eólica mariña e o turismo sostibel, por exemplo.

O goberno municipal ten a obriga de protexer os intereses da economía resiliente do sector pesqueiro e marisqueiro así como das comunidades costeiras afectadas, con miras á soberanía alimentar. Así como o deber de velar pola conservación dos ecosistemas litorais e mariños. Solicitamos deste goberno o posicionamento en contra de calquera megaproxecto eólico, terrestre e mariño que non obedeza ao interese do ben común de proximidade e produción comunitaria. A creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovabel que fomente o autoconsumo e o cooperativismo enerxético. Un programa municipal de reducción do consumo de enerxía, eficiencia e autonomía a nivel social e individual. Un aproveitamento descentralizado das fontes renovabeis retomando tamén as súas aplicación non eléctricas, ao parecer máis eficientes. Campañas educativas de concienciación nas que se priorice a necesidade de reducir consumos debido á escaseza enerxética nun mundo posfosilista. Políticas cara a re-ruralización e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, especialmente das necrópoles neolíticas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com
8 de setembro de 2021 20:58

_______