Amosando publicacións coa etiqueta Lumes Nunca Máis. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lumes Nunca Máis. Amosar todas as publicacións

xoves, xullo 21, 2022

Ante a actual vaga de lumes: Máis de 50 colectivos sairán a rúa nas sete grandes cidades galegas este xoves- En Ferrol, será cunha concentración ás 20:30hs, na Praza Amada García (diante do Edificio da Xunta) - Queren amosar a súa 'indignación' e exixir medidas á Xunta


A plataforma "Por un monte galego con futuro", da que forma parte máis de 50 entidades de todo o país, convocan concentracións nas sete cidades cidades galegas para o xoves 21 de xullo ás 20h (20:30 en Ourense) para amosar a súa "indignación" e esixir medidas á Xunta ante a actual vaga de lumes.

En Ferrol, será cunha concentración hoxe xoves 21 de xullo, ás 20:30hs, na Praza Amada García (diante do Edificio da Xunta)

Os actos amosarán o total apoio á veciñanza afectada así como aos colectivos dos profesionais que traballan na prevención e extinción dos lumes. As concentracións organízanse en resposta a vaga de incendios que está a devastar as máis emblemáticas xoias ecolóxicas de Galicia.

As entidades convocantes reclamarán a declaración de "zona cartastrófica" (agora "zona afectada gravemente por unha emerxencia civil") das áreas atinxidas polos lumes, así como accións inmediatas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración, entre outras reivindicacións que se lerán nun manifesto conxunto.

"Co obxecto de que o goberno da Xunta escoite unha soa voz que percorra o país ao berro de LUMES NUNCA MÁIS, a plataforma 'Por un monte galego con futuro', anima á sociedade galega a saír á rúa, asistindo ás concentracións convocadas na Coruña, Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense", apunta o colectivo nun comunicado.

Entre as entidades que integran a Plataforma "Por un monte galego con futuro" están A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques "O Ourol de Anllóns", Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.

Publicado en Galicia Confidencial, baixo licenza Creative Commons by-nc-sa/4.0.
_______

martes, xaneiro 02, 2018

Lumes Nunca Mais, nunha acción artístico-reivindicativa no tren de vía estreita na estación de Moeche - Retención dunha hora onde pintaron maquina e vagóns contra os incendios forestais mencionando á multinacional papeleira Ence


Lumes Nunca Mais, nunha acción artístico-reivindicativa no tren de vía estreita na estación de Moeche

Este sábado 30 de decembro, un grupo de activistas, fala-se de entre 15 e 20 persoas, retiveron perante un tempo, pouco máis dunha hora, o comboio, mentres pintaban un dos laterais do tren -maquina e vagóns, contra os incendios forestais, mencionando expresamente á multinacional papeleira Ence.

O comboio quedou parado, impedindo-se que continuara a ruta, cortando a circulación coa colocación de troncos nas vías.

Segundo o xornal local Diario de Ferrol, "o suceso produciuse en torno ás once e media da mañá, cando o tren da antiga FEVE que partiu da estación de Ferrol se detivo na estación de Moeche para recoller a un pasaxeiro. Este, que, segundo explicaron algunhas testemuñas, subiu ao vagón embozado, tapando a súa cara, tirou da alarma do tren e procedeu a efectuar algunhas outras manipulacións. O condutor viu polas cámaras o sucedido e tivo que deter o tren, ademais, pola presenza na vía de troncos de árbores, que foron colocados de forma inmediata por outros individuos que se atopaban esperando a chegada do tren".

Un outono de incendios e mobilizacións

Neste Outono, miles de persoas encheron as rúas e prazas de Galiza para erguer un “Nunca Máis” contra a vaga de incendios forestais que asolaron a nosa Terra, perante días. “Lume nunca máis” era o berro de orde das mobilización que denunciaban o desastre provocado polo lume no monte e núcleos poboados, mesmo chegaron até as cidades de Ourense e Vigo. A incompetencia do Goberno e da Xunta foron denunciados nas mobilización populares convocadas na alerta de emerxencia dada polos movementos sociais e veciñais, indignados. A veciñanza sustitueu onde non chegaban os medios de extinción oficial.

A eucaliptización, a política forestal do Partido Popular, a falta de prevención, e os recortes en medios e persoal de extinción, foron denunciados, nas mobilización e nun Manifesto en Defensa do Monte Galego.

Nunha forte campaña mediática orquestrada desde a secretaria xeral do PP galego, afondaban na idea de que os lumes estaban provocados por unha trama clandestina de terroristas incendiarios, insistindo nesta idea, probabelmente xurdida da cabeza dun Miguel Tellado, convertido nos últimos tempos nun valorado estratega e esperto en técnicas do marketing político. Que seguiron mantendo erre que erre, a pesar de que a fiscalía non atopou indicios da existencia de tal trama. Chegando a deter-se a persoas perante días, para facer cadrar as súas teorías.

As mobilizacións demandaban unha nova política forestal para o monte galego: un novo ordenamento territorial, a multifuncionalidade do monte ou un Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata, sobre todo para Ence. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos, son outras das propostas. Así como promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios.

Enlaces de interese:

Por un Monte Vivo. O Comité de Defensa do Monte Galego -CDMG- é unha plataforma formada por diferentes organizacións unidas para reclamar unha nova política agro-forestal e de loita contra o lume. | Buscar Facebook e Twitter.
______________________

xoves, outubro 26, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra, esixe no pleno do Parlamento Europeo medidas políticas contundentes na loita contra os lumes - Demandará, entre outras, unha aposta política clara pola recuperación da actividade agrícola e das terras agrícolas forestadas...


Reuniuse hoxe co responsábel no Consello de Europa do seguimento dun catálogo que sinala eucaliptos e piñeiros como especies invasoras. | Reiterará no pleno a necesidade de incidir na prevención dos lumes e garantir o establecemento de operativos públicos e profesionalizados.


A eurodeputada galega, Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) reuniuse hoxe co director do Departamento de Cultura, Natureza e Patrimonio do Consello de Europa, Eladio Fernádez-Galiano, responsábel nesta institución do seguimento do Convenio de Berna relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural.

No marco deste convenio, o Consello de Europa está a tentar dende hai tres anos aprobar un  “Código de Conduta sobre Bosques Cultivados e Árbores Alóctonas” -de cumprimento voluntario-, que inclúe como especies invasoras algúns tipos de eucalipto e piñeiro. Tanto as patronais da industria da madeira como o propio Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente español están a exercer moita presión para que este código de conducta non se aprobe. De feito, o texto xa foi revisado tres veces por parte dos 47 Estados membro do Consello de Europa.

Durante este intercambio de opinións, a eurodeputada galega expúxolle a Fernández-Galiano que “é totalmente imprescindíbel acabar co monocultivo do eucalipto”, para o que sería moi importante lograr a inclusión do eucalipto e o piñeiro na actual  listaxe de especies exóticas e invasoras da propia Comisión Europea.  “Entendemos que a vaga de incendios na Galiza e Portugal xa deixou máis que claro que os lumes son unha cuestión de saúde pública, e o seu control ten que estar moi por riba das presións dos Estados ou da patronal madeireira”.

Ademais desta xuntanza, Lídia Senra participará esta noite no debate sobre os lumes que terá lugar durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo, no cal esixirá “unha actuación decidida que poña fin ao negocio do lume”. Este debate foi introducido na orde do día  impulsado dende algúns grupos parlamentarios, como a propia Senra solicitou facer ao GUE/NGL xa o pasado luns 16 de outubro.

A eurodeputada galega, que tamén onte interveu na reunión do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica para informar sobre a situación dos incendios na Galiza, aproveitará a súa quenda no debate da Eurocámara para incidir en que o xeito máis eficaz de combater os lumes é a prevención, reiterando a necesidade de realizar máis esforzos neste sentido. Así mesmo, subliñará unha vez máis a necesidade de contar con operativos de prevención  de incendios “totalmente públicos e profesionalizados que poñan fin dunha vez por todas á actual precariedade laboral e dignifiquen a profesión dos bombeiros e bombeiras forestais”.

O abandono do medio rural provocado por anos de políticas agrarias que expulsaron ao campesiñado é a causa principal do avance do lume”, analiza responsábel para o GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, polo que durante o debate desta noite tamén instará á Unión Europea a “promover e apoiar decididamente a supervivencia e instalación de explotacións agrarias en todo o territorio”, tanto a nivel económico como eliminando trabas administrativas.

Como medidas concretas, Senra demandará unha aposta política clara pola recuperación da actividade agrícola e das terras agrícolas forestadas, así como o mantemento de tarefas de limpeza dos montes durante todo o ano, a eliminación de eucaliptos e piñeiros da contorna das aldeas e vivendas, e a recuperación dos bosques autóctonos e a súa multifuncionalidade, incluída a introdución de rabaños de vacas, ovellas ou cabras.

Estrasburgo, 25 de Outubro 2017.

Lídia Senra Rodríguez

Eurodeputada galega






Enviado por:
Ofice de Senra Rodríguez, María Lídia
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de outubro de 2017 18:44

______________

luns, outubro 23, 2017

Galiza berra Nunca Máis contra os lumes e contra a depredación do país - Miles de persoas en Compostela, na manifestación que rematou na Praza da Quintana - Esperanza e dignidade do pobo contra as políticas que destrúen Galiza


Galiza berra “Nunca Máis” contra os lumes e contra a depredación do país

Na mañá do domingo volveu emerxer en Compostela o país de Nunca Máis, a esperanza e dignidade do pobo contra as políticas que destrúen Galiza. Foi na masiva mobilización convocada para protestar contra a Lei de Depredación e contra os incendios e a política forestal da Xunta de Galiza.

Unha maré de persoas percorreu na mañá do domingo as rúas de Compostela convocada pola Plataforma contra a Lei de Depredación de Galizaa Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais impulsada polo PP desde o Goberno galego–. A mobilización, que inicialmente estaba dirixida a protestar contra a citada normativa, vinculouse posteriormente cos incendios, após a vaga da semana pasada que queimou máis de 35 mil hectáreas e deixou catro persoas falecidas. Precisamente, o momento máis emotivo da xornada foi o do sobrecolledor minuto de silencio polas vítimas.

Feijóo dimite, Galiza non te admite”, “Feijóo escoita, Galiza está en loita” ou “Feijóo dimisión, Tahoces a prisión” foron algunhas das consignas máis coreadas na manifestación que ateigou as rúas de Santiago de Compostela na mañá do domingo. Así, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, situábase albo das críticas de quen reclamou responsabilidades políticas e de quen denunciou a política forestal do Goberno galego baixo o lema “Lumes Nunca Máis”.

 A manifestación partiu pasadas as 12h da Alameda de Santiago cara á praza da Quintana, onde varios brigadistas, coas súas roupas de traballo, espertaron a ovación das persoas asistentes baixo os berros de “Nunca Máis” e o lema “Con este goberno imos ao inferno”. O director de teatro Quico Cadaval foi a persoa encargada de conducir o acto. Mostra da retranca que o caracteriza, o artista pediu a aplicación do artigo 155 da constitución española ao Goberno da Xunta “pola súa manifesta imcompetencia”.

A praza da Quintana berrou Nunca Máis! Contra o capitalismo depredador que destroza a nosa terra. pic.twitter.com/Y64QEIojEI
— Galiza Contrainfo 🔥 (@gzcontrainfo) 22 outubro 2017.

Tamén tomou a palabra Paulo Carril, un dos integrantes da plataforma e secretario xeral da CIG, quen centrou as críticas nun modelo económico que “non aposta no desenvolvemento económico e social, senón que pretende un modelo baseado no espolio, a depredación e a ruína do pobo galego”. Cargaba, así, contra o “modelo industrial colonial” que dá “renda solta” aos fondos de investimento e poderes económicos”.

A continuación, Carril asegurou que a lei “asenta” a política de “eucaliptización e de abandono do rural”. Denunciou, a continuación, a política forestal da Xunta de Galiza e esixiu a demisión de Feijóo, “nesta catástrofe hai responsábeis e son os membros do PP”, advertiu.

Partidos políticos

Na mobilización, participaron colectivos ecoloxistas, sindicatos, persoal do dispositivo contra os incendios e representantes das formacións políticas En Marea e BNG. Luís Villares, portavoz de En Marea, afirmou en declaracións aos medios que “se a Feijóo lle quedaba algo de reputación como xestor, queimouna durante estes días”.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cualificou de “pirómana” a política forestal da Xunta, ao considerar que favorece “a actividade incendiaria”. A nacionalista tamén lle pediu ao Executivlo de Feijóo que “asuma as súas responsabilidades”.

Tamén asistiron o líder de Anova, Antón Sánchez, xunto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o ex portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, que acusou o PP de ser “o gran culpábel dos incendios” por promover empresas que “controlan a utilización da madeira e que queren a eucaliptización de Galiza”.

A Lei de Depredación, un retroceso

A proposición de lei aprobada na terza feira no Parlamento cos votos do Partido Popular e co rexeitamento da oposición implica importantes repercusións nos sectores vinculados á actividade industrial do país, así como no marco lexislativo que regula a protección do patrimonio natural e os prazos de información e exposición públicas.

Nada máis darse a coñecer o contido da proposta –en pleno mes de agosto– espertáronse fortes resistencias por parte dun nutrido grupo de colectivos relacionados co ecoloxismo e coa protección do patrimonio, que denuncian que a lei abre a barra libre aos intereses das grandes empresas, pois dinamita os controis e garantías.

Colectivos que forman parte da plataforma, como Contraminacción, denunciaron que se esta lei chega a existir anos antes “non tería sido posíbel frear atentados ambientais como o proxecto de mina de Corcoesto, a extracción de feldespatos da Limia ou mesmo impedir a Lei de Acuicultura”.

Adega, pola súa banda, sinala que a lei “reduce até a mínima expresións as xa cativas limitacións existentes para protexer o noso medio ambiente, patrimonio ou os intereses sociais”.

O texto modifica leis de calado como a da minaría, a do sector eólico, a de augas ou a do solo en aras de beneficiar proxectos industriais que, denuncia a plataforma, prexudican Galiza.

---
Reportaxen de M. Obelleiro 22 Outubro, publicado en Sermos Galiza o 22 de outubro de 2017, baixo licenza Creative Commons. Imaxes: RP, Adega e Galiza Contrainfo.
________

domingo, outubro 22, 2017

Xabier Vázquez Pumariño: Existe unha industria do lume na Galiza - Entrevista de Josep Fita a mantenta da vagada de lumes que golpearon ao país estes últimos días - As chamas arrasaron xa máis de 35.000 hectáreas do territorio, segundo cifras recentes facilitadas pola Xunta, e deixaron catro persoas mortas, casas queimadas, inumerabeis animais de todas as especies...

Valadares - Vigo, 15 de outubro de 2017 - Foto Delmi Álvarez.

Xabier Vázquez Pumariño [*]: "Existe unha industria do lume en Galiza" | Este biólogo e consultor ambiental defende que tralos grandes incendios do noroeste da Península escóndense moitos intereses.


O lume golpeou sen piedade novamente a Galiza. As chamas arrasaron xa máis de 35.000 hectáreas, segundo cifras recentes facilitadas pola Xunta, e deixaron catro mortos. Parece algo cíclico. Cada certo tempo os galegos, tamén os portugueses, han de facer fronte a estes terribles acontecementos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, falou de "terrorismo incendiario", sinalando, claramente, que os lumes -o domingo houbo máis de 100 simultáneos- foran deliberadamente intencionados. Unha tese que horas máis tarde tamén verbalizaría o presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Con todo, hai outras voces que defenden que o que ocorre en Galiza de xeito recurrente pouco ten que ver cun grupo organizado de pirómanos, senón que o problema vai moito máis alá. Unha destas voces é o biólogo e consultor ambiental Xabier Vázquez Pumariño.

Como se explican os grandes e numerosos incendios que ciclicamente golpean Galiza?

Hai unha serie de persoas que gañan sempre, pase o que pase. É como no bingo, a casa sempre gaña. Refírome ao lobby forestal. E ese lobby osténtao, aínda que me critican cada vez que o digo, os enxeñeiros de montes, como colectivo.

Iso tenmo que explicar...

Hai que remontarse no tempo. Houbo un xefe medieval en Xapón ao que se lle ocorreu un día que todo tiña que encherse de árbores. Creou unha especie de comunidade no país nipón que se dedicou a plantar árbores. A idea copiaríana máis tarde os alemáns cara ao século XIX. Había que poñer árbores por todas partes. Estaba ben en parte porque existía, e existe, unha demanda de madeira.

E esta política, entendo, acabou chegando a Galiza.
Xustamente en España e Portugal, coas ditaduras de Franco e Salazar, imitouse a Alemania. O corpo de enxeñeiros forestais, en ambos países, era un dos poderes do Estado. O que se fixo foi botar á xente dos montes comunais, que eran uns redutos de liberdade case comunista, un lugar onde a veciñanza se apañaba sen ter unha propiedade directa, algo que para o liberalismo económico dunha ditadura de corte fascista filosoficamente chocaba moito.

Voulle seguindo.


O que se fixo foi expulsar do campo á xente máis pobre, a que non era propietaria de terras. E no seu lugar empezáronse a plantar piñeiros, tanto en España como en Portugal, cando os montes de Galiza, historicamente, estiveron sempre absolutamente pelados. A masa forestal de España é infinitamente máis grande do que o era fai 50 anos. As persoas ás que expulsaron tiveron que emigrar: moitos se marcharon a Catalunya, ao País Vasco, a Estados Unidos, Venezuela, Suíza, Alemania... E xustamente quen se quedou no campo foron os pequenos propietarios.

E que pasa a partir de aí?

O uso do lume nos ecosistemas mediterráneos é moi común para, por exemplo, abrir pastos. Pero non é o mesmo abrir un pasto cando estás rodeado deles, que abrir un pasto cando tes un piñeiral á beira. E a xente que se quedou no campo necesitaba abrir pastos.

E aí aparecen os problemas.

A xente do campo queima constantemente. Non o fan todos, só algúns. Quéimase moita terra de campo no sur de León, parte de Zamora, de Valladolid... Pero, que sucede?, que queiman rastrollos, as lindes de leiras enormes de catro ou cinco hectáreas de cereal. Obviamente, aí non vas ter un problema dun gran incendio forestal que che acabe tapando o sol.
En Galiza, nin piñeiros nin eucaliptos son autóctonos
Entendo.

E o dos piñeiros, en Galiza, despois foi a peor, porque se empezaron a plantar eucaliptos, que tamén é unha especie pirófita [que ten afinidade co lume]. En Galiza, nin piñeiros nin eucaliptos son autóctonos, o dos eucaliptos sábeo todo o mundo porque veñen de Australia, pero o dos piñeiros non. Como anécdota direiche que os primeiros versos do himno de Galiza falan de piñeiros, algo patético. Obviamente eu non o canto. E é porque o poeta que escribiu eses versos viviu na zona onde se plantaron os primeiros piñeiros. É moi triste.

Ou sexa, que se introduciron dúas especies alóctonas e moi inflamábel?

Así é. E logo chegaría ENCE [Enerxía e Celulosa S.A.]. Era a típica empresa do franquismo que producía pasta de papel. Nos seus inicios utilizaba piñeiro, pero é moito mellor para producir pasta de papel de máis calidade e menos custosa usar eucalipto. Durante a ditadura, as terras nas que se plantaban piñeiros e eucaliptos eran as peores. Eran monte comunal cunha potencia de chan pequena, menos produtiva.

E aspiraban a ter terras máis fértiles?

Á xente que quedaba no campo, a que tiña pequenas propiedades, impulsoulla nos anos 60 e 70 a que se especializase no negocio do leite (nas zonas máis de montaña en terneros para carne). Pero, que ocorreu?, que era un terreo no que non podían competir. Non podes competir en prezo con, por exemplo, un holandés que, sen necesidade de ter nin un metro cadrado de pasto, ten unha fábrica nun polígono industrial dedicado a producir leite cunha especie de máquinas, que son as vacas, ás que lle botan por unha banda soia suramericana e maínzo estadounidense, polo outro che dan un produto, que é leite.

Entendo.

Como unha pequena explotación familiar, aínda que teña 500 vacas, vai poder competir con iso? Non podes. E que ocorreu? Que empezaron a pechar. Unha vez pechas, os teus fillos márchanse á cidade e ti esperas a xubilarche. E que fas coas túas terras? Nada, acabarán sendo zona de eucaliptos. Ao principio, había unha paisaxe máis ou menos en mosaico: zonas con prados, piñeiros e eucaliptos. Si ti intentas queimar esa paisaxe en mosaico, non vas atopar unha masa constante de material inflamábel, hai devasas naturais. Pero ese mosaico desapareceu, agora é un continuo total de piñeiro e eucalipto.
A situación é cada vez máis inabordábel
Vexo por onde vai.

E a situación é cada vez máis inabordábel. Cada ano hai un despregue máis brutal de medios terrestres, de vixilancia, vehículos, helicópteros? e é unha carreira que non se pode gañar. Por moito despregue que haxa, sempre vas solucionar cousas pequenas. Cando hai cousas grandes non as vas a resolver. E en que momento se dan cousas grandes? Pois por exemplo agora: hai unha seca brutal, de seis meses, onde hai moita masa combustible completamente seca formando un continuo.

E a meteoroloxía non axudou.

En todo o noroeste ibérico hai dous tipos de frontes que poden chegar, os dous proveñen do Atlántico e os dous veñen cargados de auga. Un pode virar no sentido das agullas do reloxo e o outro no sentido contrario. O primeiro golpea na fachada cantábrica e descarga alí toda a auga. En Asturias e o País Vasco, efectivamente, deixa auga, pero a Galiza chégalle un vento quente, moi seco e intenso. O outro tipo de fronte posibilita a entrada de ventos do suroeste en Galiza e Portugal. Aí é cando chove moito. O que pasou en Galiza estes días responde ao primeiro modelo.

Sígolle.


Nese contexto, calquera despiste, calquera chispazo dun coche, dunha liña de alta tensión, calquera bobo, calquera desalmado, calquera tipo con algún interese, pode xerar unha situación incontrolábel. Cando algo arde nesta situación é incontrolábel. Ademais, estes días deuse un feito excepcional, algo que non sucedía desde 1961. E é que chegou un furacán tropical. O que sucede é que en Galiza non deixou auga, senón moito aire seco e moi intenso. Nun ano que sexa normal, os servizos de extinción de Galiza teñen a oportunidade de apagar os lumes. Pero cada certo tempo, dáse un ano extremadamente seco, e nesa circunstancia non se poden apagar os lumes.

É fisicamente imposíbel?

Hai un tipo de lume, que é o lume de copas (que pasa de copa en copa) que se dá cando hai moito vento, temperaturas altas e moita sequidade ambiental. O lume non corre pola superficie terrestre, senón que pasa dunha copa dunha árbore a outra. Iso, tecnicamente, non é apagábel. Aínda que teñas 200 hidroavións, non vas dar abasto, e máis si é de noite, onde os medios aéreos non poden traballar. E xustamente, o lume de copas propágase estupendamente con piñeiros e eucaliptos, porque son copas moi altas e as árbores están moi xuntas.
Co cambio climático non sabemos que vai pasar
E a catástrofe está ao virar a esquina.

Efectivamente. E co cambio climático non sabemos que vai pasar. Poida que se dea o contexto meteorolóxico idóneo para que haxa incendios todos os anos. É inabordábel.

E que se pode facer?

Como este lobby quere xustificar o seu negocio, e aquí inclúo ao Partido Popular, ENCE, enxeñeiros de montes, empresas de extinción de lume e viveiros de plantacións de piñeiros e eucaliptos, o que ocorre é que poñen o foco no parvo útil final. O bobo útil pode ser un veciño calquera que queima unhas silveiras que lle molestan, ou os cazadores que queren abrir monte para poder cazar mellor as perdices. Hai moita casuística, miles e miles de casos. Pero poñer o foco neles é absurdo, porque simplemente non podes eliminar a toda a poboación da ecuación. Si ti eliminas a poboación, pois habería menos incendios. Pero non a podes eliminar.
Poñen o foco no parvo útil final
E o problema continúa.

Como é todo bastante inexplicábel, o que fan finalmente é recorrer á maxia. Cando eu non podo explicar algo recorro á relixión, á maxia, ao mal de ollos? Cal é a maxia neste sentido? Pois que hai unha mafia, unha trama, cuns intereses que ninguén sabe. Pero a verdade é que crearon un escenario absolutamente inflamábel.

Antes apuntou as estratexias que seguen os eucaliptos para competir con outras especies.

Os eucaliptos utilízanse para facer pasta de papel porque basicamente compóñense de celulosa. O eucalipto é unha árbore, pero bioquímicamente é máis parecido a unha herba. En cambio, un carballo ou un castiñeiro, bioquímicamente non son celulosa, aínda que teñen. Son lignina, madeira. Esa composición bioquímica dos eucaliptos dáse de xeito moi claro na cortiza. Esta, cando se desprende, é como un folio ardendo capaz de voar, en forma de brasa, durante varias ducias de quilómetros.
Crearon un escenario absolutamente inflamábel
Entendo.

Cando o domingo cheguei a Santiago de Compostela estaba caendo lume do ceo, pero o incendio máis próximo estaba a 50 quilómetros. Calquera fuisca [faísca de lume] que caia en calquera sitio crea un incendio novo, e iso é terreo novo para ser colonizado polos eucaliptos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo referencia a unha mafia. Falou de "terrorismo incendiario".


É algo estúpido. É o inimigo interno que cohesiona, un discurso difícil de romper. Une a dereita, a esquerda, a xente con cultura, con menos cultura, é unha situación moi complexa. Pero a isto hai que sumarlle outro factor.
Sempre digo que a mafia está no Diario Oficial de Galiza
Cónteme.

Desde a éra de Fraga, que foi cando se crearon os servizos brutais para combater o lume, todo este lobby sempre gana. Están presentes nas administracións desde a época da primeira Xunta. Están no Servizo de Conservación da Natureza, en Industrias Forestais, en Calidade Ambiental, controlan todo o entramado. En Galiza hai tres universidades, en dúas delas -no campus de Lugo da Universidade de Santiago e no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo- hai dúas escolas de montes.

Sígolle.

Logo está ENCE, cunha escola de enxeñería directamente en Pontevedra. E todas estas persoas crean empresas de reforestación. Teñen viveiros, maquinaria para cultivar, teñen as compañías de extinción de incendios... É un colectivo moi amplo que sempre gaña. Ti plantas piñeiros e eucaliptos, gañas plantándoos e co mantemento, gañas cando os curtas, e si hai un incendio tamén gañas porque es ti o que o vixía e o que cobra por extinguilo. E despois vanche a volver contratar para reforestar a zona con piñeiros e eucaliptos. É un círculo brutal, e está á vista de todos. Eu sempre digo que a mafia está no DOG [Diario Oficial de Galicia].
Hai unha industria do lume, pero non só do lume, é unha industria forestal
Pódemo desenvolver?

Como controlan a política, basicamente o Partido Popular, son eles os que redactan o Plan de Desenvolvemento Rexional, que é o que mandan á UE para que esta envíe os fondos para o desenvolvemento rural. Si miras no DOG, estes fondos destínanse á plantación de piñeiros e eucaliptos (piñeiros máis para o interior e eucaliptos máis para as zonas atlánticas, máis costeras). Esa é a mafia real e que non está oculta, senón á vista de todos.

Non me estraña que en máis dunha ocasión vostede fale de que en Galiza hai unha industria do lume.

Así é. Hai unha industria do lume, pero non só do lume, é unha industria forestal. Coloquialmente chamámola a mafia forestal. O lume é unha ramificación máis do seu negocio.

E como cambiar esta realidade? Para modificar algo así se require vontade política.

Pero si o Partido Popular que goberna en Galiza, e tamén o PSOE, están, por dicilo duramente, contaminados por este tipo de empresas e de círculo vicioso, como os sacas de aí? Ademais, están organizados: teñen o poder, o diñeiro, o DOG. Pola contra, os pequenos agricultores non teñen absolutamente nada. É unha situación absolutamente perversa.

E si vostede tivese o poder de cambiar algo, por onde empezaría?

Sen ningunha dúbida, o primeiro que faría sería tomar unha medida moi impopular que consistiría en que a vixilancia e a extinción do lume, a pagasen os propietarios. A xente non o sabe, pero cando os bombeiros veñen apagar un incendio á túa casa, pásanche a factura, por iso todos temos que ter un seguro do fogar. Pois isto que parece tan lóxico para todo o mundo, no campo funciona de xeito distinto. No campo podes ter un negocio privado, cun risco moi elevado, que é o de incendio, pero cando arde o teu eucaliptal ou o teu piñeiral e veñen sufocar o lume os bombeiros, págao a administración. Ao final, conto cun negocio que grazas a que teño externalizados todos os custos funciona moi ben.
Cando o que pasou este ano ocorra constantemente, algo terán que facer
E con este cambio que se conseguiría?

Pois para empezar, terían que ter uns seguros moi altos, e asumir eles o custo, algo que non poderían facer. E entón seguramente cambiaría o negocio, dedicaríanse a outras cousas. E tamén prohibiría, aínda que poida soar autoritario, plantar nos próximos 50 anos nin un só piñeiro e eucalipto máis. Protexería os espazos naturais, poñería normas moi estritas en canto a distancias entre casas e estradas con respecto a zonas arboredos. E para iso hai diñeiro, simplemente o que hai que facer é cambiar a orientación do Plan de Desenvolvemento Rexional, que é co que se accede aos fondos da UE. O escenario é xa como a última película de "Blade Runner", co Sol tapado polos incendios.

Empeza a ser insostíbel.

Cando o que pasou este ano ocorra constantemente, algo terán que facer. Pero agora mesmo hai un status quo que beneficia a determinadas persoas, e mentres se lles siga beneficiando e non se faga unha lectura diferente, a situación seguirá da mesma xeito.

---

Entrevista realizada no xornal catalán "La Vanguardia", realizada por 

Enviado por:
Joam Tavia
-jtavia@gmail.com-
19 de outubro de 2017 21:19
________________

venres, outubro 20, 2017

Representantes no Parlamento Europeo únense para esixir aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura actuar xa contra os lumes - Lídia Senra lanzou hoxe a recollida de sinaturas no PE en apoio a unha carta á Comisión Europea demandando medidas urxentes contra os incendios - Chama a ter en conta o cambio climático nas políticas de prevención, pór fin ao monocultivo de eucaliptos e apoiar á xente do agro


Eurodeputadas/os únense para esixir aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura actuar xa contra os lumes. | Lídia Senra lanzou hoxe a recollida de sinaturas no PE en apoio a unha carta á CE demandando medidas urxentes contra os incendios. | Chama a ter en conta o cambio climático nas políticas de prevención, pór fin ao monocultivo de eucaliptos e apoiar as labregas/os na UE.

Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acaba de lanzar unha carta dirixida aos comisarios de Medio Ambiente e Agricultura da UE -Karmenu Vella e Phil Hogan- na que esixe á UE a urxente posta en marcha de políticas de revitalización do rural. A eurodeputada galega demanda accións políticas que permitan o “mantemento e instalación de pequenas e medianas granxas familiares, así como un sistema público e permanente de prevención e loita contra os incendios que teña en conta os efectos do cambio climático”. Tamén esixe a fin do monocultivo de eucalipto e da súa expansión por terras agrarias.

Esta é a segunda misiva nunha semana que a eurodeputada galega dirixe á Comisión Europea logo da que enviou o pasado luns ao seu presidente, Jean Claude Juncker, para dar conta da alarmante vaga de incendios que estes días asolou amplas zonas de Galiza, Portugal e Asturias, provocando enormes darnos en vivendas e decenas de mortes ao seu paso.

Na carta impulsada hoxe Lídia Senra busca visibilizar o apoio de eurodeputadas/os de distintos grupos políticos contra o actual  modelo de prevención e extinción de incendios, alertando da súa precariedade: “existen diferentes tipos de contratación de persoal, dende profesionais contratados todo o ano ata fixos descontinuos, eventuais, traballadores de empresas privadas subcontratadas  e persoal da administración local, estatal e do exército”, abondou. Fronte esta precariedade, manifesta no caso galego, a eurodeputada defende neste texto “sistemas públicos e profesionais que garantan condicións dignas para os traballadores e traballadoras e para manter os labores de prevención e coidado do monte de xeito ininterrompido”. 

Diante dunha política forestal e de prevención “nefasta”, chamou ás eurodeputadas/os a promover medidas que teñan en conta “os efectos do cambio climático e o incremento das temperaturas e das secas, que están provocando a desestacionalización dos lumes forestais”. Ademais, a eurodeputada galega reitera que é “indispensábel” a revitalización do medio rural con pequenas e medianas explotacións, para o que esixe na carta promovida hoxe “o apoio decidido ao mantemento e instalación de campesiñado que produza alimentos en todo o territorio, poñer fin á forestación das terras agrarias e ao monocultivo do eucalipto e do pino, e apoiar a recuperación e o valor social dos montes autóctonos como fonte de riqueza e diversidade”. Senra considera que unha reforma “en profundidade” da PAC tería que basearse sempre nestes criterios.

Na súa comunicación a eurodeputada sinala tamén que, como demostran os graves incendios desta última semana, estamos ante un fenómeno que afecta a moitos países da UE e que ten “carácter internacional”, polo que ve urxente realizar “unha reflexión profunda sobre as causas do lume e os intereses que hai detrás del”.

Bruxelas, 19 de outubro 2017.

A recollida de sinaturas manterase aberta até o vindeiro venres 27 de outubro. Nestas primeiras horas varias ducias de eurodeputados/as manifestaron xa o seu apoio.

Moitas grazas pola vosa atención e difusión

*Adxuntamos copia da carta difundida hoxe por Lídia Senra entre as deputadas/os do Parlamento Europeo | Acceder/Baixar.
__________

Máis información ou entrevistas:

Lídia Senra, eurodeputada galega.

Integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de outubro de 2017 13:21
___________

luns, outubro 16, 2017

Lumes Nunca Máis: Concentración en Ferrol como noutras cidades e vilas da Galiza, hoxe luns 16 de outubro, ás 8 da tarde na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia


Lumes Nunca Máis: Concentración en Ferrol como noutras cidades e vilas da Galiza, hoxe luns 16 de outubro, ás 8 da tarde na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia

O Courel, o Xurés, o Candán, o Galiñeiro, o Monte Faro, Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa, Compostela, Oia, Baiona, Pazos de Borbén, Chantada, Lobios, Cualedro, Redondela, Ponteareas, Vigo, Monfero, Sada, Boiro, Cervantes, As Neves, Mos, A Mezquita, Monfero, Montederramo, Gondomar, Salvaterra, Cea...

ÁRDENNOS Galiza. Porque Galiza non arde soa, nin é cousa de mal bíblico. Isto é terrorismo ambiental. E hai quen ten intereses en que Galiza arda, quen saca beneficios...  e tamén, é necesario dicilo, quen actúa con neglixencia e incompetencia.

Non é normal que a Xunta desactive o dispositivo contra incendios nun outubro de extrema seca e climatoloxía adversa. Non é normal que as brigadas non traballen no monte en tarefas de prevención o resto do ano. Non é normal que o PP cambiase a lei galega de montes para permitir o cambio de uso dos terreos queimados antes dos 30 anos. Non é normal que os medios de extinción estean privatizados e facendo caixa para amigotes do PP. Non é normal, que haxa tal desinformación e que se minimice o impacto de 235 lumes en 15 días. Non, non é normal que nos ardan Galiza, que teñamos case todo o noso territorio en risco extremo de incendios (nivel 5) e Feijóo ande de ponte en Madrid, preocupadísimo por Catalunya!

Mentres, medo, raiba e tristura na xente que se enfronta ao lume  e o patrimonio ecolóxico e etnográfico galego feito cinza... e cando chova, virá a enxurrada que acabará por estragalo todo.
Estes días, hai quen pide que chova a cachón. Ben desamparad@s estamos se hai que invocar chuvas para non morrermos abrasad@s...  Mellor nos sería unha Ophelia que mudase as consciencias de vez e activase cabezas e mans para nos defender como pobo.

Isto non se atura!

#LumesNuncaMáis

____________

venres, outubro 04, 2013

Por unha Galiza sen lumes - Manifestación nacional en Compostela


"POR UNHA GALIZA SEN LUMES, POR UN RURAL CON FUTURO"

MANIFESTACIÓN NACIONAL
DOMINGO, 6 DE OUTUBRO
ÁS 12 DO MEDIODÍA
DESDE A ALAMEDA DE
SANTIAGO DE COMPOSTELA
A sociedade galega alza a voz novamente contra a barbarie dos incendios e contra a política rural e medio ambiental que leva ao progresivo desmantelamento do noso medio tradicional e ao consecuente abandono da terra que cada ano acaba pasto dos lumes e da especulación.

BASTA XA de deixar o monte galego ao abandono, pasto do lume, ao desleixo e á especulación, pois o rural pode e ten que ter futuro, un futuro que se a Xunta non está disposta a liderar, e prefire seguir sen investir un só euro e sen adoptar unha soa medida concreta para recuperar o monte e atallar o problema de escorrentías que se aveciña, debe apartarse definitivamente do camiño e deixar que sexa a comunidade local coa axuda de voluntariado a que tome a iniciativa.

Dende ADEGA apoiamos esta iniciativa e convocamos a socias/os e simpatizantes a acudir masivamente este domingo a Compostela para esixir UNHA GALIZA SEN LUMES E UN RURAL CON FUTURO. Busca a nosa faixa no paseo central da Alameda.

Polo Monte Pindo, polos nosos espazos naturais aldraxados, polo teu país, acode a Compostela este domingo 6 de outubro ás 12 na Alameda!

Máis info: local nacional (981 570099),  na nosa web: www.adega.info , en Facebook e Twitter.

Enviado por:
ADEGA
-adega@adega.info-

4 de outubro de 2013 12:50
________________

Enlace relacionado:
Evento no facebook
UNHA GALIZA SEN LUMES E UN RURAL CON FUTURO
https://www.facebook.com/events/327274247419072/
______________________

mércores, setembro 04, 2013

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita


O pasado 30 de Agosto, un grupo de activistas, en representación das entidades que inicialmente asinaron o documento "Por unha Asemblea Galega contra o Lume: 10 medidas de país contra a desfeita", presentaron no rexistro xeral da Xunta, as máis de 2.500 sinaturas recollidas apoiando o citado documento. Entre as organizacións inicialmente asinantes está o noso Colectivo Ártabra 21. A continuación transcribimos o interesante manifesto e chamamos a difundir-lo e somar-se a o mesmo.

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita

As organizacións e persoas asinantes do presente documento entendemos que os recentes lumes non foron máis que o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.

As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.

Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.

Sinaturas:

ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANAGACI, ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO, COLECTIVO ARTABRA 21, FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA, FORO SOCIAL DE CANGAS, FUCO BUXAN, PLATAFORMA FRAGAS DO EUME, PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS, SLG, VERDEGAIA

A petición en change.org, dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por unha nova política forestal que evite os incendios.
___________________