Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Dios Diz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manuel Dios Diz. Amosar todas as publicacións

xoves, setembro 11, 2014

21 de Setembro: Día Internacional da Paz, ... Por Manuel Dios Diz

Por Manuel Dios Diz [*]
11.09.2014


O vindeiro 21 de Setembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional pola Paz, unha data promovida polas Nacións Unidas para fortalecer os ideais de paz tanto dentro como entre as nacións e os pobos do mundo. O tema escollido este ano para a celebración céntrase no Dereito dos Pobos á Paz desde a perspectiva de que a promoción da paz é fundamental para o pleno goce de todos os dereitos humanos.

O International Day of Peace estableceuse por primeira vez en 1981 por unha Resolución, a 36/37 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas para que coincidise coa súa sesión de apertura que ten lugar o terceiro martes de Setembro de cada ano.

Foi en 2001 cando de novo a Asemblea Xeral aprobou, por unanimidade, outra Resolución, a 55/282, que estableceu o 21 de Setembro como un día anual en favor da nonviolencia e o alto o fogo nos conflitos bélicos.

Como cada ano, as Nacións Unidas convidan tanto ás nacións como ás persoas de boa vontade para acadar o remate das hostilidades durante todo ese día, en calquera lugar do mundo onde exista violencia armada, durante vintecatro horas polo menos, así como a desenvolver iniciativas de paz por medio da educación e a sensibilización da cidadanía.

Na páxina web das Nacións Unidas, http://www.un.org/en/events/peaceday/
calquera persoa interesada, o profesorado para as súas aulas, pode atopar diversos documentos útiles para organizar actividades diversas, o cartaz conmemorativo e outros recursos didácticos, entre eles, a Declaración sobre o Dereito dos Pobos á Paz que empeza por reafirmar o propósito principal da ONU que non é outro que o mantemento da paz e a seguridade internacional sobre a base dos principios fundamentais do dereito internacional xa establecidos na Carta Fundacional das Nacións Unidas, aquela que empeza precisamente dicindo: "Nosoutros os pobos, resoltos a preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra,..."

http://www.un.org/es/documents/charter/

A mesma declaración sobre o dereito dos pobos á paz expresa a vontade e as aspiracións de todos os pobos do mundo de eliminar a guerra da vida da humanidade e, especialmente, de evitar unha catástrofe nuclear mundial proclamando solemnemente o dereito sagrado á paz para tódolos pobos do mundo.

Para asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz requírese que a política dos Estados estea orientada cara a eliminación da ameaza da guerra, especialmente da guerra nuclear, á renuncia ó uso da forza nas relacións internacionais e ó arranxo das controversias internacionais por medios pacíficos de conformidade coa Carta das Nacións Unidas.

Remata a citada Declaración facendo un chamamento a tódolos Estados e a todas as organizacións internacionais para que contribúan por tódolos medios a asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz mediante a adopción de medidas pertinentes nos planos nacional e internacional, xusto, precisamente, o que a Comunidade Internacional non fai diante dos numerosos conflitos bélicos abertos en distintos lugares do planeta, particularmente, en Oriente Medio, Libia, Siria, Iraq, Afganistán... en Gaza, sometida ata hai ben pouco a un auténtico xenocidio sen consecuencias para o Estado de Israel, ou no corazón de Europa, ás portas de Rusia, en Ucraína, por non citar outros conflitos armados, os chamados "esquecidos" que tamén se prolongan no tempo sen merecer un minuto de telexornal que os poña no foco da actualidade.

Cando se celebre en todo o mundo o Día Internacional da Paz, o 21 de Setembro, as forzas armadas españolas, unha fragata con base naval en Ferrol, a F-102, estará participando nuns exercicios militares que o Estado Español secunda, no marco da OTAN, nos que uns 1300 soldados de 15 países, a maioría da UE, baixo as ordes dos EE.UU, realizarán na cidade ucraína de Yavoriv, concretamente entre o 15 e o 26 de Setembro, nun operativo denominado "Rapid Trident" das forzas estadounidenses en Europa.

Paralelamente a OTAN ben de acordar o seu rearme no Leste de Europa cunha forza de intervención rápida. España e a UE envían armamento á zona de conflito e mesmo doan material militar a Ucraína. A UE ven de demandar ós estados membros o progresivo incremento dos seus respectivos presupostos de defensa en plena crise económica e cando a maioría da poboación sofre as consecuencias dos recortes e das políticas austericidas.

Non parecen estas manobras en Ucraína, no limex occidental fronte a Rusia, a mellor maneira de contribuír a rebaixar a tensión internacional en Europa e de responder ós chamados das Nacións Unidas.

Desde o Seminario Galego de Educación para a Paz (www.sgep.org) facemos un chamamento á reflexión e á acción, particularmente nas aulas, na defensa do dereito dos pobos á paz, ó dereito humano á paz, aínda pendente de aprobación, así como a solución pacífica e negociada dos conflitos nacionais e internacionais.

Publicado no seu blogue 'A paz é o camiño' | 10.09.2014.

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2008), profesor xubilado. Activista pola non violencia, pola Paz e a concordia. Escritor, articulista, investigador, ... foi varias veces premiado polos seus numerosos contributos sociais e pedagóxicos [+info].

Enviado por:

Educación e Paz
-paz@sgep.org-
11 de setembro de 2014 08:23
_________________

martes, maio 06, 2014

O programa Electoral de AGE en Europa, ... Por Manuel Dios Diz

Por Manuel Dios Diz [*]
06.05.2014


Ben sei que o PP e os seus altofalantes non paran, nin pararán, de salientar que AGE, Alternativa Galega de Esquerda, parte da Esquerda Plural e da European Left, é unha opción política antisistema (non hai mellor louvanza hoxe), e moi experta en romper o boato parlamentario. Ocultarán, como veñen facendo, todo o traballo propositivo e de control, mesmo nunha cámara asfixiada pola maioría absoluta conservadora do PP.

Dirán o mesmo en campaña electoral. AGE en Europa non ten programa nin futuro, está dividida. Sen entrar nas pinzas e nos ataques, máis ou menos sutís, contra de Lidia Senra, a nosa candidata, que algúns medios e moitos trolls xa empezaron con entusiasmo, aínda que aburran, sería razoable que botaramos unha ollada ós documentos de cada quen. E AGE en Europa presenta un Programa Político e Social para as Eleccións Europeas de case que noventa páxinas que non pode ser todo retórica e ideoloxía baldeira. Digo eu.

Como tiven a honra de colaborar -cooperativamente- na súa elaboración, voume permitir destacar algúns aspectos que non sempre aparecen nos mitins, e sobre os que considero, desde a miña humilde perspectiva, que teñen moito interese.

Compre empezar por desmontar mitos. O acordo programático foi total entre Anova, Esquerda Unida e o Espazo Ecosocialista Galego. O Programa Político e Social agrupouse en sete grandes bloques: As razóns da política de AGE en Europa; A fronte de esquerda transformadora como alternativa; Democracia e participación; Economía e emprego; Medio ambiente e ecoloxía social. Soberanía Alimentaria e política agraria común; A Europa da Cidadanía e dos dereitos; Cultura, lingua e comunicación e, por último, A Europa da paz, da solidariedade e do internacionalismo.

Ademais de apelar á Europa dos Pobos como gran obxectivo, fixemos moito fincapé tamén na Europa da Cidadanía Democrática e das persoas, da sociedade civil, da xente do común, para facer fronte ás políticas austericidas da Troika, reclamando iniciativas como a Renda Básica Universal, a imposición sobre as transaccións financeiras internacionais (Taxa Tobin) e sobre as grandes fortunas, ou unha Axencia Europea de Rating, xunto cun Plan de Rescate das persoas e da cidadanía excluída, roubada ou desafiuzada e un Plan de Medidas Urxentes en I+D+i que facilite o regreso das mozas e mozos a Galicia e de apoio á investigación complementado con políticas activas contra da pobreza, a desigualdade e a exclusión, e un Plan Europeo de apoio á dependencia e a converxencia salarial europea.

Na profundización da democracia, democratizar a democracia que diría Boaventura de Sousa Santos, moi na liña das medidas de radicalidade democrática que compartimos, fanse propostas sobre referendos e iniciativas lexislativas populares en Europa, orzamentos participativos, consultas imprescindibles para tratados que afecten ás constitucións dos Estados, particularmente sobre intervencións militares, tratados de libre comercio, como o que se está a negociar secretamente cos EE.UU, protección ambiental e social, entre outros. Neste apartado, por exemplo, asúmense as medidas que as organizacións da sociedade civil europea, agrupadas na Alianza EYCA, fan sobre cidadanía democrática.

Quixera facer mención tamén á defensa dunha Europa Laica, o apoio á Carta Europea pola laicidade, a supresión do Concordato co Vaticano ou a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos na que ocuparía un lugar relevante a educación para a igualdade entre homes e mulleres ou a prevención da violencia de xénero, aspectos que tamén teñen un lugar destacado no propio programa, feminismo e democracia paritaria, dereitos sexuais e reprodutivos, como os dereitos das persoas migrantes e xitanas, a protección e impulso do principio de xustiza universal, a protección e a tutela dos dereitos a nivel europeo e mesmo a proposta dun Relator específico de Dereitos Humanos na Unión.

O capítulo dedicado á sustentabilidade ambiental, ecoloxía social, soberanía alimentaria e política agraria común, que tan ben coñece Lidia Senra, ocupa un lugar central sobre a base da defensa dos nosos sectores produtivos estratéxicos. Compre resaltar a asunción do coñecido como Programa da Terra presentado polas principais organizacións ecoloxistas internacionais para as Eleccións Europeas, con medidas relacionadas co comercio das emisións renovables, redución de gases de efecto invernadoiro, fondo económico e tecnolóxico a prol da sustentabilidade, prohibición da técnica do fracking

Para rematar, o capítulo 7, moi querido para min, a Europa da paz, da solidariedade e do internacionalismo, recolle moitas das reivindicacións que desde o movemento pacifista internacional, en particular, desde a educación e a investigación para a paz, vimos reclamando, como é a reforma en profundidade da ONU para que sexa realmente democrática e garante da paz, a defensa da xustiza e dos valores cívicos e democráticos, tan necesarios hoxe, xunto coa honestidade, a decencia e a honradez, parece mentira ter que reivindicalos!, do desarmamento, da prevención de conflitos, o control do comercio de armas, a independencia de Europa fronte das políticas de EE.UU e da OTAN, o rexeitamento das bases e dos drons militares, a disolución da OTAN, a promoción dunha Lei Europea de Fomento da Cultura da Paz, o respecto escrupuloso nas relacións internacionais dos dereitos humanos, a soberanía nacional e o dereito de autodeterminación, o rexeitamento da violencia armada como método para cambiar gobernos ou as ocupacións ou intervencións militares en territorios soberanos e o apoio decidido á supresión da pena de morte no mundo. Deféndese, ademais, unha Convención Internacional polo Desarmamento, a desnuclearización do planeta, a redución drástica dos gastos militares, a separación completa da presenza militar da vida civil ou a Memoria democrática fronte dos discursos racistas, xenófobos e neofascistas xunto cun Plan Europeo contra da Intolerancia e a discriminación.

Hai programa, teremos unha magnífica eurodeputada, Lidia Senra, e un moi bo candidato á presidencia da Comisión, Alexis Tsipras, líder da Syriza grega e da European Left, alternativa da esquerda transformadora europea ó bipartidismo decadente.
[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2008), profesor xubilado. Activista pola non violencia, pola Paz e a concordia. Escritor, articulista, investigador, ... foi varias veces premiado polos seus numerosos contributos sociais e pedagóxicos [+info].

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
06 de maio de 2014 12:05

http://espazoartabro.blogspot.com/

_________________

mércores, setembro 18, 2013

Peace Day, ... Por Manuel Dios Diz

"Un mestre, un libro, un lapis, poden cambiar o mundo"
Malala Yousafzai

Por Manuel Dios Diz [*]
19.09.2013


Cada 21 de Setembro, desde 1981, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama á cidadanía global, ás institucións públicas, e dun modo especial, a escolas e docentes, a celebrar o Día Internacional da Paz, máis coñecido como Peace Day (Ver a Resolución 36/37). Foi en 2001 cando a ONU estableceu que ese mesmo día fose declarado de alto o fogo en tódolos conflitos a nivel mundial (Resolución 55/282). Son dous magníficos documentos sobre os que reflexionar co noso alumnado.

Certo que a maioría dos medios de comunicación non dedican nin un pequeno espazo a estes asuntos. A Cultura da Paz, é verdade, non vende periódicos. Tampouco chama pola publicidade. Ten moita máis audiencia a cultura da violencia, da forza, do músculo. Chega con ver o tempo que as teles dedicaron onte a promocioar as ventas do videoxogo máis caro da historia, violento e sexista, para comprender que a paz, a concordia, o entendemento, son valores que hoxe non cotizan en bolsa.

En Galicia e no conxunto do Estado, convimos hai xa case que 30 anos, que o 21 de Setembro non era a mellor data para celebrar o Día da Paz nas escolas xa que, neste barrio do planeta, estamos a comezar o curso, os cativos e cativas aínda andan a tomar contacto coas aulas, e o profesorado tamén. Parecía razoable buscar unha data máis acaída. Foi así que o movemento de educadores e de educadoras para a paz, por iniciativa de Llorenc Vidal, decidimos escoller o 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, como Día Escolar pola Paz.

En calquera caso, como lembra Nacións Unidas, tódolos días do ano son bos para reflexionar e actuar a prol da tolerancia e o respecto mutuo, na procura dun mundo máis xusto e máis humano, máis pacífico, que valore positivamente a diversidade étnica, cultural, relixiosa, a nonviolencia, e a resolución pacífica dos conflitos.

O chamamento ó remate das hostilidades nas frontes de batalla, nas guerras de guerrillas e demais accións armadas, aínda que somentes fose por un día, probablemente non será escoitado, a pesares de que as demandas de paz universal son cada vez máis clamorosas entre a cidadanía e a sociedade civil en todo o mundo.

O Secretario Xeral da ONU, con ocasión deste día, fixo un novo chamamento no que pide á cidadanía que, a mediodía, hora local, gardemos un minuto de silencio en honor das vítimas que perderon a súa vida en situacións de conflito, tamén polas que teñen sobrevivido e sofren as consecuencias.

Nesta ocasión, Nacións Unidas quere resaltar o papel da Educación para a Paz, clave para fomentar a cidadanía mundial e construír sociedades pacíficas, porque, como temos reiterado tantas veces, non hai paz, sen educación para a paz.

O Seminario Galego de Educación para a Paz leva -desde 1985- traballando nas aulas e na sociedade, para promover os valores cívicos e democráticos na escola, os dereitos humanos, a convivencia, a interculturalidade, a igualdade entre homes e mulleres..., impartindo cursos de formación do profesorado, organizando encontros e xornadas, publicando materiais e libros de texto, unidades didácticas sobre os contidos e as metodoloxías da Educación para a Paz (Ver: www.sgep.org), documentais, curtas de ficción sobre o acoso escolar, recursos, contos, teatro, teatro de sombras, xogos e dinámicas de aula, celebrando o Día Escolar pola Paz e, cada día, transversalmente, nas materias de Educación para a Cidadanía, de Ética Cívica, de Filosofía, nas horas de Titoría, co Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, por medio da educación afectivo emocional porque cremos firmemente que son os afectos e os sentimentos os mellores antídotos contra das violencias.

Quizais non consigamos que o 21 de Setembro rematen as hostilidades armadas, nin sequera que o minuto de silencio sexa maioritario ou significativo, ou que a Cultura da Paz teña maior presencia nos medios. Sen embargo, cada un de nós, co noso comportamento, na nosa aula, na nosa casa, cos nosos fillos e fillas, dentro do noso propio corazón, poderemos empezar a construír un mundo diferente.

A paz é unha demanda universal cada día máis sentida. A oposición á guerra avanza. Contra todo prognóstico a Cultura da Paz medra. Somos moito máis sensibles e intolerantes coas violencias do que nunca antes na historia da humanidade. Aínda que non o pareza lendo os titulares cada mañá, somos moito máis pacíficos que os nosos antecesores. E o seremos moito máis aínda. Abolir a guerra estase convertendo nun imperativo ético do século XXI. Como dicía Newton, construímos demasiados muros e non suficientes pontes.

Das súas espadas farán reixas de arados e das súas lanzas, fouces. Non levantarán a espada uns contra outros nin se exercitarán para a guerra, dicía Isaías, hai tantos anos. Hoxe os dereitos humanos e sociais, toda a arquitectura lexislativa construída a escala planetaria, a xustiza universal, con tanto esforzo, son un referente ético para a cidadanía.

Dicía María Zambrano que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, unha maneira de habitar o planeta, unha forma de ser persoa.

Educar para a Paz é, antes que nada, un acto de amor para co noso alumnado. O Manifesto de Sevilla (1986), feito propio pola UNESCO, afirma: A guerra e a violencia non son unha fatalidade biolóxica. Podemos poñer fin á guerra e ós sufrimentos que conleva. Non con esforzos illados, senón con accións comúns. Si cada unha, cada un, pensa que é posible, entón será posible. Os nosos antepasados inventaron a guerra. Todos nós podemos inventar a paz.

Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO, dixo nunha ocasión que "A aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz". Nada máis certo. Educando e practicando a democracia. Porque a democracia é precisamente o único sistema político que non pode impoñerse desde arriba ou desde un centro. Erran quen pensan que a democracia pode promoverse a base de bombazos.

Neste 21 de Setembro, Peace Day, lembremos ás vítimas, ós máis de 100.000 mortos en Siria, ós millóns de desprazados. Pensemos nos nenos e nenas, nas mulleres, nos anciáns, na poboación civil, a principal afectada polas guerras modernas. Saudemos o acordo entre Rusia e os EE.UU, si impide a intervención militar norteamericana. Destruamos o armamento químico, todo, o que existe en Siria e o que fabrican e venden os estados máis poderosos para beneficio do complexo militar industrial, o gran dominio. Paremos a guerra. Abramos negociacións multilaterais de paz. Promovamos o diálogo e o entendemento entre os pobos. Impidamos a venta de armas ás partes en conflito. Deixemos de alimentar a confrontación armada e as caldeiras de odio. Demos unha oportunidade á paz. Fagamos as paces. Peace Day.

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz, membro fundador da Coordinadora Galega de ONGDs para o Desenvolvemento. Forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio. É coportavoz de Espazo Ecosocialista Galego, membro de AGE.

"A paz é o camiño, e facemos camiño ó andar. A paz é un descubrimento, non unha conquista, dicía, Raimon Panikkar. A guerra e a violencia non son fatalidades biolóxicas. Aprendemos a ser violentos. Por iso temos que "desaprender" para ser pacíficos, que non submisos, nin súbditos, nin mansos. Federico Mayor Zaragoza di que a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz. E María Zambrano afirmaba que a paz é moito máis que unha toma de postura, é unha auténtica revolución, un modo de vivir, un modo de habitar o planeta, un modo de ser persoa.
A paz como cultura...".
Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
18 de setembro de 2013 12:49
______________

sábado, xullo 20, 2013

"Mira que te digo", ... Por Manolo Dios Diz - Lembrando a Xosé Luis Muruzábal Arlegui

O pasado 16 de Xullo, deixaba-nos o compañeiro "Muru", "Navarro",  Xosé Luis Muruzábal Arlegui. Na actualidade era avogado laboralista. En 1975, protagonizou un peche na cheminea da Central Térmica d'As Pontes, co seu compañeiro Domínguez Bolaños, ambos enlaces sindicais, en protesta por máis de mil despedidos das compañías auxiliares e promoveu e participou activamente na folga da construción de setembro do 1976, cando se constituíron os SOC. Logo veu todo un traballo de construción sindical, a CSUT,  CTG, INTG, CXTG, CIG, ... desde Ártabra 21, Adeus compañeiro! a túa vida todo un exemplo. Na súa memoria transcribimos este artigo de Manolo Dios.

"Mira que te digo"

Por Manuel Díos [*]
20.07.2013


O título alude a unha das frases que José Luis Muruzábal Arlegui, o Muru, máis repetía. Era unha maneira de tomar impulso, a panca necesaria para convencer. No momento en que escoitabas "Mira que te digo" a cousa estaba xa revirada.

    Foi un dos líderes da creación dos chamados sindicatos "unitarios", alternativa sindical que promovía o Partido do Traballo. Tratábase de construír, no final da ditadura, sindicatos asemblearios

Tiña seis anos máis ca min. Sen embargo, cando o coñecín persoalmente, nos últimos anos do franquismo, levaba ás súas costas un enorme caudal de experiencia acumulada, en mil batallas sindicais, cando aínda non existían máis sindicatos que o Vertical. A confianza e seguridade que lles transmitía ós seus interlocutores era máxima. Poucas persoas atopei que gozaran desa característica tan singular. E a súa fama precedíao. Era un sindicalista de raza. Forxado a si mesmo. Curtido. Teimudo, como bo navarro, firme e flexible a un tempo, na procura do acordo máis satisfactorio.

Rompeu coas CC.OO, o sindicato clandestino que pretendía colonizar o Vertical, desde dentro e desde fora. Desconfiaba da política de pacto social, de ruptura pactada, e do pensamento político que as sustentaba. E fíxoo pola esquerda. Foi un dos líderes da creación dos chamados sindicatos "unitarios", alternativa sindical que promovía o Partido do Traballo. Tratábase de construír, no final da ditadura, sindicatos asemblearios. Deste proceso naceu a CSUT(Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores) e, en Galicia, a Confederación Xeral de Traballadores Galegos, a CXTG. E Muru foi o seu principal impulsor. Era unha delicia velo en acción. Para os máis mozos, os que tiñamos arredor dos 20 anos, o Navarro era unha máquina de facer sindicalismo. Así naceron o sindicato da construción, o do transporte, en asembleas masivas de traballadores, con Muruzábal de mestre de cerimonias.

    En 1975, con varios compañeiros, encaramouse á cheminea máis alta e contaminante do Estado, a da Térmica das Pontes. Como dicía Manolo Lago hai un ano, o Muru, aínda segue alí...

En 1975, con varios compañeiros, encaramouse á cheminea máis alta e contaminante do Estado, a da Térmica das Pontes. Como dicía Manolo Lago hai un ano, o Muru, aínda segue alí... e seguro que, para moitas persoas que o coñeceron, o nome de Muruzábal está inscrito xa no máis alto dos seus ladrillos. Aquel acto heroico marcouno para sempre. Desde alí tivo tempo de ver un panorama desolador. Foi un desafío. Aquel xesto correu como un regueiro de pólvora polas factorías de Ferrol e de Galicia enteira. Dounos o perfil dun home recio, firme, valente como poucos, que foi quen de denunciar unha ditadura cruel ata o final, a un mes da morte de Franco. Poñía, de novo, o sindicalismo galego no centro da confrontación política, como estivera en 1972, con Amador e Daniel.

    Nunca deixou de ser un comunista, honesto, humilde, coherente, un fin de época, a dos homes que o deron todo na defensa dos traballadores, a xustiza, a democracia e as liberdades, a do sindicalismo revolucionario e transformador, asembleario, construído desde abaixo

A súa militancia política foi no Partido do Traballo. Por iso quixo envolver o seu propio cadaleito coa bandeira roxa, a fouce, o martelo, e a estrela de cinco puntas, ó son da Internacional tocada a violín, diante dos centos de persoas, de Navarra e de Galicia, que quixemos acompañalo no adeus final, porque nunca deixou de ser un comunista, honesto, humilde, coherente, un fin de época, a dos homes que o deron todo na defensa dos traballadores, a xustiza, a democracia e as liberdades, a do sindicalismo revolucionario e transformador, asembleario, construído desde abaixo, en ágora pública, polo que tanto loitou. Era un adiantado.

Coincidimos na despedida moitas das persoas que estivemos na súa homenaxe hai un ano. Probablemente a máis grande concentración de dirixentes sindicais e políticos do tardofranquismo que eu lembre. Xuntos, unidos, porque si algo representaba José Luis Muruzábal, en carne viva, era a unidade sindical e política.

    Coincidimos na despedida moitas das persoas que estivemos na súa homenaxe hai un ano. Probablemente a máis grande concentración de dirixentes sindicais e políticos do tardofranquismo que eu lembre

Pero sobre todo, estabamos os seus alumnos, os que aprendiamos co seu exemplo, coa súa experiencia, os que o tivemos, durante tantos anos, como unha referencia persoal e tamén profesional, cando se fixo avogado. Ou cando decidiu promover unha asociación para a defensa das persoas afectadas por enfermidade mental na Coruña. Compromiso social a mans cheas, con total desprendemento.

Muru, mira que te digo, nun país normal, con dirixentes normais, habería rúas ou prazas co teu nome, ou chemineas Muruzábal. E persoas como ti dirixíndonos. Mentres tanto, desde o alto da Térmica das Pontes, seguirás a recibir o cariño e o agradecemento de tantos, porque fuches, ti si, dos imprescindibles.

Adeus, camarada.

Fonte: Praza Pública | 19.07.2013

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz, membro fundador da Coordinadora Galega de ONGDs para o Desenvolvemento. Forma parte do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio. É coportavoz de Espazo Ecosocialista Galego, membro de AGE.

______________

venres, setembro 30, 2011

Perdemos todos, ... Por Manuel Dios Diz

Por Manuel Dios Diz [*]
30.09.2011

Corren malos tempos, non só para a lírica, que diría Germán Coppini, senón para as persoas, para a xente, sobre todo, para as que formamos parte do común dos mortais, aquí e en todas partes, aínda que existan grandes diferencias nas distintas áreas do planeta.

As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, aquelas que conforman o chamado Terceiro Sector, que en Galicia se agrupan maioritariamente arredor da Coordinadora Galega de ONGDs, vivimos momentos de incerteza, cando non de penuria económica. É a triste consecuencia dos enormes recortes que desde as distintas administracións públicas (e tamén das entidades privadas) estamos a sufrir.

Debemos considerar que as ONGDs realizan funcións de axuda humanitaria, en momentos puntuais de catástrofes naturais, e que tamén desenvolven proxectos estables de cooperación ó desenvolvemento nos países máis empobrecidos da terra, xunto con campañas de sensibilización, divulgación, formación ou de educación para a solidariedade e a xustiza.

Vertebran e robustecen a sociedade civil, crean moitos postos de traballo directo, aquí e nas contrapartes de América Latina, de Africa, Asia, etc. e outros moitos traballos indirectos. Son tamén espazos, escolas de colaboración para miles de persoas que achegan o seu tempo libre ó voluntariado.

Na actualidade, e desde hai varios anos, as ONGs, veñen denunciando a crecente diminución das axudas institucionais. Nestes momentos as queixas chegan xa ó Valedor do Pobo. Nos dous últimos anos, a Xunta de Galicia, historicamente á cola da cooperación no Estado, reduciu un 48% do seu orzamento para a cooperación. Non digamos en formación do profesorado ou noutras partidas de axuda e subvención ás actividades das entidades sociais, de política lingüística, de cultura, de educación, de benestar social, de voluntariado.

Os incumprimentos son manifestos. Non teñen dúbida algunha. Son reais e obxectivos. Están no DOG para quen queira velos e vulneran mesmo os acordos acadados, por exemplo, nos programas contra da pobreza e a exclusión, que aumenta cada ano en Galicia, segundo os sucesivos informes de Cáritas. O Pacto Galego contra a Pobreza está morto. Incúmprense os termos e a filosofía que marcaba o II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 16 de xuño do 2010.

A cooperación, a solidariedade, a xustiza, en tempos de crise, sofren as consecuencias de políticas restritivas miopes e que, polo demais, non son nin equitativas nin igualitarias. Estanse detraendo grandes recursos públicos, de todas e todos nós, cunha escala de prioridades que non compartimos. Para nós a quen temos que rescatar, antes que a ninguén, son ás persoas, especialmente a aquelas que máis sofren, aquí, na propia casa, e lonxe, aínda que sexa unicamente por egoísmo lúcido, pensando en que as asimetrías que temos creado a nivel mundial son insostibles.

Diminuír, recortar drasticamente o gasto social, a cooperación ó desenvolvemento, os programas contra da pobreza e a exclusión, a educación para a solidariedade, desvertebra e anula á nosa máis viva sociedade civil, incrementa o desemprego, corta o feble cordón umbilical que nos mantén unidos coas persoas e organizacións do Terceiro Mundo, e medran as diferencias, aquí e a nivel planetario, aumenta a inxustiza e a discriminación, trunfa o egoísmo, a inseguridade e a violencia, en definitiva, perdemos todos.

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz, membro fundador da Coordinadora Galega de ONGDs para o Desenvolvemento.

Artigos publicados no xornal.com
________________

xoves, setembro 29, 2011

Wangari Muta Maathai, in memoriam, 1940-2011, ... Por Manuel Dios Diz


Wangari Muta Maathai, in memoriam

Por Manuel Dios Diz [*]
29.09.2011

Muller, africana, de Nyieri, en Kenia, activista contra do cambio climático, Premio Nobel da Paz 2004, a muller árbore, deixounos o pasado día 26 de Setembro, vítima dun cáncer de osos que arrastraba desde hai tempo.

Ecoloxista, bióloga, veterinaria, ministra de Medio Ambiente, Wangari Maathai non era exactamente unha pacifista aínda que as súas contribucións a favor do desenvolvemento sostible, desde a perspectiva de estar en paz co medio natural, si que era motivo máis que suficiente para recibir o máximo galardón internacional en relación coa paz, desde logo, moito máis axeitado que o de Al Gore ou o doutros premiados en Oslo e que non merece a pena lembrar.

A vida de Wangari Maathai está chea de primeiros postos, como muller, como africana, licenciada en bioloxía, foi a primeira doutora en medicina veterinaria de África, profesora de anatomía veterinaria na Universidade de Nairobi, e a primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz.

Foi a fundadora dun movemento social africano e internacional de mulleres coñecido como "Cinturón Verde", empeñado en evitar a erosión do chan coa plantación de millóns de árbores e así mellorar tamén a calidade de vida das africanas. De aí ven o seu alcume de "Tree Woman" ou "Muller árbore".

Estivo detida en varias ocasións e foi agredida violentamente por defender eleccións libres e o pluralismo político en Kenia. Elixida deputada co 98% dos votos en 2002, foi Ministra de Medio Ambiente, Recursos Naturais e Vida Salvaxe e un ano despois fundou o Mazinguira Green Party, un partido político de corte ecoloxista. En 2005 pasou a presidir o Consello Económico, Social e Cultural da Unión Africana.

Cando o Comité Nobel deulle o Premio en 2004, destacou a súa traxectoria en defensa do medio natural, da democracia, a liberdade, e o pluralismo, xunto coa súa capacidade de resistencia contra da opresión política e a coraxe persistente na promoción da igualdade de xénero e a mellora da calidade de vida das mulleres.

Non só recibiu o Nobel da Paz, tamén o Nobel alternativo, o de investigación Goldman, o de África, e o Petra Kelly, entre outros.

Wangari Muta Maathai, cando recibiu o Premio Goldman dixo "Ata que caves un burato, plantes unha árbore, a regues e a fagas sobrevivir, non fixeches nada. Só estás falando".

En 2006 estivo en Gernika, e diante da Casa de Xuntas, afirmou: " Alégrame saber que aquí, como acontece en moitos lugares de Africa, cando tedes problemas e necesidade de dialogar, o facedes debaixo da sagrada sombra dunha árbore".

Ten publicado varios libros, algúns poden atoparse en castelán, como Cinturón Verde ou Con la cabeza bien alta.

Foise Wangari Maathai mais quédanos o seu exemplo, o seu traballo, a súa firmeza e alegría, o seu sorriso, pero sobre todo, o seu pensamento. Estamos seguros de que descansará en paz, ao pé dunha árbore maxestosa, alá, en Africa, na Kenia que tanto amou, natureza plena, Parque Uhuru de Nairobi, que ela salvou...

[*] Manuel Dios Diz, é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

Artigos publicados no xornal.com
_____________________

domingo, decembro 12, 2010

"Educar en ser persoa", Manuel Dios Diz, fala sobre o libro de Jonan Fernández, director de Baketik

Por Manuel Dios Diz [*]
12.12.2010


Jonan Fernández, director de Baketik (Centro pola Paz de Arántzazu) en Euskadi, portavoz durante varios anos de Lokarri, rede cidadá polo acordo, a consulta e a reconciliación, organización pacifista de Euskal Herria, ven de publicar un precioso libro, ó meu parecer, moi útil, tanto desde o punto de vista persoal como para aquelas persoas que educan, todas dunha maneira ou doutra, nalgún momento da nosa vida.

Trátase dunha proposta moi orixinal realizada desde a súa propia experiencia vital, resultado dunha análise consigo mesmo, de facer contas e de contar. E o fai non desde a pedagoxía ou desde a docencia pois ese non é, precisamente, o seu medio natural. Sen embargo, a súa reflexión, resulta especialmente educativa e tamén didáctica.

Persegue Jonan matizar, completar e compartir, ideas que xa estaban en “Ser humano en los conflictos” (2006) e, sobre todo, en “Vivir y convivir. Cuatro aprendizajes básicos” (2008). Agora, en “Educar en ser persona”, quente aínda do prelo, considera non só catro aprendizaxes básicos senón que engade outros tres de carácter instrumental e un máis que cualifica de “fundamental”. En realidade, Jonan Fernández, como afirma Federico Mayor Zaragoza no prólogo, tenta responder a preguntas como: ¿Que temos que saber para educar en ser persoa? Ou si se quere: ¿Que temos que estudiar para educar para a paz, a convivencia, os dereitos humanos, ou a xustiza? ¿Onde aprender eses contidos e valores?, ¿Quen os imparte?, ou ¿Como nos educamos cada un de nós para ser realmente persoas? Jonan Fernández considera que para aprender, na súa dobre acepción en galego, ensinar e aprender, a ser persoas necesitamos catro aprendizaxes básicos previos. O primeiro sería, para el, a aprendizaxe da limitación da condición humana. O segundo, aprender o sentido do agradecemento. O terceiro, a aprendizaxe da escoita da propia conciencia e, por último, a aprendizaxe do significado da dignidade humana. Como podemos comprobar, estamos a falar de aprendizaxes nada fáciles e moi escasos no supermercado docente. A estes catro aprendizaxes básicos engade, Jonan Fernández, outros tres máis que el denomina “instrumentais”. Serían o máis do diálogo, o máis da empatía e o máis da paciencia, ferramentas imprescindibles para vivir e convivir.

Por último, incorpora unha aprendizaxe fundamental, que integra e engloba todo o anterior, refírese a aprendizaxe do amor. E o fai non desde unha perspectiva exclusivamente cognitiva, baseada nos coñecementos racionais senón, sobre todo, desde a experiencia e desde os afectos e os sentimentos, como non podía ser doutro xeito. Non se limita a explicar con detalle o significado de cada aprendizaxe senón que escava nas súas implicacións e na súa vivencia. Remata cada unha das aprendizaxes con exercicios prácticos, persoais e de aula.

Penso sinceramente que estamos diante dunha das propostas máis relevantes dos últimos anos no ámbito da Educación para a Paz. E non resulta anecdótico ou circunstancial que proveña de Euskadi, quizais precisamente por iso ten un valor engadido. A experiencia do Centro pola Paz de Arántzazu, dende o ano 2006, un espacio privilexiado de reflexión e de acción, polo que teñen pasado máis de 6.000 persoas para realizar cursos de formación, está moi presente no libro.

Na utilización dunha gramática insubordinada, Jonan Fernández, inventa un palabro, especialmente suxerinte, “Experiendizaxe”, en realidade, trátase dunha pedagoxía para mellorar a vida, a persoal, a convivencia e a educación, facendo aprendizaxe da conciencia da nosa propia experiencia. A pedagoxía da “experiendizaxe” sintetiza un traballo de catro anos en Baketik, e describe a súa filosofía de fondo: desenvolver, profundizar e promover activamente este concepto que vai a actuar como clave de bóveda que vertebra as súas actividades e proxectos.

Reflexión e vivencia, vivencia e reflexión, unha pedagoxía ética para vivir, convivir e educar mellor. Parabéns, Jonan.

[*] Manuel Dios Diz, é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

_______________________

mércores, xaneiro 28, 2009

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz

Por Manuel Dios Diz [*]

Colexios e institutos galegos, desde hai xa moitos anos, veñen celebrando o Día Escolar pola Paz, no aniversario da morte de Gandhi, unha traxedia que tivo lugar o 30 de Xaneiro de 1948, en Nova Delhi, a mans dun mozo extremista hindú de nome Nathuram Godsé. Foi, como sabemos, un asasinato político, un magnicidio, no mesmo ano en que a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un texto extraordinario, probablemente o máis influínte e duradeiro do século XX, pero tamén o máis violentado.

Un texto acordado no que Gandhi interveu de maneira notable xunto con outras grandes personalidades da época, de diferentes culturas e civilizacións, entre elas, Eleonor Roosevelt, a viúva do presidente norteamericano falecido en Abril de 1945. Ela foi a presidenta da Comisión Redactora que en Setembro de 1948 remitiu o borrador rematado á Asemblea Xeral.

O proceso de aprobación non foi fácil. Os debates se prolongaron aínda que tiveron a grandeza do consenso. Foran dous anos enteiros de traballo, 81 reunións, 168 emendas, máis de 1400 votos particulares. O momento máxico chegou precisamente o 10 de Decembro de 1948 cando, por fin, a Declaración Universal se aprobaba sen un so voto en contra, aínda que 8 estados decidiron absterse.

O pasado 10 de Decembro conmemoramos o seu 60 Aniversario (1948-2008), con iniciativas moi diversas que os centros escolares, sobre todo os máis dinámicos, promoveron, arredor dos valores que a Declaración proclama. Entre outras, a que celebramos no Consello da Cultura Galega e na que moi diversas personalidades (e tamén xente do común) leron –conxunta e solemnemente, os 30 artigos e o seu marabilloso Preámbulo:

... Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos ten orixinado actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade; e que se ten proclamado, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gozen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas...

No Seminario Galego de Educación para a Paz, desde 1985, vimos traballando -de maneira ininterrumpida- na sensibilización social e na divulgación dos dereitos humanos entre o profesorado e na comunidade educativa, na idea de que é unha extraordinaria ferramenta didáctica para a educación nos valores cívicos e democráticos, así como no que nós chamamos Cultura da Paz, un concepto que non só abrangue a educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, senón tamén, a superación da exclusión e da pobreza, que está en íntima relación cos Obxectivos do Milenio, tan urxentes como incumpridos; no diálogo intercultural, sen dúbida o máis relevante dos fins da Alianza de Civilizacións; ou na consolidación da paz e a solución pacífica de conflitos, facendo fincapé, sobre todo, na prevención dos mesmos.

Coñezo a moitos cidadáns e cidadás que viven nun estado de auténtica indignación. ¿E como non vai a indignarse a cidadanía vendo como proliferan os fondos económicos para o rescate do sistema financeiro internacional, en cantidades que son incomprensibles para o común dos mortais, mentres que se escatiman as axudas para combater a pobreza e a fame, a mortalidade infantil nos países máis empobrecidos por enfermidades que están superadas en Occidente, ou a SIDA, particularmente endémica en África; o analfabetismo crónico, o acceso ós bens máis elementais por parte da maioría da poboación mundial ou para conseguir frear o cambio climático que algúns negan, de maneira certamente exótica nos tempos que corren?. Indignación que aumenta cando observamos, desde hai tantos anos, tantas e tantas promesas incumpridas, tantas mentiras, tantos enganos cos países máis desfavorecidos... e mentres, os paraísos fiscais están cheos a rebentar...

Alguén tivo a xenialidade de dividir os millóns de euros e de dólares canalizados para o rescate dos bancos en todo o mundo, na primeira provisión de recursos, unhas cantidades seguidas de moitos ceros, de dividilos, digo, entre todos os habitantes do planeta, algo máis de 6.500 millóns de persoas. E, ¡vaia sorpresa!. Resultou que todos e cada un de nós, seriamos, automaticamente, millonarios, con mais de 100 millóns por persoa !!!.

Na Educación para a Paz distinguimos moitos tipos de violencia. Pero si tiveramos que resumilos en dous, falariamos da coñecida como “violencia directa”, aquela que percibimos inmediatamente como tal (unha agresión, unha violación, un avión petando contra das torres xemelgas...), e a que denominamos como “violencia estrutural”, moito máis opaca, máis difícil de identificar, máis sutil, aquela que ten que ver coas inxustizas, tal e como afirma a vella máxima, tan certa, de que “as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá”. Porque condenar a dous terzos da poboación mundial á miseria e á fame, iso é violencia estrutural. Facelo ademais mentres priorizamos o rescate dun puñado de tramposos, sen responsabilidade algunha, máis que indignante...

Tódalas persoas de ben aborrecemos do terrorismo e da violencia para acadar obxectivos políticos, incluído o terrorismo de Estado. E si existe hoxe un Estado que practique de maneira criminal a violencia indiscriminada e desproporcionada, sen escrúpulo moral algún, sen respecto polas elementais normas da guerra (que vergoñento resulta falar disto), ese é o Estado sionista de Israel, a quen a comunidade internacional segue a dar bula e licencia para matar sen compaixón, violando sistematicamente a legalidade internacional, burlándose dos Dereitos Humanos e das mesmas Nacións Unidas, un Estado a quen rearman constantemente os Estados que se sentan no Consello de Seguridade, sobre todo e principalmente os EE.UU.

E que ninguén pense, nin por un momento, que o que veño de dicir, pretende abalar a violencia de Hamás ou calquera outra. Nada máis lonxe da realidade. É o pobo de Gaza, Palestina enteira, a que escolle a súa representación lexítima, e a Comunidade Internacional debe aceptalo, democraticamente, non só cando gañan aqueles que apoian, sobre todo por egoísmo lúcido, para que os fundamentalistas violentos transiten, o máis rapidamente posible, cara a acción política.

Por iso, neste 30 de Xaneiro, no Día Escolar pola Paz, como o pasado 10 de Decembro, Día dos Dereitos Humanos, temos a oportunidade de reflexionar e de actuar. Porque sendo importante a reflexión non é suficiente coa análise, co debate. Debemos intervir, ser protagonistas e non tan só espectadores, especialmente, para que nos oian e tamén para que nos escoiten, para contar nas decisións e non só para que nos conten...como acostuma a repetir Federico Mayor Zaragoza.

Está ben que aproveitemos a ocasión (e todos os días) para traballar co noso alumnado sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, sobre todo, neste ano 2009, consagrado por Nacións Unidas como Ano Internacional da Aprendizaxe dos Dereitos Humanos, que paradoxo, e non só no marco da nova materia de Cidadanía e Dereitos Humanos, que empezará en 6º de Primaria o curso que ven, senón de xeito transversal, en todas as áreas e materias, con actividades de aula e colectivas, para culminar nese día, a tarefa e os esforzos de todo un ano.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, directamente e na súa web, ofrece numerosos materiais didácticos para esta conmemoración e anima a actuar en solidariedade, nesta ocasión, con colexios e institutos de Gaza, ou a remitir cartas de protesta, peticións de rectificación, de sancións e indemnizacións, á embaixada israelí en España, ó Secretario Xeral das Nacións Unidas, ó noso goberno, porque como di o novo presidente norteamericano, yes we can, xuntos podemos, porque outro mundo é non só posible senon necesario...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galicia.

Rúa do Valiño 13- 1º
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Tfno: 981-561956
__________________