Amosando publicacións coa etiqueta Mar Blanco Casais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mar Blanco Casais. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 21, 2013

"Hoxe percibimos que a realidade organizativa e política de Anova se afasta dunha maneira progresiva do proxecto orixinario e camiña cara a un partido de corte clásico dominado por unha elite na que reside toda capacidade de decisión e de control" - Mar Blanco Casais, Xiana López Penedo, Xurxo Martínez González e Antón Dobao deixan a Comisión Permanente da Coordinadora Nacional de Anova-IN


CARTA DE DIMISIÓN DA COMISIÓN PERMANENTE DE ANOVA-IN

Onte ao mediodía, as compañeiras Mar Blanco Casais e Xiana López Penedo e mais o compañeiro Xurxo Martínez González e Antón Dobao, enviámoslle á Responsable de Organización de Anova - Irmandade Nacionalista unha carta coa nosa renuncia ás nosas responsabilidades na Comisión Permanente da organización para que fose trasladada con carácter inmediato a todas as compañeiras e compañeiros da Coordinadora Nacional. Por algunha razón que descoñecemos e non queremos avaliar, a nosa carta de renuncia segue sen ser comunicada á militancia de Anova, e iso obríganos a facela pública nas redes sociais para evitar interpretacións incorrectas produto de filtracións á prensa.

Pedimos desculpas ás nosas compañeiras e compañeiros da Coordinadora Nacional e tamén a toda a militancia de Anova por este bloqueo de información que, por suposto, queda moi fóra das nosas intencións

A carta é a que reproducimos a seguir:

Compañeir@s da Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista:

Con este escrito comunicámosvos a nosa renuncia a continuar coas nosas responsabilidades como membros da Comisión Permanente desta Coordinadora Nacional.

O nacemento de Anova foi a conclusión dun proceso previo de intercambios, recoñecementos e encontros en espazos comúns dunha militancia diversa, organizada ou non en siglas partidistas. Foi unha chamada á cidadanía máis lúcida para impulsar un partido-movemento que asumise unha ética republicana, dende principios independentistas, disposta a abrir un novo escenario político que rachase coas vellas formas de comprender e practicar a política, unha organización que apostase por ser a ponte entre a cidadanía e as institucións, que puxese cabo á visión do partido como fin e non como ferramenta. Hoxe percibimos que a realidade organizativa e política de Anova se afasta dunha maneira progresiva do proxecto orixinario e camiña cara a un partido de corte clásico dominado por unha elite na que reside toda capacidade de decisión e de control.

Non podemos tampouco permanecer impasibles ante os graves acontecementos que están inxectando unha dose letal nunha organización que, conforme aos seus principios éticos e políticos, está obrigada a resolver as súas inevitables e necesarias contradicións mediante o diálogo e a práctica do consenso e nunca mediante a imposición de exiguas maiorías nin a práctica punitiva. Porque unha organización é tamén no seu modo de actuar un reflexo da sociedade que desexa e proxecta. E Anova proxecta unha sociedade xusta, libre, democrática e plural. A lóxica de maiorías sobre as minorías impúxose sobre os espazos de debate político e de consenso.

O noso compromiso coa idea orixinaria de Anova non mingua con esta renuncia. Continuamos comprometidos con Anova e con AGE. Seguiremos a traballar por esta organización desde as nosas asembleas de base e desde a responsabilidade que asumimos perante a Asemblea Nacional como membros da Coordinadora Nacional. E tamén nos espazos sociais nos que Anova ten que se converter en instrumento de transformación para a cidadanía do común.
Apertas.

Asinado,
Mar Blanco, responsábel nacional de lingua.
Antón Dobao, responsábel nacional de cultura.
Xiana López, responsábel nacional de igualdade
Xurxo Martínez, responsábel nacional de formación.

Galicia, Mes de Nadal de 2013

Os comentarios na carta publicada no facebook:
https://www.facebook.com/anton.dobao/posts/10202924480541744

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de dezembro de 2013 11:26

http://espazoartabro.blogspot.com/

________________