Amosando publicacións coa etiqueta Medio Ambiente. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Medio Ambiente. Amosar todas as publicacións

domingo, febreiro 05, 2023

Lembrando a Carmelo Teixeiro, quen fora o primeiro Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e de todas as compañeiras e compañeiros que nos acompañaron nestes 22 anos de actividade en defensa da nosa Ría, contra o despropósito gasista de Reganosa


Ofrendas florais en Parque Carmelo Teixeiro

O 15º aniversario do pasamento de Carmelo Teixeiro, Coordinador deste Comité Cidadán de Emerxencia.

O Concello de Ferrol lembrou o 15º aniversario do falecemento de Carmelo Teixeiro, cunha ofrenda floral, no parque de Caranza que leva o seu nome.

PARQUE CARMELO TEIXEIRO MENÉNDEZ (Mugardos 1937 – Ferrol 2008). O Excmo. Concello de Ferrol en sesión plenaria do 26.02.2009, acordóu nomear este espazo público na memoria deste activista social, sindical e político, que foi Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, polo seu labor na transición, a súa implicación sindical, a defensa das liberdades e da nosa ría e a súa coherencia na loita polos principios democráticos. 8 de xuño de 2018. Memoria de Ferrol”.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, depositou hoxe unha ofrenda floral no Parque Carmelo Teixeiro de Caranza, en memoria de quen fora o primeiro Coordinador deste Comité e de todas as compañeiras e compañeiros que nos acompañaron nestes 22 anos de actividade en defensa da nosa Ría, da legalidade e da vida das persoas que habitan na súa contorna, sempre coa ameaza presente dunha Planta de Gas no centro dela, que, a pesar dos permisos que unhas administracións cómplices lle conceden, segue incumprindo todas as normas de seguridade segundo demostraron as cinco sentenzas xudiciais en contra dela.

Hoxe cúmprense 15 anos do pasamento de Carmelo pero lembramos tamén a:

José Gabeiras - presidente de honra do Comité Cidadán in aeternum (Xaneiro de 2005), Xaime Quessada autor do mural contra a imposición de Reganosa, mural que agora se expón no Auditorio Municipal de Ferrol (Decembro de 2007), Santiago Torrente 'Tito' (Marzo de 2009), Tino Deibe autor do logotipo do Comité (Maio de 2010), José Luís Estévez Barros 'Seli' (Decembro de 2011), Regino Varela (Xullo de 2014), Victoria Fernández Paredes, (compañeira de Carmelo, falecida o 8 de novembro de 2014), Ramón Capotillo (Febreiro de 2015), Luís Matalobos (Outubro de 2015), Julio Videira (Xuño de 2016), Joaquín Cupeiro (Decembro de 2016), Julio Pico (Xuño de 2017), Bernardo Bastida, (Xaneiro de 2018), Emilio Romero "Milín" (Marzo- 2018), Mel Sanxoán (Abril de 2018), José Luis Rodríguez Pardo (Xuño de 2018), Helena Sánchez (Novembro de 2018), Pepe Leira (Outubro de 2019), Ricardo González Costas "Cardín" (Xaneiro de 2020), Víctor Agulló López (11 de Xullo de 2021),  Eugenio Pereiro Couce (4 de novembro de 2021), Marichy Cuadrado Caruncho (14 de xaneiro de 2022) e Antonio Dopico Carro (23 de xaneiro de 2022).

Todas e todos sempre na nosa memoria!

Enviado por:
Comité Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
5 de fevereiro de 2023 às 17:1

_______

Nova plantación de Betula, a asociación para a custodia do bosque atlántico das comarcas, desta vez en Montefaro, sobre unha parcela en custodia que foi deseucaliptizada


O vindeiro o sábado 11 de febreiro en Montefaro, Betula, a asociación para a custodia do bosque atlántico, realizará unha primeira fase de plantación de 50 arbores, principalmente carballos. Trátase dunha finca en custodia que foi deseucaliptizada o ano pasado e van comezar a plantar especies autóctonas.

O terreo e chan e non ten ningunha dificultade para acceder a él polo que é apto para tódalas idades e condicións físicas.

Lembramos a importancia do VOLUNTARIADO para a transformación destas zonas degradadas; os traballos de limpeza, deseucaliptización, plantación de autóctonas… requiren de man de obra de xente extraordinaria. ANÍMATE!!

Non dubidedes en formar parte desta loita, agora máis que nunca FAITE SOCIO E COLABORA!!

Para mais información e para confirmar asistencia, CONFIRMADE POR CORREO:

custodia.betula@gmail.com

Na actualidade custodian-se 142.712 m² en propiedade e 2.725.586 m² en convenio: Visor.

O ano 2022 rematou coa adquisición dun total de 13.983 m2 repartidos en diferentes localizacións principalmente nos concellos de Ares e Monfero.

Mais a cousa non remata aquí xa que neste 2023 xa contamos con 1.703 m2 de novo terreo en propiedade na zona de Montefaro en Ares.

Todas as parcelas cumpren cos requisitos de seren zonas degradadas cun alto valor medioambiental, cultural e paisaxístico.

As terras de Ares localízanse principalmente na zona de A Bailadora e do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, situado na parroquia de Cervás.

O BOSQUE SOMOS NOS

http://www.betula-atlantico.eu

Info baseada na enviada por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
4 de fevereiro de 2023 às 22:50

_______

mércores, xaneiro 18, 2023

O H2Med protagonizará o cume hispano-francesa a pesar da súa dubidosa viabilidade - A rede 'Gas Non é Solución' sobre o hidroducto-proxecto H2Med


O H2Med protagonizará o cume hispano-francesa a pesar da súa dubidosa viabilidade

O proxecto H2Med/BarMar protagonizará as negociacións do cume hispano-francesa coa complicidade do President da Generalitat, Pere Aragonès.

Esta infraestrutura foi contestada por expertos e a sociedade civil organizada. A rede Gas non é Solución [*] e a Plataforma Resposta ao BarMar, radicada en Barcelona, sinalan este proxecto como unha falsa solución á crise enerxética actual.

O 19 de xaneiro celebrarase en Barcelona o cume hispano-francesa na que se tratarán varios asuntos, entre eles o H2Med, que aspira a ser a principal infraestrutura de hidróxeno verde entre España e Francia. A capital catalá foi especialmente escollida para centrar as discusións neste proxecto que conectará Barcelona con Marsella, tal como aseguraba a portavoz do Goberno español, Isabel Rodríguez, hai unha semana. O proxecto, ademais do apoio da Comisión Europea, Francia e Portugal, conta coa complicidade de Pere Aragonès. O President da Generalitat subliñaba hai uns días a súa vontade de aproveitar este cume para concretar e impulsar o H2Med.

Pero o avance das conversacións está a ser contestado pola sociedade civil. A rede Gas non é Solución (en diante, a rede), formada por máis de 30 organizacións, rexeita firmemente este proxecto. A esta oposición súmase a Plataforma Resposta ao BarMar, anteriormente conformada para responder á construción do gasoduto MidCat, xa abandonado.

O H2Med é unha aposta que pon en risco a viabilidade da transición enerxética, desviando para a exportación unha enerxía imprescindíbel para a descarbonización da demanda estatal. Ademais de usar un vector enerxético como o hidróxeno (H2) moi ineficiente, este tipo de infraestruturas perpetúan un modelo centralizado que vai en contra das persoas, o medio ambiente e segue privilexiando ás grandes empresas enerxéticas como Enagás.

O pasado xoves 15 de decembro presentouse ao fin o H2Med no rexistro de proxectos candidatos a recibir financiamento europeo. Esta infraestrutura suporá a construción sen precedentes dun conxunto de gasodutos que transportarán en principio hidróxeno producido a partir de enerxías renovábeis. Será adxudicada a Enagás e custará entre 2.500 e 3.000 millóns de euros procedente das arcas públicas. Comezará en Portugal co tramo Celorico-Zamora (CelZa) e continuará co tramo submarino Barcelona-Marsella (BarMar). O H2Med non se entende sen outras interconexións que involucrarán a Huelva, Cartaxena, Puertollano, Zamora e Xixón creando unha rede moito máis ampla e paralela á nosa rede actual de gas. Ademais, o proxecto presentado expón dous almacenamentos subterráneos de hidróxeno situados en cavidades salinas de Cantabria e o País Vasco.

A rede aclara que o hidróxeno verde pode axudar a alcanzar un sistema enerxético 100% renovábel. Pero a súa utilización debe reservarse para casos concretos nos que sería inviábel utilizar outro tipo de enerxía renovábel, especialmente para substituír o uso do hidróxeno como materia prima en determinados procesos industriais, así como naqueles que requiren de altas temperaturas que non teñen polo momento outras opcións de descarbonización.

Con todo, denuncia que esta aposta pola exportación de hidróxeno a gran escala implica grandes riscos debido á inmadureza da tecnoloxía que se contempla tanto na produción como no transporte de hidróxeno. O investimento público estaría mellor empregada en medidas cuxo funcionamento xa foi comprobado como o é a electrificación, a aposta por proxectos renovábeis con participación cidadá, o autoconsumo, as comunidades enerxéticas e melloras na eficiencia enerxética dos fogares.

Ademais, ás limitacións e riscos xa mencionados, as organizacións agrupadas na rede engaden as seguintes consideracións:

– Exportar grandes cantidades de hidróxeno implicaría a implantación de moitísimos máis proxectos de renovábeis de grandes dimensións que poderían ter un  alto impacto ambiental e territorial. Tamén existe o risco de que, ao non haber suficiente excedente de enerxía renovábeis, caia en producir o hidróxeno con gas fósil como é o caso do 99% do H2 obtido na actualidade.

O anterior risco aumenta debido á baixa eficiencia enerxética do H2, como sinalou xa o instituto de investigación independente Hydrogen Science Coalition. No proceso de produción de hidróxeno por electrólise a partir, por exemplo, de fontes renovábeis e durante o seu transporte por gasoduto, pódese chegar a perder ate un 80% da enerxía investida.

– Se finalmente o H2Med inclúe-se na lista de Proxectos de Interese Común (PICs), aspirando a financiamento europeo, podería acollerse aos controis ambientais menos esixentes introducidos polo REPowerEU. Como denunciou xa ClientEarth, este paquete de medidas destinadas a substituír o gas ruso outorga aos PICs a posibilidade de saltarse o principio de “Non Dano Ambiental Significativo” (ou “Do Non Significant Harm” en inglés) e estar exentos de avaliacións de impacto ambiental exhaustivos.

– Isto último faise especialmente relevante se temos en conta que atravesará o Golfo de León, un dos ecosistemas con maior índice de biodiversidade no Mediterráneo, onde se atopan espazos mariños protexidos, un corredor de cetáceos e o Santuario de Pélagos.

Por todas estas razóns, a rede Gas non é Solución denuncia a postura do executivo do Estado español. Tamén sinala o apoio que recibe da Generalitat, que ve o H2Med e concretamente no tramo Barcelona-Marsella (BarMar) “positivamente, no sentido de que marca a Catalunya e Barcelona como un punto neurálxico da nova estrutura enerxética europea”, en palabras de Aragonès. Os riscos asociados a este megaproxecto urxen a un debate social moito máis amplo, transparente e que involucre á cidadanía.

18 de xaneiro de 2023

A rede 'Gas Non é Solución'

[*] Os colectivos que integran esta rede son: 350 Bcn, Aliança contra la Pobresa Energètica, Amigos de la Tierra, Asamblea Ciudadana contra el Gas en Gran Canaria, Asociación de Cultura Popular Alborada (Gallur), Berriztu!, Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (Galiza), Ecologistas en Acción, Enginyeria Sense Fronteres (ESF), Equo, Equo Huelva, Ferrol-Cape, Fracking Ez, Fundación Renovables, Fundación Ecología y Desarrollo, Greenpeace España, Instituto Internacional de Derecho y Medio Ambiente, No Més Gas,Observatorio Crítico de la Energía, Observatori del Deute en la Globalització, Plataforma Ciudadana Zaragoza sin Fractura, Plataforma por un Nuevo Modelo Energético, Plataforma Resposta al Midcat, Plataforma Salvemos Doñana, Podemos, SEO/BirdLife, Transport & Environment, WWF España, Xarxa per la Sobirania Energètica.

Enviado por:
Manuel Amorim
-m.amorim@telefonica.net-
18 de janeiro de 2023 às 10:53

_______

mércores, outubro 26, 2022

Caeu a torre da vergoña da ENEL Green Power, veuse a baixo a metáfora de espada de Damocles sobre as nosas cabezas, ... Por André Abeledo Fernández




Por André Abeledo Fernández [*]
26.10.2022


Caeulles a torre aos de ENEL Green Power, os que ameazan a todo un pobo con montar o "Parque Eólico de Caaveiro" e destruír o noso entorno, a nosa forma de vida, e as nosas esperanzas dun futuro mellor para a nosa terra.

Querían medir a forza do vento, e o vento levoulles a canallada, agora si queren medir a forza da veciñanza defendendo a súa terra vainos levar o demo.

Caeulles a torreta de medición da velocidade do vento que todos os veciños podíamos ver como espada de Damocles sobre as nosas cabezas.

Vai ser que a natureza e o vento tamén están con nos na loita contra os muíños do espolio, da especulación e do desastre, vai ser que traballan con nos os elementos para defender a terra.

Ao día seguinte da caída da estrutura xigante, duns 100 metros, os veciños de Anca celebramos a caída do símbolo dos abusos do poder e das multinacionais do sector eléctrico na nosa parroquia.

Aplaudimos ao vento que levou o esperpento ameazante que nos miraba día e noite dende o noso monte.

Sabemos que a loita vai seguir, que volverán a levantar a torre da vergoña, será por cartos, pero esta vitoria do vento sobre os especuladores macroeólicos é a primeira de todas as que veñen detrás.

Porque non imos permitir que destrúan a nosa terra, o noso presente e hipotequen o futuro dos nosos fillos sen loitar.

Porque ata os elementos están berrando que a Galiza non se vende, se defende.

EÓLICOS AQUÍ NON!

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
26 de outubro de 2022 12:01

_______

xoves, xullo 21, 2022

Ante a actual vaga de lumes: Máis de 50 colectivos sairán a rúa nas sete grandes cidades galegas este xoves- En Ferrol, será cunha concentración ás 20:30hs, na Praza Amada García (diante do Edificio da Xunta) - Queren amosar a súa 'indignación' e exixir medidas á Xunta


A plataforma "Por un monte galego con futuro", da que forma parte máis de 50 entidades de todo o país, convocan concentracións nas sete cidades cidades galegas para o xoves 21 de xullo ás 20h (20:30 en Ourense) para amosar a súa "indignación" e esixir medidas á Xunta ante a actual vaga de lumes.

En Ferrol, será cunha concentración hoxe xoves 21 de xullo, ás 20:30hs, na Praza Amada García (diante do Edificio da Xunta)

Os actos amosarán o total apoio á veciñanza afectada así como aos colectivos dos profesionais que traballan na prevención e extinción dos lumes. As concentracións organízanse en resposta a vaga de incendios que está a devastar as máis emblemáticas xoias ecolóxicas de Galicia.

As entidades convocantes reclamarán a declaración de "zona cartastrófica" (agora "zona afectada gravemente por unha emerxencia civil") das áreas atinxidas polos lumes, así como accións inmediatas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración, entre outras reivindicacións que se lerán nun manifesto conxunto.

"Co obxecto de que o goberno da Xunta escoite unha soa voz que percorra o país ao berro de LUMES NUNCA MÁIS, a plataforma 'Por un monte galego con futuro', anima á sociedade galega a saír á rúa, asistindo ás concentracións convocadas na Coruña, Compostela, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense", apunta o colectivo nun comunicado.

Entre as entidades que integran a Plataforma "Por un monte galego con futuro" están A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques "O Ourol de Anllóns", Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.

Publicado en Galicia Confidencial, baixo licenza Creative Commons by-nc-sa/4.0.
_______

A Ecomarcha ciclista 2022 chegou onte a Reganosa, onde se realizou un acto nas inmediacións da planta de regasificadora


A Ecomarcha ciclista 2022 chegou onte a Reganosa

Hoxe mércores 20 de xullo, una representación do Comité Cidadán de Emerxencia acudiu a Mugardos, para diante da Planta de Gas de Reganosa recibir á Marcha Ciclista de Ecoloxistas en Acción que co lema “Sempre Mais” recorre Galicia reivindicando causas sociais e ambientais.

Un representante da Ecomarcha 2022, Fixo a presentación do Informe “GNL: Ao caos climático pola vía líquida”, intervindo tamén, en nome do CCE, para salientar as irregularidades o perigo e o fraude de REGANOSA, o Coordinador Manuel Rodríguez Carballeira, o membro do mesmo Carlos Álvarez e a avogada Patricia Gabearas.

A Continuación tivo lugar un xantar de confraternización no Campo dos Carneiros.

Álbum Fotográfico (fotos de Lupe Ces e Fer OM) . Acceder/Baixar.

No actopresentou-se o Informe "GNL: AO CAOS CLIMÁTICO POLA VÍA LÍQUIDA . 10 razóns polas que o gas fósil licuado non é unha opción" | Acceder/Baixar.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
20 de julho de 2022 22:20

_______

martes, xullo 19, 2022

Lumes e emerxencia climática, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
19.07.2022


LUMES E EMERXENCIA CLIMÁTICA

'A necesidade de que triunfe a variedade sobre as máis intelixentes unificacións'.
Ramón Otero Pedrayo, 'Marx e a balalaika'.

Seceda, Riodolas, Prado Albar, Carballeda de Valdeorras, Candeda, Aldea de Vilar, Saa, Oímbra, Verín. Serra da Culebra, Gêrés, Serra da Enciña da Lastra...arden os topónimos ricaces, as vivendas, xoias do Patrimonio etnográfico, espello da nosa cultura ancestral, a montaña e a bocarribeira, as queirugas e as devesas, as rutas sendeiristas... e arriscan a vida os bombeiros forestais. En desaloxo, fuxe a veciñanza rural, os derradeiros habitantes que resistiron ao forzado éxodo rural. Dende a gadoupa desenrolista do ICONA franquista e as súas primeiras repovoacións de piñeiros, deica a mafia do monocultivo eucalital, o noso territorio, desposuído do comunal, entregado ás multinacionais pasteiras e ao saqueo mineiro e enerxético, esmorece a mans dun governo colonial.

Os intereses creados pola industria do lume arrasan o territorio e a conciencia veciñal. A alcaldesa do PP de Folgoso do Courel amósase impotente e disque nunca imaxinou unha situación así. Devería pedirlle contas ao seu partido que é responsabel desta abraiante política forestal presta a chantar eucalitos dende a Serra da Lastra e o Suído deica as fontes do Miño aló na belida Serra de Meira. Monocultivo de eucalito para as multinacionais pasteiras que acabaron con miles de empregos do mar en Pontevedra e converteron a súa ría nunha noxenta cloaca. Monocultivo pirófilo en todo o monte galego, aveirando vilas, campos e aldeas para facer da Galiza verde unha gadañenta ratoeira infernal.

Mentres as lapas converten en cinzas as aldeas e os parques naturais Impulsa Galicia, esa sociedade creada pola propia Xunta para fomentar proxectos que capten fondos europeos de reconstrucción, fai de celestina da multinacional portuguesa para instalar unha planta de biofibras na Finca Río Seco, entre Palas de Rei e Melide para producir celulosa. Desviarán 200 millóns de euros con cargo a fondos públicos a través dos fondos rexionais FEDER 2021-2027, que como o mesmo nome indica, feden que alcatrean.

Así que cando merquemos unha camiseta de Lyocell, esa fibra sostivel, pode que nin veña de asolaren de eucalitos as selvas da Amazonía ou o fogar dos derradeiros orangutangos das selvas de Borneo senón de relocalizar a produción cun Perte da rotunda economía circular, afeita xa a circular tambén polos territorios das colonias europeas do sul.

Algúns medios de comunicación de avangarda xa ousan falar de emerxencia climática agora que o cambio climático é unha evidencia desclasificada. Incluso son quen de tertuliar encol da relación entre vagas de calor abafantes e incendios incontrolados arrasando o planeta. (Agudas mentes do progreso!).

Mentres, e segundo unha ecoloxista, a veciñanza do Courel, pídelle á Xunta equipas de protección individual para facer de cada galego de nacencia, un brigadista. E ninguén descarta que ese poida ser o vindeiro plan de prevención de incendios do governo. Esperemos que para o 2027 o FEDER xa teña un convenio con Amazon para enviar extintores a pé de porta xunto cos ventiladores e o aire acondicionado. Maravillas do livre mercado. Anque para entón Beezos xa terá recreado as aldeas e carvalleiras galegas no espazo intersideral. Iso si, coa colaboura do conselleiro do Medio Rural, ao que non lle quitará o sono que a deslocalización extraterrestre do tecido empresarial da industria incendiaria (motobombas, avionetas…), e o seu custoso transporte esqueza a urxencia da descarbonización e o conseguinte aumento do GEI, eis, os gases de efecto invernadoiro, principais causantes da Emerxencia climática. Ao fin, a escusa do gas que non chega de Ucraína converteu a ilusoria transición enerxética nun conto de fadas para nenos.

Parece que Galiza concentra a meirande cantidade de topónimos de Europa porque a querencia da paisanaxe pola paisaxe era tan fabulosa en recuados tempos, antes do capitalismo global, o vencello coa terra dos devanceiros era tan rexa, que bautismavamos cada recuncho do noso territorio. Incluso levando eses nomes sagrados cos emigrados ás novas terras. Porque o nome humaniza e o territorio galego -a dicir do douto ensaísta da paisaxe, Otero Pedrayo- está ou estava fondamente cultivado. Como escreve Craig Patterson en "O devalar da idea". Otero Pedrayo e a identidade galega, a obra de Pedrayo e maiormente Devalar (decorrer ou devir da paisaxe como un proceso) condensa a relevancia cultural da paisaxe en Galiza. A proxeción do ser sobre a paisaxe e a natureza. A continuidade do tempo e da casa na tradición da vida común nunha terra enchoupada de vestixios das xeracións pasadas.

O monocultivo do lume é un coitelo cinsento no cerne do noso povo. Unha creba insalvable na identidade. A creba do espello territorial galego, un Soutelo sen castiros, unha Carballeda de abrótegas calcinadas, un Prado Albar sen espiños, sen aciñeiras unha Serra da Enciña.

Quando os lobos uivam na Serra de Milhafres e os terrenos baldios -que eran un ben comunitario de sustento-, foran expropiados durante o salazarismo portugués e luitados polos beirões como nos conta o grande escritor Aquilino Ribeiro. O noso povo luitava tambén entón daquela os montes comunais, magoa de seren nestora tantos, eucalitizados.

Mais há espranza nun povo que pariu ao grande Fontán, guieiro do grande Pedrayo. Un povo que publica teses doutorais como a de María López Sández, Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. Un povo galego enchido de contradicións entre a épica da gadaña e a lírica paralizante da saudade. Há espranza nesta vella terra aldraxada e sumisa ás vértoláns comenencias dos ventos do capitalismo global. Unha terra que fronte ao monocultivo incendiario da nefasta política agroforestal, é quen de ir artellando brigadas de deseucalitización.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
19 de julho de 2022 22:31

_______