Amosando publicacións coa etiqueta Mercedes Arancibia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mercedes Arancibia. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 26, 2011

Co noso diñeiro os bancos compran armas, apoian ditaduras, colócano en paraísos fiscais; compran hipotecas, seguros e outros produtos, que venden e revenden ata que nalgún lugar explota a burbulla

Este artigo foi publicado o 3 de Xullo do pasado ano 2010, máis pola súa actualidade e interese publica-mo-lo hoxe, pasados seis meses, en Ártabra 21.

Mercedes Arancibia [*]
26.01.2011

"Se a xente soubese o que os bancos fan co seu diñeiro -conta a historia que dixo un día, alá polos anos 20/30 do século pasado, o magnate do automóbil Henry Ford- ao día seguinte estalaría unha revolución". Agora a xente xa sabe -máis ou menos- o que os bancos fan co seu diñeiro (pero non son tempos de revolucións): compran armas, apoian ditaduras, colócano en paraísos fiscais; compran hipotecas, seguros e outros produtos, que venden e revenden ata que nalgún lugar explota a burbulla e pasa o que estamos vivindo; compran máis diñeiro para comprar máis diñeiro e comprar máis diñeiro ... ata converter a débeda xeral en algo monstruosamente perverso que de súpeto desaparece deixando no seu lugar un gran buraco negro de nada polo que se evaporaron os aforros de moitas vidas, os negocios de moitos pequenos empresarios e o futuro de moitos países.

Agora que a xente sabe o que os bancos fixeron co seu diñeiro quizá sexa o momento de abandonar esta resignación que aniquila e empezar a pensar noutras formas de xestión económica.

Cun minuto de silencio en memoria de José Saramago, Premio Nobel de Literatura e Membro de Honra da Asociación de Amigos da Revista Triunfo recentemente falecido, comezou onte a mesa redonda "Unha banca pública para saír da crise" no salón de actos da Asociación da Prensa de Madrid.

Ás veces as circunstancias non son propicias e fan coincidir un venres de xullo de calor sufocante coa enfermidade de dous dos relatores anunciados. Aínda así, quen decidiran asistir e ao final optaron por deixalo pasar perdéronse as interesantes reflexións ao redor da crise actual, as súas causas e as consecuencias -ocorridas e aínda por chegar- que fixeron os profesores Juan Torres López (catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Sevilla e membro do consello científico de Attac) e Laureano López Araujo (profesor invitado da Universidade Carlos III de Madrid e antigo colaborador de Triunfo).

En perfecta sintonía cunha audiencia que, no coloquio final, achegaría as súas propias experiencias, o profesor Torres arrincou asegurando que "estamos vivindo unha estafa sen igual ... O que fan os gobernos non é facer fronte á crise senón aproveitala para sacar adiante proxectos que tiñan de antes", aludindo directamente ás fusións, compras e outras operacións entre caixas de aforro, das últimas semanas. E así nos decatamos de que "a crise" (esta, a nosa, a que estamos padecendo agora mesmo) non é máis que a última, e de momento a peor, das 130 crises que contabilizan os estatísticos desde 1970; e de que as perspectivas non son nada boas: "A próxima, a que xa se está xestando, será peor".

Laureano Lázaro Araujo foi aínda máis lonxe cualificando ás entidades que están na orixe da crise de "terrorismo financeiro internacional, con nomes, apelidos e domicilio, que conseguiu pór de xeonllos aos gobernos" de máis de medio mundo.

Resumindo: que ambos os relatores coinciden en que as medidas recomendadas polo FMI e a UE para saír da situación o único que van facer é ampliar o ciclo, devolver a Alemaña a hexemonía que tivo en Europa desde a creación inicial do Mercado Común, e dificultar outras posibles saídas. E en que, dado que o sector privado, ocupado como sempre en converter o diñeiro en máis diñeiro, non garante o funcionamento da economía dos países, a solución debería vir da man dunha banca pública. Precisando aínda máis, dunha Confederación de novos (con moito énfases no de novos) bancos públicos articulados ao redor das actuais Caixas de Aforros, cuxo resultado fóra "unha banca ética e solidaria, unha banca que non roube, que funcione con criterio de servizo público e coloque o diñeiro onde se necesita en lugar de dedicalo a xerar máis débeda".

Unha tese que Attac defende desde a súa creación e que agora fixo súa Esquerda Unida presentando no Congreso dos Deputados un proxecto para a creación dunha Banca Pública e pondo en marcha unha campaña de recollida de firmas en apoio da iniciativa.

[*] Mercedes Arancibia, xornalista.