Amosando publicacións coa etiqueta Nelson Mandela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nelson Mandela. Amosar todas as publicacións

venres, decembro 13, 2013

Mandela e Rajoy, ... Por Pablo Vaamonde


Por Pablo Vaamonde  [*]
13.12.2013


Xa era de noite o día cinco de decembro cando o presidente de Sudáfrica, Jacob Zuma, comunicou a morte de Nelson Mandela:  “A nosa nación perdeu au seu fillo máis grande”, afirmou. O home que derrotou ao racismo chegou aos 95 anos dunha vida plena e difícil marcada pola súa perseverancia  heroica na loita contra do apartheid. En 1962 foi condenado a cadea perpétua pola súa actividade política. Pasou 27 longos anos no cárcere, que lle serviron para encauzar o seu enorme talento político e para marcar obxectivos realistas para a súa loita. “Entró lleno de furia y salió sabio”, escribeu John Carlin (autor dun libro sobre Mandela no que se basea a película Invictus). Home íntegro, coherente e magnánimo (segundo Desmond Tutu), adicou a vida enteira a traballar pola concordia, a paz e a igualdade. En 1993 concedéronlle o Premio Nobel da Paz. O avance de Sudáfrica na convivencia entre as razas foi impresionante, ainda que teñen unha asignatura pendente: a reducción da brecha entre ricos e pobres, que sigue a ser moi grande.

O mundo enteiro sinala a Mandela como unha das figuras clave do século XX e como un símbolo da capacidade dos pobos para superar o odio e a confrontación.  Hoxe todos lamentan a morte de Madiba (avó). Persoalidades de todo o mundo acudiron ao festivo acto de despedida que se celebrou no estadio de Johanesburgo o pasado día dez. Alguns dos dirixentes políticos presentes, que eloxian a figura e a traxectoria de Mandela, non terían dúbidas en metelo no cárcere se tivese desenvolvido a súa loita no territorio que eles gobernan. Tamén en España diversos representantes do PP fixeron unha loanza pública da súa loita polos dereitos humanos e a liberdade.  Son os mesmos que veñen de aprobar unha lei de seguridade cidadá que limita a liberdade de expresión, faculta ao executivo para impoñer sancións económicas severas, e que poderá ser utilizada como medida preventiva para disuadir do uso pacífico dos dereitos de reunión e manifestación. Son os mesmos que manteñen as chamadas concertinas nas vallas de Ceuta e Melilla (elementos de disuasión pasiva”, segundo o ministro) que poden provocar lesións graves aos inmigrantes africanos –que fuxen da fame e do terror e farán todo o posible por chegar a Europa-.

Representando a España nese acto estivo Mariano Rajoy. Puxo de manifesto  a súa talla de estadista coas palabras pronunciadas camiño do funeral: “Es un momento muy bonito y emocionante, porque es el estadio en el que España ganó el Mundial”. Tamén fixo unha loanza de Mandela pola súa loita pola igualdade. Era o que requería o momento. Mais ún ten a impresión de que a ideoloxía e a traxectoria pública de Rajoy son totalmente contrarias ás do líder homenaxeado.  Mandela arriscou a súa vida por un noble ideal; Rajoy fixo unha carreira política confortable e estivo sempre na beira dos poderosos. Madiva soubo tender a man e construír pontes para favorecer a convivencia pacífica do seu pobo; Mariano levanta vallas e promove leis que provocan a exclusión social (ademáis, non se lle coñecen actividades delictivas pero tivo certa predilección, no seu traxecto político, por rodearse de presuntos delincuentes aos que adicou encendidos eloxios: Fabra, Matas, Bárcenas, Camps...).

Cómpre lembrar que Rajoy, cando era un mozo que se  iniciaba na política, afirmou por escrito que “la igualdad social es imposible” e expresou a súa convicción de que “los hijos de buena estirpe superan a los demás” e que “la desigualdad natural del hombre viene escrita en el código genético”.  Esa crenza na desigualdade dos seres humanos é a que inspira a súa actuación política. Nos dous longos anos que leva como presidente do goberno aplicou o seu ideario de xeito  taxativo. As políticas impostas desde o poder provocaron unha crecente desigualdade social, unha progresiva laminación da clase media, a desmontaxe desde dentro do Estado de benestar e un alarmente crecemento da pobreza: máis de doce millóns de persoas viven en España en situación de pobreza e exclusión social. E agora aplicarán a lei de seguridade cidadá para que ninguen proteste e cadaquén soporte o seu destino.

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde Garcia, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 12.12.2013.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
12 de dezembro de 2013 23:50
http://espazoartabro.blogspot.com/

______________