Amosando publicacións coa etiqueta RISGA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta RISGA. Amosar todas as publicacións

sábado, xaneiro 15, 2022

U-los cartos das axudas sociais que non se gastaron? - Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema


Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema. Mellor dito, a ausencia deles é a nosa enleada. Por iso alporiza escoitar o barullo constante de gobernantes que con diferentes gravatas contan trolas semellantes en cuestión de políticas sociais.

Nalgún intre saberemos onde mete a Xunta os millóns de euros que está a aforrar en RISGA desde a saída do Ingreso Mínimo Vital, mais hoxe preguntámonos onde van os cartos que o concello de Vigo deixa sen gastar en axudas sociais.

Hoxe recibimos un email do departamento de Política de Benestar Social do concello de Vigo coas bases reguladoras do programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2022. Segundo recolle o documento a finalidade desta axudas é “a de apoiar a aquelas persoas e familias que carecen de recursos económicos suficientes para afrontar unha determinada situación de emerxencia social relacionada coa súa vivenda, coa alimentación básica das persoas integrantes da unidade familiar/de convivencia e outras situacións debidamente acreditadas de necesidade que, de non ser atendidas, poderían derivar en marxinalidade ou exclusión social”. Con esta partida os servizos sociais municipais, por medio das Unidades de Traballo Social (UTS), do concello apoian a persoas/familias con euros para vivenda, alimentos, facturas...

O 17 de decembro de 2020 o alcalde da cidade anunciaba en rolda de prensa a aprobación das axudas de emerxencia, tal e como podemos ler na web do concello1 as axudas “non teñen límite orzamentario e xa parten de inicio dunha cantidade de 1.125.000 €, 200.000 euros máis que o ano pasado”. Retomando a lectura do documento recibido hoxe atopamos que “concedéronse con cargo a este Programa axudas por un importe total de 802.003,19 € (datos a 02/12/2021)”.

Entón, preguntamos: u-los máis de 300.000€ que ficaron sen gastar? Por que non se chegou nin a contía inicial?

Hai un par de semanas volvemos a escoitar o mesmo conto: “O Concello incrementa as contías das axudas de emerxencia, que non terán límite orzamentario” [2]. Incrementan en 50.000€ o importe inicial para 2022 e Caballero volve a sinalar que non haberá límite orzamentario.

Gustaríanos saber onde está o truco. Onde están estes cartos e/ou en que se van empregar? Tampouco temos aclaracións -igual nolas deron, mais xa sabedes que as empobrecidas non somos moi espabiladas así nos vai- de onde foron os cartos do coñecido como “cheque social” tal e como preguntabamos hai uns meses en: “As 'fake news' de Caballero sobre os orzamentos en Políticas Sociais” [3].

Coñecemos que o orzamento da cidade para 2022 vai ascender a 285,5 millóns de euros, dos cales 56 millóns son para “partidas de Bienestar y Servicios Sociales”. Repetimos -algúns din que facemos demagoxia- que a maior parte deses cartos van aos petos de empresas trasnacionais e fondos de investimento que fan negocio coas nosas necesidades. Así chamamos a que servizos municipais como “Axuda no fogar” ou o “Programa de Intervención Familiar” os xestionen -legalmente- unha empresa do grupo DomusVi e Clece. Non é teima só nosa, a plataforma SAF Galiza, na que se organizan traballadoras da axuda no fogar, veñen denunciando nas rúas as consecuencias de deixar en mans do mercado necesidades básicas.

Se queren falar do complexo que é dar respostas aos problemas sociais desde unha administración, falamos. Somos conscientes dos atrancos de malvivirmos neste sistema, por iso enchennos de carraxe as súas loiadas e máis cando levamos toda a vida estirando os escasos cartos que entran. Urxe crear xa alternativas, en lóxica de dereitos, fóra ou nas marxes do mercado para dar respostas a necesidades básicas.

Coia, xaneiro 2022
ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2022 10:00

_______

sábado, outubro 09, 2021

Ante as reclamacións da Xunta de pagamentos indebidos da RISGA (simultáneo co IMV), alentamos a todas aquelas que recibiron notificacións que presenten recurso - Modelo


Recorre ante as reclamacións da Xunta de pagamentos indebidos da RISGA

A pandemia orixinada pola COVID-19 deteriorou, aínda máis, as condicións de vida de moitas persoas que xa andabamos nas periferias. En xuño de 2020, con gran rebumbio, o goberno de España aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Unha medida anunciada con gran balbordo, mais camiño do ano e medio de andaina a pobreza segue marcando con crueza a vida cotiá de cada día máis xente. Contías miserentas, demoras, resolucións incomprensibles, denegacións, restricións... fixeron que esta nova faragulla engadira novos sufrimentos para aquelas que trataban de apañar uns poucos euros con esta prestación.

Na Galiza a RISGA é incompatible coa percepción do IMV. Moitas "risgueiras" que solicitaron o IMV e que o cobraron retroactivamente tras meses de agarda alucinaron ao recibiren notificacións nas que a Xunta reclamáballe a devolución de miles de euros cobrados -indebidamente- pola RISGA. Segundo apunta o xornal Praza agora a Xunta de Galicia "vén de lanzar a reforma, pero nun proceso moi inicial: unha consulta pública aberta dende este 30 de setembro e ata o 14 de outubro no que bosquexa cales son as intencións da modificación. En esencia, adaptar a Risga ao IMV sen explicitar se contempla ou non facer compatibles ambas prestacións".

Nada agardamos da Xunta que leva décadas tratando de maquillar a realidade con políticas sociais miserentas. Por iso alentamos a todas aquelas que recibiron notificacións nas que a consellería reclama cobros indebidos que presenten o seguinte recurso. Na ODS-Coia levamos anos reclamando a posta en marcha de medidas transformadoras como a Renda Básica das iguais. Entendemos que xa é intre de superar faragullas e garantir o dereito a unha vida digna para todas.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Modelo de Recurso. | Acceder/Baixar.


Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Todos os luns (Menos festivos), vemo-nos en Caranza, pola tarde entre as 5 e as 7 da tarde, no local da Asociación Fuco Buxán (Local Social Tino Deibe, Rúa Armada Española, 32 Baixo). Estamos xente de Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra. se queres participar achega-te! - No caso de Urxencia chama ao 645158113


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
9 de outubro de 2021 10:01

_______

mércores, xuño 23, 2021

O Círculo Podemos Ferrol vén de rexistrar unha moción para instar á Xunta de Galicia a facer compatible a RISGA e o Ingreso Mínimo Vital e que paralice así a reclamación da devolución desta axuda a dúas mil familias no país que durante as últimas semanas recibiron as cartas para o reintegro da mesma

O Círculo Podemos Ferrol insta á Xunta de Galicia a compatibilizar a RISGA co Ingreso Mínimo Vital

Xosé Iglesias, voceiro de Podemos Ferrol:  “A Xunta tivo un ano para facer compatible a RISGA co Ingreso Mínimo Vital e agora a súa incompetencia pon en risco a dúas mil familias vulnerables en Galicia”.

O Círculo Podemos Ferrol vén de rexistrar unha moción para instar á Xunta de Galicia a facer compatible a RISGA e o Ingreso Mínimo Vital e que paralice así a reclamación da devolución desta axuda a dúas mil familias no país que durante as últimas semanas recibiron as cartas para o reintegro da mesma.
 
O primeiro que sinala a voceira/o de Podemos Ferrol, Xosé Iglesias, é que “a Xunta tivo un ano para facer compatible a RISGA co Ingreso Mínimo Vital e agora a súa incompetencia pon en risco a dúas mil familias vulnerables en Galicia”, e continúa dicindo que respecto a este tema “Feijóo preferiu confrontar co Goberno Central que garantir que as familias galegas que o precisen puideran percibir as dúas rendas, algo que si fixeron en comunidades como Pais Vasco, Aragón, Canarias ou Navarra”.

Podemos pide o acordo da corporación de Ferrol, porque considera que a reclamación da Xunta pon en risco extremo a economía xa precaria destas familias que, nalgúns casos, terán que recorrer ao propio Concello. Sinalan ademais que “se non poden integrar os cartos reclamados, perderán o acceso a outras axudas, como poden ser as relativas aos gastos de comedores escolares ou contra os desafiuzamentos”.

Xosé Iglesias recorda que a formación que encabeza aposta pola creación dunha “renda social municipal” como unha ferramenta fundamental para a protección das familias en situación de vulnerabilidade no Concello de Ferrol.
 
Moción modificación decreto 14/2019, de desenvolvemento da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia para compatibilizar o cobro da Risga co IMV. | Acceder/Baixar.

Ferrol, 18 de xuño, de 2021
 
Comunicación
Podemos Ferrol
ferrol@circulospodemos.info

Enviado por:
Podemos Ferrol
-ferrol@circulospodemos.info-
18 de junho de 2021 12:09

_______

mércores, marzo 25, 2020

O Concello pide á Xunta que axilice o cobro da Risga e active as solicitudes que se atopan suspendidas - Nunha situación excepcional son necesarias medidas excepcionais


A concelleira Eva Martínez vén de enviar un escrito ao goberno autonómico no que alerta de que as consecuencias da crise do Covid-19 están sendo “terribles” tamén a nivel social. | O Concello pide á Xunta que axilice o cobro da Risga e active as solicitudes que se atopan suspendidas.

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, vén de solicitar á consellería de Política Social da Xunta, tanto á conselleira como ao director xeral de inclusión social, a resolución urxente da Risga (Renda de Integración Social de Galicia) e a renovación durante ao menos seis meses de aqueles expedientes que foron suspendidos.

No escrito enviado ao goberno autonómico, a edil explica que o motivo da solicitude é que desde que estallou a crise do Covid-19 a concellería de Benestar Social do Concello está recibindo novas necesidades dos cidadáns. A concelleira argumenta que ás familias que vivían nunha situación de vulnerabilidade e de exclusión social xa rexistradas como usuarias dos servizos sociais municipais engádense agora novos casos de persoas e mesmo familias enteiras que, debido ao parón provocado pola declaración de estado de alarma o pasado 14 de marzo, engrosan dun xeito notable o número de usuarios dos servizos sociais dos concellos. Máis aínda nunha cidade como Ferrol, “na que as situacións de vulnerabilidade tanto polo elevado número de desempregados como polo notable envellecemento da súa poboación son abundantes”. A crise sanitaria, insistiu, “está tendo unhas consecuencias terribles non só no eido da saúde, senón tamén no social”.

Eva Martínez explicou que o seu departamento está a verse “desbordado” polo incremento de peticións de novas familias e solicita á Xunta que considere facer este esforzo para paliar as novas necesidades que se están a xerar durante, ao menos, seis meses porque “unha vez conclúa o estado de alarma será necesario un período para que as persoas podan volver a súa actividade”. Deste xeito, e coa axuda tamén dos servizos sociais do Concello, “poderemos atender e chegar a máis familias e, sobre todo, poderemos garantir o futuro e a inserción sociolaboral de moitas persoas unha vez que volvamos á normalidade”.

Medias excepcionais

A concelleira puntualizou que “nunha situación excepcional son necesarias medidas excepcionais”, e destacou o importante esforzo que están a realizar tanto os servicios sociais do Concello como da Xunta. “As administracións estamos a traballar conxuntamente”, dixo, co obxectivo de acompañar ás familias máis necesitadas en circunstancias tan complicadas coma as destes días.

Fonte: Web Oficial do Concello de Ferrol. | 23 de marzo de 2020
_______

mércores, xuño 12, 2019

Dentro da campaña galega 'Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito', presentan en Vigo o libro 'Se non houbera privilexios, non habería miseria' - Será o venres 14 de xuño a partires das 20:30hs no centro social 'A Revolta do Berbés' (rúa Real 12)


Presentación do libro: "Si no hubiera privilegios, no habría miserias"


Dentro da campaña galega "Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito" organizamos a presentación do libro: "Si no hubiera privilegios, no habría miserias". Será o venres 14 de xuño a partires das 20:30 no centro social "A Revolta do Berbés" (rúa Real 12, Vigo) e no acto contaremos con Manolo S. Bayona un dos coordinadores do libro e membro de Baladre (Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social).

O libro, do que haberá exemplares á venta por 13€, recolle o traballo e reflexións da primeira edición da Escola de Acción Social Crítica e Transformadora celebrada hai un ano en Zaragoza. Este material trata de ser unha ferramenta para, desde a denuncia das funcións de regulamento e control que o poder atribue á Acción Social e en concreto ao Traballo Social, situarnos, ante a necesidade de construír mediante o troco de experiencias novos saberes e coñecementos que poidan resultar útiles para a construción de novas formas de practicar a emancipación social e transitar cara outras formas de vivir en sociedades máis xustas, libres e igualitarias.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
12 de junho de 2019 10:04

_____________

xoves, decembro 13, 2018

Campaña: Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito - Dereito cidadá e non subsidio condicionado - Recurso fronte a situación de empobrecemento - Prestación suficiente e digna


"Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito" inicia a súa andaina


Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, e ante a vindeira aprobación definitiva pola Xunta de Galicia do decreto da RISGA, organizacións sociais e políticas de Galicia convocamos roldas de prensa informativas simultáneas en tres cidades para presentar a campaña "Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito". Compostela, A Coruña e Vigo foron os puntos onde celebramos roldas de prensa simultáneas diante das dependencias da Xunta de Galicia.

Logo de presentar a campaña fíxose un reparto de folletos informativos á cidadanía nas rúas destas tres cidades, como primeira das actividades que se prolongaran nos vindeiros meses:
  • Campaña de difusión nas Redes Sociais: a cal incorporará unha temática, das catro xerais do folleto, de difusión mensual.
  • Contactos cos concellos das principais cidades de Galicia: para difundir cartaz e folletos da campaña nos centros de Servizos Sociais e para achegar a campaña directamente a profesionais e persoas afectadas.
  • Charlas informativas abertas á cidadanía nas principais cidades: con participación dunha profesional cualificada dos Servizos Sociais, dunha persoa perceptora ou ex/perceptora da RISGA para contar a súa experiencia e dunha persoa da campaña. Coincidindo con esta actividade prevista para o mes de xaneiro, haberá novas difusións de folletos informativos a cidadanía.
  • A previsión da aprobación definitiva do Decreto da RISGA por parte da Xunta da Galicia entre finais do presente ano 2018 e comezos do 2019, determinará as vindeiras actividades da campaña, que continuará ante a clara insuficiencia da última proposta presentada pola administración autonómica, que entendemos será a definitiva, tendo en conta ademais que a Xunta negouse a debater a mesma con este amplo grupo de organizacións sociais e políticas.
  • A campaña pretende presentar ao conxunto da sociedade a necesidade de converter a RISGA, no vixente contexto de crecemento da desigualdade e a inxustiza, nun verdareiro dereito para o conxunto da cidadanía, incidindo na defensa dun modelo de RISGA cando menos como:
  1. Dereito cidadá e non subsidio condicionado. Fronte ás políticas de recortes e privatización dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, vivenda, pensións…) reclamamos a protección dos servizos sociais como garantes da igualdade social nunha sociedade que segue a xerar desigualdades e sistemas de emprobrecemento xeneralizados. Reclamamos o noso dereito como cidadanía a un sistema de protección social galego inclusivo, garantista e que serva para xerar as estruturas básicas da igualdade social.
  2. Recurso fronte a situación de empobrecemento. A falta de recursos económicos derivada do desigual acceso á riqueza está a converternos nunha sociedade estruturalmente empobrecida onde a pobreza é condición na vida da meirande parte da poboación que nos encontramos sumidas en situacións de empobrecemento enerxético, laboral, de acceso á vivenda... Defendemos un sistema de protección social que atenda ás circunstancias de necesidade económica e empobrecemento da poboación de forma garantista e sen condicións subxectivas.
  3. Prestación suficiente e digna. Propoñemos a consideración de empobrecemento segundo a referencia do salario mínimo interprofesional fronte a valoración actual do IPREM de contía moi insuficiente para a satisfacción das necesidades básicas. Entendemos que non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna cunha prestación actual de RISGA que non supón máis que o 75% do IPREM (403,38 euros/mensuais).
  • Modelo de tramitación accesible e eficaz. Defendemos un modelo de RISGA eficiente e áxil, sen burocratizacións innecesarias, co obxecto de que cumpra o seu cometido na maior brevidade posible ás necesidades económicas de emerxencia non se poden paliar con tempos de tramitación que exceden os catro e seis meses.
Organizacións asinantes do acordo colectivo de esixencia de garantías básicas no relativo ao proxecto de desenvolvemento da LEI 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión: Foro Galego de Inmigración, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Asociación ONG Viraventos, Proserso, SOS Racismo, Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), Asociación Boa Vida, Asociación Plataforma Polo Emprego, Baladre (Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social), Colectivo de Renda Básica Universal de Compostela, Coordenadora de Crentes Galegos, Esquerda Unida, BNG, Compostela Aberta, En Marea, PsdG-PSOE e CUT.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
10 de dezembro de 2018 12:50

__________

xoves, xuño 28, 2018

Os Tribunais volven a condenar á Xunta pola pésima xestión da Risga - Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta


Unha moi interesante nova, envian-nos as compañeiras e compañeiros de ODS de Coia (Vigo) en referencia a unha nova sentenza, logo de gañar (En 23 de novembro de 2016) contra a Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia no Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo, unha moi importante sentenza onde lle daba a razón á persoa afectada (Lucia) por está negar-lle o Risga, por estar vivindo na mesma vivenda onde outra persoa cobraba a mesma renda de inxerción social. Despois de condenada a Consellaría de Política Social, Lucia "reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais...". De novo unha sentenza da-lle a razón...

Hai pouco máis dun ano contábamos como Lucía, unha rapaza da nosa cidade, viña de gañar unha batalla persoal e xudicial coa Xunta [1].

Lucía recorreu no Xulgado a resolución da Xunta que a obrigaba á mudarse de domicilio por estar convivindo con outra perceptora da RISGA, baixo ameaza de retirarlle a prestación. Lucía levou dita decisión á vía xudicial e o Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, deulle a razón e ditou sentenza anulando dita resolución por ser contraria a dereito.

Así a sentenza deixaba claro que a Xunta non pode prohibir a percepción de máis dunha RISGA por domicilio e literalmente sinalaba: “Sería INVEROSÍMIL que dúas persoas que perciben sendas prestacións para eludir a sua exclusión social tiveran que excluírse mutuamente, para non incorrer en esaxerada inclusión”.

Ante dita resolución xudicial, Lucia reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais.

Novamente, o Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo volveu a darlle a razón a Lucía e ditou a sentenza nº 153/2.018 de 20 de xuño pola que se declara a responsabilidade da Consellería de Política Social e a condena a responder polo sufrimento e prexuízos causados á compañeira, por medio do aboamento dunha indemnización económica á mesma.

Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta. Como a todas nós, Lucía estaba farta das políticas miserentas desta Consellería, incapaz de solucionar os problemas das persoas, e que lonxe de garantir unha vida digna para todas, afonda na exclusión e no empobrecemento.

Non podemos seguir soportando estas situacións. Compre dicir basta. Compre unha solución íntegra e digna para as persoas. Compre a Renda Básica das Iguais e moitísimo máis, xa!

Coia, xuño 2018

Documentación.

Sentenza 000153/2018 do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo  nº1 do 20 de xuño de 2018. | Acceder/Baixar.

[1] Un xuíz recoñece que nun mesmo domicilio poden convivir varias perceptoras de RISGA. | Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, na sentenza nº 389 de 23/11/2016. | Por ods de coia on Mar, 31.01.2017. | Ir á Web.

OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
______________

domingo, xaneiro 21, 2018

O Foro Galego de Inmigración, reunido esta fin de semana en Ferrol, entre outras resolucións, acordou promover un Encontro Aberto dos movementos sociais para artellar unha acción conxunta que formule as modificacións precisas do anteproxecto que desenvolve e regula a Lei de Inclusión Social que integra a Risga, para que entre outras cousas, esta contemple o acceso á mesma das persoas en situación de irregularidade administrativa


O Foro Galego de Inmigración, reunido esta fin de semana en Ferrol, entre outras resolucións, acordou promover un Encontro Aberto dos movementos sociais para artellar unha acción conxunta que formule as modificacións precisas do anteproxecto que desenvolve e regula a Lei de Inclusión Social que integra a Risga, para que entre outras cousas, esta contemple o acceso á mesma das persoas en situación de irregularidade administrativa. Este anteproxecto recibiu alegacións dentro do prazo que rematou o pasado venres 19 de xaneiro. Temos que destacar que esta é unha Lei que foi aprobada en 27 de novembro de 2013 e que se previa o seu desenvolvemento en seis meses unha vez aprobada(Estamos en xaneiro de 2018). A súa falta de desenvolvemento e regulamentación provocou unha situación de arbitrariedade á hora de conceder as axudas, estado de cousas que vai seguir, pois a súa aprobación definitiva está previsto que sexa para despois do verán. Esta desidia institucional do goberno da Xunta e en particular da Consellaría de Política Social, está provocando indefensión e inxustiza sobre o sector da poboación máis vulnerábel. Consellaría da que é responsábel José Manuel Rey Varela, o mesmo que di que o pobo de Ferrol clama por el, para que volva de Alcalde, despois de perder case 3.500 votos nas últimas eleccións municipais, despois da súa nefasta política municipal e querer enganar-nos cun falso saneamento.

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

CAMPAÑA POLO DECRETO DA RISGA QUE EXCLÚE ÁS PERSOAS MIGRANTES EN SITUACIÓN DE IRREGULARIDADE ADMINISTRATIVA DESTA PRESTACIÓN BÁSICA

Na xuntanza asemblearia do Foro Galego de Inmigración celebrada este sábado día 19 de Xaneiro en Ferrol (no Ateneo desa cidade), as persoas en representación das asociacións e entidades do Foro procedentes de diferentes lugares de Galicia.

ACORDAMOS:

Promover unha Campaña, cun Encontro Aberto con outras entidades sociais, colectivos e movementos sociais interesados nesta cuestión, para artellar unha Declaración Conxunta que recolla as principais modificacións que serían imprescindibles para facer minimamente asumible este Decreto, entre ás que naturalmente propoñeremos o acceso a esta prestación para o colectivo de persoas en situación de irregularidade administrativa. Ademáis incluiremos outras propostas que se acorden no marco dese Encontro Aberto no que convidaremos a entidades sociais significativas, redes e movementos sociais, colexios profesionais implicados e outros grupos e persoas interesadas.

Despois de presentar alegacións formais o Decreto e unha vez rematado ese prazo, antes da aprobación definitiva no mesmo queremos facer un chamamento ás entidades e movementos e a cidadanía en xeral para tentar evitar unha inaceptable discriminación dun colectivo e facer posible tamén para toda a cidadanía un dereito social, a través dunha renda mínima decente.

--
Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
En Ferrolterra podes atopar-nos no Facebook.

Foro Galego de Inmigración
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com

Enviado por:
Foro Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
21 de janeiro de 2018 17:1

_________________

Documentación:
PROXECTO  DE  DECRETO  DE DESENVOLVEMENTO DA LEI 10/2013, DO 27 DE NOVEMBRO, DE INCLUSIÓN SOCIAL DE GALICIA, NO RELATIVO Á TRAMITACIÓN DA RENDA  DE  INCLUSIÓN SOCIAL DE GALICIA  E  DAS AXUDAS DE INCLUSIÓN SOCIAL. | 151 páxinas en formato pdf | Acceder/Baixar.

Relacionadas:

* O Foro Galego de Inmigración, reune-se en Ferrol esta fin de semana - Sábado 20 de xaneiro ás 11 da mañá no Ateneo Ferrolán - Como se ten acordado con antelación de rotar polas diferentes comarcas da Galiza, comeza-se o ano facendo a súa xuntanza de coordinación galega en Ferrolterra. | Ir á Web.

* Campaña de alegacións colectivas ao decreto da RISGA - Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade - Modelos Alegacións. | Ir á Web.

Modelo Alegacións presentadas:

modelo_alegacion_decreto_RISGA.odt_____________

sábado, xaneiro 13, 2018

Campaña de alegacións colectivas ao decreto da RISGA - Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade - Modelos Alegacións


A finais de ano a Xunta penduraba o borrador do decreto que desenvolve a lei da RISGA. Xunto á publicación deste documento abren un período para presentar alegacións que finaliza o 19/01/2018.

Dende a ODS-Coia elaboramosuse unha proposta de alegacións, que animamos a presentar nos rexistros da Xunta antes do 19 de xaneiro a todas aquelas persoas comprometidas coa xustiza social (só tes que encher os teus datos e asinar).

Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade. Fronte a isto propoñemos un novo dereito: a Renda Básica das iguais que garanta, xunto a outras medidas, unha vida digna para todas as persoas. Na transición cara ese novo dereito propoñemos unha serie de medidas de urxencia que detallamos nos seguintes puntos:
  • Contía digna: ninguén cobrando menos de 890 €/mes por persoa (metade da renda per cápita da Galiza, dividida entre todas as persoas residentes no país). Así como a eliminación do IPREM que leva 6 anos conxelado.
  • Dereito para aquelas que residan na Galiza, con independencia do seu pasaporte e situación administrativa.
  • Brevidade e simplicidade na tramitación: as resolución as fai a Xunta, sen pasar polos servizos comunitarios dos concellos, e ten que estar resolta nun prazo máximo dun mes dende a solicitude.
  • Compatibilidade con axudas e prestacións (PNC, Axuda familiar, RAI...) de contía inferior mentres non desaparezan.
Botade-nos unha man enchendo a alegación que podedes descargar. Formato pdf. | Acceder/Baixar.

As podedes enviar de varias formas:

1- Enchendo o formulario na web da Xunta onde está subido o borrador. | Acceder/Baixar.

2- Meténdo-a a través do rexistro da Xunta.

3- Achegándo-a ao noso mail (odscoia@riseup.net) e dende aí as enviamos nós.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2018 22:13

____________________________

martes, xuño 02, 2015

A Xunta pretende agochar a miseria da RISGA con contratos precarios


A Xunta pretende agochar a miseria da RISGA con contratos precarios

A Xunta nola quere xogar coa RISGA. Van de preocupadas pola inclusión social anunciando novas medidas, pero o único que fan e engordar o número de persoas que sofren o empobrecemento e a precariedade. Anunciaron hai unhas semanas 1.000 contratos para perceptoras da RISGA. Igual que o ano pasado, e con cartos chegados de Europa, a Xunta subvenciona cunha dotación de 10.000.000 de euros, as nóminas e as cotizacións á Seguridades Social para que os concellos contraten a persoas que estean a cobrar a RISGA.

Ofrecen, como o pasado ano, empregos de 7 meses de duración e do 75% da xornada laboral, para cobrar ao redor de 600 €. Os postos a cubrir son peón/a de xardinaría, peón/a de obra pública, condutor/a, etc., sendo o requisito da orde que sexan postos vinculados a obras e servizos de interese xeral e de utilidade social.

A intencionalidade do goberno autonómico non muda con respecto á convocatoria do ano ano anterior, que é, eliminar o maior número de persoas que cobran a RISGA. Número que a finais do ano pasado xa superaba as 10.000 persoas no noso país.

E despois de sete meses de contrato precario que? A única renda á que se pode acceder é un subsidio de 213 € xestionado desde o servizo público de emprego. Cantidade claramente insuficiente para cubrir as necesidades básicas. Obrigando as persoas a solicitude de axudas de emerxencia social, que son escasas e limitadas. E a comezar de novo o tortuoso camiño de solicitude da RISGA: con numerosas citas nos servizos sociais, control e visitas o domicilio, entrega de abundante documentación e a espera de máis de dez meses da resolución.

Esta medida de emprego temporal e precario, é a solución da Xunta para mellorar as condicións de vida daquelas que encarnamos as cifras das estatísticas:
  • Dous de cada tres desempregadas, unhas 185.000 persoas, non perciben ningún tipo de prestación.
  • 95.000 fogares teñen todos os seus membros no paro, dos cales 18.000 viven en grave situación de pobreza.
  • Un cuarto da sociedade galega vive na exclusión social.
  • Tres de cada dez perceptores da Risga teñen cronificado a súa situación.[*]
A fenda da pobreza agrávase no noso país, a situación de precariedade e exclusión social aumenta sen freo para moitas galegas e galegos. Non cansamos de repetir que a RISGA non é un instrumento eficaz que garanta a inclusión social nin unhas condicións de vida dignas, plenas e en liberdade. Fronte á centralidade do emprego, nós falamos da centralidade da vida: Renda Básica das iguais e moitísimo máis!

Xuño, 2015

ODS-Coia

[*] Datos de Sermos Galiza.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
2 de junho de 2015 08:26

___________________

domingo, abril 26, 2015

A RISGA: a Xunta condénanos á miseria e á precariedade


Seguen os problemas da RISGA. Polo momento o decreto que ten que desenvolver a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia segue na neveira, mais ben no conxelador. Na consellería falaban de mediados de 2015 como posible data de publicación do mesmo. Polo momento non hai novas, e os tempos fixados na lei están amplamente superados.

Non é que pensemos que o decreto vaia a mellorar a situación actual. Sabemos que consolidará a restritividade na aplicación que sufrimos, porén a aprobación do mesmo pode ser unha oportunidade -se somos quen de xuntar forzas e loitas- para rematar coa indefensión que provoca non ter un marco legal claro e definido.

Mentres agardamos polo decreto, as delegacións provinciais van, paseniño, actualizando os expedientes á normativa vixente aproveitando as revisións anuais dos mesmos. A nova lei mantén moitos dos problemas antigos engadindo, a maiores, novas e máis duras restricións. Facemos unha pequena enumeración dos, vellos e novos, atrancos:
  • Un ano de espera pola RISGA. Na delegación de Vigo están a resolver solicitudes presentadas en decembro de 2014. Os atrasos na Xunta, engadidos á demora na tramitación por parte dos servizos sociais do Concello de Vigo fan que teñamos que agardar máis de un 1 ano para poder cobrar á RISGA. Tanto Xunta como Concello de Vigo están a incumprir os prazos máximos de resolución marcados por lei, que non poden exceder os 3 meses dende o momento da solicitude.
  • Como xa denunciamos varios colectivos, a nova lei deixa fóra da RISGA a cidadáns da Unión Europea que non acrediten “residencia legal. Para poder acreditar esa residencia legal se esixe contar con ingresos económicos, incompatibles á súa vez, coa percepción da RISGA. O que, na práctica, está a supoñer que non se outorguen RISGAs a cidadáns da UE.
  • Imposibilidade de que varias unidades cobren a RISGA se viven nun piso compartido. A Xunta aplica agora o criterio: “unha RISGA por domicilio”. Aínda que sexan unidades familiares con nenxs a cargo.
  • Se tes un emprego precario non podes solicitar a RISGA. Se no momento de presentar a solicitude non estás desempregado non podes solicitar a RISGA. Da igual que sexa un emprego precario, a tempo parcial ou cun salario inferior á contía da RISGA.
  • Péchase a posibilidade de solicitar a RISGA se no momento de facelo percibes algunha axuda. Era moi habitual que perceptoras da RAI (=426€ x 11 meses) iniciasen a tramitación da RISGA con varios meses de antelación a que finalizase aquela, para tratar de no quedar ningún mes sen ingresos; o cal agora non é posible e polo tanto obrígannos a permanecer máis meses sen ningún tipo de ingresos.
A Xunta coas súas políticas sociais, lonxe de ir ás causas da desigualdade e da privación de recursos básicos que cada día sufrimos máis galegas (95000 fogares con todos os membros en paro, 37000 desempregadas en Vigo...), léanos no “labirinto da exclusión social”, avanza no control social das persoas empobrecidas e afonda en discursos que responsabilizan aos individuos de problemas sociais os cales precisan de respostas colectivas.

Fronte a isto tomamos o berro das compas de Alambique: Non tragamos máis ante a pobreza, a exclusión e a precariedade! Xa abonda de esmolas, de facer negocio coas nosas necesidades, de políticas de miseria, de controlarnos a vida, de precariedade... Fartas da súa cobiza seguiremos a traballar, a sumar forzas para superar os “salarios ou rendas para pobres” e dar paso á Renda Básica das iguais e moitísimo máis.

Coia, abril 2015
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
26 de abril de 2015 09:33

___________