Amosando publicacións coa etiqueta Rede AntiCapitalista Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rede AntiCapitalista Galega. Amosar todas as publicacións

xoves, decembro 10, 2009

Mudemos o sistema, non o clima!: 12 de Decembro celebrarase o Día de Acción Global contra o Cambio Climático tamén en Galiza


Convocada pola Ra!, Rede Galega Anticapitalista [http://redeanticapitalista.org], o 12 de decembro celebrarase o Día de Acción Global contra o Cambio Climático tamén en Santiago de Compostela. Haberá actos en máis dun cento de países [http://www.globalclimatecampaign.org].

Pedalada (e tamén camiñada) contra o cambio climático.
Saída as 12:00 dende a Alameda
. Compostela.

Trae bucina, timbre, chifres . . .e a túa bicicleta decorada!



MANIFESTO
12 de decembro. Día de Acción Global contra a mudanza do clima
Mudemos o sistema, non o clima!

A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no consumismo. Un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres.

Queda xa pouco tempo para prevenirmos unha mudanza climática catastrófica. O Cumio do Clima de Copenhague non pode fracasar, malia os intentos de boicot dos EUA. É urxente acadar un acordo legalmente vinculante de redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes do cambio climático que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de 2013. Pero non vale calquera acordo. Precisamos un que recoñeza a Débeda Climática dos países enriquecidos cos empobrecidos, causada polo seu exceso de emisións históricas e actuais desestabilizadoras do clima, débeda que fai parte da máis ampla Débeda Ecolóxica.

A Rede Anticapitalista únese desde Galiza á xornada global de mobilización contra a mudanza climática do 12 de decembro. Faino defendendo os tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas consecuencias.

A Rede Anticapitalista reivindica:
  1. Unha redución do 40% das emisións dos países desenvolvidos en 2020 a respecto dos niveis de 1990. Esta diminución deberá realizarse no territorio de cada país, sen recorrer aos mercados de carbono. Para metade de século a redución das emisións debería ser do 100%.

  2. A adopción por parte da Xunta e dos Concellos de planos para reducir drasticamente as emisións galegas de gases de invernadoiro. As nosas emisións por habitante de CO2 procedente da queima de combustíbeis fósiles son dúas veces e media superiores ás chinesas e multiplican case por nove as da India.

  3. Unha rápida e potente implementación de solucións apropiadas á crise climática, como o aforro enerxético; o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma descentralizada e respectuosa co territorio para substituír os combustíbeis fósiles; a promoción dos modos transporte sustentábel e a desincentivación dos que non o son; a soberanía alimentar e a agroecoloxía; ou o consumo responsábel. Rexeitamos solucións falsas e contraproducentes como a enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou as plantacións de eucalipto.

  4. O financiamento e a transferencia de tecnoloxía desde os países enriquecidos aos empobrecidos para que constrúan economías baixas en carbono, se adapten aos efectos negativos da mudanza climática que xa son inevitábeis e reduzan a deforestación.
Estamos convencidos de que a salvación do clima non virá dun imposíbel “capitalismo verde”. O crecemento indefinido da produción e o consumo é inherente ao sistema económico capitalista e non pode ser soportado por un planeta finito. Estamos a chocar contra os límites ambientais. Para solucionarmos de forma efectiva e xusta o cambio climático e os demais problemas socioambientais, en último termo, é necesaria unha transformación radical do modelo de produción e consumo para tornalo equitativo e sustentábel. Iso implica que nos países enriquecidos debemos apostar polo decrecemento e abandonar a ilusión do “crecemento sustentable”.

MÁIS INFORMACIÓN:
  • Lídia Senra, Sindicato Labrego Galego: 609 845 861

  • Fernanda Couñago, Amarante-Setem: 660 233 481

Convoca: Rede Galega Anticapitalista

A Rede Galega Anticapitalista somos: Adega, Altermundo, Amarante, A Baiuca Vermelha, Asociación Cultural O Curruncho, Cemma, CGT-Pontevedra, CGT-Arousa Colectivo Ártabra 21, C.S. A Esmorga, Enxeñería Sen Fronteiras, A Gentalha do Pichel, Implicadas no Desenvolvemento, Médicos do Mundo, Marcha Mundial das Mulleres, Ospaaal, Foro de Inmigración, Panxea, Ais ‘O Peto’, Sindicato Labrego Galego, Sinerxia, STEG (Sindicato e Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza), Veciñ@s pola Tolerancia, Verdegaia, Véspera de Nada, Veterinarios sen Fronteiras, Whipala, A.C. Xermolos

Enviado por:
Altermundo
manoel@altermundo.org-
10 de dezembro de 2009 13:26
_____________________

mércores, setembro 09, 2009

Véspera de nada -Blog Archive- Entrevista con Martiño Noriega, o primeiro alcalde galego en tomar medidas contra o Teito do Petróleo

Véspera de nada "Blog Archive" Entrevista con Martiño Noriega, o primeiro alcalde galego en tomar medidas contra o Teito do Petróleo
Hai un par de semanas dabamos a boa nova da primeira resolución municipal que recoñece oficialmente en Galiza a existencia do problema do Teito do Petróleo e abre o camiño para afrontalo desde abaixo, con medidas de ámbito local. Hoxe publicamos unha breve entrevista que vimos de realizar con Martiño Noriega, o xoven alcalde do concello de Teo:

Martiño Noriega, alcalde de Teo
VdN: A práctica totalidade dos concellos, gobernos autonómicos e o estatal nin tan sequera recoñecen a ameaza do Teito do Petróleo. Como é que Teo, un pequeno concello, non soamente coñece o problema senón que recoñece publicamente a súa gravidade e dá o primeiro paso para afrontalo?
MN: O Concello de Teo é consciente da ameaza do teito do petróleo porque ten un ollar crítico co modelo social que nestes intres é o que marca a pauta mais sobre todo porque intenta escoitar ás redes cidadáns que teñen cousas que decir. Evidentemente sería complexo impulsar estas iniciativas sen unha rede cidadán (da cal esta asociación forma parte) que exercera un traballo de concienciación.
VdN:Que repercusión espera que teña no recoñecemento do Teito por parte doutras administracións a resolución que Teo vén de aprobar?
MN: Teo é un Concello de 18000 cidadáns que exerce con modestia o seu rol no municipalismo galego. Agardamos que esta iniciativa que se ven de aprobar axude a sensibilizar ás distintas administracións dunha problemática real como é esta e aporte un efecto catalizador na toma de posición doutros concellos semellantes.
VdN:Por que pensa que levamos tanto retraso en Galiza con respecto a outros lugares do mundo na concienciación e acción sobre a cuestión do petróleo?
MN: Unha posibilidade é afirmar que aquí en Galiza as políticas de planificación non cotizan nas bolsas de valores sendo un país que resposta cando se fala xa de feitos consumados, mais coido, que esta falta de sensibilización pódese exportar ao conxunto do estado español non sendo Galiza unha excepción.
VdN:O oposición amosou un grande escepticismo diante da utilidade práctica que vaia saír da resolución aprobada. Que se pensa facer desde o concello para evitar que quede en “papel mollado” e nunha declaración exclusivamente simbólica?
MN: O escepticismo da oposición en todo o que atinxe ao grupo de goberno é algo habitual que nós respeitamos. Coido que a declaración foi un punto de partida e que agora toca colaborar activamente cos movimentos sociais. O Concello ten que saber que agora toca neste tema acompañar e non tutelar, tentación que as veces e común denominador das administracións.
VdN: Que datas manexa o concello para poñer en práctica o aprobado? Cando se poñerá en marcha o Comité Técnico sobre o Teito do Petróleo?
MN: Agardo que no outono o Concello colabore cunhas xornadas de concienciación de este e outros temas promovidas por tecido asociativo municipal e aínda que aprendín a non dar moitas datas sería desexable que o comité estivera constituido antes de rematar o ano.
VdN: Algúns membros da oposición criticaron que se propuxese este tema cando hai problemas máis graves para os veciños de Teo. Evidentemente non son conscientes da gravidade que supón o Teito do Petróleo, un feito que ha marcar un punto de inflexión na historia da Humanidade, segundo a maioría dos expertos na materia. Como pensa traballar o concello para trasmitir o verdadeiro alcance da cuestión aos outros grupos políticos, as empresas e aos cidadáns? Como van lograr a trasversalidade e consenso necesarios para loitar contra un problema destas dimensións?
MN: A diversidade dos problemas municipais non nos debe levar á omisión en asuntos de concienciación. A transversalidade é o desexable como guía de traballo mais o prioritario nestes intres é comenzar a camiñar.
VdN: Como visualiza Teo nun futuro sen petróleo o seu alcalde?
MN: Non chego a tanto mais visualizo un Concello que recorte o gasto en petróleo e derivados, que promova campañas de concienciación cidadán, que poida defender un transporte público autonómico digno e que aposte polo emprego de enerxías alternativas.
VdN: Coida que se pode falar de que Teo iniciou con esta resolución o seu camiño (algúns chámanlle “transición”) cara un futuro sen petróleo?
MN: Coido que Teo puxo unha primeira pedra da casa e agardo que non corra a sorte doutras primeiras pedras que foron inaguradas polas administracións e que agora están comidas polas silveiras.
VdN:Grazas.

A histórica resolución sobre o Teito do Petróleo pódese descargar do web oficial do concello de Teo.

-Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo-

http://www.VesperaDeNada.org

Os economistas operaban sobre a base da súa propia relixión ? unha fe absoluta e inconmovible no Divos-Mercado; na lei da oferta e a demanda. Pensaron que se o petróleo empezaba a acabarse, o prezo subiría, ofrecendo incentivos á investigación de enerxías alternativas. Pero os economistas nunca se tomaron a molestia de reflexionar a fondo. Se o fixeron, déronse conta de que a reconversión total da infraestrutura enerxética dunha sociedade necesitaría décadas (...) (Carta desde o futuro, 2101)

·····································


http://www.redeanticapitalista.org

Enviado por:
Manuel Casal Lodeiro (VEspera de Nada)
vesperadenada@redegalega.org-
7 de setembro de 2009 20:44

_______________________________
_______________________

luns, agosto 24, 2009

Atención !!!: Videos de moito interese - A crise Sistémica -

"... os fraudulentos mecanismos económicos que puxeron contra as cordas ao sistema capitalista levoume en anos pasados a descubrir a inaprazable crise enerxética que pronto terá lugar cando o petróleo empece a escasear, moito máis grave e mortífera que a actual crise financeira ..."
-Manuel Talens | Madrid, Maio de 2009-

Chris Martenson's Blog - El Crash Course en Español - Aug. 8, 2009 | Blogs at Chris Martenson - Chris Martenson's Blog, Crash Course, Espanol, Spanish, Translation

Esta serie de vídeos explica moi ben a situación de crise sistémica terminal na que estamos envoltos. Moi recomendable!

08.08.2009

"Benvidos ao Crash Course.

O usamericano Chris Martenson doctorou-se en ciencias na Duke University [Durham, North Carolina]. É autor do Crash Course, que rapidamente recibiu grandes eloxios e alcanzou unha enorme popularidade na súa versión inglesa orixinal. O Crash Course pretende axudarlles a comprender a natureza dalgúns retos de extraordinaria gravidade para a nosa economía e a súa futura prosperidade. O que están vostedes a piques de ver é unha versión moi resumida dun seminario de entre 6 e 8 horas que Chris Martenson estivo impartindo desde fai catro anos no seu país, Usamérica.

Grazas a Manuel Talens, quen ofreceu gratuitamente o seu tempo e esforzo para traducilo ao español, compráce-nos presentar o Crash Course de Chris Martenson en español. Esperamos que sexa proveitoso
".

"Ola, chámome Atenea Acevedo e son a presentadora desta serie. O Crash Course integra diversos temas aparentemente dispersos para formar unha soa narración. Falaremos de economía, enerxía e medio ambiente, e iso porque na encrucillada de tales temas é onde se conta a historia máis transcendental de calquera xeración".

"Unha vez concluída esta presentación comprenderán e pensarán a economía de xeito totalmente distinto. Vou ofrecer un marco que clarificará o que, para moita xente, é un asunto profundamente confuso. Chris Martenson necesitou varios anos para recompilar e desenvolver a información deste breve curso nunha narración altamente condensada".

"Debo advertir que para algúns non será fácil, porque falaremos dalgúns cambios descomunais que, preciso é recoñecer, son moi dificultosos de concibir".

"Pretendo cambiar as súas opinións e ata poida que enfrónteme a algunhas das crenzas máis arraigadas [por exemplo, O crecemento é bo e O futuro parecerase ao pasado ou O dólar é un valor seguro]. Tratarei de convencer de que xa vai sendo hora de que se aprenda, preste atención e se pase a acción".

Enlace coa serie de Videos:

http://www.chrismartenson.com/crashcourse/espanol

Enlace de moito interese:

http://www.chrismartenson.com/blog/el-crash-course-en-espanol/24286

--
Manuel Casal Lodeiro 'Casdeiro'

["Either we tactfully manage to reduce our environmental load, or resource constraints and pollution will limit it for us­ unpleasantly" - Jason Bradford, 2007]

http://www.Cenit-del-Petroleo.info
·····································
ESPALLA! Lista de espallamento de novas, convocatorias e outro material por outra Galiza posíbel.
·····································
Envíos ---> espalla@redeanticapitalista.org

Espalla esta mensaxe!!!

Enviado por:
Manuel Casal Lodeiro
-casdeiro@degalicia.org-
22 de agosto de 2009 11:00

_________________







_________________________

martes, agosto 18, 2009

Gripe A ou Gripe Capitalista?

Rede AntiCapitalista GalegaExcelente documental sobre os intereses político-farmacéuticos na expansión da Gripe A.

OPERACIÓN PANDEMIA

Santiago Quiroga

..un documental de Julián Alterini.

Que se esconde detrás da gripe porcina?
Por que a insistencia?

operacionpandemia@gmail.com

Realizado en xullo do 2009

[ATENCIÓN: A referencia á "Campaña de vacinación masiva contra a gripe porcina do ano 2009" é un erro. En realidade faise referencia á campaña de vacinación masiva contra a gripe porcina do ano 1976 que tivo como resultado múltiples mortes e parálises, sendo, unha vez máis, Donald Rumsfeld o secretario de defensa do por entón presidente de EEUU: Gerald Ford. DESCULPEN AS MOLESTIAS]



Enviado por:
Santiago Quiroga García
-outromundoeposibel@hotmail.com-
17 de agosto de 2009 13:45

por medio de:
espalla@redeanticapitalista.org

______________

mércores, xullo 08, 2009

Resposta cunha acción mundial ao Cume dos G-8 que se celebra en L'Aquila - Italia

Unha vez máis os xefes de estado e de goberno do G-8 reunen-se, nesta ocasión para un cume dedicado á "crise global", na que tomarán decisións sobre políticas globais vinculadas co desenvolvemento, o medio ambiente, a educación, a guerra ou a paz. O lugar L'Aquila, Italia. As datas son: do 8 ao 10 de xullo.

Desde diversas redes sociais estan-se convocando mobilizacións e accións descentralizadas tanto en distintas cidades italianas, como noutros lugares de Europa. O próximo día 10 de Xullo está convocada unha manifestación internacional contra o G-8.

Nos últimos días estase producindo unha escalada represiva preventiva, numerosos rexistros e detencións de estudantes e militantes anarquistas. Estímase que ao redor de 2.500 militares vixían a zona do cume.



Na Galiza van ter lugar mobilización, o Xoves 9 de Xullo en Pontevedra, Vigo, Ponteareas, Lugo, Compostela, Ourense, A Coruña, ...

[+info en Nodo50 e na Ra!-Rede Galega AntiCapitalista]
_____________________

mércores, xuño 17, 2009

Vindeiras mobilizacións que apoia a Rede AntiCapitalista Galega - Ra

Mil tractores reais e centos virtuais
Máis dun cento de webs galegas uníronse á tractorada virtual convocada pola rede Anticapitalista RA! en apoio á acción homónima, esta real, que levou mil tractores polas rúas galegas pola dignidade labrega.
As vindeiras accións da Ra! Terán que ver cos dereitos das persoas migrantes e contra o G8.
INICIATIVA APOIO AS PERSOAS INMIGRANTES – MANIFESTACIÓN 27 XUÑO
Estase a producir, conicidindo coa crise, un retroceso nos dereitos das persoas inmigrantes (claro exemplo diso é a construcción da Europa fortaleza e o tratado da vergoña).
No estado o anteproxecto da reforma de lei de estranxeira supón un ataque aos dereitos humanos e persigue dificultar á vida as persoas migrantes.
A RA!, e os colectivos e as persoas que a conforman, imos a asinar o manifesto elaborado polo Foro da Inmigración aprobado na recen celebrada ASEMBLEA GALEGA DE MIGRANTES E EMIGRATES RETORNADOS contra dito anteproxecto. Asemade, imos participar e apoiar a manifestación que en favor dos dereitos dos inmigrantes vaise a celebrar en Compostela o sábado 27 de xuño á partir das 12,00 horas en Compostela.

MOBILIZACIÓN CONTRA O CUMIO DO G-8 – XOVES 9 DE XULLO
A RA! organizará ACTOS RA-VOLUCIONARIOS o próximo xoves 9 de xullo ás 20,00 horas, cando menos en A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, coincidindo co vindeiro cumio do G-8. Ditos actos serán concentracións de protesta pero que teñan un toque orixinal (performace ou outra actividade chamativa). Non imos permitir que refunden o Capitalismo, melloren os seus beneficios e pisen os nosos dereitos.

Rede AntiCapitalista Galega

http://redeanticapitalista.org/blog/
http://www.altermundo.org/
_______________________

martes, xuño 09, 2009

IV Encontro da Red de Economía Ecológica de España en Compostela o 11 e 12 de Xuño de 2009

Red de Economía Ecológica de EspañaEste xoves e venres -11 e 12 de Xuño de 2009- vai ter lugar en Santiago de Compostela (Facultade de CC. Económicas e Empresariais - Avda. Burgo das Nacións s/n) o IV Encontro da Red de Economía Ecológica de España.

Podedes descargar o díptico sobre o encontro -pdf-, do cal vos copiamos os datos máis relevantes:

Programa do Encontro

11 de xuño- Reflexións sobre Economía Ecolóxica
  • 9,00-9,15 Inauguración da xornada
  • 9,15-9,45 Joaquim Sempere Carreras. Universitat de Barcelona:
  • “Decrecemento e Sostibilidade”
  • 9,45-10,15 Debate
  • 10,15-10,45 Antón Novas. Mºde Medio Ambiente y Medio Rural y Marino:
  • “Sistema alimentario e Transxénicos”
  • 10,45-11,15 Debate
  • 11,15-11,45 Pausa-café
  • 11,45-14,15 Reunión interna da Rede (SÓ MEMBROS EcoEcoEs)
  • 14,15-15,30 Xantar
  • 15,45 Saída visita: Cooperativa Monte Cabalar (A Estrada)
  • 20,30 Regreso da visita
  • 21,45 Cea
12 de xuño- Presentacións de estudantes
  • 9,00-9,45 Christian Kerschner. Universitat Autónoma de Barcelona.
  • 9,45-10,30 Benjamín López. Universitat Autónoma de Barcelona.
  • 10,30-11,15 Jaume Freire. Universitat Autónoma de Barcelona.
  • 11,15-11,45 Pausa-café
  • 11,45-12,30 Stephan Salate. Universitat de Barcelona.
  • 12,30-13,15 Erik Gómez. Universidad Autónoma de Madrid.
  • 13,15-13,45 Conclusións e Clausura
  • 19,00-21,00 Visita ao casco antíguo
  • 21,45 Cea
Coordinación e Organización do Encontro
  • Xoán R. Doldán García. Departamento de Economía Aplicada-Universidade de Santiago de Compostela
  • Xavier Simón Fernández. Departamento de Economía Aplicada-Universidade de Vigo
  • María Luisa Chas Amil. Departamento de Economía Cuantitativa-Universidade de Santiago de Compostela
  • Rosa María Regueiro Ferreira. Departamento de Historia e Institucións Económicas - Universidade de Santiago de Compostela
Que é a Red de Economía Ecológica de España?

  • Un grupo de profesores, investigadores e persoas interesadas na Economía Ecolóxica (EE) reunímonos en Ronda (I Encontro), en xuño de 2006, con idea de establecer un primeiro contacto de reflexión conxunta sobre a necesidade de crear a Rede. Houbo un consenso claro sobre o interese de continuar con estes encontros, fixándose dúas novas xornadas: a primeira, en Carmona en marzo de 2007, dedicada a docencia en Economía Ecolóxica cuxas conclusións leváronse ao III Encontro da Rede que se celebrou en Madrid, en febreiro de 2008.
  • A EE entende a economía como un sistema aberto afectado polas Leis da Termodinámica e todas as súas implicacións; considera a relación entre os diferentes sistemas que compoñen a realidade –económico, tecnolóxico, social, territorial e institucional- e realiza unha análise da evolución conxunta e dinámica de ditos sistemas (enfoque eco-integrador e análise sistémico-coevolutivo); analiza a dimensión física da realidade, non unicamente a monetaria, utilizando tanto variábeis cuantitativas como cualitativas.
  • A Rede EcoEcoEs xurde da necesidade de fomentar e coordinar a investigación e docencia en EE en España. O seu obxectivo principal é crear sinerxías entre os investigadores e docentes españois dedicados á EE, así como fomentar as relacións destes con institucións europeas e internacionais. Dado que un dos obxectivos principais da EE é a análise multidisciplinar e transdiciplinar dos problemas económicos, ambientais e sociais, opinamos que a Rede tería que comporse, non unicamente de economistas, senón de todo tipo de investigadores e docentes interesados nesta visión do mundo.
Web da Rede

Fonte: vesperadenada.org
________________

luns, abril 20, 2009

Acción da Rede Anticapitalista Galega e a Plataforma Galega Antitransxénicos no "Día Internacional da loita labrega"

[Para ampliar, clicar acima da imaxe]

Con motivo do "Día Internacional da loita labrega", a Plataforma Galega Antitransxénicos e a Rede Anticapitalista Galega deron conta dunha acción representativa da desaparición da agricultura tradicional a mans das empresas multinacionais da alimentación. (Fotos e Vídeo)

Tras a celebración do enterro na Praza Roxa de Santiago de Compostela, e o conseguinte veloiro-manifestación, procedeuse ao reparto de información denunciando os longos percorridos que recorren actualmente os alimentos, producidos a baixo custo polas multinacionais en países onde as leis permiten condicións de traballo que serían ilegais na Unión Europea, para logo poñelos á venta tras seren gravados con grandes marxes comerciais.


Acción do día 17 en Compostela no marco do Día Internacional da Loita Labrega, que contén tamén imaxes da manifestación de Zaragoza do 18 - Por GZVideos


[+ Info na web da Rede Anticapitalista Galega]

Fonte: Rede Anticapitalista Galega
_____________

xoves, abril 16, 2009

17 de Abril "Día Internacional da Loita Labrega"

MOBILIZACIÓN 17 DE ABRIL DÍA INTERNACIONAL DA LOITA LABREGA

Ás 17.30, na Praza Roxa

(Santiago de Compostela)
  • Escenificación do enterro da agricultura
  • Procesión-manifestación até Carrefour
  • Difusión de materiais informativos ás portas do Carrefour
  • Visita guiada no interior do Carrefour, dando conta das grandes distancias que percorren os alimentos distribuídos polas grandes multinacionais

PRÉGASE ASISTIR DE RIGOROSO LOITO

O 17 de Abril foi declarado pola Vía Campesina dende 1996 como o “Día Internacional da Loita Labrega” como homenaxe aos dezanove campesiños do Movimento Sem Terra asasinados pola policía brasileira durante unha acción de mobilización para acceder a certas terras.
______________________________

venres, abril 10, 2009

Acto de Lugo da Rede Anticapitalista Galega diante do cume do G-20: O problema é o Capitalismo

Santiago Quiroga García
-outromundoeposibel@hotmail.com-
9 de abril de 2009 22:44


VÍDEO DO ACTO CONTRA O G-20 CELEBRADO EN LUGO

A xente de Sinerxia, Madia Leva!, Plataforma Alternativa e outros movementos sociais lucenses uníronse ás accións descentralizadas contra o cumio do G-20 e, para iso, realizouse unha concentración- teatralización o día 28 na Praza Maior de Lugo, ás 11:30.

Organizouse un acto de difusión da RA! e protesta contra o sistema xenocida que padecemos. Para iso, un grupo dunhas 15 persoas foron disfrazadas de Primeiros Ministros dos países que asistiron ao devandito cumio. Repartiuse o manifesto da RA! e, sobre todo, interactuouse coa xente co fin de facer un acto impactante para os viandantes.



AUPA RA!

Santiago Quiroga: Sinerxia
Telf: 636525497
insurxente.blogspot.com

masacriticalugo.blogspot.com

________________________

sábado, marzo 28, 2009

A Marcha Mundial das Mulleres chama a unha "Semana global de mobilización contra o capitalismo e a guerra", convocada pola Asemblea dos Movementos ...

Entre os días 28 de marzo e 4 de abril, mulleres e homes de todo o mundo imos estar nas rúas para facer unha protesta contra o capitalismo e a guerra e dicir que non imos pagar por unha crise que non é nosa. Convocada pola Asemblea dos Movementos Sociais, a semana de mobilización esta marcada por tres grandes momentos:
  • 28 de marzo: mobilizacións ao redor do cume do Grupo dos 20 (ou G-20), formado por representantes dos bancos centrais e gobernos de 20 países que representan dous terzos do comercio e da populación mundial e máis do 90% do produto mundial bruto, e tamén o Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional (FMI). O G-20 vai reunirse en Londres (Reino Unido), no principio de abril.
  • 30 de marzo: día de mobilización contra a guerra e a crise e de solidariedade co pobo palestino. Esta data marca o Día da Terra Palestina e recorda un das masacres levadas a cabo por Israel contra os palestinos (en Galilea, no 1976). Foi elixida para dar impulso a unha campaña de boicot, desinversiones e sancións (BDS) contra Israel.
  • 4 de abril: día que marca o aniversario de 60 anos da Otan - Organización do Tratado do Atlántico Norte, alianza de cooperación militar formada por países da Europa e polos Estados Unidos. A Otan vaise a reunir nos días 3 e 4 de abril en Baden-Baden e Kehl, en Alemaña, e en Estrasburgo, en Francia.
En Europa, os movementos estarán concentrados especialmente nas accións de Londres e Estrasburgo. Xa hai diversas accións de rúa, como marchas, distribución de folletos, percorridas de bicicletas, marcadas nos países que seguen: Alemaña, Australia, Bélxica, Brasil, Canadá, Cataluña, España, Estados Unidos, Francia, Galiza, Grecia, Holanda (Países Baixos), India, Italia, Noruega, País Vasco, Paquistán, Québec, Kenia e Reino Unido (Escocia e Inglaterra).

Ao longo desta semana e principalmente nestas datas, os movementos van dicir que, para enfrontarse á crise que hoxe vivemos (alimentaria, financeira, económica, climática, enerxética, migratoria), é necesario chegar á raíz dos problemas e construír unha alternativa ao sistema capitalista e á dominación patriarcal.

Fronte ás falsas solucións presentadas por empresas, bancos e gobernos para saír da crise como despedimentos, privatizacións de servizos públicos, recursos naturais e enerxéticos, que non fan máis que socializar as perdas, os movementos vai situarse esixindo urxentes como:
  • A nacionalización da banca sen indemnización e baixo control social
  • Redución do tempo de traballo sen redución do salario
  • Medidas para garantir a soberanía alimentaría e enerxética
  • Pór fin ás guerras, retirar as tropas de ocupación e desmantelar as bases militares estranxeiras
  • Recoñecer a soberanía e autonomía dos pobos, garantindo o dereito á autodeterminación
  • Garantir o dereito á terra, territorio, traballo, educación e saúde para todas e todos
  • Democratizar os medios de comunicación e de coñecemento
Facer clic para:



A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza:

www.feminismo.info


___________________

Enlace relacionasdo:

Colectivo Ártabra 21: Nace a Rede Anticapitalista Galega (Ra!) para transformar un sistema que está a esmagar a humanidade e o planeta: 28 de Marzo, mobilizacións na Galiza
_________________

venres, marzo 27, 2009

Nace a Rede Anticapitalista Galega (Ra!) para transformar un sistema que está a esmagar a humanidade e o planeta: 28 de Marzo, mobilizacións na Galiza

José Miguel Fernández Vázquez
-jmiguel_vazquez@hotmail.com-
26 de Marzo de 2009 16:59



Nace a Rede Anticapitalista Galega (Ra!) para transformar un sistema que está a esmagar a humanidade e o planeta

Diversos colectivos galegos e persoas a titulo individual únense para respostar a unha crise sistémica e dar alternativas de transformación dende unha óptica galega. O 28 de marzo terá lugar a presentación da Ra! en actos descentralizados por Galiza e nun acto central en Compostela (Praza do Toural, ás 12:00 horas) que resposta tamén ao cumio do G20 en Londres

En Lugo: Sábado, 28 de Marzo, ás 11:30 na Praza Maior. Realizarase unha concentración- teatralización na que se repartirá información sobre a RA!

O mundo enteiro está en crise, unha crise de dimensións múltiples. As solucións que impoñen dende o poder –máis libre comercio, cartos públicos para rescatar os bancos, o sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis transxénicos, etc.– tratan de agachar que a crise é produto do sistema capitalista, que só afondará os seus impactos sobre os pobos, as persoas e sobre o conxunto do planeta.

Para respostar a está situación no noso país nace a Rede Galega Anticapitalista, a Ra!, que este 28 de marzo, coincidindo coas mobilizacións globais contra o cume do G20 en Londres, fará a súa presentación pública en Compostela (Praza do Toural, ás 12:00 horas) e noutros lugares do páis. Para os colectivos da Ra! “A esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os programas de transformación social. Somos os movementos sociais quen temos que reaxir diante da incertidume”.

A RA! manifesta deste xeito a súa diposición a artellarse con outras mobilizacións globais, como a que terá lugar ese mesmo día en contra da xuntanza do G-20 en Londres, baixo o lema, “Decídelle ao G-20 que primeiro é a xente”. O 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega e pola Soberanía Alimentar dos Pobos, desenvolveránse novas protestas orientadas a concienciar e informar á cidadanía e a presionar aos poderes políticos para que emprendan cambios reais. Este sistema non nos vale.

Quen forma a RA!

A RA! agromou en decembro de 2008 axudada polas reflexións do Foro Social Galego. Están integrados os seguintes colectivos: Altermundo, Amarante, A Baiuca Vermelha, Cemma, CGT-Pontevedra, CGT-Arousa, CIG-Servizos, Enxeñeiros Sen Fronteiras, A Gentalha do Pichel, Implicadas no Desenvolvemento, Médicos do Mundo, Marcha Mundial das Mulleres, Ospaaal, Foro de Inmigración, Panxea, Ais O Peto, Sindicato Labrego Galego, Sinerxia, Verdegaia, Véspera de Nada, Veterinarios sen Fronteiras, Whipala e A.C. Xermolos.

+INFORMACIÓN: A páxina web da Ra! está en proceso de creación. Para integrarse na rede abonda por agora enviar unha petición á listaxe: redeanticapitalista@altermundo.eu
_________________________

_____________________________

OUTROS ACTOS

CONCENTRACIÓN INFORMATIVA. Xoves 2 de Abril ás 20,00 horas. Praza da Peregrina. Pontevedra

CONCENTRACIÓN EN LUGO, SÁBADO 28 ÁS 11:30 NA PRAZA MAIOR: Sinerxia ONGD, Plataforma Alternativa e outros movementos sociais lucenses únense as accións descentralizadas contra o cumio do G-20 e, para iso, realizarase unha concentración- teatralización o día 28 na Praza Maior de Lugo, ás 11:30. Organizarase un acto de difusión da RA! e protesta contra o sistema xenocida que padecemos. Para iso, un grupo dunhas 15 persoas irán disfrazadas de Primeiros Ministros dos países que asistirán ao devandito cumio. Repartirase o manifesto da RA! e, sobre todo, interactuarase coa xente co fin de facer un acto impactante, tanto para a prensa como para os viandantes.

Ademais, a RA! apoiará ás mobilizacións que a PLATAFORMA CONTRA A GUERRA vai a levar adiante en Pontevedra coincidindo co aniversario da OTAN e apoiar os actos que a PLATAFORMA VECIÑ@S POLA TOLERANCIA van a levar este sábado pola tarde en PONTECALDELAS en defensa da familia xitana acosada.

A Ra! tamén manifesta o seu apoio á convocatoria estatal antitransxénicos de 18 de Abril para a que a PGA pon buses: http://www.galizasentransxenicos.org/?q=node/136

__________________________________