Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galiza Non se Vende. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galiza Non se Vende. Amosar todas as publicacións

xoves, novembro 21, 2013

Un novo mapa en alta resolución mostra a situación actual dos bosques no mundo - Enlace de interese


Mapada deforestación


A ferramenta interactiva publicada en internet é de acceso público e destaca a capacidade de facer foco en detalles locais cun alto nivel de precisión, una resolución de 30 metros. O mapa traza a historia dos bosques a nivel mundial desde o ano 2000 ata o 2012, baseado en 650.000 imaxes satelitales obtidas polo Landsat 7.

Neste tempo (2000-2012), a Terra perdeu un total de masa forestal do tamaño de Mongolia, tantos árbores como para cubrir seis veces un país como o Reino Unido.

O progreso de Brasil na redución da deforestación foi contrarrestado polas perdas en Indonesia, Malasia, Paraguai, Bolivia, Zambia e Angola, según un estudio que publica a revista Science.

"Este é o primeiro mapa do cambio forestal que é consistente globalmente e relevante a nivel local", di Matthew Hansen, da Universidade de Maryland, quen dirixiu o proxecto que elaborou o mapa. "O que a unha soa computadora hubéralle tomado 15 anos completouse en cuestión de días usando a ferramenta digital Google Earth Engine".

A Terra perdeu 2,3 millones de km2 de bosques nese período a causa da explotación forestal, os incendios, plagas ou tormentas. Pero o planeta tamén gañou 800.000km2 de bosques novos, o que representa una perda neta de 1,5 millones de km2 en total.

Brasil mostrou o maior grao de mellora de todos os países, recortando a mitade a súa perda anual de masa forestal entre 2003-2004 e 2010-2011. Indonesia, pola súa parte, ten o maior incremento de deforestación, doblando a súa perda anual ata 20.000 km2 en 2011-12. Nos Estados Unidos, o índice de perturbación dos bosques surorientales foi catro veces maior que o das selvas de América do Sur: perdeuse o 31% da cuberta forestal.

Paraguai, Malasia e Camboia teñen os índices nacionais de perda máis altos. En total, a desaparición dos bosques tropicais está aumentando arredor de 12.000 km2 por ano, dicen os investigadores.

O mapa, que será actualizado anualmente, pode ser una ferramenta útil para evaluar a efectividade dos programas de gestión dos bosques.

Tamén pode servir aos grupos ambientalistas para facer un seguimento do impacto da deforestación, incluindo as ameazas para a diversidade, o almacenamento de carbono e o cambio climático.

Para ver o mapa clickar no seguinte link:
http://earthenginepartners.appspot.com/science-2013-global-forest

Enviado por:
Salvemos Monteferro
-salvemosmonteferro@gmail.com-
19 de novembro de 2013 16:19

______________

domingo, agosto 18, 2013

O Concello de Barreiros gobernado polo PP, pretende legalizar 3500 vivendas cuxas licenzas contraviñan a lexislación vixente no intres de seren concedidas e que mesmo foron declaradas ilegais por unha Sentenza do TSXG - A Rede Galiza Non Se Vende advirte da ofensiva especulativa e chama a loitar contra a mesma


"En plena crise demográfica e do sector inmobiliario, con case 40.000 vivendas sen vender en Galicia, a Xunta deu ou visto e prace á memoria ambiental do plan sectorial de Barreiros, que se basea nunha previsión de crecemento dá poboación dá localidade lucense do 700%. Para chegar a ese cálculo, que faría que un municipio con 3.200 habitantes alcance vos 23.500, ou plan ten en conta as propias vivendas obxecto dá polémica, concedidas en 2006 e paralizadas polo bipartito: ao redor de 5.800, centos delas declaradas xa ilegais de forma definitiva pola xustiza." ...

Así comeza unha reportaxe publicada no xornal 'El País', do 8 de Xullo de 2011. Agora co Plan Xeral de Ordenación Municipal -PXOM, o Concello de Barreiros, pretende legalizar unha situación ilegal, froito da especulación urbanística. O concello de Barreiros está situado na Costa Cantábrica na comarca da Mariña Oriental. Xunto ao de Gondomar e mesmo de Miño, entre outros concello galegos, son a mostra máis palpábel desa especulación que encheu aceleradamente a burbulla inmobiliaria que estoupou en 2008.

As compañeiras e compañeiros da Rede Galiza Non Se Vende, advirten-nos da ofensiva especulativa no Concello de Barreiros, co apoio da Xunta de Galicia:
Xa apareceu publicado o documento de inicio, ou anteproxecto de planeamento, do Plan Xeral de Ordenación de Barreiros.
Podedes atopalo neste enlace: Documento de inicio.

Como sabedes os plans xerais de ordenación municipal deben ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica. Hai de prazo ata o 12 de setembro para que o público interesado e o público en xeral poidan formular as observacións e suxestións que estimen oportunas.

Na miña opinión sería interesante darlle a máis extensa publicidade a este asunto, denunciando o que se pretende co novo PXOM: legalizar 3500 vivendas cuxas licenzas contraviñan a lexislación vixente no intres de seren concedidas. Unha sentenza do TSXG botou abaixo un primeiro intento de legalización  que o Concello de Barreiros xunto coa Xunta e promotores tentou levar a cabo mediante un plan sectorial que a xustiza anulou.

Agora tentan sortear  esa decisión xudicial a través dun planeamento urbanístico que ampare as licenzas concedidas.

Nestes enlaces da páxina de GNSV atoparedes información sobre Barreiros:

Un cordial saúdo.



(Hai unha forte oposición a esta tentativa da Xunta que vería con bos ollos calquera actividade tendente a desenmascarar o que non é máis que artimaña para profundizar nas erróneas políticas inmobilarias)


Web da Rede de colectivos Galiza Non se Vende
:
www.galizanonsevende.org






Información baseada na enviada por  por:

togarcar@gmail.com
18 de agosto de 2013 01:18

___________________

xoves, maio 30, 2013

Onde está Galiza Non Se Vende?

Pois se te tomas a molestia de visitar a nosa nova güeb podes comprobar que estamos coma sempre, traballando na defensa da nosa terra, facendo alegacións, denuncias, mobilizacións, notas de prensa, palestras, concertos reivindicativos ... e colaborando con outras plataformas contra os eólicos, contra a incineradora, contra a minaría...

Galiza Non Se Vende segue sendo unha rede de colectivos sociais e ambientalistas que loitan pola defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da nosa terra. Contra a especulación e a depredación dos recursos naturais por parte das administracións e as cobizosas empresas privadas, contra os ataques á nosa lingua e cultura e contra este modelo económico irracional.

O actual sistema económico, político e social depreda o territorio, escraviza as persoas e aos animais, saquea os recursos naturais e despreza a nosa cultura e a nosa identidade. A conservación da biodiversidade, a preservación da rica variedade cultural e a mesma supervivencia da humanidade requiren un novo modelo político-económico e unha nova forma de vida. Un modelo que propicie unha relación harmónica entre o ser humano e a natureza baseado na democracia participativa, na solidariedade, na xustiza social, na equidade ecolóxica e no equilibrio entre o uso racional dos recursos naturais e a súa preservación para as xeracións vindeiras.

Galiza Non Se Vende ten unha estrutura en rede, horizontal e asemblearia na que non se permite a incorporación de partidos políticos, sindicatos nin organizacións empresariais, para evitar que a loita sexa instrumentalizada.

Loita con nós!!

Rede de colectivos Galiza Non se Vende

www.galizanonsevende.org

Enviado por:
Edi
-duarteferrin@gmail.com-
30 de maio de 2013 15:01
_________________

xoves, maio 09, 2013

Galiza é unha mina - DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15280


Galiza é unha mina.


CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ANUNCIO do 1 de abril de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a admisión definitiva do permiso de investigación Julia 2 número 7155.

Partillo mapa coa zona subliñada.

Na zona de dereitos mineiros, dúas igrexas, centos de vivendas, paraxes naturais inesquecibles...

Mentres a Xunta prepara o plano sectorial de actividades extractivas:

Nacho
Verdegaia
Rede Galiza Non Se Vende

Enviado por:
Jorganes
-jorganes@gmail.com-
8 de maio de 2013 21:34

_______________

sábado, outubro 13, 2012

Este Domingo 14 de Outubro, Galiza Non se Vende, convoca, en Compostela, Xuizo Popular contra o saqueo da Nosa Terra

Quen...?

Quen ía imaxinar hai 5 anos o que se nos viña enriba?

Quen podía supoñer este terrible ataque do poder globalizado contra as conquistas sociais e ambientais tan duramente conseguidas ao longo de décadas de loita?

Non poderíamos imaxinar un relato de medo máis arrepiante que todo o que está a acontecer.

A sinatura dun cargo público nun boletín oficial ten un poder maldito, como un rito de maxia maléfica. Unha simple sinatura basta para baixar soldos, eliminar pagas extras, degradar e poñer en perigo a sanidade e a educación públicas, subir o IRPF e o IVE, subir os servizos básicos, como a electricidade, a auga, a gasolina e o gas, meter man no intocable fondo da seguridade social, empobrecer o país, pechar empresas, xerar paro, xerar  fame, acabar co noso futuro e o dos nosos fillos e fillas, acabar con dereitos humanos tan elementais que están  recoñecidos na constitución que nos toca, dereitos como a sanidade, a educación, un traballo digno, unha vivenda digna e o propio dereito de manifestación, cada vez máis restrinxido e autoritariamente reprimido.

Pero este maleficio non só ataca os dereitos humanos e empobrece as economías débiles, senón que ataca á propia terra, ao mar e ao aire que respiramos. As sinaturas maléficas vomitan leis que desprotexen a costa, privatizan os montes, degradan o territorio, espolian a auga, soporte de toda vida, desmantelan a agricultura e a gandería tradicionais, desmantelan a pesca tradicional e o marisqueo, e impulsan un urbanismo, unha industria e un modo de transporte que contaminan o aire, a terra, os ríos, as rías, o mar.

A maxia das sinaturas maléficas decide cales son os “sectores estratéxicos” como a banca e, polo tanto, o seu rescate, a automoción, a desmesura dos grandes portos, das grandes estradas, do AVE, a acuicultura industrial, a minaría salvaxe, o negocio das telecomunicacións. O maleficio esquilma os recursos naturais, destrúe a terra e o mar, arruina o País e espolia aos seus habitantes, para entregar o recadado ao poder económico globalizado: as grandes multinacionais.

Non se consideran sectores estratéxicos a gandeiría nin a agricultura tradicionais, nin a pesca artesanal, nin o marisqueo, nin os montes e as rías que os sustentan. Non se considera estratéxica a soberanía alimentar, pese a que é a única garantía da nosa subsistencia nun futuro máis próximo do que imaxinamos. Non se considera sector estratéxico o transporte público, e desmantélase o tren convencional. Non se consideran sectores estratéxicos o noso territorio, a biodiversidade da nosa terra, a nosa paisaxe, o noso patrimonio histórico e cultural, a nosa identidade. Non se considera un sector estratéxico a defensa do aire, da terra, do mar, dos seres vivos, das persoas, da cultura, da fala, dos cabalos salvaxes, da paisaxe. Nós mesmos non somos un sector estratéxico.

Non se considera sector estratéxico ningunha forma de vivir que reparta a riqueza de todas e todos entre todas e todos. O feitizo da sinatura maléfica non permite que a riqueza sexa repartida, senón que a espolia e entrega aos bancos e ás multinacionais dos “sectores estratéxicos”, cuxa débeda privada o mesmo meigallo transforma en pública. O sortilexio maléfico serve a riqueza de todos en bandexa de ouro ao especulador para saciar a súa devastadora voracidade. Así rebente.

Débeda sobre débeda, miseria sobre miseria, riqueza sobre riqueza.

Maldita sinatura maléfica. Maldito maleficio.

E mentres:

Quen defende a terra e o mar?
Quen defende unha terra viva e unha vida digna?
Quen defende a utilización racional dos recursos naturais?
Quen defende o patrimonio natural e histórico?
Quen loita por unhas rías limpas?
Quen loita por uns ríos vivos?
Quen defende a nosa soberanía alimentar?
Quen defende un litoral público e natural?
Quen defende un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura?
Quen defende uns montes ben xestionados e con vexetación autóctona?
Quen defende a participación da cidadanía na xestión do noso?
Quen loita por unha xustiza incorruptible?
Quen loita polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza?
Quen loita contra a minería salvaxe?
Quen defende un transporte colectivo eficaz?
Quen defende unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes?
Quen defende unha xestión responsable dos residuos?
Quen defende o fortalecemento do rural e a economía social na Galiza?
Quen defende a gandería?
Quen defende a riqueza forestal?
Quen defende a agricultura?
Quen loita contra a corrupción política e xudicial.?
Quen defende os dereitos socias?

Quen é quen de romper este maleficio?

Serán os políticos que din que nos representan? Os teóricos servidores públicos que traizoan ao pobo a quen se deben, e que actúan ao servizo do verdadeiro e espurio poder, o poder económico do capitalismo salvaxe?.
Será a xustiza a que nos defenda?
Serán as grandes empresas as que nos axuden?
Ou os bancos os que nos faciliten cartos para vivir?

O maleficio só podemos rompelo nós. As mulleres e homes desta terra...e posiblemente non precisa de grandes xestos, cada pequeno xesto ten o seu efecto. Tirémonos de enriba o meigallo, acreditemos en nós mesmos, xuntos podemos.

Outubro 2012

Rede Galiza Non Se Vende

fado
s.m.1. Forza sobrenatural que determina inevitablemente todo o que acontece. Ninguén pode burlar o seu fado. Sin. Destino,  fatalidade, fortuna.
2. Canción popular portuguesa de carácter triste. Unha cantante de fados.

feitizo
s.m.1. Práctica supersticiosa coa que se pretende influír sobre alguén, xeralmente para causarlle algún mal. Non cre nos feitizos. Sin. Maleficio , meigallo. cf. sortilexio.
2. fig. Cousa que fascina e cativa. Seduciuna co feitizo da súa beleza. Sin. Encanto .cf. maxia.

sortilexio
s.m.1. Acción máxica de carácter maléfico, propia de meigas ou bruxas. Mediante un sortilexio a bruxa encantou a doncela. cf. feitizo, maleficio, meigallo.
2. fig. Influencia moi forte exercida sobre alguén. A súa presenza era coma un sortilexio que o transformaba.

_____________

mércores, febreiro 22, 2012

Hoxe finou o compañeiro e activista, Xosé Reigosa Solleiro, co fundador da Rede Galiza Non se Vende - verdegaia - Manuel Domínguez de Pontedeume

Desde Ártabra 21 sómamo-nos a estas mostras de recoñecimento e lembranza do compañeiro Xosé.

Hoxe, o movemento ecoloxista, o activismo veciñal e todas as persoas que dende o seu recuncho de vida pulamos por mudar a realidade na procura dunha sociedade máis xusta e sustentable ficamos un pouco máis sós e un pouco máis orfos.

Xosé traballou arreo en todas as facianas da súa vida no activismo social e ambiental. Salvemos Monteferro , A Ría non se Vende e Galiza non se Vende foron as súas ferramentas nos últimos anos mais sempre estaba disposto a traballar e apoiar calquera iniciativa que supuxera defender o país e as súas xentes fronte as agresións que un sistema capitalista desbocado perpetra sobre as xentes do común.

Home pousado e conciliador, nunca deixou que os dogmatismos impediran integrar nunha mesma loita a xentes das máis variadas ideas. Procurando sempre o que une, o seu activismo incansable foi un acicate para moitas de nos e botarémolo moito de menos.

Ate máis ver, Xosé Reigosa. Terémoste connosco nestes anos duros e escuros que se achegan.

info@verdegaia.org
www.verdegaia.org 



De Manuel Domínguez -Pontedeume.
para Galiza Non Se Vende

Triste novas

Acabo de recibir a noticia e non vos imaxinades a profunda tristura que sentimos os seus amigos de Pontedeume. "Meus fusquenllos", dicía el cando nos atopabámonos cada ano, por estas datas, en medio das pancartas, as bandeiras e o ambiente festivo e reivindicativo que invadía a Alameda de Compostela. E logo, antes dos discursos e as chamadas á acción, había sempre un momento ou dous para tomarse con calma unha caña ou dúas baixo a mirada de Montse, que aparentaba reprobación pero que en realidade transmitía un amor infinito polo este home que hoxe nos deixa.

Desculpade estas intimidades, pero Xosé foi de todos nós, e para nós, os "fusquenllos", de verdade, Xosé era alguén moi especial. Lémbrolle unha tarde de verano ás beiras do Eume, con esa mirada intelixente e travesa mirando ás augas. Alguén lle preguntou por un partido da selección nacional, creo que había un mundial de fútbol, e él respondeu con ese humor cheo de sabedoría: "A min quen me preocupa é o celtiña".

Como ben dicía Xan, é un home que nos ensinou a superar os dogmatismos, a mentira das verdades absolutas e puña o corazón e a razón na loita por un terra viva, por un mundo mais xusto e por unha Galicia libre e democrática.

Hai algo tremendamente cruel nesta perda, nestes momentos en que tanto o necesitábamos.

Montse, Anxo e á familia de Xosé, recibide unha forte aperta dos irmáns eumeses de Xosé.

Tamén aos compañeiros de Galiza Non Se Vende

Enviado por:

Xan Duro
-xan.duro@usc.es-
21 de fevereiro de 2012 16:29

manuel dominguez
-manudominguez@yahoo.es-
21 de fevereiro de 2012 19:53

luns, maio 09, 2011

Galiza Non Se Vende manifestou-se en Compostela “Contra o saqueo socioambiental da Nosa Terra”


Centos de persoas manifestaron-se este Domingo 8 de Maio de 2011 en Compostela, convocadas pola Rede Galiza Non Se Vende, ...
  • Por unha utilización racional dos recursos naturais
  • Pola protección do patrimonio natural e histórico
  • Por unhas rías limpas
  • Por uns ríos vivos
  • Pola defensa da nosa soberanía alimentaria
  • Por un litoral público e natural
  • Por un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura
  • Por uns montes ben xestionados
  • Pola participación da cidadanía na xestión do noso
  • Por unha xustiza incorruptible
  • Polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza
  • Por un transporte colectivo eficaz
  • Por unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes
  • Por unha xestión responsable dos residuos
  • Polo fortalecemento do rural e a economía social na Galiza


Acceder á Galería Fotográfica para baixar-se as fotográfias do compañeiro Suso Pazos:

Álbum da Manifestación da Rede-GNSV, celebrada o 8 de Maio

Enviado por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
8 de maio de 2011 20:30
_____________

Enlace de interese relacionado:

Manifestación: “Contra o saqueo socioambiental da Nosa Terra” - Domingo 8 de Maio de 2011, ás 12 do mediodía na Alameda de Compostela - "Goberne quen goberne Galiza Non se Vende"
_________________

sábado, maio 07, 2011

Manifestación: “Contra o saqueo socioambiental da Nosa Terra” - Domingo 8 de Maio de 2011, ás 12 do mediodía na Alameda de Compostela - "Goberne quen goberne Galiza Non se Vende"



CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA
Terra viva e vida digna para tod@s

MANIFESTACIÓN

Día: Domingo 8 de Maio

Hora: 12:00 h

Lugar: Alameda/Santiago de Compostela

A rede Galiza Non Se Vende convídavos a participar na manifestación que se celebrará o próximo 8 de maio en Compostela, as 12 na Alameda. Os 60 colectivos que a forman continúan a diario a loitar, resistir, traballar, arelar, formular, construír, informar, concienciar a favor da nosa terra e na procura de dignidade e equidade. Vente expresar con nós por unha Galiza mellor.

CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA!!!

Por unha utilización racional dos recursos naturais
Pola protección do patrimonio natural e histórico
Por unhas rías limpas
Por uns ríos vivos
Pola defensa da nosa soberanía alimentaria
Por un litoral público e natural
Por un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura
Por uns montes ben xestionados
Pola participación da cidadanía na xestión do noso
Por unha xustiza incorruptible
Polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza
Por un transporte colectivo eficaz
Por unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes
Por unha xestión responsable dos residuos
Polo fortalecemento do rural e a economía social na Galiza

O 8 de Maio, día da manifestación contra a destrución socioambiental danosa terra, ás 17:00 celebrarase na Sala Nasa o último concerto da III Caravana de GNSV, onde actuarán os grupos Guintervan e GalegoZ, presentados polo grupo de teatro Berrobamban.Concerto de remate da III Caravana de concertos da rede de colectivos “Galiza Non Se Vende” co lema: “Contra o saqueo socioambiental da nosa terra”. Terra viva e vida digna para tod@s.
Actuarán os grupos Güintervan e GalegoZ presentados polo grupo de teatro Berrobambán:

Guintervan

Género: Acústica / Drum & Bass / Folk. Excentrica mistura de melodias balcánicas, ritmos e armonias diabólicas, velocidade extrema e cancións líricas en galego é a marca da banda. Presentan o seu novo traballo “Mundo loco”

GalegoZ

Género: Electrónica en directo / Fusión. Bases electrónicas misturadas con reggae, funk e soul, e salpicadas por letras combativas, irreverentes e a veces incluso surrealistas conforman o orixinal sonido de GalegoZ. Música marxista-electricista, para bailar pensada e feita en Galiza.

Palabras de Mabel Rivera, voceira de GNSV

Escoita esta entrevista á compañeira Mabel Rivera, voceira da plataforma medioambientalista.



Fonte: http://galizanonsevende.org/



Manifesto

CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA

Galiza, está a sufrir un saqueo social e ambiental a todos os niveis, mantido por un modelo económico e social inviabel, que destrúe os ecosistemas, acaba coa biodiversidade e produce miseria e condicións sociolaborais de esclavitude, para as personas.

Saquean os recursos naturais para o beneficio privado duns poucos cobizosos, sen ter en conta a destrución do medio ambiente e o que vai quedar para as xeracións futuras.

Depredan os nosos montes, pretendendo privatizalos. Devorándoos con canteiras e louseiras que deixan toneladas de entullos. Fomentando a, eucaliptización, as concentracións parcelarias, o abandono da silvicultura, e a desaparición do gando ceibe e o pastoreo, que propician os incendios e a desertización. Permitindo que se infesten de parques eólicos e industriais.

Espolian a nosa identidade, Estragando xacementos arqueolóxicos e edificacións de alto valor etnográfico. Atacando a nosa lingua e a nosa cultura, impoñendonos un modelo alleo, miserabel e individualista que provoca a pérda tráxica e irreparabel dos nosos legados culturais.

Usurpan as nosas arelas de xustiza, con fiscais e xuices que non defenden os bens comúns senón que favorecen aos ricos e poderosos, criminalizando e reprimindo os movementos sociais con multas, paos e ata o cárcere.

Desmantelan o pouco transporte público e colectivo que temos, construindo irracionais infraestruturas para o transporte privado, como as autovías ou o elitista AVE.

Saquean a nosa saúde, intentando privatizar a sanidade. Impoñendonos o negocio das farmaceuticas. Fomentando o cultivo de transxénicos e a utilización de agro-tóxicos. Contaminando o medio coa incineración e aterramento de residuos, centrais térmicas e industrias sucias. Contaminando acuíferos, ríos e rías por falta de depuración. E instalando industrias perigosas que arriscan a vida da poboación en caso de accidente.

Depredan o litoral, construíndo recheos nas rías para crear polígonos industriais sobre o mar ou para protexer portos deportivos que utiliza unha minoría e privatizan a costa. Instalando piscifactorías e gaiolas para cria e engorde industrial de peixes artificiais. E desenvolvendo un aberrante e caótico urbanismo que infecta toda a costa.

Espolian os espazos naturais, que deberian estar protexidos polo seu valor natural ou a súa vulnerábel biodiversidade, onde permiten construcións e actividades de todo tipo que os van degradando, sendo o pais con menos espazos naturais protexidos do Estado.

Usurpan o dereito á participación cidadá na toma de decisións, apuntalando a precariedade democrática, a corrupción xeneralizada do sistema e posibilitando a impunidade dos que abusan da cidadanía. Utilizan o parlamento para debater diferencias persoais ou partidistas, sin atender aos problemas da sociedade, como as 70.000 familias galegas sen ningún ingreso.

Desmantelan as nosas paisaxes, Con aberracións urbanísticas, polígonos industriais, infraestruturas viarias irracionais, infraestruturas enerxéticas, canteiras, minas, louseiras, concentracións parcelarias, e campos de golf, que poñen en perigo o equilibrio ecolóxico e a biodiversidade.

Saquean o noso futuro, Roubándonos as pensións. Repartíndose o diñeiro publico entre as grandes empresas e bancos. Privatizando todos os servizos sociais, aumentando o número de persoas sen recursos. Apostando por un irracional sistema económico baseado no consumo e o crecemento ilimitado.

Depredan os océanos, Mediante unha pesca industrial que esquilma os bancos de peixe roubando os recursos dos países empobrecidos e impoñéndolles unhas relacións de prepotencia, insolidarias e inxustas.

Espolian outros países, asasinando, sometendo e violando os dereitos humáns das suas xentes mediante invasións e guerras imperialistas para apoderarse de todos os seus recursos, sobre todo os mineiros e enerxéticos.

Usurpan o noso dereito a información, Controlando os grandes medios de comunicación, pagados con cartos públicos e a servizo do poder político e económico.

Desmantelan a división natural do pais en comarcas, afondando ainda máis os desequilibrios territoriais entre o interior e a costa, o rural e o urbano, concentrando masivamente a poboación en grandes cidades e areas metropolitanas centralizadoras, artificiais e insostíbeis.

Saquean os nosos dereitos máis básicos, intentando privatizar o agua ou as sementes, considerandoas como mercadoria e permitindo que sexan acaparadas por intereses privados.

Depredan os nosos ríos, Cunha sobreexplotación hidroeléctrica, que crea barreiras artificiais. Disminuindo o seu caudal cunha rede de abastecimento ineficaz para un uso derrochador do auga. Utilizandoos como sumidoiros naturais de aguas residuais e industriais que acaban coa súa biodiversidade.

Espolian o pequeno comercio, Coa proliferación de grandes centros comerciais e macropolígonos empresariais, que desestruturan o territorio e perxudican á vida dos barrios e pobos.

Usurpan o noso dereito á vivenda cun urbanismo baseado na especulación, convertendo unha necesidade social nun negocio. Aprobando planos xerais que chegan a triplicar o número de vivendas en vilas e cidades, nun pais con decrecemento da poboacion.

Desmantelan a nosa soberania alimentaria, desprotexendo os nosos sectores produtivos tradicionais como o agro, a gandeiria, a pesca de baixura e o marisqueo.

Estes individuos que Saquean, depredan, espolian, usurpan e desmantelan a nosa terra teñen nome e apelidos e forman a clase política corrupta de todas as administracións, banqueiros, e empresarios sen escrúpulos e xuíces e fiscais comprados. Son culpábeis de enriquecerse a base de depredar o territorio e empobrecer a nosa xente, culpábeis de cobiza insaciábel, culpábeis da nosa escravitude e de por en marcha e manter de xeito forzado este sistema insostíbel, culpábeis, en definitiva da nosa ruína.

Por un cambio de modelo economico e social, baseado na xustiza, na solidariedade entre as persoas e os pobos, na harmonia coa natureza, no equilibrio entre o uso dos recursos naturais e a súa proteción e no respeto pola nosa cultura e todas as demais.

Parecen moitos, pero nós somos máis, parecen fortes pero precisan de nós.

Por un futuro que é o noso: movámonos, informémonos, xuntémonos, resistamos, rebelémonos, loitemos, denunciemos, defendamos, mobilicémonos, imaxinemos, creamos, traballemos, actuemos, fagamos posible esta terra viva e vida digna que todos e todas queremos.

GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE

Rede Galiza Non Se Vende
http://galizanonsevende.org/
info@galizanonsevende.org
___________________

venres, setembro 03, 2010

"Galiza precisa un cambio radical na xestión do monte" ... a Rede Galiza Non Se Vende, ante a vaga de lumes ... esixe responsabilidades e un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia



GALIZA NON SE VENDE

MANIFESTO CONTRA OS LUMES FORESTAIS

Este ano 2010, como todos os das últimas décadas, volve ser negro para os montes galegos, e mesmo tráxico, coa morte de dous traballadores da loita contra o lume.

Galiza perdeu o bosque orixinario que a cubría enteira. Perdeuno século a século, co avance da agricultura e da gandeiría, como ocorreu en casi todo o mundo. Daquel bosque quedan, tan só, algúns vestixios. Sen embargo, as árbores ocupan dous terzos do territorio galego. É a masa forestal da repoboación do franquismo, que invadiu os pastos e as terras de labor con especies arbóreas alóctonas e pirófitas, que acabou nunha década cun sistema agrogandeiro que levaba funcionando séculos, e que acabou, tamén, con valiosos reductos de árbores autóctonas.

Esta masa forestal de máis de 600 millóns de árbores, é na súa meirande parte un cultivo forestal abandoado. Pero tamén un tesouro económico de 28.000 millóns de euros, do que, sen embargo, apenas se tira rendemento. Só o nove por cento da superficie forestal de Galiza está cuidada e explotada comercialmente. Malia ser unha das comunidades con máis masa arbórea, Galiza ocupa os últimos postos en termos de investimento no sector forestal.

Esta masa forestal é un enorme ecosistema, valioso por sí mesmo pero, sobre todo, necesario para unha transición que permita recuperar de forma equilibrada o bosque autóctono e, con él, a súa grande biodiversidade, o seu valor coma recurso, dada a diversificación dos seus usos, e a súa resistencia aos lumes, que fai del a mellor maneira de prevelos e combatilos.

Pero o valor ambiental desta masa arbórea tamén é desprezado. Só o 18 por cento dos bosques galegos están incluidos nunha área natural protexida pola Administración, a peor ratio do Estado. E o seu valor como paisaxe é ignorado. As masas arbóreas de calquera lugar de Galiza están desprotexidas ante o avance das actividades humanas, malia a súa cualificación como Solo Rústico de Protección Forestal, e malia a existencia dunha inoperativa Lei da Paisaxe.

Dende Galiza Non Se Vende temos que denunciar a nefasta política forestal practicada, goberno tras goberno, dende a Xunta de Galiza. Unha política cegamente economicista e allea ao mundo rural que, por unha parte, abandoa o monte e, por outra parte, continúa a práctica franquista da repoboación forestal con especies alóctonas e pirófitas, que fan da masa arbórea unha tea inmensa que en calquera momento pode arder.

A política de eucaliptización beneficiou, e beneficia, dende hai décadas, a uns poucos empresarios a costa da degradación do noso medio natural, non só mediante o cultivo forestal, senón tamén mediante o lume. As empresas madereiras e as industrias da celulosa obteñen grandes beneficios dos incendios forestais, debido ao baixo prezo da madeira queimada, que chega, incluso, a saír de balde, co falso argumento de que recoller a madeira equivale e limpar e sanear o monte. É curioso que as plantacións destas empresas nunca se queiman.

Tamén buscan beneficio, malia a restricción da Lei de Montes sobre a súa recualificación tras un incendio, as empresas enerxéticas do sector eólico, as empresas da canteiría, as empresas industriais e incluso as empresas inmobiliarias e construtoras. O resultado é que máis do 90 por cento dos lumes forestais en Galiza son intencionados.

A catástrofe incendiaria que vivimos dende hai décadas provoca perdas económicas e sociais, ás veces tráxicas. Pero tamén provoca unha gravísima alteración do ecosistema forestal, e do solo que é o seu soporte, e dos acuíferos, e dos regatos, e das augas das rías, e dos seres vivos que os habitan. E tamén provoca unha grave perda de patrimonio arqueolóxico.

Arde o monte e con cada lume desaparece a vexetación que ampara e fixa a terra, que será arrastrada polas chuvias, invadindo os ríos e as rías, e colmatando as lagoas e os encoros, e acabando cos seres vivos destes ecosistemas. O monte queda desertizado e as súas posibilidades de rexeneración, quedan imposibilitadas durante milleiros de anos.

Con cada lume carbonízase a flora e morren abrasados, ou desprazados do seu territorio, os seres vivos que habitan o monte.

Con cada lume quéimase unha parte de nós, porque somos parte desta terra, e respiramos o osíxeno que produce a vexetación dos nosos montes.

Con cada lume quéimanse e desaparecen os filtros naturais dos nosos acuíferos que nos regalan a imprescindible auga potable, e que aínda hoxe, como antano, son o única fonte de abastecemento en centos de parroquias.

Con cada lume desaparecen centos de restos arqueolóxicos, moitos aínda sen estudar, moitos, incluso, descoñecidos, víctimas do desprezo dos nosos gobernantes polo noso patrimonio cultural e pola nosa propia identidade.

Con cada lume prodúcese unha gravísima perda ecolóxica e cultural que nunca aparece nas cuantificacións de danos.

O fenómeno incendiario constitúe, en suma, un atentado ecolóxico e cultural que se repite ano tras ano ante a pasividade dos responsables da Xunta de Galiza, cómplices, por acción ou por omisión, desta catástrofe ambiental.

Para colmo, os medios para luitar contra o lume son unha parodia do que deberían ser. A inexistencia de políticas dinamizadoras do rural provoca a falla de implicación da veciñanza (mesmo pola súa inexistencia) na vixiancia e loita contra o lume e poñen en perigo a vida das traballadoras e traballadores das brigadas contraincendios, que traballan con escasa formación, con medios precarios, en condicións extremas, durante xornadas abusivas, e sen medidas eficaces de prevención de riscos. Así hoxe temos que lamentar a morte dos dous traballadores veciños de Nigrán e Tomiño que perderon a vida apagando un lume en Fornelos con poucos medios, nunha actuación descoordinada e sen ter recibido a debida información sobre o lume e o terreo afectado.

Por isto, dende Galiza Non Se Vende manifestamos a nosa indignación ante a incompetencia demostrada, unha vez máis, polo goberno galego, que ten a obriga de prever os desastres ecolóxicos, minimizar as súas causas e facer fronte aos seus efectos; minimizar os riscos laborais que causan mortes, e garantir unha información obxectiva e fluída á cidadanía e aos axentes sociais involucrados no terrible e persistente problema dos incendios forestais.

Como remate, a Xunta actual practíca unha política expresa de manipulación informativa e falla de transparencia, ocultando os datos sobre o número de focos de lume e as superficies queimadas. Deste xeito, a cidadanía non pode saber canto se queima, onde, cando, como, nin por quén, nin os medios dipoñibles para as intervencións contra o lume, nin os medios realmente necesarios. A Xunta intenta minimizar os efectos dos incendios para ocultar a súa propia incompetencia na politica forestal e na loita contra o lume.

Galiza precisa un cambio radical na xestión do monte. Galiza precisa revitalizar o rural, recuperar a actividade agrogandeira e recuperar o bosque autóctono nunha transición equlibrada e sustentable. E, durante esa transición, os lumes han de ser previdos e combatidos con medios e medidas eficaces, e a cidadanía debe ser informada con transparencia.

Ésta é a responsabilidade da Xunta de Galiza, e ésta é a responsabilidade que lle esiximos.

  • POLO MAL GOBERNO DA XUNTA DE GALIZA
  • POLA SÚA NEFASTA POLÍTICA FORESTAL
  • POLA SÚA INCOMPETENCIA E INOPERATIVIDADE
  • ESIXIMOS RESPONSABILIDADES
  • ESIXIMOS UN CAMBIO RADICAL NA XESTIÓN DO MONTE
  • GOBERNE QUEN GOBERNE, O NOSO MONTE NON SE VENDE
  • TERRA VIVA E DIGNA PARA TOD@S.
Rede Galiza Non Se Vende

http://galizanonsevende.org/
__________________

martes, marzo 23, 2010

Vídeo da manifestación de "Galiza Non Se Vende", celebrada este Domingo 21 de Marzo de 2010

Este Domingo 21 de Marzo de 2010, máis de mil persoas secundaron a convocatoria da Rede Galiza Non Se Vende, na defensa do territorio por un outro modelo económico non productivista, pola defensa do litoral, por unha ordenación racional do territorio, pola nosa soberanía alimentaria e enerxética, por outro modelo de transporte, ... Máis unha vez berrou-se: GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE !!!


___________

Enlace relacionado:

http://galizanonsevende.org/
____________________

venres, marzo 19, 2010

Recordatorio de que o próximo Domingo 21 de Marzo temos unha cita importante ás 12 do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela


Querid@s tod@s,
este é un recordatorio de que o próximo domingo 21 de Marzo temos unha cita importante ás 12:00 do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela, a onde nos convoca a Rede-GNSV, á que nós pertencemos, e coa que vimos reclamando o noso dereito a outro modelo de sociedade máis xusto e solidario baseado no respecto ás persoas e ao noso medio natural.

Ademais, e organizada por unha comisión de compañeir@s da Rede, estes últimos meses hai unha Caravana Festivo-reivindicativa que vén percorrendo distintos puntos de Galicia a fin de informar das distintas problemáticas que procuramos abordar e de animar ao maior número posible de cidadáns a que se unan a esta gran mobilización e a que acudan ao último concerto desta Caravana que se celebrará na mesma tarde da manifestación na Sala Nasa de Santiago de Compostela coas actuacións de:
  • O Sonoro Maxín
  • Pallas@s en Rebeldía
  • Pandeireteiras de Bouba
  • Sacha na Horta

Acudide e difundide esta convocatoria

  • Pola defensa do litoral
  • Por unha ordenación racional do territorio
  • Pola nosa soberanía alimentaria e enerxética
  • Por outro modelo de transporte
  • GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE !!!

Terra viva e vida digna para tod@s !!!

Apertas,
Mabel&Enrique.

Enviado por:
Mabel
-mriver@fundaciongaliciaverde.org-
19 de março de 2010 00:38
___________________

Enlace relacionado
:

Ártabra 21: Manifestación Nacional en Compostela "Contra a destrución do territorio": Domingo 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía na Alameda




[Foto da Primeira manifestación da Rede Galicia Non Se Vende en Febreiro de 2008]
__________________________

martes, marzo 16, 2010

Manifestación Nacional en Compostela "Contra a destrución do territorio": Domingo 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía na Alameda

Este 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía, desde a Alameda de Compostela, sairá unha Manifestación Nacional baixo o lema "Contra a destrución do territorio", convocada pola Rede Galiza Non Se Vende.

Cando se cumpre un ano do cambio de goberno da Xunta, comprobamos que goberne quen goberne, gaña o produtivísimo. O goberno do PP, como os anteriores, segue o imposíbel camiño do crecemento indefinido: producir máis para consumir máis, quimera inviábel nun planeta con recursos limitados.

Os recursos naturais son postos ao servizo dos intereses económicos e das grandes empresas, subvencionadas con cartos públicos, mentres que aumenta o desemprego e pechan os pequenos negocios.

Intentan manter un modelo que non serve, que nos espreme como persoas, destroza o medio ambiente e agranda as diferencias económicas entre os pobos e entre as persoas.

A nosa lingua e a nosa cultura son menosprezadas e atacadas por un goberno que se avergoña e renega delas. A Sanidade vai camiño da privatización total. O transporte público é escaso, caro, ineficaz e está en mans privadas. As infraestruturas viarias baséanse no transporte privado contaminante e insustentábel. O noso litoral entrégase ás construtoras para o seu grande negocio especulativo. As nosas rías seguen acumulando recheos e naves industriais en primeira liña de costa e uns alarmantes niveis de contaminación. Grandes zonas costeiras son cedidas ás multinacionais piscícolas, ao mesmo tempo que a pesca industrial arrasa os océanos e o marisqueo e a pesca de baixura tradicionais van sendo desmantelados. Cultívanse transxénicos nas nosas leiras, mentres se fomenta a desaparición do noso agro. A ordenación do territorio é inexistente, o que provoca graves diferencias entre o interior e a costa. Louseiras e mineiras estragan as zonas mellor conservadas. A política forestal promove os cultivos de especies alóctonas e invasoras que sementan o país de incendios. O urbanismo caótico proxectase en función dos intereses económicos. A xestión de residuos basease na contaminante incineración. Industrias perigosas e contaminantes seguen funcionando irresponsabelmente...
  • É o tempo de unirnos todos e todas e paralizar as agresións á vida e á Terra!
  • É o tempo de esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión que lle afectan directamente. É hora de que se teñan en conta aos colectivos sociais e á cidadanía.
  • É hora de saír á rúa e reclamar outro modelo económico e social.
  • Tod@s a Compostela o domingo 21!!!
  • Pola defensa do litoral.
  • Por unha ordenación racional do territorio
  • Pola soberanía alimentaria e enerxética
  • Por outro modelo de transporte
Ese mesmo día ás 17:00 da tarde na Sala Nasa de Compostela, última parada da II Caravana reivindicativa de GNSV, na que actuarán: Pallasos en Rebeldía, Pandereteiras Bouba, Sacha na Horta e O Sonoro Maxín.

GALIZA NON SE VENDE!!!

Terra viva e vida digna para tod@s

http://galizanonsevende.org/
info@galizanonsevende.org
____________________________

xoves, febreiro 25, 2010

6º concerto da II Caravana Reivindicativa de Galiza Non Se Vende en Pontedeume: Sábado 27 de Febreiro de 2010



Pontedeume: 6º concerto da II Caravana Reivindicativa de Galiza Non Se Vende

CARAVANA GNSVPONTEDEUME:

Sábado 27 de Febreiro:
Ás 19:00 hh. Pasaruas pola vila.
Ás 21:00 hh. Concerto no Centro Social Ocupado A Casa da Estación onde actuarán:
  • Xorxe Mirancos Cantor música galego-portuguesa
  • Tonhito de Poi Rock
  • Mencer Vermelho Rock oi

Colaboración 3 Euros

Esta Caravana, que está percorrendo as principias vilas e cidades de Galiza, rematará o 21 de Marzo, cunha grande manifestación en Compostela, que sairá ás 12 da mañan da Alameda, en contra da destrución do territorio (a terra, o mar, o aire, os ríos… e os recursos naturais todos). Porque sin territorio non hai vida, non hai cultura, non hai música, non hai nada.

  • Por un Plan do litoral que protexa toda a nosa costa.
  • Por unha ordenación racional do terrtorio.
  • Pola defensa dos sectores primarios: Soberania alimentaria e enerxética.
  • Por outro modelo de transporte.
  • Goberne quen goberne Galiza Non Se Vende
  • Terra viva e vida digna para tod@s

http://www.myspace.com/caravanagalizanonsevende

Fonte: http://galizanonsevende.org/?p=918
_________________________

martes, febreiro 02, 2010

A Segunda caravana Reivindicativa de Galiza Non Se Vende chega a Pontedeume que será a súa terceira parada: Sábado 6 de Febreiro de 2010


PONTEDEUME: 3º parada da II Caravana reivindicativa de GNSV

PONTEDEUME 3º CONCERTO DA II CARAVANA REIVINDICATIVA DE GALIZA NON SE VENDE

    Sábado 6 de Febreiro ás 21:00 no Centro Social Ocupado "A Casa da Estación"

    Actuarán:

    * Inllorfeis - HardCore/ Punk desde Corrubedo
    * Los Krasta - Punk desde Ribeira

    Colaboración : 2 euros

    Esta Caravana, que percorrerá as principias vilas e cidades de Galicia, rematará o 21 de Marzo, cunha grande manifestación en Compostela en defensa do territorio.

    A clase política é culpabel da catástrofe ambiental que sofre a nosa terra. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos. Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenvolvemento, crecemento… engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra “sostibel”. En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan. Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e a deixar miseria como herdanza ás próximas xeracións.

    É hora de pararlles os pés a esta panda de corruptos

    Goberne quen goberne Galiza Non Se Vende

    Terra viva e vida digna para tod@s

    http://www.myspace.com/caravanagalizanonsevende
    http://galizanonsevende.org/

    Enviado por:
    Edi -duarteferrin@gmail.com-
    2 de fevereiro de 2010 21:12
    ________________________

    xoves, xaneiro 14, 2010

    Manifesto en defensa da lingua da Rede Galiza Non Se Vende: "Goberne quen goberne a lingua non se vende"


    Dende Galiza non se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto de galego do PP, un decreto contrario á normalización da nosa lingua, porque recorta os dereitos das persoas galegofalantes e prohibe o labor de normalización lingüística de toda a cidadanía, que temos dereito a usalo, por ser o noso idioma, a lingua galega.

    Unidos en contra da destrución e privatización das nosas Rías, dos nosos montes, así como daqueles espazos que foron dende sempre para nós, escenario e soporte da vida, paisaxe e fogar no noso camiñar galaico, asistimos agora a un novo golpe a nosa extraordinaria diversidade, da man outra vez dun decreto, o decreto do galego.

    Este decreto, como outros, pon de manifesto, o absoluto descoñecemento e respecto á realidade do noso país e da nosa cultura, por parte de quen nos goberna. Debendo ter o goberno galego o claro obxectivo de protexer a nosa lingua, a única que corre perigo de extinción, ao non facelo, GNSV vese na obriga de denunciar esta actitude prepotente e destrutiva do noso patrimonio.

    Non recoñecer a desigualdade do galego ante as outras linguas e tratalas como se partiran da mesma posición, coloca ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.

    Para nós non hai a máis mínima dúbida da necesidade dunha protección especial para a nosa lingua, que se atopa nunha situación de desigualdade que pode conducir á súa desaparición, mais dende os distintos gobernos nunca houbo unha clara intención, de facer do galego a lingua vehicular do noso país que é o único camiño da normalización.

    Para os colectivos que formamos parte de GNSV, como galegas e galegos, e conscientes da nosa identidade, sabemos que o galego é unha lingua máis, nin mellor nin pior que outras, e tamén como outras, creada dende a convivencia ao longo do tempo das persoas integrantes dun pobo, polo que tamén é patrimonio da humanidade, así que por iso, non podemos consentir o que están a facer con ela.

    A língua é a construción social que nos mantem unidos no mais importante proxecto colectivo da nosa historia, porque é agora e aqui: sermos unha sociedade sustentabelmente relacionada con o seu contorno, tanto biolóxica como culturalmente.

    A nosa língua é unha ferramenta que nos manten apegados á nosa terra e ao mundo nunha actitude activa, participativa, criativa.

    E asi como o noso contorno natural é como calquera outro do planeta, nen mais nen menos, -único, valioso, aberto- a enriquecer o puzle mundial con outros milleiros de pezas, asi a nosa língua -con a que construímos o noso pensamento- é a nosa aportación mais valiosa á cultura universal.

    Se nos rouban a terra róubannos a língua. E viceversa. Se destruen a terra, destruen a nosa cultura. Porque a perda da língua afasta-nos do noso contorno natural. A língua defende a nosa sociedade das agresións. A língua constrúe sustentabelmente o país. A língua, como principal construción socio-cultural, fai-nos mais sensíbeis socialmente. A língua, como a natureza, fai-nos avanzar socialmente. A língua e a natureza son as chaves do desenvolvemento da Galiza. Só temos que utiliza-las.

    Como rede apartidaria, non xerárquica e aberta a todos os colectivos, entendemos que o territorio, como a lingua, son bens polos que temos que loitar de xeito desinteresado e colaborar na súa conservación como bens comúns que son, así como na súa transmisión ás novas xeracións.

    Neste sentido dende GNSV defendemos o incumprimento desta nova norma do galego, co obxectivo de facer do noso pobo, un pobo respetuoso co seu territorio, e defensor da súa cultura e da súa riqueza lingüística.

    Non vamos consentir que sigan destruíndo, privatizando ou especulando coas nosas Rías, co noso mar, coa nosa paisaxe nin coa nosa forma de vida. En contra dunha sociedade uniforme, defendemos a diversidade como único xeito de construír unha democracia participativa, así como tampouco consentiremos unha agresión máis ao noso idioma.

    Por todo isto mostramos o noso total apoio á manifestación convocada, por diversas organizacións, para o día 21 de Xaneiro ás 12:00 na Alameda de Compostela reivindicando un ensino en galego.

    Hoxe máis que nunca, queremos dicir con voz forte e clara:

    Goberne quen goberne A LÍNGUA NON SE VENDE!!!

    Xaneiro 2010

    Galiza Non Se Vende

    http://galizanonsevende.org/
    ________________________________

    Enlaces relacionados:

    Plataforma Cidadá Queremos Galego

    Ferrol-Fala-Galego



    Galego Sempre Mais

    Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega

    ______________________________________

    martes, xullo 21, 2009

    Brutal intervención da Guardia Civil en Cangas - Massó: 16 persoas detidas

    Galiza Non Se Vende. 20 de xulho 2009. Cangas

    BRUTAL INTERVENCIÓN DA GARDA CIVIL EN CANGAS - MASSÓ

    DEZASEIS PERSOAS DETIDAS

    Hoxe en Cangas, unha vez máis, a intención de reiniciar as obras en Massó tinguiuse de violencia e represión, pero desta vez rebasou tódolos límites. Dende primeira hora da mañá, numerosas veciñas e veciños de Cangas, e membros de colectivos sociaise e ecoloxistas, que facían garda no Salgueirón, como cada mañá, para impedir as obras ilegais do porto deportivo de Massó, foron agredidos violentamente e detidos pola Garda Civil.

    A rede Galiza Non Se Vende amosa a súa indignación por este novo acto autoritario, que criminaliza toda protesta lexítima en defensa dos valores da ría, e denuncia que, unha vez máis, a Garda Civil está a protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto sociambiental, en vez de protexer e tutelar o interés xeral e colectivo e o respecto á legalidade vixente.

    A DESTRUCION DA RIQUEZA COMUN

    Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

    A ILEGALIDADE COMO MEDIO, A REPRESION COMO SISTEMA

    As ilegalidades e irregularidades que rodean este proxecto son de enormes magnitudes. Baste dicir, por mor da brevedade, que a empresa construtora chegou a inscribir no Rexistro da Propiedade de Cangas como pleno dominio un espazo de dominio publico maritimo terrestre.

    Esta mañá varios camións e escavadoras, sen ningunha licenza para tal actividade, pretendían acceder pola zona da Torre (inmediacións do edificio principal da antiga factoría de Massó) ao punto de vertedura de entullos fronte á fábrica para poder seguir executando as obras. Unhas 15 persoas que tentaban de forma pacífica (nunha sentada) impedir o acceso dos camións que non contaban con licencias foron desaloxadas violentamente e agredidas pola Garda Civil, e varios resultaron feridos. Unha ambulancia recollía a un membro do Foro Social de Cangas tras recibir unha forte agresión nunha perna recentemente operada.

    Despois da carga da Garda Civil, nun clima de tensión e nerviosismo, leváronse a cabo numerosas detencións (16 persoas) baixo cargos ficticios, para evitar que seguiran as protestas e entorpecementos das obras, que ata agora foran paralizadas.

    Entre os detidos están numerosos activistas de colectivos integrantes da rede Galiza Non Se Vende: Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras; Sangabriel, do Foro Social de Cangas, agredido cun porrazo na cara; Edi, de Bouzas Móvete, agredido e esposado; Sabela, de Verdegaia, agredida e lesionada nunha perna; Pichi, de Luita Verde; Pasatem, de Caleidoskopio; Pipas, de Fuga em Rede; Iria, da Ría Non se Vende; todos eles inmobilizados de forma violenta e detidos sobre as doce do mediodía. Da mesma forma, detiveron a Marichu Álvarez, do grupo municipal ACE do Concello de Cangas. A moitos dos detidos os trasladaron esposados ate os furgóns como se de criminais se tratase. A indignación veciñal por estas detencións supuso a unánime repulsa e a enérxica protesta dos alí presentes (20-30 persoas), grupo que aumentaba en número pola chegada de novos veciños que secundaban a protesta e apoiaban aos compañeiros e compañeiras detidas.

    Sobre a 13 horas, a maquinaria pesada seguía intentando acceder á zona a pesar das protestas. O concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que chegou ao lugar cando tivo coñecemento dos feitos, ordeou a paralización de toda maniobra da maquinaria pesada.

    Malia a represión que os colectivos, veciñas e veciños en defensa da ría e do territorio están a sufrir por parte das forzas e corpos de seguridade ao servicio de proxectos privados, a defensa de Massó --convertida xa en símbolo da loita polo respecto á terra-- seguirá viva e non permanecerá impasible ante calquera agresión.

    Esta tarde, a rede Galiza Non Se Vende convoca a unha concentración en Cangas en apoio aos detidos, privados de liberdade por defender os valores da ría e o interese público; e por tentar impedir a execución dun proxecto ilegal, destrutor de postos de traballo e devastador do medio.

    UNHA INOPERANCIA XUDICIAL SELECTIVA

    Desde hai catro anos a Confrarìa de Pescadores "San José" de Cangas ten interposto un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra estas obras, que vulneran a concesiòn estatal que esta confrarìa ten para faenar nesas augas. Ese Tribunal denegou a paralizaciòn cautelar das obras, denegaciòn que foi recorrida polo pòsito cangués hai xa tres anos ante o Tribunal Supremo. Ambolosdous contenciosos durmen nalgunha estanterìa de tan altos tribunais. En cambio, os xulgados son ràpidos à hora de practicar dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto.

    SUBDELEGADO DO GOBERNO... ¿OU GOBERNADOR CIVIL?

    DESTITUCIÓN

    A Rede Galiza Non se Vende denuncia a utilizaciòn da Garda Civil como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares, contrarios ao ben común, que destrúen a riqueza do noso mar e a nosa terra. Polo tanto, e ESIXE A INMEDIATA DESTITUCIÒN DO ACTUAL SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA, DELFÌN ALVAREZ, por estes e por outros feitos xa anteriormente denunciados, intolerables nun estado pretendidamente democrático, que nos transportan a tempos pasados e o fan merecedor do antigo nome de "Gobernador Civil y Jefe Provincial del Movimiento"

    ¡NON AO PORTO DEPORTIVO DE MASSÓ!

    A rede Galiza Non Se Vende esixe, asemade, a inmediata paralización das obras e a retirada deste proxecto ilegal, fruto da especulación urbanística, que destrúe o medio natural; as actividades sustentables e os postos de traballo a elas asociadas; o patrimonio cultural e a identidade mesma de Cangas e de Galicia.

    ¡LIBERDADE INMEDIATA PARA OS DETIDOS!

    Os 16 detidos mantiveron a dignidade diante de quen carece dela, e negáronse a declarar perante a Garda Civil. Sobre as 20.45 horas foron liberados 10 deles, baixo a obriga de acudiren a declarar cando lles sexa requirido. Os outros 6 foron trasladados a Pontevedra, obrigados a pasar alí a noite antes de seren trasladados mañá ao xulgado. Resulta moi revelador do proceder do subdelegado Álvarez o feito de que os 6 sexan cangueses, a metade deles do Foro Social de Cangas. Entre eles está Ricardo, o recentemente operado da perna onde hoxe sufriu unha brutal patada, e que foi atendido nunha ambulancia. Fixéronlle unhas placas e déronlle un calmante. E levárono.

    Resulta moi alarmante o rumor de que algúns deles van ser acusados de... ¡ATENTADO!.

    De isto confirmarse, significaría que o estado tenta empregar técnicas policiais e xudiciais de loita antiterrorista para desactivar os movementos sociais. Significaría, que en lugar de evoluír cara a sustentabilidade e a democracia participativa, o estado involuciona cara a unha neodictadura ao servizo do capitalismo neoliberal. Evolución que os cidadáns deste estado pretendidamente democrático non podemos, nin debemos, nin imos tolerar, porque, alén da natureza, a cultura e a xustiza social, a nosa mesma liberdade está en perigo.

    Polo tanto, e mentras preparamos as denuncias pertinentes, ESIXIMOS A INMEDIATA LIBERDADE DE TIAGO, SANGABRIEL, RICARDO, MARICHU, SÉ E IRIS.

    CANGAS NON SE VENDE

    A RÍA NON SE VENDE

    GALIZA NON SE VENDE
    _________________

    xoves, xuño 18, 2009

    Sábado 20 de Xuño Manifestación en cangas na defensa do Salgueirón: Non ao Porto deportivo de Massó



    O vindeiro Sábado 20 de Xuño, ás 8 da Tarde manifestación desde a Alameda Vella de Cangas até o Salgueirón.

    SOS Massó non á construción do Porto Deportivo, na defensa do Salgueirón

    Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, ostra, navalla... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

    En terra este proxecto busca especular con 200.000 m2 para a construción de vivendas de luxo, hoteis e un centro comercial. Moitos deses metros cadrados son de dominio público, outros zona industrial e unha boa parte está cualificada como espazo natural protexido: Espazo Natural Barra–Cabo home.

    Desde hai máis de tres anos a oposición veciñal artellada en torno ao Foro Social de Cangas evitou o inicio das obras coa súa presencia e vixianza diaria no lugar para impedir o paso das máquinas, resistindo sempre pacificamente. Tres anos. Tódolos días. Pacífica e pacientemente.

    Desde o pasado luns día 25 de maio, seis furgóns da Garda Civil e máis de 20 axentes están a protexer o desenvolvemento dos traballos dunha obra manifestamente ilegal.

    A loita de Cangas na defensa do espazo natural de Massó é un gran símbolo e a súa resistencia durante tres anos un exemplo.

    CONVOCAN:

    Enviado por:
    foro social de Cangas
    -forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es-
    18 de junho de 2009 13:17

    ________________

    sábado, xuño 06, 2009

    Así foi a Manifestación - Roteiro de Ferrol contra a Planta de Gas de REGANOSA


    Onte, Venres, 5 de Xuño de 2009, tiña lugar o Roteiro - Manifestación convocado pola Rede Galiza Non Se Vende, co berro unitario: Planta de Gas Fora da Ría !, ás 8 da Tarde saía desde a Praza Amada García, nas inmediacións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, non sen antes sinalar a un dos responsábeis do despropósito gasístico: a Xunta de Galicia. Ademais de socio de REGANOSA, foi a institución que aprobou unha efímera, irresponsábel e ilegal declaración de efectos ambientais, negando a necesaria avaliación de impacto ambiental do proxecto. Dúas sentenzas do TSXG xa se pronunciaron contra a tramitación ambiental da Xunta de Galicia. Ademais de asinar un documento "secreto", chamado Convenio de Colaboración, o 20 de xullo de 2000, polo Sr. Fraga representando á Xunta e outros cinco socios de Reganosa [Grupo Tojeiro, Endesa, FENOSA, Caixa Galicia e Sonatrach], cunha cláusula de confidencialidade para ocultar detalles comprometidos do mesmo. Con ese documento a Xunta acordou participar cun 10% de capital de Reganosa, pero ademais comprometeu-se para a obtención dos permisos e licenzas da súa administración ou doutras, tamén para asegurar a viabilidade económica no caso de que existan problemas de rendibilidade e para facilitar axudas públicas.

    A marcha continuou polas sedes e locais de Caixa Galicia, Unión Fenosa, Gadisa do Grupo Tojeiro, Caixa Nova, Banco Pastor e rematando no Porto de Ferrol diante da Autoridade Portuaria. En todos estes lugares houbo intervencións de representantes de diferentes colectivos da Rede [onde se mencionaron a defensa do litoral contra o urbanismo salvaxe e as industrias contaminantes, a soberanía alimentaria, o conflito de Massó contra a construción do porto desportivo, ...] , o comunicado final foi leido polo compañeiro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Alexandre, mais antes tivo unha merecida lembranza para o compañeiro Santiago Torrente que morrera o pasado 23 de Marzo. Esta é unha mobilización máis contra o despropósito de permanencia dunha Planta de Gas no corazón da nosa Ría. Polo desmantelamento de REGANOSA, por ilegal e perigosa, por ameazar a nosa vida e seguridade, porque empobrece a Ría, e porque foi construída utilizando a corrupción política, o engano e a manipulación, só por intereses espúreos, económicos e políticos, duns poucos ricos, poderosos e covizosos. A loita continua !


    Galería do: CA21

    Galerías Fotográficas da Manifestación-Roteiro:
    Rádio FilispiM emiteu, en directo, un programa especial cubrindo a Manifetación-Roteiro ao que se pode acceder ou descargar desde este enlace:
    ______________

    Descargar o arquivo

    ______________
    O programa repetira-se os Domingos 7 e 14 de Xuño a partir das 17:00 hras, pode-se escoitar no 93.9 da FM en Rádio Filispim.
    __________________

    luns, xuño 01, 2009

    Manifestación da Rede "Galiza Non Se Vende" en Vigo, celebrada este Domigo 31 de Maio


    Moitas persoas de decenas de colectivos de toda Galiza, marcharon polas rúa de Vigo para denunciar os contínuos maltratos e agresións que soporta o noso litoral, fruto da especulación salvaxe e deste modelo depredador de crecemento economico ...


    Fonte: gzvideos

    "A privatización e venta da nosa costa, das nosas rías, do noso vento, dos nosos montes, dos nosos rios, do Courel, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en beneficio de só duns poucos. Privatizando beneficios e socializando as perdas"...

    Enlace de interese:
    http://galizanonsevende.org/

    _________

    O vindeiro Venres, 5 de Xuño, vemo-nos en Ferrol, contra a Planta de Gas, nunha Manifestación - Roteiro para denunciar o despropósito de permanencia dunha Planta de Gas no corazón da nosa Ría. Manifestremo-nos polo desmantelamento de REGANOSA, por ilegal e perigosa, por ameazar a nosa vida e seguridade, porque empobrece a Ría, e porque foi construída utilizando a corrupción política, o engano e a manipulación, só por intereses espúreos, económicos e políticos, duns poucos ricos, poderosos e covizosos. A saída da Manifestación - Roteiro, será ás 8 da Tarde desde a Praza Amada García, diante do Edificio Administartivo da Xunta de Galicia.

    Enlace de interese:
    comitecidadan.org

    ___________________

    domingo, maio 24, 2009

    A Rede "Galiza Non Se Vende" convoca mobilizacións en Vigo e Ferrol na defensa do medio ambiente por un outro modelo subtentábel

    [Clicar acima do cartaz para ampliar]

    Desde Galiza Non Se Vende queremos denunciar os contínuos maltratos e agresións que soporta o noso litoral, fruto da especulación salvaxe e deste modelo depredador de crecemento economico, que equipara medre e benestar social.

    Por desgraza, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais para reducilos a mera condición mercantil. Os costes deste desenvolvemento económico son a destrucción da natureza.

    A privatización e venta da nosa costa, das nosas rías, do noso vento, dos nosos montes, dos nosos rios, do Courel, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en beneficio de só duns poucos. Privatizando beneficios e socializando as perdas.

    Deste modelo cego e xordo non se libra o litoral onde se construen recheos dentro das rías que estragan a súa grande riqueza; onde se instalan polígonos industrias sobre o terreo gañado ao mar ou en primeira liña de costa realizando desmontes; onde se instalan as industrias mais perigosas como Reganosa ou máis contaminantes como Ence; onde empresas e industrias de todo tipo verten os seus refugallos directamente ao mar xunto coas aguas residuais urbanas, as veces pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan contaminando as rías e facendoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo; onde se promoven piscifactorias nos lugares mellor conservados da nosa costa artificializandoos com formigón e contaminando o mar com antibióticos para proveito de empresas transnacionais; onde se privatiza o mar e a costa com portos deportivos a esgalla que soen levar aparellados proxectos urbanisticos especulativos; onde se produce a máis salvaxe especulación urbanistica; onde se construen a meirande parte das irracionais infraestructuras de transporte; onde se destrue a identidade dos pobos e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso território; onde se crean máis campos de golf arrasando com grandes superficies de monte e contaminando com herbicidas; onde menos se respetan os espazos protexidos....

    Non é necesaria, nen imprescindible a destrucción do noso fogar común para acadar medios de vida, nin debemos basar o benestar na explotación das persoas nen a terra que habitamos, porque si asi fora estaríamos correndo o camiño do suicidio colectivo.

    Todas e todos xuntos temos que porlle freo a esta locomotora desvocada, deste falso progreso, que esta a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures. Esta “valorización” do territorio ten que distinguir xa os bens de uso, os modos de vida, do expolio e despoxo da nosa terra. Tratase en suma dunha nova mentalidade que trate o medio non como un negocio, do que se pode quitar beneficio, senon coma a nosa terra común da que todas e todos formamos parte. Vainos nelo a preservación da civilización que queremos legar ás persoas que veñan detrás de nós, non podemos tolerar máis o intolerábel.

    Por isto convocamos A unha grande manifestación nacional en Vigo o 31 de maio ás 12:00 que sairá desde a praza do concello e rematará na Praza da Estrela.

    E a un grande roteiro contra Reganosa polas ruas de Ferrol o vernes 5 de Xuño ás 20:00 desde o edificio da Xunta de Galiza.

    • ESTE MODELO TEN ALTERNATIVA
    • DEFENDAMOS O LITORAL
    • GOBERNE QUEN GOBERNE
    Rede "Galiza Non Se Vende"
    http://galizanonsevende.org/
    ___________________