Amosando publicacións coa etiqueta TTIP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TTIP. Amosar todas as publicacións

sábado, xullo 23, 2016

Denuncian a entrada na Ría, para Reganosa, dun novo gaseiro cargado con gas natural licuado procedente da fractura hidráulica (fracking) en Estados Unidos - De fondo o TTIP e a exclusión, por parte do Goberno español, do trámite de avaliación de impacto ambiental da planta de gas en Mugardos


Ás 4 da madrugada do venres 22 de Xullo, de 2016, entraba polo estreito, angosto e de pouco calado canle da ría de Ferrol, o metanero Sestao Knutsen, para a ilegal e perigosa planta regasificadora de Reganosa.

Como é habitual, sempre que entra un gaseiro na ría de Ferrol, o Comité Cidadán de Emerxencia convocou unha concentración en Ferrol, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia (Praza Amada Garcia), ante o especial da situación, era un buque gaseiro cargado con gas natural licuado procedente de fracturación Hidráulica (fracking) de Estados Unidos, relacionado co que se pretende co TTIP e a exención a Reganosa da avaliación de impacto ambiental, por parte do Goberno Español en funcións.

40 plataformas cidadás e organizacións denunciaron a chegada ao Estado Español do primeiro cargamento de gas de fracking estadounidense, e mostraron o seu apoio á convocatoria do CCE en Ferrol.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


https://youtu.be/IFgMkXmrNew


Relacionado:

Todo o publicado sobre a loita contra o despropósito gasista de Reganosa en Ártabra 21 (Desde hai 10 anos, 882 publicacións a 6 de Xullo de 2016).

___________

Enlace de interese:
Blogue sobre fractura hidráulica de Ecoloxistas en Acción.
http://fractura-hidraulica.blogspot.com.es/
_______________________

xoves, xullo 21, 2016

40 plataformas cidadás e organizacións denuncian a chegada ao estado español do primeiro cargamento de gas de fracking estadounidense, e mostran o seu apoio á convocatoria do CCE en Ferrol.


Tras a chegada do primeiro metanero con gas de fracking de EEUU a Portugal a principios da primavera [1], o próximo día 22 de xullo espérase a chegada dun segundo buque á Ría de Ferrol. Este acontecemento está cargado de simbolismo, na medida que representa o pistoletazo de saída á  importación masiva ás nosas costas de gas doutro lado do Atlántico. Segundo denuncian máis de 40 organizacións sociais e políticas [2], esta senda que iniciamos coa chegada do metanero Sestao Knutsen, impedirá de seguro o cumprimento dos xa exiguos e insuficientes obxectivos climáticos europeos, e avanza na dirección oposta ao espírito do Acordo de París.

O gas almacenarase na planta de Reganosa, que conta coa oposición veciñal desde o inicio da súa tramitación (a menos de 100 metros das vivendas). O Tribunal Supremo Español, declarouna ilegal en dúas sentencias e o goberno en funcións, acaba de renovarlle os permisos a base de eximila da avaliación de impacto ambiental.

Grazas ao pulo brindado por diversos gobernos, entre eles o español, en forma de atractivos marcos normativos e fiscais, a ameaza do fracking en Europa sigue vixente. A pesar dos abandonos por parte de diversas empresas, da oposición institucional crecente en forma de prohibicións ou moratorias, e a conseguinte redución no número de permisos solicitados ou concedidos, o fracking xa fixo unha tímida incursión no noso continente. En Polonia, fora do campo de interese das empresas a día de hoxe,  empregouse a fractura hidráulica nunha manchea de pozos. No Reino Unido o emprego da técnica en Lancashire semella inminente, despois de ter sorteado o goberno a vontade popular e municipal. No estado español, hai varios permisos en avanzado estado de tramitación, e aínda que o recente abandono por parte da empresa BNK dalgúns deles, viñeron nunha vitoria para o movemento de oposición ao fracking, a ameaza de ver os primeiros pozos perforados no estado sigue moi patente.

Porén, a maior e máis inminente ameaza de entrada do fracking no estado español e na Europa en xeral, está representada nas importacións de gas de fracking estadounidense en forma de Gas Natural Licuado (GNL). Ao calor das negociacións do Acordo Trasatlántico de Comercio e Inversión (TTIP) con EEUU, o país norteamericano levantou a finais de 2015 unha prohibición establecida desde 1975 ás exportacións de gas. En febreiro de 2016 EEUU exporta a Brasil o primeiro cargamento internacional de gas de lutitas en forma de GNL, pero Europa era un dos destinos claros a futuro destes cargamentos.

Este feito concrétase agora co anuncio da chegada do metanero Sestao Knusten ás costas galegas. O buque, que partiu da terminal de Sabine Pass no Golfo de México o día 1 de xullo, cargado con 135.000 metros cúbicos de GNL, ten prevista a súa chegada á Ría de Ferrol o 22 de Xullo ás 4 da mañá. Son varias as empresas europeas, entre elas as españolas Iberdrola, Gas Natural Fenosa, e Endesa, que teñen asinado contratos a vinte anos con empresas americanas para o subministro de gas. A Unión Europea embarcouse na promoción e construción de gasodutos e terminais para a importación de Gas Natural Licuado (GNL).

A aprobación por parte da Comisión Europea en febreiro pasado de varios documentos coñecidos como o "paquete de inverno" [3] supoñen unha aposta explícita polo gas, a pesar de que a demanda europea ven caendo nos últimos años. En particular, a "Estratexia europea para o Gas Natural Licuado e o Almacenamento de Gas" supón un auténtico empuxe á importación de gas natural, con recomendacións de inversións milmillonarias en infraestruturas de gasodutos e capacidade de almacenamento e regasificación. Capacidade na que o Estado español é punteiro en Europa, o que nos converte para o futuro, na máis que probable porta principal de entrada do GNL en Europa.

O movemento de resistencia contra o fracking ten entre os seus moitos acertos, o seu carácter global. O lema "Nin aquí nin en ningún sitio", repetido en varios idiomas, deixaba clara a solidariedade entre territorios máis tamén un rechazo implícito a continuar a aposta polo modelo fósil. Unha solidariedade compartida hoxe coa convocatoria realizada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol para mostrar a súa oposición ao fracking e a REGANOSA, ás 20:00 hs, fronte ao Edificio da Xunta de Galicia  (Praza Amada García – Ferrol).

Os movementos de oposición en Europa deben tomar conciencia de que esta máxima repetida en innumerables pancartas, implica oporse á chegada de barcos como o Sestao Knusten aos portos europeos. Estar hoxe contra o fracking en Europa, é estar contra a importación de GNL.

NOTAS
[1] http://www.wsj.com/articles/first-u-s-gas-shipment-en-route-to-europe-1461253153
[2] Organizacións firmantes:
Amigos de la Tierra
ATTAC ACORDEM Catalunea
ATTAC Alicante
ATTAC Aragón
ATTAC Castelló
ATTAC Euskal Herria
ATTAC Madrid
ATTAC País Valencià
ADEGA  Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Baladre “Coordinación contra la precariedad, el empobrecimiento e la exclusión”.
CGT
Círculo de Podemos Aracena (Huelva)
Colla Ecologistas de Almassora
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
Ecologistas en Acción
Engineeria Sense Fronteres
Entrepueblos
EQUO
Fracking No Merindades Norte de Burgos
Greenpeace España
Grupo de intercambios de la Sierra (Huelva)
Grupo Municipal Aracena Puede
Bloque Nacionalista Galego
Iniciativa per Catalunea Verds
Izquierda Unida

La campaña No al TTIP Comarques de Castelló
Lleida Social
l'Observatori do Deute en la Globalització (ODG)          
Marxa Mundial de Dones -Catalunea
Marea Blanca - Madrid
Mesa en Defensa de la Sanidad Pública de Madrid
Plataforma Antifracking Comarques de Castelló
Plataforma Asturiana contra el fracking
Plataforma cuidadana Zaragoza sin fractura
Plataforma Euskal Herria TTIP EZ
Plataforma Huelva en Marcha contra el TTIP
Plataforma NoalTTIP de Parla
Plataforma Serrana descubriendo al TTIP (Huelva)
Plataforna Antifracking do Norte de Burgos
Procés Constituent
Veterinarios sin Fronteras - Justicia Alimentaria Global
[3] Análisis do “paquete de invierno” de la Unión Europea sobre suministro de gas: http://www.tierra.org/wp-content/uploads/2016/07/paquete_invierno_gas.pdf

---
PARTICIPA NA
CONCENTRACIÓN SONORA
O VENRES 22 DE XULLO
ÁS 8 DA TARDE
NA PRAZA AMADA GARCIA
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO
DA XUNTA DE GALICIA



Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Relacionado:

Todo o publicado sobre a loita contra o despropósito gasista de Reganosa en Ártabra 21 (Desde hai 10 anos, 882 publicacións a 6 de Xullo de 2016).

___________

Enlace de interese:
Blogue sobre fractura hidráulica de Ecoloxistas en Acción.
http://fractura-hidraulica.blogspot.com.es/
_______________________

Reganosa recibe o primeiro gaseiro cargado con gas procedente do fracking. C.C.E. convoca concentración.


Días despois de que o goberno en funcións, sorteara as dúas sentenzas do Tribunal Supremo, eximindo a Reganosa de presentar declaración de impacto ambiental, e tramitando pola vía de urxencia dúas novas autorizacións para a regasificadora, Reganosa recibe o primeiro gaseiro de EEUU, cargado con gas extraído coa técnica do fracking. Trátase dun modelo moi contaminante, que ten un movemento opositor importante en EEUU, onde distintas comunidades ven violentado o seu territorio e contaminados os seus acuiferos, polo que a ameaza contra a vida é extrema.

O gaseiro Sestao Knutsen, construido en Sestao no 2007, de bandeira española, saíu desde a Terminal de Sabine Pass en EEUU. A exportación de hidrocarburos levaba prohibida en EEUU desde 1975 e recentemente o Congreso levantou esa prohibición. Este ano o primeiro cargamento de gas de fracking saiu de Texas con destino a Brasil, agora tócalle a Europa e o estado español, cunha alta capacidade de regasificación, colocase como porta de entrada dos excedentes gasisticos de EEUU. Empresas españolas (Iberdrola, Gas Natural, Endesa) asinaron contratos con Cheniere para importar este combustible.
Cumpre entender neste marco de negócio, as actuacións ilegais do goberno en funcións  saltándose as decisións, via tramitación de urxencia, das sentenzas do Tribunal Supremo?

O Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convoca para mañá venres 22 de xullo ás 20hs, concentración de denuncia e repulsa pola entrada dun novo gaseiro ilegal e que ademais ven cargado cun gas denunciado polos movementos ecoloxistas internacionais, como altamente perigoso, contaminante e potenciador do cambio climático. Desde Ártabra 21 consideramos importante apoiar e secundar esta convocatoria.
___________________

mércores, xuño 22, 2016

Lídia Senra acusa a Arias Cañete de non concretar o plan de horizonte 2030 previsto para reducir as emisións contaminantes - A eurodeputada galega defende na Comisión de Agricultura a produción ecolóxica e o comercio local fronte ao TTIP e CETA


Lídia Senra acusa a Arias Cañete de non concretar o plan de horizonte 2030 previsto para reducir as emisións contaminantes. | Arias Cañete non concreta o plan de horizonte 2030 previsto para reducir as emisións contaminantes. | O comisario elude contestar a Lídia Senra sobre cal será o papel da agroecoloxía e circuitos curtos de comercialización na estratexia da UE. | A eurodeputada de AGEe defende na Comisión de Agricultura a produción ecolóxica e o comercio local fronte ao TTIP e CETA.


O comisario de Acción polo Clima e Enerxía da Unión Europea e ex ministro de Agricultura do Estado Español, Miguel Arias Cañete (Partido Popular), compareceu este martes na Comision de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, celebrada en Bruxelas, para non aclarar nin concretar “absolutamente nada” ao respecto do informe no que está traballando a Comisión, que pretende presentar este verán, e que fixará osobxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para 2030 nos sectores nos que non se aplica o Réxime Comunitario de Comercio de Dereitos de Emisión (RCCDE) -sector agrario, sector do transporte rodado e edificación. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusou a Arias Cañete de “limitarse a dicir xeneralidades” e de non aclarar que medidas se van poñer en marcha para reducir as emisións.

Tendo claro que o sector agrario pode contribuir dunha forma moi importante na redución de emisións, gustaríame saber que papel se lle vai dar nos obxectivos cara ao 2030 á agroecoloxía e ao comercio de proximidade dos alimentos; e tamén, concretamente, como pensan reducir o comercio de alimentos básicos arredor do mundo provocado polos acordos comerciais vixentes e polos que están en negociación”, en referencia ao CETA e ao TTIP, dixo Lídia Senra directamente ao comezo da súa intervención na Comisión hoxe pola mañá en Bruxelas.

A eurodeputada de AGEe intentou que se puxeran enriba da mesa vías de solución concretas para a redución de emisións contaminantes no ámbito agrario e preguntoulle tamén a Cañete, “tendo en conta que outra fonte importante de emisións son as importacións da alimentación animal, que pensa facer para potenciar a produción desta alimentación animal en Europa”, e poñer límite ás continuas importacións.

Na súa intervención, Senra tamén fixo referencia a que no ano 2014, o 45% do aceite de palma usado en Europa foi destinado para combustibles. No Estado Español, o 70% do chamado "biodiesel" fabricouse a partir do aceite de palma que xera tres veces máis emisións que o diesel convencional. “Que pensan facer con respecto a este problema concretamente, para reducir emisións no transporte?”, preguntou a eurodeputada.

Sen embargo, ningunha destas preguntas foron respondidas por Cañete na súa comparecencia de hoxe, unha comparecencia que, ademais, a pesar de que estaba anunciado que se retransmitiría en directo por vídeo, non puido ser seguida como normalmente se pode facer a través da web do Parlamento Europeo. Ante tal situación, Lídia Senra realizará novamente estas preguntas, pero desta volta farao por escrito, dentro do cupo de cinco preguntas mensuais que a eurodeputada pode realizar por escrito á Comisión Europea, co obxectivo de que, desta maneira si lle teñan que contestar e non poida eludir as preguntas.

Lídia Senra quixo onte volver amosar unha vez máis as súas dúbidas sobre os intereses que pode haber detrás das decisións que adopta Arias Cañete en calquera dos ámbitos nos que traballa. Como xa denunciara hai meses, a eurodeputada repetiu: “Que a ninguén se lle escape que o Comisario de Enerxía da UE é un individuo que mantén intereses directos en empresas petrolíferas", o cal fai dubidar de se Arias Cañete está a funcionar máis como un lobbista que coma un Comisario, "tendo sido moi polémico dende o inicio o seu nomeamento ao incorrer en serios conflictos de intereses". Logo están tamén as recentes informacións que o relacionan co branqueo de cartos denunciado nos Papeis de Panamá. "Se un individuo coma este é o responsábel europeo de enerxía, xa podemos imaxinar por onde poden ir as propostas da UE....", advertiu a eurodeputada galega.

Arias Cañete está citado a comparecer ante a Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo o próximo 12 de xullo. Nesa ocasión farao a porta pechada, a pesar da oposición do GUE/NGL, que demandou que se fixera de forma pública. O comisario deberá dar explicacións ese día sobre as relacións co chamado caso Acuamed, que afecta ao período no que foi ministro de Agricultura no Estado español. A Comisión reclamou a súa comparecencia tras saír á luz as investigacións da Audiencia Nacional sobre adxudicacións fraudulentas por parte da empresa estatal español Acuamed, que ten recibido fondos europeos. Nesas adxudicacións teríanse constatado algunhas irregularidades como a falsificación de certificacións e liquidacións, co obxectivo de aumentar significativamente as cantidades que cobraron as adxudicatarias. Varias testemuñas implican a Arias Cañete nun suposto acordo para autorizar estas prácticas. Ademais, Acuamed podería ter incorrido nun delito ecolóxico, chegando incluso ao envelenamento masivo nas augas do río Ebro no seu treito final.

Se Arias Cañete foi capaz de realizar este tipo de manobras cando era ministro de Agricultura, que non seguirá facendo agora”, dixo Lídia Senra, para quen a fiabilidade dun home de semellante perfil agora á fronte das políticas de Enerxía e Acción polo Clima da Unión Europea debe ser nula. Por iso, a eurodeputada de AGEe alertou sobre a necesidade de ser vixilantes e facer seguimento continuo neste ámbito.

Bruxelas, a 21 de xuño de 2016.
-->>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
21 de junho de 2016 16:12

______________

xoves, abril 07, 2016

Digo alto e claro: Non ao Tratado de Libre Comercio entre EEUU e a UE, ... Por Celso Posada Fernández

Por Celso Posada Fernández [*]
07.04.2016


O Tratado de Libre Comercio (TTIP) entre EEUU e a UE e un tratado profundamente neoliberal, antidemocrático, antisocial, nefasto, lesivo e austericida, é un golpe de estado das grandes multinacionais e transnacionais americanas contra a democracia, contra os servizos públicos, contra a clase traballadora e contra o medio ambiente, contra os dereitos sociais e busca incrementar as ganancias, os beneficios e os privilexios destas grandes transnacionais e multinacionais americanas, privatizando e recortando salvaxemente os servizos públicos, o ensino e a sanidade públicas.

É fundamental que a cidadanía, os movementos sociais, os partidos de esquerdas, os sindicatos de clase, ... fagamos pedagoxía política explicando en que prexudicará este neoliberal e nefasto Tratado as nosas vidas e nos sigamos mobilizándo contra o TTIP, que unicamente traerá paro, pobreza, represión, precariedade laboral, recortes, privatizacións, contaminación salvaxe do medio ambiente, secuestro das democracias, ... Digo alto e claro: NON o Tratado de Libre Comercio (TTIP), e SI aos dereitos sociais, á democracia e aos servizos públicos.

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. Activista e Coordinador en Galicia do partido Socialista, Republicano e de esquerdas "Decide en Común" e Secretario de Ensino e de Cultura da Executiva Federal; integrante da Plataforma Somos Esquerda. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre. Foi membro do PSOE, candidato a liderar o partido a nivel provincial, até formou parte da súa Executiva Comarcal da que dimitiu. A situación socioeconómica e política, e a súa participación activa nos movementos sociais, levou-no a abandonar o PSOE e colaborar na refundación dun novo partido socialista e republicano. É membro de STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, da Asociación de Mobilidade Humana para a Colaboración e o Desenvolvemento (de apoio ás persoas inmigrantes e refuxiadas) e participa nas Marchas da Dignidade e na Plataforma Cidadá de Ferrolterra contra o TTIP. Está no facebook e un blogue persoal.

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
5 de abril de 2016 18:41
___________

martes, xaneiro 26, 2016

Charla - Debate sobre o Tratado Trasántlantico de Comercio e Investimentos (TTIP) , coa eurodeputada Lídia Senra e Xosé Ramón Cendán, dirixente do Sindicato Labrego Galego, este Venres 29 de Xaneiro


Charla - Debate sobre o Tratado Trasántlantico de Comercio e Investimentos (TTIP).


Cómo afecta os acordos do Tratado Trasantlántico de Comercio e Investimentos (TTIP) ao noso futuro agrícola, gandeiro, á calidade da nosa alimentación, aos noso dereitos laborais, a nosa saúde, etc ...?

Que contará coa presenza de:

Lídia Senra, membro do Parlamento Europeo en Estrasburgo.

Xosé Ramón Cendán, dirixente do Sindicato Labrego Galego.

E que terá lugar o vindeiro Venres, día 29 de Xaneiro, de 2016, ás 20:00 horas.

Local social da Veiga, Narahío
.
Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/584053778414958/

Asociación Veciñal "O Castelo" de Narahío (San Sadurniño).

Correio-e:
ocastelonarahio@gmail.com

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/ocastelodenarahio/


QUE É O TRATADO TRANSATLÁTICO DE COMERCIO E INVESTIMENTO -TTIP?


O Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento é un extenso tratado sobre o libre comercio que se está negociando en secreto entre a Unión Europea e os Estado Unidos dende o 2013. O obxectivo é levar acabo conversas o máis rápido posible e sen que os detalles cheguen á opinión pública, coa esperanza de poder cerrar as negociacións antes de que a cidadanía de Europa e os Estado Unidos descubran o que a amenza real de este tratado.

Como xa recoñeceron, tantos os funcionarios Europeos como os de Estados Unidos, o obxectivo principal de este tratado non é estimular o comercio eliminando os impostos que se cobran sobre as importacións, xa que estes son tan baixos que que xa non se poden reducir mais. O principal fin é como eles mesmos recoñeceron é eliminar as “barreiras” reguladoras que limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais a os dos lados del Atlántico. Agora ben, estas “barreiras” son en realidade algunhas das nosas normativas mais prezadas en materia de dereitos sociais e medio ambiente, como os dereitos laborais, as normas de seguridade alimentaria (incluidas as restricións a os OGM), as regulacións sobre o uso de substancias químicas tóxicas, as leis de protección da privacidade en internet e incluso as novas garantías no ámbito bancario introducidas para previr outra crises financeira como la de 2008. Noutras palabras, non podería haber mais en xogo.

Ademais o seu programa desregulador, o tratado tamén anhela crear novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos e a contratación pública a empresas transnacionais, o que ameaza con provocar novas olas de privatizacións en sectores clave como la sanidade ou a educación.

O Castelo de Narahío
18 de Xaneiro de 2016

Información baseada na enviada pola:
A.A.V.V. Narahío O Castelo
-ocastelonarahio@gmail.com-
23 de janeiro de 2016 19:56

_________

mércores, xaneiro 20, 2016

Lídia Senra: "O Mercado Único Dixital desprazará inda máis ao comercio local e eliminará postos de traballo", a eurodeputada galega adverte de que a UE está a impulsar o Digital Single Market como "unha das pezas clave para avanzar na negociación do TTIP"


Lídia Senra: "O Mercado Único Dixital desprazará inda máis ao comercio local e eliminará postos de traballo". | AGEe critica que a UE adique os seus esforzos a fomentar o consumismo e modelos comerciais que expulsan ás traballadoras/es. | Senra adverte de que a UE está a impulsar o Mercado Único Dixital como "unha das pezas clave para avanzar na negociación do TTIP".


Dende onte e até o vindeiro xoves 21 de xaneiro o Parlamento Europeo desenvolve sesión plenaria en Estrasburgo [ORDE DO DÍA DO PLENO]. Entre os debates celebrados durante o día de hoxe, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, quixo subliñar a importancia da discusión desenvolvida arredor da proposta da Comisión Europea de concretar o Mercado Único Dixital [RESOLUCIÓN].

Nunha estratexia económica que nos remite ao incremento do consumismo e á preponderancia da economía financeira sobre a real, a Comisión Europea estableceu como un dos obxectivos principais desta lexislatura deseñar un espazo comercial, "que consiste fundamentalmente en eliminar as barreiras ás transaccións efectuadas en liña", é dicir, o Mercado Único Dixital.

"O mercado dixital único significa o expoñente máximo da liberalización comercial intracomunitaria aumentando inda máis a deslocalización produtiva", advertiu a eurodeputada de AGEe. Aliás, dar pulo a esta proposta cando inda non está garantida a neutralidade na rede, non se están facendo apenas esforzos dende a UE por fomentar o software libre e adoecendo dunha fenda dixital enorme dentro dos Estados e entre os países membro, "revela que este mercado é unha proposta de negocio feita á medida para os grandes capitais; pensando nas grandes transnacionais e nas empresas, non nas persoas ou nas PEMES", analizou en alusión á falta de proporcionalidade da que adoece dende o seu nacemento a proposta do Mercado Único Dixital.

"Se a día de hoxe a Unión Europea non só non foi quen de establecer unhas regras de mercado xustas no mundo real, senón que é un dos principais axentes impulsores da liberalización salvaxe, que cabe agardar dun Mercado Único Dixital que xa de entrada está a ser deseñado por grandes poderes económicos, algúns dos cales están xa organizados como lobby para defender os seus propios intereses?", cuestionou Lídia Senra.

Xa dende o seu inicio, o prantexamento deste espazo comercial non está a resultar integrador con respecto a opcións actuais de importante valor social, como o pequeno comercio ou os mercados locais, "nesta proposta fálase mesmo de establecer redes de puntos de recollida para a paquetería transfronteiriza; onde queda neste esquema o pequeno comercio? Por que deberiamos establecer redes de recollida en vez de manter a compra a través dos comercios físicos e, sobre todo, do comercio local?". "É máis", abondou a eurodeputada, "onde ficou a preocupación da UE pola emisión de gases de efecto invernadoiro derivados do irracional e masivo transporte de mercadorías actual?".

Xusto nos mesmos días nos que o Foro de Davos está a presentar un estudo no que prevé a perda de alomenos 7 millóns de postos de traballo nos vindeiros cinco anos, fundamentalmente debido á dixitalización e robotización da produción e do comercio, "A UE prefire seguir encamiñando os seus esforzos a fomentar o consumismo e a crear novos escenarios comerciais, o menos regulados posíbel, onde operar transaccións económicas". "Ademais, atrévense a argumentar que creará postos de traballo, obviando por completo que son moitísimos máis os que eliminaría", reprochou Senra.

Aliás, xorden tamén moitas dúbidas ao respecto das condicións de traballo que se darían neste espazo produtivo, xa que a proposta da Comisión mantén presente a necesidade da "competitividade" neste eido comercial, é dicir, empregar o dumping social e medioambiental para que o produto final teña un valor asequíbel. Até o momento, o exemplo paradigmático deste tipo de comercio é o xigante da venda por internet, Amazon, que é tamén un xigante da explotación laboral.

Para Senra, "non é casual que a UE estea a dar pulo a esta proposta comercial xusto cando está a negociar o TTIP cos Estados Unidos e ten o CETA negociado con Canadá[1]; é unha das pezas clave". "Todo o que signifique homologar a lexislación comercial dos Estados membro facilita a cacarexada 'armonización' á baixa que pretenden establecer entre as partes negociadoras", sinalou a eurodeputada.

Finalmente, advertiu Lídia Senra, "resulta tamén preocupante que se presente como un dos principais obxectivos deste mercado dixital a construción dunha 'economía de datos' vinculada ao sector das enerxías, servizos financieiros, e mesmo a saúde, fundamentándoa na connivencia público-privada".

Estrasburgo, 19 Xaneiro 2016.

[1] Os servizos de telecomunicacións e o comercio electrónico son capítulos do texto consolidado no acordo con Canadá (CETA), están sendo abordados nas negociacións do acordo cos Estados Unidos (TTIP) e figuran entre os puntos que potencialmente poden ser incluídos no acordo multilateral de comercio en servizos (TiSA). Máis información: http://trade.ec.europa.eu/doclib/press/index.cfm?id=1230.

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.



Enviado:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de janeiro de 2016 17:35
____________