Amosando publicacións coa etiqueta Valdoviño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Valdoviño. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 12, 2015

ADEGA cuestiona o novo baleirado artificial do humidal protexido da Frouxeira, no concello de Valdoviño


ADEGA cuestiona o novo baleirado artificial do humidal protexido da Frouxeira. | Alterar a dinámica natural a golpe de escavadora, para salvagardar un paseo marítimo mal deseñado. | Ferrolterra - Valdoviño.


No outono recárganse os humidais e chegan as aves invernantes. Mais na lagoa Frouxeira o que retornan son as palas mecánicas á praia para a abrir a lagoa e evitar a inundación dun paseo marítimo que nunca debeu ser construído e menos aínda autorizado. Como consecuencia altérase cando non se destrúe a barreira litoral, provocando o desaugadoiro da lagoa, e o inicio dun longo período de aridez no humidal xusto cando máis auga debería conter. Este comportamento contrario ás tendencias naturais provoca unha grave afección sobre o estado de conservación dos hábitats e as poboacións de flora e fauna acuática, así como sobre a estrutura e o funcionamento ecolóxico deste humidal.

Para lexitimar este proceder, a Xunta aprobou un Plano de Conservación (Decreto 30/2015), con ben pouco rigor científico e técnico, e cuxas determinacións resultan, na nosa opinión, contrarias aos acordos internacionais que amparan a protección dos humidais (Convenio Ramsar), así como á normativa europea (Directiva Hábitats), estatal (Lei 42/2007) e galega (Decreto 127/2008; Decreto 37/2014). A aprobación deste Plano realizouse ademais sen o apoio das organizacións ambientalistas e sen o aval das universidades e centros de investigación galegos.

Nada máis aprobado, o Plano de conservación do humidal foi xa incumprido pola Xunta de Galiza: as plantas exóticas invasoras seguiron medrando sen control, mentres que superficies ocupadas por hábitats prioritarios foron rozadas. Os usos públicos tampouco melloraron: séguese permitindo a circulación e aparcadoiro de vehículos sobre hábitats moi sensibles e tolerando a presenza de cans soltos sobre o sistema dunar e o humidal en época de cría de especies protexidas.

Porén, a actuación máis agresiva consiste no baleirado artificial con maquinaria pesada dunha lagoa con 5 figuras de protección ambiental, xestionada pola Xunta como un estanque urbano. O espectáculo deste ano foi ademais bastante chafalleiro: os técnicos da Xunta iniciaron a apertura este pasado día 4, contravindo os criterios fixados no Decreto 30/2015. Alterouse a barreira litoral e tratouse de emendar o erro abrindo unha nova canle ao día seguinte (e van dúas), que tampouco se axusta ás especificacións establecidas no Plano de Conservación!

Todas estas “actuacións”, cun custo de milleiros de euros, por non falar dos impactos ambientais, serían innecesarias se as administracións remodelaran un paseo marítimo mal executado, asumindo as súas responsabilidades (a repartir entre o concello de Valdoviño, a Xunta e a Dirección Xeral de Costas) na nefasta planificación urbanística na Frouxeira. Facer que os usos urbanos (un paseo mal construído e unhas vivendas que nunca deberon ser autorizadas) prevalezan sobre a conservación dun espazo natural multiprotexido, e non reverter os erros cometidos amosa o escaso compromiso das administracións coa nosa biodiversidade, precisamente agora que no Cumio do Clima de París estase a destacar a importancia de conservar as zonas húmidas para loitar contra o cambio climático.

Novas relacionadas:
  • A Xunta mete outra vez as escavadoras na Frouxeira, pasando por riba de seis figuras de protección. | Ir á Web.
  • Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida. | Ir á Web.
  • O plano de conservación da Frouxeira confirma a nefasta xestión da Xunta: Primeiro o urbanismo e despois a natureza. | Ir á Web.
Enlaces relacionados:
Fonte: ADEGA - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza | Travesa dos Basquiños, 9 - baixo - 15704 Santiago de Compostela | Teléfono: 981 57 00 99 // Fax: 981 57 00 99 // E-mail: adega@adega.gal. |  http://adega.gal/.

Delegación de Ferrolterra-Trasancos. | Apartado 481 - 15480 Ferrol | adegatrasancos@adega.gal | Local de Xuntanzas, no Centro Cívico de Caranza - Segundo Andar.

Enviado por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
11 de dezembro de 2015 17:57

____________________

venres, maio 15, 2015

Campistas que veñen utilizando o Camping Municipal de Valdoviño, veciñas e veciños dos concellos da contorna, entre outras accións de protesta, organizan unha petición en change.org que convidan a apoiar


Non deixen ás familias sen o camping que levan gozando 25 anos en Valdoviño. | Non ao peche do camping municipal "A Lagoa".

@s campistas que levamos mais de 25 anos acampando no Cámping Municipal de Valdoviño, pedímoslle a o Señor Alcalde que non o peche, é o único xeito dentro das nosas posibilidades de poder ofrecerlle aos nosos nenos e nenas un verán e vacacións dignas.

Tamén sabemos que é unha parte turística importante, xa que nesta época enchese de turistas e campistas que se aproveita das súas praias e servizos, aportando riqueza para o pobo.

Os invernos na Galiza son moi longos e as nosas crianzas teñen que sufrilos pechados nun piso, a única tempada de sol, Praia, diversión, aire libre e saúde é o verán e para iso o cámping e fundamental.

Qué pensa facer o alcalde co terreo do camping municipal?

Por qué quere pecha-lo si a xente de Valdoviño non esta de acordó?

Petición en cange.org Dirixida ao Alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo. | Acceder/Baixar.

Localizado o camping na web de turgalicia. | Ir a web.

Web do concello de Valdoviño:
http://www.concellodevaldovino.com/


Enviado por:
pili pilinha
-pilicex@gmail.com-
12 de maio de 2015 16:12
________________

domingo, setembro 07, 2014

Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida - Adega presenta Alegacións


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), presenta alegacións ao Plano de conservación e informe de sustentabilidade ambiental do humidal protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”

Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida


O Plano de Conservación da Frouxeira, longamente agardado dende que hai 5 anos o Parlamento instara á Xunta a redactalo, dá a razón a ADEGA nas súas denuncias e corrobora o mal estado de conservación no que se atopa este humidal.

As reiteradas aperturas artificiais da lagoa provocaron unha progresiva e alarmante colmatación do vaso, afectando á diversidade do ecosistema, a súa estrutura e ao seu funcionamento ecolóxico. Porén, lonxe de abordar estes problemas, a Xunta optou por propoñer neste espazo unha xestión á carta, subordinada aos intereses urbanísticos e recreacionais para xustificar as aperturas forzadas do humidal, deixando nun segundo plano a conservación dos seus valores naturais.

Unha proposta falta de rigor científico, fundamentación e sen estudo hidrolóxico

O plano, de autoría apócrifa, carece de estudo hidrolóxico e portanto, non aborda científicamente aspectos chave vencellados á dinámica hídrica e ás causas da súa alteración. Sen esta información non é posíbel establecer e desenvolver medidas de xestión que aseguren a integridade do espazo protexido, a conservación dos seus hábitats e especies, o estado ecolóxico do medio acuático e o uso racional do humidal.

Polo que atinxe á catalogación dos hábitats, o documento ignora a presenza dos tipos de hábitat 1130 Esteiros e 1140 Chairas lamacentas ou areosas non cubertas na baixamar, que sí aparecen na cartografía do Plano Director da Rede Natura 2000 (redactado polo IBADER) e considera dubidosa a presenza dos hábitats das Matogueiras costeiras (4040*) e Matogueiras higrófilas (4020*), ambos prioritarios.

Chama a atención que un documento apócrifo realice análises sen fundamentación científica en contra dos criterios dun organismo como o IBADER, cuxa equipa técnica cartografou os hábitats da Rede Natura. Para ADEGA estas afirmacións arbitrarias, esquecendo ou suprimindo hábitats, teñen por obxectivo rebaixar o valor ambiental deste territorio.

Un documento inadecuado para a xestión nun espazo 5 veces protexido

O texto do Plano de Conservación apresenta ademais serias deficiencias que imposibilitan garantir a conservación do humidal:
  • Os obxectivos e medidas de conservación propostas seguen a ser xenéricas, non establecéndose prioridades nen orzamentos para as actuacións.
  • A normativa segue a ser en grande parte a establecida no Plano Director da Rede Natura 2000, sen medidas específicas axeitadas ás necesidades de conservación dun humidal protexido de importancia internacional. Así, permítense actividades como a creación de novos pasteiros, os cambios de uso, o emprego de xurros, a eliminación de sebes e bosquetes, a fumigación con equipas aéreas... así como a caza, ao criterio da xefatura territorial competente. Moitas destas actividades son manifestamente incompatíbeis coa conservación dun espazo de importancia internacional.
  • Tampouco hai un protocolo de seguemento axeitado dos parámetros (físicos, químicos e biolóxicos) que permitan avaliar o estado de conservación dos compoñentes do espazo, faltando unha temporalización das medidas, requerimentos técnicos, capacitación do persoal, etc.
O Plano de Conservación do Humidal da Frouxeira promovido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza supón, nos actuais termos, a consagración dun modelo irracional de xestión dun espazo Ramsar. Por iso dende ADEGA e outros colectivos ecoloxistas temos solicitado a retirada da actual proposta e a inmediata elaboración dun novo Plano aberto e participativo contando cos técnicos das distintas administracións, representantes das entidades locais, grupos conservacionistas, científicos, investigadores e representantes da Secretaría do Convenio Ramsar, organismo internacional que tutela este espazo.

Descargas:

Alegacións ao Plano de Conservación da Frouxeira

Novas relacionadas:
Nota.- Imaxe - A colmatación da Frouxeira (fonte: Xunta)

Delegación de ADEGA Ferrolterra-Trasancos
Apartado 481
15480 Ferrol
Email: adegatrasancos@adega.info
http://adega.info/

Información baseada na enviada por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
5 de setembro de 2014 23:29

____________

martes, setembro 30, 2008

Adega pide á Cptopt que faga o seu traballo e paralice as obras na Saíña, no concello de Valdoviño

[Foto de ADEGA]

Diario de Ferrol - Comarcas - Martes 30 de Setembro de 2008
REDACCIÓN > FERROL


Fai un ano que un informe da Consellería de Política Territorial xa advertía da existencia dunha serie de irregularidades na contorna da Saíña, zona con varias figuras de protección ambiental onde se prevé construír unha urbanización.

Responsables de Adega Trasancos e Adega Nacional volveron solicitar onte á Consellería de Política Territorial que faga cumprir a lei e evite que se urbanice A Saíña, unha zona próxima á lagoa da Frouxeira onde se asenta un parque arqueolóxico, cuxo contorna está afectado por varias proteccións ambientais; convenio Ramsar, Zona de Especial Protección para Aves (Zepa), Lugar de Interese Comunitario (LIC) Costa Ártabra e tamén hai constancia de que existen hábitats prioritarios protexidos. Desde hai pouco máis dun mes os obreiros volveron ao lugar, o que levantou as sospeitas de veciños e ecoloxistas que ven como, un ano despois, desde a Cptopt non se fixo nada por paralizar estas obras, cualificadas como "ilegais" por Adega.

Por outra banda, fai xa máis dun ano, o 23 de setembro de 2007, a entidade ecoloxista presentou unha denuncia ante o Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña. Na súa resposta, a Cptopt afirmaba que era necesario revisar as Normas Subsidiarias de Valdoviño, "que incorren en nulidade de pleno dereito ó clasificar sos como urbanos sen reunir vos requisitos legais para merecer tal clasificación". Así mesmo, no referido documento faise constar que se infrinxen determinaciones do propio PXOM, así como varias prohibicións da lei.

Desde Adega pregúntanse que clases de intereses existen para que se puida transformar unha leira rústica en urbanizable e que, ademais, se preténda obviar que se trata dun espazo protexido. Por outra banda, piden á Cptopt que faga cumprir a lei para que o terreo volva ao seu estado orixinal.
__________

ADEGA - 23 de setembro de 2008. Os datos que facemos público a continuación están na súa maioría recollidos da proposta de informe do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña dependente da Consellaría de Política Territorial e Ordenación do Territorio con data 1 de febreiro de 2007. Malia a detectarse graves eivas e irregularidades, a urbanización segue adiante coas administracións mirando para outro lado. Deste informe tiramos as seguintes CONCLUSIÓNS:

Enlace co documento "Política Territorial sinala graves irregularidades na urbanización da Saíña en Valdoviño "
_____________

martes, setembro 09, 2008

Valdoviño, ubicado ao final da punta dereita da praia da Frouxeira temos o entorno da Saiña, onde se está iniciando a construcción dunha urbanización

500 m DE PROTECIÓN DA COSTA GALEGA VALDOVIÑO, FICA NA GALIZA?

No concello de Valdoviño, ubicado ao final da punta dereita da praia da Frouxeira temos o entorno da Saiña, onde se está iniciando a construcción dunha urbanización á beira do mar para un total de 69 vivendas unifamiliares e un hotel, promovido por CONSTRUCCIONES RIAS GALLEGAS, S.A. e asumido pola administración local e autonómica.

A parcela obxecto do interese urbanístico ubícase lindando con zona Ramsar e zona Zepa, integrada na súa totalidade no LIC Costa Ártabra ES110002 e, xa que logo, incluída na Rede Natura 2000. A existencia de hábitats catalogados como prioritarios (recoñecido pola administración galega) implica que “só para fins relacionados coa saúde humana e a seguridade pública se podan executar alteracións do contorno, ou por imperioso interese público logo de consultar á Comisión Europea” (Directiva 92/43/CEE, relativa á protección dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestres e Real Decreto 1997/1995). Esta consulta á Comisión Europea non se executou. Demandamos, maís unha vez, que a Consellaría de M.A. exerza as súas responsabilidades e poña fin a este despropósito.

Polo feito de lindar con zonas Zepa e Ramsar cómpre avaliar o impacto ambiental que tal concentración humana produciría. Esta necesidade foi recoñecida pola propia Consellaría de M.A. máis posteriormente anulouna cun suprendente informe no que asume consideracións como esta: “se puede observar su total inclusión en un ámbito de características urbanas; tanto por la edificación de la práctica totalidad de las parcelas próximas, como por su disposición rodeándola totalmente”. Unha simple ollada á parcela permite desbotar totalmente este argumento.

Exiten actualmente na parcela unhas enormes gabias (denunciadas por Adega xa en agosto do 2006) que non se poden corresponder co permiso dado desde o concello para obras de urbanización. Como non foran autorizadas, a Consellaría de Política Territorial ten que obrigar a repoñer a parcela ás súas anteriores características sen admitir que as pretendan facer pasar por un posterior estudo arqueolóxico de dimensións desproporcionadas (até 84 m). Asemade, a licencia para o proxecto de urbanización (U.A. 2 na Saiña – Valdoviño), ten un prazo de execución das obras por un periodo de 1 ano, como estabelece no seu apartado 5 o informe favorábel asinado polo arquitecto municipal o 01/08/2003. Xa que logo, cómpre tramitar novamente a documentación urbanística, o cal se podería facer através da presentación dun Plano Especial, a aprobar pola Xunta, en cumprimento da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do meio rural de Galiza, se a parcela estivese catalogada como urbana consolidada, cuestión esta que non cumpre por ser urbana non consolidada. A Consellaría de Política Territorial ten que asumir as súas competencias e facer cumprir a lei.

A mesma clasificación da parcela como urbana é contraria á Lei 9/2002, xa que no seu artigo 12 estabelece a necesidade de integración na malla urbana para esta clasificación. Calquera persoa pode corroborar por fotografía aerea ou visitando o entorno a total ausencia desta característica xa que era un entorno natural non degradado até a chegada de CONSTRUCCIONES RIAS GALLEGAS, S.A. Cómpre por tanto que a Consellaría de Política Territorial elimine a declaración como solo urbano das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia da Coruña por ser manifestamente ilegal.

Valdoviño, 8 de setembro do 2008

Carlos Outeiro Baamonde

Vicesecretario Adega-Trasancos

sábado, setembro 06, 2008

O Martes, 9 de Setembro, concentración na Fouxeira de Valdoviño, en defensa do noso patrimonio natural

[Clicar acima da foto para ampliar]

De: CARLOS OUTEIRO BAAMONDE -couteiro@hotmail.com-
ADEGA - Trasancos
Para: artabra21@gmail.com
Data: 5 de setembro de 2008 14:39
Asunto: Concentración en defensa do noso patrimonio natural (Adega)



Concentración en defensa do noso patrimonio natural (Adega)

Prezada amiga.
Prezado amigo.

A vindeira terza feira (martes día 9) ás 17 horas desde Adega convocamos unha concentración de denuncia polo intento de construir unha urbanización de 69 chalets e 1 hotel dentro de Rede Natura 2000. Será fronte ao bar que hai na punta dereita da praia da Frouxeira en Valdoviño prefentemente con 10 minutos de antelación ás 5.

Xa levamos 2 anos evitando que esta ilegalidade se consume mais agora a empresa promotora está a facer un esforzo para executar con rapidez unhas obras de preparación da parcela (alcantarillado por exemplo) para posteriormente poder legalizar esta 'trapallada'

Solicito a túa presenza na concentración xa que as múltiples denuncias realizadas por escrito a distintas administracións non están a conlevar a paralización das obras pretendendo que se legalicen por feitos consumados. Adxunto a denuncia que hoxe metimos á D.X. de Urbanismos a efectos explicativos da problemática.

Contando coa túa colaboración no espallamento da concentración, despídome cunha afectuosa aperta.

Carlos Outeiro.


D.X. Urbanismo A Saiña II Modificada [Nos Arquivos Ártabros]
__________________

mércores, novembro 07, 2007

Entidades ecoloxistas denuncian mala praxe nunha tala próxima á Frouxeira


Pola importancia da noticia transcribimos o publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol", onde as organidacións ecoloxistas denuncian unha nova agresión ao contorno "protexido" da Frouxeira en Valdoviño. Unha vez máis lamentamos que ditas organizacións non nos enviaran o comunicado unitario ao Blog da PA21.

Diario de Ferrol
Ferrol | Martes, 6 de Novembro de 2007

Entidades ecoloxistas denuncian mala praxe nunha tala próxima á Frouxeira
Tres entidades proteccionistas da comarca uníronse para denunciar unha serie de actuacións próximas á praia da Frouxeira en Valdoviño, onde crece unha especie de vexetación estritamente protexida e que foi destruída ao realizar labores de talla e poda no terreo.

REDACCIÓN > FERROL

As entidades Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia-Ferrol e Adega-Trasancos, denuncian que nunha extensa superficie situada en pártea suroeste do areal da Frouxeira, en Valdoviño, realizáronse nos últimos días unha serie de actuacións no terreo que "atentan gravemente" conta a integridade dun espazo que as entidades ecoloxistas catalogan como de "elevado valor ecolóxico".

A parcela en cuestión, esténdese ao oeste do río Magno, na zona de transición entre a vexetación arbórea e a dunar.

Actuacións > Desde as asociacións indican que as actuacións na contorna da Frouxeira motivo da protesta foron a talla de vexetación arbórea de salgueiros nun área de dominio público do río Magno e na zona de Policía, nunha franxa de 20 metros, tal e como denuncian as entidades ecoloxistas. Outra das agresións á natureza que se fai pública desde as asociacións foi a talla de piñeiros nun espazo de duna gris, é dicir, o que vén ser a zona postdunar. Ademais, denuncian os restos desta talla non se recolleron e permanecen esparexidos neste espazo. Tamén se procedeu, segundo indican, ao rozado, arado en profundidade e plantación de eucaliptos nunha zona húmida, integrada na súa maioría por unha vexetación mono específica de "Cladium mariscus", unha "valiosísima" especie de humidal de escasa presenza en Galicia, afirman desde o colectivo.

As citadas actuacións realizáronse nun hábitat protexido pola Unión Europea. Ademais hai que engadir, indican desde as entidades proteccionistas, que se trata dun dos cinco humidais galegos protexidos polo Convenio Internacional de Ramsar, ratificado polo Goberno español en 1982, coa finalidade de protexer os humidais de importancia internacional, a súa flora e fauna e sobre todo polo que significan eses espazos como hábitat de aves acuáticas. Este convenio, destacan as asociacións, obriga aos países asinantes a tomar as medidas necesaria par salvagárdaa destes lugares.

Ademais, a zona en cuestión pertence á Rede Natura 2000 e forma parte do Lugar de importancia Comunitaria Costa Artabra.

As tres entidades ecoloxistas esixen ás autoridades competentes que tomen as medidas sancionadoras oportunas e obríguese á reparación dos danos provocados para devolver o espazo á súa situación orixinal.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
______________________

venres, abril 13, 2007

Urxe a revisión da delimitación do D.P.M.T. na Frouxeira

De: CARLOS OUTEIRO BAAMONDE -couteiro@hotmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 13 de Abril de 2007 14:47
Asunto: Urxe a revisión da delimitación do D.P.M.T. na Frouxeira

Adxunto nota de prensa que enviamos hoxe sobre o asunto.

Un aperta, Carlos Outeiro.

Urxe a revisión da delimitación do D.P.M.T. na Frouxeira

Desde a organización ecoloxista Adega non podemos menos que felicitarnos pola rectificación da Demarcación de Costas en Galiza con respeito ao edificio que pretendía facer en DPMT no concello de Valdoviño. Para acadar esta rectificación foi necesario formalizar dununcia por escrito na propia Demarcación de Costas e nas Consellarías de Política Territorial e Medio Ambiente.

Abalando as causas entre a prevaricación e a incompetencia, deberían derivarse consecuencias para quen utiliza tan inaxeitadamente os cartos públicos.

Reclamamos do Ministerio de MA que, denantes de emprender obra algunha na Frouxeira, revise a delimitación do DPMT en base ao obrigatorio cumprimento da Lei de Costas. Ese entorno ten os marcos de delimitación tan caóticamente ubicados que se poden ollar incluso nas inmediacións da auga da Lagoa da Frouxeira, sendo obrigado protexer a totalidade da zona de influencia das augas e das zonas areosas.

Quen asume a responsabilidade de delimitar este espazo de protección, ten que dar exemplo do seu cumprimento.

Apoiamos a dotación de servizos públicos na praia da Frouxeira, sempre dentro da legalidade vixente, polo que terán que facelo fóra do DPMT e fóra da súa área de protección (100 m) cando isto sexa posíbel ou, con instalacións móbiles en caso contrario.

En Valdoviño a 13 de abril do 2007
Xesús Andrés López Piñeiro
Presidente de ADEGA-Trasancos

luns, abril 02, 2007

Valdoviño, indefenso? - Edificio na Frouxeira

De: CARLOS OUTEIRO BAAMONDE -couteiro@hotmail.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 2 de Abril de 2007 02:55

Asunto: Valdoviño, indefenso? - Edificio na Frouxeira




Adxúntovos nota de prensa enviada aos medios de comunicación.
Un saúdo, Carlos Outeiro.

Valdoviño, indefenso?

Nas proximidades da lagoa da Frouxeira, na zona do paseo marítimo da praia da Frouxeira de Valdoviño, se está a construir unha edificación fixa (alicerces de formigón) dentro do Dominio Público Marítimo Terrestre. Se ben isto é preocupante por contradecir a lexislación vixente (artigo 32 da LEI 22/1988 de 28 de xullo DE COSTAS) moito máis o é por ser Demarcación de Costas de Galiza quen o está a executar.

Desde ADEGA defendemos a dotación de servizos para permitir o disfrute do noso entorno natural por parte da sociedade. O elevado número de persoas que se achegan a un dos máis fermosos areais da nosa comarca fai necesario dispor dunhas instalacións que proporcionen un servizo de calidade e integradas no desenvolvemento sustentábel que as nosas administracións din defender. Xa que logo, apoiamos a dotación de servizos neste entorno pero sempre fóra do DPMT e da súa área de protección.

A normativa legal ten que ser o marco de referencia no que todas e todos nos movamos. Se esto é aplicábel a todas as persoas, as Administracións Públicas non só o teñen que cumprir senón que teñen que dar exemplo á hora de utilizar os cartos dos nosos impostos. Se ademáis é Demarcación de Costas a que constrúe dentro do DPMT estamos nuha situación moi grave. Temos o raposo ao coidado das galiñas.

Esiximos o máximo respeto para o nosos valores naturais, o entorno da Frouxeira ten recoñecida a súa importancia ao ter sido declarado:

  • Humidal de Importancia Internacional – Ramsar e Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA)
  • Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais (ZECVN)
  • Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral.
  • Humidal Protexido.
  • Incluído no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Costa Ártabra.
  • Incluído na proposta galega para Rede europea de espazos naturais Natura 2000.

Isto debe facernos pensar que modelo de desenvolvemento queremos e apostar por aquel que nos permita deixar para os nosos descendentes, como mínimo, o noso entorno un pouco mellor do que o atopamos.

En Ferrol a 02 de abril do 2007

Xesús Andrés López Piñeiro
Presidente de ADEGA-Trasancos