A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas,
expóñense experiencias e realízanse actuacións co obxecto de difundir
entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e para promover a súa
preservación a través da custodia do territorio. Desde Ártabra 21 chamamos a participar, neste tipo de iniciativas, tan necesarias, non só para salvar a nosa biodiversidade, ou zonas sensíbeis, humidais, cabeceiras de rios, fontes, especies da flora autóctona, ou a fauna en perigo; senón que tamén unha loita contra o acaparamento de terras por parte das multinacionais, recuperar o valor do rural e do monte, a loita contra desmesurada plantación de eucaliptos e piñeiros... e como unha actividade saudábel e en defensa da natureza e o ben común. Nas nosas comarcas do noroeste (Ferrolterra, Eume e Ortegal), está constituída unha entidade similar ás que organizan esta quinta semana, trata-se da asociación para a custodia do bosque atlántico 'Betula' que leva poucos anos en acción, mais que xa ten baixo a súa custodia algunhas hectáreas de zonas a protexer e coidar. Quen queira contribuír, doando ou deixando terras, participando ou axudando, pode face-lo, poñendo-se en contacto coa entidade:
correo-e: custodia.betula@gmail.com
twitter: @betulacustodia
Facebook: facebook.com/betulacustodia
Betanzos acolle este mes a V Semana de Custodia do Territorio Fragas do Mandeo, o GDR Mariñas-Betanzos e varias asociacións da bisbarra programan a súa celebración para a segunda quincena.
Entre o 17 e 25 de setembro de 2016
A Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos programan a celebración da
V Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre o 17 e 25 de setembro. O programa inclúe conferencias, actividades de voluntariado ambiental e unha eco-regata para a mellora dos espazos naturais da reserva da biosfera.
A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas, expóñense experiencias e realízanse actuacións co obxecto de difundir entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e para promover a súa preservación a través da custodia do territorio. Esta fórmula de protección do patrimonio natural permite á cidadanía comprometerse directamente na conservación da natureza local mediante accións de voluntariado e de patrocinio, así como a propietarios de fincas e montes que formalizan acordos de custodia.
A edición deste ano leva o título
Recuperando espazos naturais mediante a custodia do territorio. A primeira das actividades será o
sábado día 17 de setembro pola tarde, para cando está programada a
eco-regata na ría de Betanzos, data escollida para que coincida ben a marea. Esta actividade deportiva e lúdica consiste en
competir pola recollida de lixo no xuncal. Será a súa terceira edición; na do 2015 os refugallos recollidos encheron dous contedores industriais (
un volume total de 16 m3 ).
Comezará ás 16:00 horas no porto de Betanzos, onde se recibirá ós voluntarios, lanchas e piraguas que se teñan inscrito. A saída das embarcacións cos seus equipos de voluntarios será inmediatamente en canto rematen as inscricións; a chegada está prevista para as 20:00. Haberá premios para os tres primeiros gañadores.
Paralelamente, no porto haberá actividades infantís, música, comida e bebida.
Fernando Bandín:
“O estado dos espazos naturais da bisbarra é manifestamente mellorable. Hai refugallos no xuncal que levan décadas no mesmo sitio. Ninguén os retira e xunto a eles van amoreándose os que día a día traen as mareas ou baixan polo río. Se non hai campañas oficiais para retiralos, os veciños debemos organizarnos para afrontar este problema na medida das nosas posibilidades”.
O
domingo día 18 pola mañá haberá unha
actuación de voluntariado ambiental para eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo na praia da Alameda (
Ponte do Porco, Miño). Por quinto ano, os participantes poderán axudar a conservar o mellor hábitat dunar presente no espazo natural protexido Betanzos-Mandeo.
A
xornada de conferencias será o
sábado 24 pola mañá no Liceo de Betanzos, estando invitados á súa apertura o alcalde da vila, D.
Ramón García, e o presidente do GDR Mariñas-Betanzos, D.
José Antonio Santiso. Ó longo da mañá, cinco especialistas abordarán aspectos importantes para a recuperación do bosque autóctono e das zonas húmidas. A intervención dos doutores da Universidade de Santiago D.
José Guitián, D.
Javier Amigo e D.
Manuel Antonio Rodríguez Guitián, permitirá coñecer en detalle a composición florística das fragas do Mandeo e a interdependencia entre a fauna e as árbores autóctonas. Na segunda parte, o Dr.
Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN, expoñerá exemplos de recuperación de hábitats húmidos e D.
Juan Neira, secretario do padroado de Fragas do Mandeo, os avances na creación da reserva de anfibios do Catorce (
Coirós).
Fernando Bandín:
“Os anfibios son o grupo animal máis ameazado do planeta. Sofren a destrución e contaminación dos seus hábitats, a introdución de especies exóticas invasoras e a aparición de enfermidades que acaban con eles, todo elo agravado co cambio climático. Por ese motivo temos a responsabilidade de velar pola conservación das poboacións locais. A mellor maneira de facelo é garantíndolles hábitats húmidos en bo estado de conservación para que desenvolvan con éxito o seu ciclo vital”.
O
domingo día 25 será cando celebre Fragas do Mandeo a l
impeza simultánea de ríos en toda Galicia promovida polo Proxecto Ríos (
aínda que a xornada foi adiada unha semana por causa das eleccións, Fragas do Mandeo mantena para o día 25 por motivos organizativos). Dependendo do número de voluntarios que participen, repartiranse os equipos por distintas zonas do río Mendo para recoller canto refugallo atopen ó longo da mañá. O ano pasado participaron 54 entidades, e os 691 voluntarios recolleron 13,5 toneladas de lixo.
Fernando Bandín:
“Durante todo o ano gozamos do río Mandeo e da ría de Betanzos. Son espazos de lecer onde paseamos, observamos a natureza, facemos deporte ou celebramos festas. Xa que logo, temos unha débeda pendente, e nada mellor que pagala dedicándolles un día ó ano no que fagamos algo práctico para mellorar o seu estado de conservación”.
Fragas do Mandeo anima a todo o mundo a participar e inscribirse nas actividades chamando ó teléfono 981 669 541 ou dirixindo un correo electrónico cos seus datos persoais a info@marinasbetanzos.org. O programa completo pode descargarse en
www.fragasdomandeo.org
A V Semana de Custodia está organizada por Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que a financia na súa totalidade. Na organización da eco-regata tamén participan diversas asociacións locais. En distintas actividades colaboran os concellos de Betanzos, de Coirós e de Miño.
Fragas do Mandeo: É unha entidade de custodia do territorio non gobernamental e non lucrativa. Ten creado o fondo de conservación da natureza da comarca de As Mariñas, que lle permite adquirir fincas de interese ambiental para a protección a perpetuidade dos hábitats naturais. Máis información en
www.fragasdomandeo.org
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: Este GDR foi constituído no ano 2008 coa finalidade de agrupar ás entidades comprometidas co desenvolvemento rural. Xestiona o Programa L EADER 2014-2020 e acadou no ano 2013 a declaración de reserva da biosfera para a bisbarra. Máis información en
www.marinasbetanzos.com
Proxecto Ríos: É unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos galegos. Nela participan 299 grupos de voluntarios (
asociacións, centros de ensino, particulares...) e organiza este ano a IX edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia. Máis información en
www.proxectorios.org
Betanzos, 16 de setembro de 2016.
Fundación Fragas do Mandeo
correo@fragasdomandeo.org
www.fragasdomandeo.org
www.facebook.com/voluntariadomandeo
Fotografías:
Poden solicitarse imaxes a correo@fragasdomandeo.org ou descargarse da cuarta edición para a súa publicación en:
http://www.fragasdomandeo.org/galeria/iv-semana-de-custodia-nas-marinas-corunesas-e-terras-do-mandeo/
Lista de entidades participantes na organización da eco-regata:
Fragas do Mandeo.
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.
Asociación de Amigos dos Ríos de Betanzos.
Asociación Ría do Pedrido.
Sociedade Gastronómica, Cultural, Deportiva e Xuvenil Lar de Unta.
Asociación Cultural Casa Castillo Betanzos.
Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.
PROGRAMA DAS V XORNADAS 2016. |
Acceder/Baixar.
Enviado por:
Fragas do Mandeo
-correo@fragasdomandeo.org-
9 de setembro de 2016 22:22
______