xoves, xuño 28, 2012

Hoxe, Xoves 28 de Xuño, ás 6 da Tarde asociacións veciñais e outros colectivos pertencentes á Plataforma Cidadá Contra o Malgasto, van-se concentrar diante do pazo Municipal de Ferrol e as 7 da Tarde terá lugar un Pleno onde se tratará unha moción contraria a malgastar máis de 700.000 euros nunha nova remodelación da Praza de España

Tags



Hoxe, Xoves, 28 de Xuño de 2012, as entidades AAVV de Esteiro, AAVV de San Xurxo, AAVV San Pablo de Catabois, AAVV de Santa Mariña, AAVV Prioriño, AAVV San Román de Doniños, AAVV O Rosario-Inferniño, AAVV de Ultramar, AAVV de San Xoan- Berton Asociación, Asociación  SC López Bouza, Asociación C. Fuco Buxán, Ateneo Ferrolán e Colectivo Ártabra 21; decidimos Concentrarnos diante do Pazo Municipal do Concello de Ferrol, para amosar o noso rexeitamento a que se dilapide máis diñeiro público en Obras Innecesarias na Praza de España -Praza da antiga Porta Nova. As 7 da Tarde está prevista a celebración dun Pleno Municipal, onde está previsto a presentación dunha Moción contraria ao malgasto de máis diñeiro Público para volver por enésima vez levantar a Praza e comezar de novo obras nunha zona que pasou unha década de continuas remodelacións.

Texto da intervención prevista realizar no Pleno de hoxe:

INTERVENCIÓN NO PLENO MUNICIPAL SOBRE A PRAZA DE ESPAÑA

O colectivo ó que represento, formado por entidades veciñais, sociais e culturais, presentamos por rexistro o pasado día 19 de Xuño unha proposta, que sería recollida polos grupos municipais da oposición PSOE, EU e BNG, dándolle forma de moción, para informar e debatir neste Pleno o anuncio do goberno municipal de levar a cabo un novo proxecto e novas obras na Praza de España.
Ante esta decisión, tomada polo Partido Popular, de facer un investimento  de máis de 700.000 € nun espazo que, por fin a cidadanía daba por rematado, nos parece un despropósito e un malgasto do diñeiro público que merece un debate entre os cidadáns e os nosos representantes políticos.

Hai que apelar á memoria e recordar que este mesmo partido que hoxe está gobernando Ferrol e que nos presenta un novo proxecto para a Praza de España coa intención, non de reamatala ultimando as obras pendentes xa orzamentadas (que hai que dicir que xa levan un ano paralizadas) senón coa intención dunha nova remodelación, con cambio de pavimento incluído, é o mesmo partido que gobernou esta cidade entre 2003 e 2007 no que estaba o actual Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela e dous dos seus máis destacados colaboradores, José Manuel Vilariño Anca e Guillermo Evia Pérez, e que no seu momento xa dilapidaron 7,9 millóns de euros en indemnizacións polo seu malgoberno. Nós preguntámonos por que nese momento non presentaron este proxecto que agora, repito, unha vez rematada practicamente esta praza, pretenden levar adiante coa disculpa de crear un “pulmón verde” para esta cidade? Por que, en lugar de querer facer nese momento un gran edificio para lucro e usos privados no medio da Praza e deixarnos ese espazo cheo de estructuras de aceiro-corten, por non falar dun túnel que ós tres días de inaugurarse houbo que pechalo para facer reformas, que se inunda cando chove e que a día de hoxe está cheo de buratos, non fixeron os deberes que agora pretenden facer, vendéndonos que hai que mellorar a Praza? Por que gastaron tantos millóns nesa Praza se agora, pasados 5 anos, os mesmos que gobernaban nese momento pretenden levantala e facela de novo?

Este colectivo que represento nos opoñemos a que se gaste máis diñeiro na Praza de España porque xa se levan gastado moitos millóns. Estamos falando de máis de 16,5 millóns de euros xa enterrados  neste espazo. Queremos aproveitar este momento, apelando ó exercicio de trasparencia do que fai alarde o noso Alcalde para solicitar as contas do que se leva investido na Praza dende que comezaron as obras ata hoxe.

Porque eses centos de miles de euros, que se pretenden gastar, a maiores, na Praza, consideramos que non se deben gastar aí, pois hai outras necesidades urxentes e algunhas de actuación inmediata que se deben de abordar xa. A proba son as centos de demandas veciñais feitas nas 24 asembleas de barrio realizadas nos últimos meses. Por poñer algúns exemplos: reparación da Praza do Callao; reparación inmediata da cuberta do mercado de Caranza e a súa posterior rehabilitación; eliminación das múltiples barreiras arquitectónicas que aínda quedan na cidade; contratación de cuadrillas de traballadoras e traballadores desempregad@s para a limpeza das zonas intre-mareas da Ría; reparación da maioría das fontes que hai na cidade hoxe abandonadas; mantemento dos colexios públicos; soterramento das liñas de alta-tensión de Santa Mariña e Caranza; limpeza de montes e pistas forestais; limpeza e baleirado de edificios en ruínas ou abandonados; reparación de baches por todo Ferrol; unión do Parque Pablo Iglesias co barrio de Ultramar; reparación do parque municipal de vivendas baleiras de Recimil; apoio aos proxectos culturais do tecido sociocultural de Ferrol; reparación do colector de augas fecais que verte directamente na praia de Caranza e leva roto desde finais do verán pasado e denunciado desde o 3 de Outubro de 2011, sen que o Concello fixese nada até agora; axudas a entidades socio-sanitarias ás que se lles rebaixa o subsidio; extensión da rede de comedores sociais, principalmente os comprometidos nos barrios de Catabois e Esteiro; plan de ordenación forestal; en colaboración coa Xunta constitución dun parque público de vivendas sociais para alugar; mellora das novas tecnoloxías nas zonas de sombra da zona rural; aumento da partida para axudas de emerxencia social; parque urbano no campo de tiro, en Catabois ...e, por suposto, dar cumprimento dos acordos das Asambleas cidadás nos orzamentos participativos dos anos 2009 e 2010. Poderíamos seguir con moitas máis necesidades urbanísticas, de creación de emprego e sociais que requirirían do diñeiro que se pretende dilapidar nunha nova remodelación da Praza, pero non nos chegaría o tempo do que disponemos aquí.

Queremos mencionar ademáis algo que ocorreu o pasado 9 de Xuño cando o Alcalde recibía a membros desta Plataforma. Nesa reunión os representantes cidadáns expuxéronlle a posición a respecto da Praza. Non se trata dunha oposición ao proxecto, senón ao gasto que supón. Ese mesmo día, sae anunciando nos medios de comunicación, que o concesionario do parking -Estacionamientos del Noroeste- pagará parte das obras de remodelación da Praza de España, con 345.135,17 euros. Cantidade que di que corresponde aos dereitos económicos de financiamento que a administración local posúe sobre esta concesión e que segundo dixo aos medios, "nunca foron reclamados”.

Foron membros do propio partido responsable do goberno anterior, os que se encargaron de contraatacar (A Plataforma non podíamos entrar a valorar asuntos de tesourería que descoñeciamos), acusando ao Alcalde, José Manuel Rey Varela, de mentir. Aseguran que esa partida (os 345.135,17 euros) está "consignada mediante un aval bancario na pertinente anualidade do Concello desde maio de 2004, durante o mandato presidido polo tamén popular Juan Juncal, e no que o actual alcalde, José Manuel Rey Varela, era edil de Facenda".

"A concesionaria estaba obrigada a pagar 505.039 euros ao finalizar a obra do subsolo e o goberno de Juncal utilizou 159.904 euros desa partida; os 345.135 restantes están en Tesourería, consignados, desde 2004, é dicir, forman parte dos fondos públicos do Concello ferrolán.

Non houbo resposta do Alcalde a estas afirmacións. Por tanto, nós preguntámonos cal é a intención do Sr. Alcalde ó facer unha afirmacións que, parece, non se corresponden coa realidade?

Para nós a intención é clara: Con isto o Alcalde pretende demostrar a súa austeridade, dicindo que vai gastar menos do que tiña previsto gastar o goberno anterior. Intentando, deste xeito, acalar as críticas polo gasto innecesario e ademais, ao tempo, desviar as críticas contra o anterior goberno municipal.
Este asunto reforza os nosos argumentos da solicitude, anteriormente citada,  de que se dea a coñecer o gasto total das obras da Praza de España, pois intentar manipular e mentir ten que ter un custo político e persoal.

As entidades veciñais e sociais que conformamos esta Plataforma contra o malgasto do diñeiro público por parte do goberno municipal, despois dos infrutuosos intentos para ser escoitados os nosos argumentos, decidimos pasar a unha reivindicación activa: presentando esta proposta ao Pleno; realizando mobilizacións de protesta; recollendo sinaturas de rexeitamento do malgasto e de solicitude dunha 'Consulta Popular', onde a cidadanía poda expresar onde quere que se gasten eses centos de miles de euros, se na Praza de España, ou nas necesidades máis urxentes e inmediatas que ten o Concello.

Con estas accións pretendemos que quede claro que somos moitos cidadáns os que estamos en contra de que se gasten 700.000 euros máis na praza de España.
Queremos denunciar que xa se levan gastado moitos millóns nesa Praza que nunca se acaba de remodelar de todo.

Queremos denunciar que nos barrios hai moitas necesidades urxentes que requiren dese diñeiro que se quere malgastar na Praza.
Queremos que se entenda ben que non é o proxecto o que rexeitamos, pois pode ser mellor ou peor, senón o asunto do gasto de centos de miles de euros, cando consideramos que hai outras necesidades.

Por último, e apelando de novo á política de austeridade de que fai gala este goberno, así como ás palabras do propio Alcalde sobre a importancia que para este goberno ten a Participación Cidadá,

SOLICITAMOS a retirada do proxecto da Praza de España xa que a consideramos rematada, agás certas actuacións de arranxo nas confluencias coas rúas Rochel e Real, a zona onde estaba prevista a colocación da fonte e a posta en marcha dos locais situados na Praza.

Ferrol, 28 de Xuño de 2012

***
Accede, baixa, copia e difunde o Folleto contra o Malgasto do Goberno Municipal de Ferrol: [Foleto Informativo]


Información baseada na enviada por:
ana beceiro mosquera
-beceiroana@hotmail.com-
27 de junho de 2012 18:10

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon