quarta-feira, dezembro 30, 2009

Ártabra 21

Quen somos?
Este sitio na rede, xunto a outros de temática específica, todos promovidos polo Colectivo Ártabra 21, pretenden ser un medio de expresión aberto e plural que parte da subxetividade de estar nunha posición de esquerdas social e política. Polo tanto non somos neutrais, queremos a transformación social, queremos outro imaxinario social e político, movemo-nos na convicción de que "un outro mundo non só é posíbel, senón que é necesario".

Tamén facemos nosa a máxima zapatista de que "non veñas a Asemblea se non estás dispost@ a cambiar de opinión".

O Colectivo Ártabra 21 expresa-se, entre outros medios, a través deste blogue, amosando umha liña de comunicaçom "a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade, respectuosa e defensora do medio natural".

Os medios de comunicación convencionais
Non é cuestión de facer un tratado sobre os medios informativos e de comunicación convencionais e o importante papel que desempeñan dentro da sociedade actual. Na súa maioría, non deixan de ser un negocio, unha empresa capitalista máis para a que, ao final, o que máis importa é a súa conta de resultados. Máis, tamén son o chamado "cuarto poder", condicionante das políticas partidarias, onde a súa pluralidade e a veracidade do que din, ten o límite na defensa sistémica, da orde imperante. Normalmente forman grupos empresariais, por regla xeral condicionados pola realidade política e económica, no sentido de cumprir un papel lexitimador e naturalizador dun sistema inxusto, onde quen manten os seus privilexios, se resiste á súa transformación con todos os medios ao seu alcance.

Os grupos empresariais da comunicación teñen os seus propios intereses. Posúen diarios, revistas, radios, canles de televisión, editoriais, productoras, empresas de sondaxe e outros negocios. O "sistema" os protexe e ampara, presentando-se estes, como medios independentes, obxectivos e defensores da verdade. Autodefínen-se como portadores da opinión pública, fortalecendo o seu discurso argumental con supostas enquisas de opinión que realizan as empresas de sondaxe do seu grupo ou asociadas.

Por regla xeral estes grupos empresariais, forman parte dun aparello ideolóxico sistémico, na súa maioría controladores e manipuladores da opinión pública, creadores de opinión que logo a "xente" repite como verdades absolutas. Mais, estes grupos empresariais, amosan-se como neutros, obxectivos e veraces, representantes do estado de opinión do conxunto da sociedade, por suposto un estado de opinión que eles mesmos crearon, en beneficio dos seus propios intereses e de quen políticamente mellor os representan.

Os medios públicos
Os medios públicos só cumpren en parte a función social que se lles atribúe de informar e formar á sociedade para protexela dos abusos dos poderes públicos e privados dominantes, educar á cidadanía nos valores que emanan dos dereitos fundamentais. Esa parte de cumprimento é máis ou menos maior dependendo de quen goberne no seu momento. Na Galiza acostumados á perversión mediática polos moitos anos de gobernos de dereitas, os pouco máis de tres anos do goberno bipartito, foi un paréntese dos que, en parte, perante un tempo emanaron dos medios públicos autonómicos outro tipo de valores, mais sen producir-se un cambio radical no xeito de informar e na programación, sobre todo nos informativos da Radio e na TVG. Por regla xeral, os medios públicos, tanto os estatais como autonómicos, a parte de estar mediatizados por quen goberna en cada momento, entraron no xogo perberso ao que nos teñen sometidos os medios privados, a sempre eterna desmesurada publicidade, os condicionantes dos intereses dos poderes económicos ao hora de dar a información e un factor desnaturalizador da esencia da propia información e o dereito a que esta sexa veraz: a elaboración de pacotes onde non se distingue o que é información, de espectáculo ou opinión. A nefasta presencia dos creadores de opinión que, salvo moi poucas excepcións, na maioría dos casos só representan as dúas caras dunha mesma moeda. Maestros, especialistas da opinión, un excluínte e reducido grupo que saben de todo sen realmente saber e que copan os medios tanto os privados como os públicos. No esencial, na defensa do "sistema", están todos na mesma sintonía: o modelo social e económico, a imposición do español fronte as linguas minorizadas, o "asunto basco", o "asunto catalán", o "asunto galego" a defensa do chauvinismo español diante de Europa, a inmigración, a defensa da monarquía, ... É difícil atopar voces discordantes nos creadores de opinión, na súa maioría, anxos chaqueteros que se sitúan por acima do ben e do mal.

Os grupos de presión e os partidos políticos obsesionan-se cos medios públicos só para reclamar cada vez maiores cotas de poder, necesitan un apoio destes medios aos seus planos, actitudes, accións e opinións. Claman ao ceo contra deles cando están na oposición e intentan somete-los ou no mellor dos casos mediatiza-los cando están no poder. Nos mellores tempos dos gobernos de Aznar foron uns útiles instrumentos de propaganda.

Din que nas redaccións dos medios públicos o espírito de cooperación e de que se forma parte dun colectivo cunha función social importantísima, para a formación dunha cidadanía crítica e informada, brilla pola súa ausencia, xa non se cree en que se forma parte dun colectivo onde os obxectivos e actuacións son profesionais e conformes coa ética xornalística, saben que o traballo profesional ben feito xa non é motivo de compensación e recoñecimento, pesa moito máis a submisión, o sometimento, as afinidades partidarias, arrimar-se aos políticos ben situados, ... en definitiva estar co poder.

Estar cos intereses dos movimentos sociais transformadores
Ártabra 21 ante isto, quere responder, dentro das súas posibilidades, a outros intereses. Estamos ao servizo dos intereses do pobo traballador, dos intereses veciñais, dos intereses dos movimentos sociais transformadores. Entendemos a comunicación, non só como a transmisión da información veraz, senón que tamén como unha ferramenta para a transformación social. Dentro da nosa pluralidade, identificamos esas ferramentas coa xustiza social, a democracia participativa, a sustentabilidade, a solidariedade, ... Ainda así somos conscientes do baleiro que poden soar estas palabras, dada a apropiación de parte desta linguaxe e conceitos, por parte dos comunicadores dos poderosos, que aborrecem e combaten estas ferramentas na practica. Por iso somos conscientes, desde Ártabra 21, da necesidade da acción social e da práctica teórica, para destapar as manipulacións e os enganos.

Ártabra 21 está cos movimentos sociais, axudando á difusión das súas actividades, das súas propostas, das súas realidades, das súas opinións e puntos de vista, das súas demandas, denuncias e alegacións, das súas convocatorias, ... da súa existencia.

Combatir as Non-verdades
Queremos combatir as non-verdades, de que: máis construir, máis crecer económicamente, máis consumir, máis centros comerciais, máis portos, superportos, aeroportos, urbanizacións, máis coches, máis bancos, ... sexan sinónimo de prosperidade, de benestar, de saúde. Máis ben son todo o contrario. É por iso polo que pensamos que temos que prestar máis atención e dedicar-lle tempo e espazo ao chamado "decrecimento sustentábel".

A loxica do caracol
"O caracol constrúe a delicada arquitectura da súa cuncha engadindo unha tras outra as expiras cada vez máis amplas; despois cesa bruscamente e comeza a enroscarse esta vez en decrecimiento, xa que unha soa expira máis daría á cuncha unha dimensión 16 veces máis grande, o que en lugar de contribuír ao benestar do animal, o sobrecargaría. E desde entón, calquera aumento da súa produtividade serviría só para paliar as dificultades creadas por esta ampliación da cuncha, fóra dos límites fixados pola súa finalidade. Pasado o punto límite da ampliación de expíralas, os problemas do sobrecrecimiento multiplícanse en progresión xeométrica, mentres que a capacidade biolóxica do caracol só pode, no mellor dos casos, seguir unha progresión aritmética". [Ivan Illich].

Loitar por un novo modelo social
Enfocar a nosa acción, contribuír co noso grao de areia, para formar na conciencia das persoas as súas auténticas relacións de vida, cos demais, coas outras especies que habitan o Planeta e co medio natural, contribuíndo deste xeito a un proceso de des-alienación, pensamos que pode ser unha das nosa tarefas sociais e filosóficas. Pois cremos necesario a loita por un novo modelo social, un modelo transformador impregnado de Xustiza e Igualdade, onde o respeito á Nai Terra, a Solidariedade, a Diversidade, a Paz e Non-violencia, sexan valores que inspiren esa loita. Queremos rachar co falso consenso de que o sistema capitalista é o natural e único posíbel. É por iso que propomos cambios desde a base desde xá e agora, desde as cousas miudas, desde a loita local, sindical, veciñal, cultural, pola Paz, ecoloxista, feminista, ... propomos un cambio pola base, desde xa, desde o agora, no día a día.

O noso compromiso
O noso horizontalismo; o noso compromiso coa transformación social; o noso compromiso coa verdade; o noso compromiso coa democracia; o noso compromiso co pluralismo e a diversidade; o noso compromiso co outr@, co diferente, co inmigrante; o noso compromiso cos intereses do pobo traballador; o noso compromiso co medio natural; o noso compromiso coa nosa Terra e a nosa Lingua; o noso compromiso contra o machismo, obriga-nos a traballar de forma diferente aos medios convencionais e hoxe hexemónicos, sen ataduras partidarias nen económicas.

Non pretendemos ser persoas isoladas da realidade que nos rodea, senón activistas comprometidas coa loita xusta e transformadora, da sociedade e dos valores que impiden o cambio [a insolidariedade, o consumismo, o éxito sen esforzo, o machismo, a fama, amasar diñeiro, a desmesurada competividade, ...]. Polo contrario buscamos os lazos, a unión, o compartir, o colaborar en espazos de traballo conxunto, ... co obxectivo de buscar, no inmediato, o benestar e a saúde das persoas, no camiño da transformación social, nunha sociedade máis xusta, solidaria, diversa e igualitaria, respectuosa co medio natural.

Ofrecemos o Blogue, tamén, como un espazo para publicar comunicados, valoracións opinións ... sempre que non sexan contrarias aos obxectivos que manifestamos defender.

O noso desexo
Sería o noso desexo que na nosa cidade e por extensión en toda a comarca de Ferrol Terra, se constituíra un grupo de comunicación comunitario partindo do movimento social que hai activo e aproveitando a posibildade que ofrecen as novas tecnoloxías, así como a experiencia do "Colectivo Opaii!" no seu proxecto de Radio Libre e Comunitaria "Rádio Filispím".

----------

O Colectivo Ártabra 21
No seu momento, a Plataforma Ártabra 21 -PA21- cumpriu seu obxectivo na pasada etapa de goberno conservador PP-IF en Ferrol (2003-2007), dando unha resposta social de mobilizacións e apoios a outras plataformas e colectivos. A coxuntura tornou-se diferente. Comprían novos modelos, aproveitando a sinerxia "filosófica" e reivindicativa da PA21, para continuar sendo un elemento máis do movimento social da comarca, onde se pensa confluír.

O 9 de Decembro do 2008, a Plataforma Ártabra 21 transformou-se, logo dun longo proceso de práctica, reflexión e debate, nun Colectivo de filiación social individual, respostando deste xeito á reformulación necesaria do modelo organizativo, para realizar un traballo social máis operativo e acorde coas novas circunstacias. No acto de constitución do novo colectivo, definiron-se os obxectivos do mesmo.

Obxectivos Xerais do CA21
A defensa de políticas a prol da xustiza social e do medio ambiente, deberán estar apoiadas na formulación realista de alternativas, sempre e cando isto for posíbel. Así entre outras apoiamos:
  • As políticas baseadas no transporte colectivo público e nos modos non contaminantes, fronte ás que defenden a prioridade do vehículo particular privado.
  • As dotacións e servizos públicos Asistenciais, Sanitarias, Culturais, Deportivas, Sociais e Docentes.
  • Os espazos públicos como centro da vida das cidades e vilas, fronte a exclusividade dos centros comerciais e a privatización dos espazos e servizos públicos.
  • O dereito a unha vivenda digna fronte a especulación inmobiliaria.
  • As fontes de enerxía renovábeis e aforro enerxético fronte aos combustíbeis fósiles.
  • A preservación do patrimonio cultural material ou inmaterial, da biodiversidade e dos espazos naturais fronte á depredación e destrución por motivacións e intereses económicos e políticos.
  • A defensa da igualdade fronte a marxinación e a exclusión social.
  • A defensa da continuidade histórica do territorio e o necesario entendemento das súas estruturas económica e medioambientais como apoio necesario para a sustentabilidade.
  • A defensa da lingua e cultura Galega, utilizando o Galego como lingua oficial do Colectivo.
  • Promover, apoiar a Iniciativa Popular e maiores cotas de Participación Cidadá.
  • A defensa do dereito a unha información veraz fronte a manipulación mediática.

Que era a Plataforma Ártabra 21?
A PA21 era unha entidade que agrupaba a 16 colectivos e organizacións da comarca. A PA21 naceu en 29 de maio de 2006, coa pretension de permanencia, é por iso polo que se dotou dun programa estratéxico e foi elaborando o táctico de asembleia en asembleia, en forma de resolucións. A PA21 tiña un funcionamento asemblear e procuraba decidir por consenso. As asembleias eran cada mes e entre asembleia e asembleia funcionaba unha Xunta Coordenadora que se reunía como mínimo unha vez entre asembleias; funcionaba como o orgánismo que efectivizaba os acordos asamblearios e á vez funcionaba como unha especie de permanente.

Como se constituíu a PA21?
A PA21 nasceu en Maio de 2006, logo dun proceso de debate de vários meses. A iniciativa xurde dunha asemblea pública da Comunidade Menáncaro, á cal asiste Amadeo Varela da Asociación Veciñal San Fernando e Colectivo Veciñal de Recimil que propón a unidade de acción de todos os colectivos que estaban daquela en conflito e tiñan importantes demandas contra o goberno municipal do PP-IF. A Comunidade Menáncaro, Colectivo Veciñal “Praza de Sartaña Sempre Pública”, Comisión Veciñal pola Recuperación de Ferrol Vello, Colectivo Veciñal de Recimil, Plataforma en Defensa dos Montes de Brión e Leixa e Plataforma na Defensa do Transporte Público e Alternativo, respostáron á chamada da unidade, mais tamén organizacións ecoloxistas interesan-se pola iniciativa [SGHN, ADEGA, VERDEGAIA, FUSQUENLLA, LAPIS VERDES, Amig@s da Terra...] e culturais [Ateneo Ferrolán, Fundaçom Artábria, AC “Fuco Buxan”, …]. Tamén aparecen en escena organizacións políticas [Nós-UP, Esqueda Unida, Unión Libertaria, ...] e as asociacións veciñais “Fontelonga” de Esteiro e “O Rosario” do Inferniño. Algunhas das organizacións que participaran nos debates iniciais, non entraron a formar parte da Plataforma, outras abandoaron nom transcurso do tempo, ...

Que actividade desenvolveu a PA21?
A PA21 baseaba a súa actividade en pronunciamentos públicos, nas súas Asembleas xerais; en apoios a diferentes colectivos e loitas [contra a Planta de Gás de REGANOSA; contra o proxecto de minipiscina e edififício que pretendia sacrificar a Praza Pública de Sartaña, para beneficios privados; pola reabilitación do bairro de Recimil; pola defensa da Fraga de Menáncaro; pola Reacuperación e Rehabilitación de Ferrol Vello; pola defensa dos montes de Brión e Leixa; pola defensa da Praza da Porta Nova aberta á cidadanía, contra a especulación e a usurpación dos espazos públicos; pola xustiza e realoxo para a veciñanza expropiada de Canido; para abrir espazos de participación cidadá ...] e noutras mobilizacións e actividades. Na loita contra o despropósito da Praza de Porta Nova [oficialmente Praza de España], xogou un importante papel, a PA21, na súa promoción e orientación, loita onde houbo bastante participación, onde se consegue reunir baixo os “Convocantes” a 15 organizacións, colectivos e asociacións veciñais. Realizaron-se tres manifestacións de grande importáncia cualitativa. Ademais realizaron-se dúas ocupacións de obra que tiveron destacado interese mediático.

Por qué o nome de Ártabra 21?
O nome de Ártabra 21, quere abranguer dous aspectos da loita cidadá, un o xeográfico, pretendia-se que o seu ámbito de actuación, da plataforma, abranguera todas as Terras Ártabras, é dicer o Noroeste Galego [Ferrol Terra de Trasancos, Bezoucos, Alto e Baixo Eume e Ortegal] e por outra banda ser un observatorio e entidade concienciadora e mobilizadora, polo cumprimento duns mínimos da Axenda 21 Local que surdira a raíz da Cimeira de Rio de Janeiro de 1992 que concluíu coa necesidade de que a cidadanía toma-se parte nas decisións que atinxen a sustentabilidade dos asentamentos humanos. E que posteriormente se concretizará na Carta das Cidades Europeas Cara a Sustentabilidade [Carta de Aalborg-1994]. Partindo dunha realidade caracterizada polo esgotamento enerxético do planeta, a destrución sistemática do medio ambiente natural e un paulatino empeoramento da calidade de vida, as cidades europeas apostan por percorrer un camiño cara á substitución das actuais fontes de enerxía de orixe fósil por fontes de enerxía renovábeis, pola mellora da calidade de vida e a protección do medio ambiente. Neste camiño trazado na Carta de Aalborg defendíase a Participación Cidadá coma un dos eixes imprescindíbeis para acadar estes obxectivos. Daquela e hoxe, 16 anos despois da Carta de Aalborg, vemos como na nosa contorna urbana e natural inmediata, lonxe de camiñar na liña proposta por este documento, as diferentes administracións teiman en levar a termo proxectos que atentan en contra da calidade de vida da cidadanía, [e moitas veces tamén en contra da súa propia seguranza], depredando e degradando o patrimonio cultural e natural herdado, desenvolvendo políticas territoriais, urbanísticas e enerxéticas insustentábeis. Agora o Colectivo, segue a manter o nome de Ártabra 21, pois consideramos que os obxectivos a cumprir son os mesmos, mais reducindo o campo de actuación ao ambito xeográfico da contorna da Ría e máis concretamente na cidade de Ferrol.

Que principios rexían a PA21?
A PA21 defendía a unidade do movimento social e cidadán frente aos abusos das administracións e indefensión dos cidadáns, polo que decidimos constituir un organismo democrático e aberto a quen quixer participar no proxecto de organización e loita que era a PA21.

A acción da PA21 era democrática, participativa, transparente e pública, recollendo a opinión e intentando representar os intereses dunha parte importante da cidadanía.

A PA21 erá totalmente independente, definindo as súas políticas propias, non estando baixo a influencia nin dependencia de organización ningunha, partido político, entidade ou asociación, declarándo-se ademais aconfesional.

A defensa dos principios universais e fundamentais da Igualdade, a Xustiza, a Paz e a Solidariedade, denunciando as actitudes que fagan apoloxía da guerra, violencia, xenofobia, racismo, machismo, ...

A PA21 Xurdiu pois a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sostíbel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural.

O Colectivo Ártabra 21, como colectivo continuador da PA21, asome os principios desta, na súa integridade.


Sitios do Colectivo Ártabra 21

O xornal dixital "Ártabra 21"

Blogues de apoio á loita por un saneamento integral da Ría de Ferrol:

Blogues de apoio á loita contra a privatización da auga:

Blogues de Traballo:

Blogues de difusión:

Blogues da loita contra Reganosa:

Blogues de apoio da loita contra transnacional mineira en defensa da Fraga de Pico Vello:

Blogues en defensa da fraga de Menáncaro contra a súa explotación urbanística:

Blogues asociados compartidos:

Blogues do Movimento Obreiro:

No twiter:

No facebook:
_____________

1 comentarios so far

Por si os interesa
ferrolycomarca.blogspot.com


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon