sábado, agosto 11, 2012

Rescatar ás persoas, esa é a prioridade - Sindicato Andaluz de Traballadoras e Traballadores -SAT


Rescátase aos bancos que deixaron xa a máis de 300.000 familias sen un fogar mediante desafiuzamentos inhumanos que se producen todos os días; déixase en paro a un millón e medio de andaluces e andaluzas, moitos dos cales non reciben ningunha prestación; soben-nos o IVA ao mesmo tempo que Rajoy aproba unha amnistía fiscal para os defraudadores; regálase-lles dúcias de miles de millóns de euros de diñeiro público, diñeiro de todos e de todas, aos bancos e seguen sen dar créditos a PYME's, autónomos e particulares; recórtanse dereitos e prestacións sociais coma se fosen os culpables da crise; quítase-lles a paga extra de Nadal aos empregados e empregadas públicos para dar-lle a Bankia 23.465 millóns de euros, o rescate bancario máis caro da historia do Estado español ... e a algúns editorialistas e comentaristas parécelles algo normal e lóxico.

Con todo, entregar alimentos de primeira necesidade a familias que non teñen nada que levarse á boca parécelles unha tremenda barbaridade. Así se manifestou no twitter o presidente Griñán que non tivo ningún reparo en recortar salarios e dereitos aos traballadores da Xunta de Andalucía e que cando foi Ministro de Traballo con Felipe González aplicou unha reforma laboral regresiva e conservadora que legalizaba a precariedade e que motivou unha folga xeral.

Dá vergonza allea como algúns xerifaltes ben alimentados vociferan en defensa dos intereses dunha gran empresa como Mercadona que ten innumerables denuncias por acoso laboral. Griñán, mellor estas caladiño.

Rescatar ás persoas, esa debe ser a prioridade nestes tempos de crises. Evitar que as familias perdan as súas casas, darlles vivenda de inmediato a quen a perderon; evitar que se perdan máis empregos, prohibir de inmediato os despedimentos e os peches de empresas e impulsar planos públicos de emprego; deixar de regalar diñeiro aos bancos, esixir a devolución inmediata de todos os fondos públicos entregados e nacionalizar a banca; baixar o IVA, subir os impostos aos máis ricos, perseguir a fraude fiscal... e por suposto, entregar gratuitamente alimentos de primeira necesidade a aquelas persoas que non teñen nada. E isto, Sr. Griñán, non é ningunha barbaridade. Barbaridade é o que vostede fai. Barbarie é este sistema capitalista que vostede tanto defende.


***
Desde Ártabra 21 un apoio solidario e internacionalista coas compañeiras e compañeiros do Sindicato Andaluz de Traballadoras e Traballadores -SAT.

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon