sábado, xaneiro 28, 2017

Apoiando o proxecto #Sondobar... - Unha singradura ten comezado, nun barco que se nun tempo foi peixeiro agora vai ser recreativo, cultural e participativo. Capitanea un vello mariñeiro coñecido polos mares mais tamén nos currunchos portuarios, nas movidas reivindicativas e nas noites de taberna compartida e cantos corais


#Sondobar...


Que sería de nós se non puidésemos cantar, se as nosas voces estivesen limitadas apenas ás mainas melodías dos sentimentos agochados na calma chicha da gorxa...

Cantamos no colo, cando nacemos, cantamos de crianzas na rúa cando brincamos e cando nos agrupamos nas voltas xiroscópicas dunha roda infantil e melódica; cantamos adolescentes cando amigamos e namoramos, cantamos adultos nos xantares familiares, nos patróns, nas festas, nas viaxes colectivas, cantamos cando facemos parroquia nas xuntanzas de bar e taberna.

E mais si, hai lugares e lugares para cantar, mais falando nun presente que por veces é pasado, se cadra podemos ter a sensación de que cantar en grupo, de forma improvisada mais premeditada, vén resultar unha práctica que se está a perder.

Cantamos para non perder o don de sermos quen somos, coas melodías propias que forman parte da ecoloxía cultural da beirarrúa atlántica que habitamos. Cantamos desde Ferrol coas letras anónimas que xentes anónimas cantaron de forma anónima para darlle nome á nosa música.

Cantamos dende o sur do Miño, coas melodías e a fala dos que falan o que nós mesmos imaxinamos no pentagrama da lingua.

Cantamos porque cantar é sermos humanos. Cantamos porque cantar supón respirar melodías e lanzar as voces ao ar para bicármonos co alento das corcheas, para amolecer as limaduras da pel coas sinfonías do corazón.

Destes e doutros compases nace Sondobar..., dun costume familiar, da necesidade da beleza sonora, da busca da harmonía social. E Manolo Bacallau decídese a cantar na roda dun disco para dar ás ao discorrer da vida. E canta na lingua de noso, na que está no groto da gorxa, na que está no manancial dos beizos, que se estende máis aló do monograma fronteirizo da nosa xeografía, creando a aperta dos acentos e deixándonos no ámago o laimo da harmonía.
Cando sintas dor, canta;
cando sintas luz, canta;
cando sintas sede, canta;
cando sintas soños, canta...
Porque cantar é ser río
e ser río é amar o mar.
Cara a fóra, son de dentro,
cara a dentro, sondobar.
Antón Cortizas

Ferrol, Xaneiro de 2017

Web do proxecto:
http://www.verkami.com/locale/gl/projects/16786-sondobar


____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon