Amosando publicacións coa etiqueta Martiño Noriega Sánchez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Martiño Noriega Sánchez. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 21, 2013

"Abrir novos camiños, para pasar en ocasións polos mesmos lugares, non deixa de ser consecuencia do período histórico que nos tocou vivir" - Martiño Noriega renuncia a seguir exercendo como Coordinador Nacional de Anova-IN

No día de hoxe comuniqueille aos compañeirxs a miña renuncia a seguir exercendo como Coordinador Nacional de Anova. Renunciar a responsabilidades partidarias de primeira liña non significa renunciar a pelexar por mudar a realidade abafante que nós rodea. Hoxe máis ca nunca o meu compromiso está con Anova-IN, con AGE, co Concello de Teo e coa loita social por una Galiza máis xusta e dona de si mesma. Entre todxs, con novas maneiras e as mesmas razóns de sempre, podemos.

Estas son as verbas que lle enviei hoxe á CN:

Abrir novos camiños, para pasar en ocasións polos mesmos lugares, non deixa de ser consecuencia do período histórico que nos tocou vivir. Aquel no que cohabitamos co ruído que deixan os monstros que emerxen cando o novo non acaba de nacer e o vello se resiste a morrer, aquel no que nós mesmos ás veces somos os nosos peores inimigos. Os tempos veñen inzados de urxencias que sinalan como metáfora que Roma arde. A crise de representación é unha realidade. O bipartidismo no Estado como síntoma dunha partitocracia acubillada nunha financiocracia esmorece. O vieiro dos tristes de sempre están a levarnos a lugares menos cálidos. Tecnócratas, recentralización, maioría silenciada e recorte de dereitos socio-laborais semellan o menú do día. A situación de urxencia social é máxima. A necesidade dos máis debe marcar os tempos de traballo e a concentración parcelaria das nosas enerxías. O noso país (Galiza), mergúllase no faiado dos libros de historia.

Despois dunha militancia de 18 anos no BNG comecei hai dous anos unha travesía en mar aberto con milleiros de homes e mulleres que entendiamos que cumprían novas maneiras na representación e no traballo político nun contexto dunha maioría social agredida, orfa de ferramentas políticas. O retorno cidadán durante este tempo veu a darnos a razón e deu por bos todos os esforzos. O nacemento de Anova-IN e o chamamento de Xosé Manuel Beiras a unha fronte ampla nas autonómicas do ano 2012, que configurou neste primeiro chanzo a coalición AGE, demostrou que o camiño encetado era partillado por moitos e moitas. Programa de mínimos de ruptura no social, reivindicación dos nosos dereitos identitarios, posicións partidarias postas ao servizo dun común denominador, esvaecemento de fronteiras mentais enferruxadas e vasos comunicantes cos movementos sociais máis dinámicos marcaron un camiño de non retorno que cómpre seguir explorando baixo o convencemento de que se non somos nós capaces de facelo outros o farán. Hoxe máis ca nunca continúo a acreditar niso.

Baixo esa responsabilidade partillada, hai seis meses decidín asumir o traballo da área de Coordinación de Anova-IN, despois dun proceso asemblear exemplar onde os compañeiros e compañeiras me deron a súa confianza nun proceso de listas abertas, converténdome no candidato máis votado. Esa confianza foi un mandato para aceptar a encomenda. Fíxeno consciente dos custos persoais e da miña alerxia ao traballo partidario clásico e á imposición das vellas maneiras, apremado pola necesidade dun proxecto colectivo por construír. Esa mesma responsabilidade lévame hoxe a anunciar que renuncio a seguir exercendo ese traballo como coordinador, renunciando polo tanto a formar parte da Permanente de Anova. As enerxías cómpre economizalas, son limitadas. No meu caso, entendo que deben estar encamiñadas cara un traballo colectivo directo en defensa da maioría social agredida alí onde se me precise e tamén para poder rematar con garantías un ciclo persoal ilusionante no Concello de Teo. Colateralmente a iso, continuarei traballando como militante de base e como membro da CN de Anova en fórmulas de partido-movemento inclusivas con vocación de fronte ampla nunha nova cultura política que, nestes intres, é unha necesidade, non unha estratexia.

Ao remate da CN do pasado 14 de decembro comuniqueille aos compañeiros e compañeiras esta posibilidade e xa nestes días fixen o mesmo co meu irmán e portavoz de Anova e de AGE, Xosé Manuel Beiras. A el tan só me queda agradecerlle o seu apoio e confianza de sempre e a vós a vosa colaboración.

Teo, 21 de decembro do 2013
Martiño Noriega.

Sitio no facebook:
https://www.facebook.com/martino.noriegasanchez

Nota.- No sítio no facebook de Martinho, podem-se ler os numerosos comentários que complementam esta nova.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de dezembro de 2013 10:07
http://espazoartabro.blogspot.com/

___________